Tempo Exterior nº 10 - Outono/99Volver ó sumario


Venezuela aposta por Chávez


Álvaro Reinaldo

A evolución política en Venezuela nos últimos corenta anos vén salpicada por unha serie de dictaduras máis ou menos brandas, períodos democráticos máis ou menos oligárquicos, e cotas de pobreza e de descontento social tan crecentes como inimaxinables no país potencialmente máis rico de toda Iberoamérica.

Dende a nosa distancia xeográfica e cultural, asociouse a chegada de Hugo Chávez á Presidencia de Venezuela coa súa aureola de militar golpista e de cuestionables conviccións democráticas. ¿Golpe militar lexitimado nas urnas? O proceso, sen embargo, esixe unha reflexión máis fonda, especialmente para advertir o contexto no que se produce o triunfo electoral do “Polo Patriótico” e interpretar as esperanzas do pobo venezolano nun cambio agardado como auga de maio.

O chamado “caracazo” foi o antecedente máis grave dos últimos anos e sintetizou o descontento social polo clima de corrupción e de nepotismo existente nas cimeiras do poder. Milleiros de cidadáns, fundamentalmente da capital, decidiron, nunha iniciativa sen precedentes, tomar por asalto os centros neurálxicos da cidade coa soa reivindicación de mínimas condicións de subsistencia.

Venezuela precipitárase nunha situación crítica mentres os dous partidos políticos máis representativos do sistema (AD e COPEI, socialdemócratas e democristiáns) alternaban no exercicio do goberno (ou na ocupación do Estado), sen fisuras, sen discrepancias, a xeito dunha nova oligarquía. O Estado era o suficientemente xeneroso para dar acollida ós intereses e prebendas das dúas formacións que, igualmente, conseguían mediatizar o poder xudicial e cuestionar seriamente a súa independencia. A gravidade da crise e os programas pactados co FMI (Fondo Monetario Internacional) obrigaron a efectuar recortes e, naturalmente, había que comezar pola drástica reducción das prestacións sociais.

A Constitución aínda vixente proclama a defensa das liberdades públicas e dos dereitos fundamentais, pero os dirixentes de AD e COPEI coidaron de espelir a súa picardía para baleirar de contido as previsións constitucionais. Así, a liberdade de prensa, poñamos por caso, estaba condicionada polas trabas que o goberno lles impoñía ós medios belixerantes coa súa política para facerse co papel necesario para imprimir. O sistema educativo soamente existía en custosos centros privados. As prestacións sanitarias foron diminuíndo pouco a pouco. A seguridade pública quedaba en mans dunha policía especializada na extorsión dos cidadáns.

Mentres unha minoría enviaba os seus fillos cursar estudios a Estados Unidos ou se desprazaban a Miami para facer as revisións médicas, o bolívar depreciábase sen parar ata non chegar a cotizar no mercado internacional de divisas. As transaccións máis importantes debían facerse en dólares.

É neste contexto de crise económica e social, de falla de expectativas políticas, onde cómpre situar a forza electoral de Hugo Chávez, fundador do “Movemento para a V República”. Chávez vence nas eleccións presidencias á fronte dun amplo movemento denominado “Polo Patriótico” no que participan todos os sectores políticos e sociais partidarios da revolución pacífica, da liquidación do vello sistema e da busca dunha resposta autóctona á crise do país. Dende comunistas e socialistas a cristiáns, pasando por movementos estudiantís, representantes da guerrilla venezolana, etc, todos eles de base minoritaria pero moi activa, conseguiron unirse arredor da figura de Chávez. Por riba das súas diferencias ideolóxicas e políticas, todos comparten unha idéntica avaliación da situación do país e un programa de mínimos para saír da crise.

A campaña electoral de Hugo Chávez baseouse na loita contra a corrupción, na denuncia das falacias do sistema, e na urxencia de elaborar unha nova Carta Magna que a el lle gusta definir como bolivariana, para reivindicar a actualidade e proxección da figura e do pensamento do Liberador. O seu programa non estaba oculto. En liñas xerais, nada do que acontece pode sorprender a ninguén. Dende o comezo do proceso apostou pola elección dunha nova Asemblea Constituínte que había de someter transitoriamente a todos os poderes do país, incluído o xudicial. O anteproxecto de Constitución coñecíase mesmo antes de celebrarse as eleccións á Asemblea Constituínte, nas que obtivo un espectacular triunfo.

O proceso político venezolano respecta o calendario deseñado por Chávez, non sen tensións internas e advertencias internacionais, benignamente preocupadas agora polo respecto ás formas e institucións democráticas, a diferencia da vista gorda aplicada no pasado. Non parece, sen embargo, que camiñemos cara a unha dictadura e cabe aventurar que coas peculiaridades que se precise, a nova Constitución asegurará, no esencial, o respecto ós dereitos políticos, económicos e sociais universalmente proclamados.

As incertezas son maiores respecto ó programa económico do “Polo Patriótico”. As esixencias internacionais e as diferentes concepcións que habitan no seo do movemento de apoio a Chávez poden dificultar a elaboración dese programa de choque que a sociedade venezolana precisa para evitar o depauperamento e recuperar a súa dignidade e futuro.

Álvaro Reinaldo é colaborador do IGADI.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/99