Tempo Exterior nº 11 - Inverno/1999-2000
De Castelao a Portugal
Cincuenta cabodano de Castelao; presidencia semestral portuguesa da Unión Europea; intensificación da cooperación e integración transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal. Fernando Pérez-Barreiro Nolla, de visita aquí para participar na Primeira Conferencia Anual Plácido Castro, impulsada polo IGADI, reflexionaba nunha entrevista recollida en Tempos Novos, sobre a posibilidade de que “un galego poida chegar a ser cidadán dun Estado federal español, por exemplo, con determinadas relacións ou dereitos en Portugal”. A reflexión viña a conto do complexo entramado político e legal que se anticipa nas Illas Británicas para superar a importancia do factor territorial e desactivar unha das causas principais do eterno conflicto anglo-irlandés.
Pero a habilitación de fórmulas ricas e imaxinativas de interrelación entre comunidades que comparten tantos elementos en común (historia, cultura, idioma, etcétera) non ten por qué xurdir necesariamente dunha hipótese de conflicto, senón como froito dun escenario de cooperación bilateral e multisectorial. É o noso caso. Os achegamentos dos últimos anos foron moitos, en especial no económico-empresarial e comercial, tamén no político e institucional, algo menos do desexable no cultural, universitario ou informativo. Sería bo comezar a pensar nunha dimensión cidadá dese intercambio, susceptible de quebrar os últimos restos desa fronteira que aínda marca a división entre os dous pobos, sobre a base da definición de dereitos reciprocamente recoñecidos.
No mapa político galego ninguén desaproba a estratexia global de aproximación ó país veciño. Antonio Martíns da Cruz, embaixador de Portugal en Madrid, declaraba recentemente ó xornal La Voz de Galicia que “membros do PSOE e do BNG confesáronme en privado que, se ben como oposición rexeitan o labor do goberno do presidente Fraga, están de acordo con el en volcarse máis con Portugal”.
O actual proceso europeo, caracterizado neste aspecto pola aceleración das converxencias, actualiza no noso caso aquel pioneiro discurso dos galeguistas que procuraron sempre xerar ese microclima bilateral especial entre Santiago e Lisboa, nun tempo en que as relacións entre os dous estados ibéricos atravesaban momentos especialmente delicados. “O noso porvir de galegos está intimamente ligado a Portugal”, dicía Bartolomé Calderón. E Castelao, no “Sempre en Galiza”, lembra aquela Asemblea de Lugo (1918) na que Antón Villar Ponte deu lectura a unha proposición dirixida á Academia das Ciencias de Portugal na que se enfatizaba a irmandade de galegos e portugueses e concretábanse vieiros lingüísticos, educativos, económicos, xurídicos e políticos para reforzar a cooperación mutua.
Nesa Asemblea Nacionalista insinúase unha apelación a Portugal para que defendese o dereito á liberdade de Galicia diante da Liga das Nacións no suposto de que non se enxergase unha actitude receptiva por parte das Cortes españolas ás demandas autonomistas. Esta proposta foi ratificada na Asemblea seguinte, celebrada en Vigo, e na que se acordou enviar a Portugal unha comisión de nacionalistas “como embaixadores dos nosos ideais”. A primeira “embaixada” galega debe estar en Portugal.
Quizais existan algúns desfases puntuais (a idea da federación ibérica, por exemplo), pero
o tronco esencial da importancia da institucionalización das relacións con Portugal atopámolo
aínda nese pensamento galeguista. As Irmandades da Fala primeiro, e o Partido Galeguista despois, realizaron
un esforzo moi significativo neste senso, afincando solidamente a aproximación a Portugal como un dos piares
esenciais da acción exterior de Galicia.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/02/2000