Tempo Exterior nº 11 - Inverno/1999-2000Volver ó sumario


Acordo de libre comercio CE-México


Marcos Martín Pérez

O 24 de novembro de 1999 os representantes de México e da Comunidade Europea (CE) concluíron as negociacións para a liberalización recíproca do comercio. En pouco máis dun ano –as negociacións comezaran o 9 de novembro do 98– logrouse un acordo de desarme arancelario que constitúe o primeiro desta natureza subscrito pola Comunidade cun país de América Latina.

A liberalización do comercio de bens e servicios estaba recollida no Acordo de Asociación Económica, Concertación Política e Cooperación asinado en Bruxelas o 8 de decembro de 1997. Á espera da súa ratificación, adoptouse un Acordo Interino que entrou en vigor o 1 de xullo de 1998 e permitiu encetar as negociacións (DOCE L 226 de 13/08/1998). A través destes acordos, a CE e México comprometéronse a adoptar a vía dun diálogo político reforzado sobre a base de principios e valores comúns, na perspectiva dunha liberalización dos seus intercambios comerciais a través do establecemento dunha zona de libre comercio, así como o establecemento de instrumentos de cooperación que contribuísen a reforzar a presencia recíproca nos mercados respectivos.

A razón máis evidente para a sinatura do Acordo de Libre Comercio (ALC) estriba no negativo comportamento do comercio nos últimos anos. Se en 1990 as importacións mexicanas procedentes da CE representaban o 17% do total, en 1997 caeron ata o 9%. Igualmente, en 1997 a CE adquiriu un 3,6% das exportacións mexicanas fronte ó 13,3% de 1990. Esta dinámica apréciase tamén, aínda que de forma menos acusada, no investimento estranxeiro directo, se ben en 1997 experimentou unha sorprendente recuperación acadando os 1.113 millóns de euros.

Este comportamento debeuse fundamentalmente ó Tratado de Libre Comercio de América do Norte (TLCAN) –do que son parte México, Estados Unidos e Canadá–, que desprazou á UE de partes do mercado mexicano en beneficio dos Estados Unidos. Así, entre 1990 e 1997, as importacións mexicanas procedentes dos Estados Unidos pasaron do 66% ó 75%.

Neste contexto, tanto a UE como México estaban interesados en mudar tan pouco prometedora situación. Para a UE o acordo permitiríalle optar a recuperar a súa cota de mercado mexicano, así como facilitar o seu acceso a aqueloutros mercados de países cos que México ten subscritos acordos comerciais, especialmente á área do TLCAN. Pola súa banda, para México suporía poder acceder ó importante mercado único europeo e, ademais, servir de contrapeso á súa crecente dependencia dos Estados Unidos. Neste sentido, o reforzamento dos vínculos coa UE debe inxerirse na estratexia mexicana de diversificación das súas relacións económicas.

A grandes trazos pode dicirse que o acordo acadado consiste na liberalización progresiva dos intercambios industriais (que será completa para os dereitos arancelarios europeos no 2002 e para os dereitos mexicanos no 2007) e agrícolas (onde os productos se liberalizarán por etapas: á entrada en vigor do acordo, no 2003, 2008 e 2010; ademais, determinados productos sensibles –cereais, productos lácteos e carne de vacún– quedaron excluídos do acordo). Incorpora tamén un réxime preferencial para os servicios e movementos de capitais (as negociacións para a liberalización retomaranse dentro de tres anos); a apertura recíproca dos contratos públicos (se ben no caso de México as preferencias outorgadas ás empresas nacionais manteranse en parte); un réxime en materia de investimentos, normas de competencia e propiedade intelectual, e, finalmente, o establecemento dun sistema de solución de litixios.

No que se refire ás normas de orixe, aspecto que obrigou a prolongar as negociacións por medo ás importacións de productos procedentes de países terceiros (especialmente automóbiles e téxtiles), logrouse un acordo gracias ás respectivas concesións. Así, por exemplo, no caso do automóbil, consideraranse productos mexicanos aqueles que incorporen compoñentes de orixe mexicana cando menos nun 50% do seu valor.

A rapidez coa que se concluíron as negociacións do ALC CE-México, que agora deberá ser asinado e ratificado polos Estados parte, foi posible por mor da complementariedade das economías europea e mexicana e, especialmente, porque México non é un grande exportador de productos agrícolas, de forma que non afectará á Política Agrícola Común (PAC). De feito, soamente un 7% das exportacións mexicanas a Europa son productos agrícolas, e ademais, o país azteca é un importador neto de productos agrícolas e dos seus derivados. Neste sentido, vai ser esta a principal diferencia coas negociacións que se iniciaron xa co MERCOSUR, pois neste caso o sector agrícola representa unha parte moi importante das exportacións á UE.

En definitiva, pode dicirse que, de conformidade coa consideración de México como socio político e económico de peso para a CE (vid. COM [1999] 105 final), procedeuse a fortalecer os vínculos económicos comúns gracias ó ALC. Pero a liberalización comercial forma parte dun acordo máis amplo, o de 1997, que non ten unicamente unha dimensión económica, senón tamén unha dimensión política que, baseada en principios como a consolidación da democracia, o respecto dos dereitos humanos, a boa xestión gobernamental ou o diálogo político, será a que deba desenvolverse de agora en diante.


Marcos Martín Pérez é bolseiro na Fundación Galicia-Europa.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/02/2000