Tempo Exterior nº 10 - Outono/99
Macau a un paso da China
No próximo día 20 de decembro vaise realizar a cerimonia oficial da transferencia de soberanía de Macau para a República Popular da China (RPC). Pecharase definitivamente o ciclo do Imperio Portugués iniciado coa expansión marítima para o Oriente no século XV.
A pesar de nacer e desenvolverse a través de procesos históricos completamente distintos, Macau e Hong Kong acaban por regresar á soberanía chinesa integradas no mesmo contexto político e en función dun calendario que a China pacientemente soubo construír. Tendo por pano de fondo 1997, ano no que terminaría o período de concesión dos Novos Territorios a Gran Bretaña, e a nova teoría de Deng Xiaoping “un país, dous sistemas”, as autoridades chinesas aproveitaron a visita de Margaret Thatcher en 1980 para iniciar un proceso negociador que conduciu á Declaración Conxunta Chino-Británica do 19 de decembro de 1984. Hong Kong ficou co 1 de xullo de 1997 como data marcada para a transferencia da súa soberanía.
Paralelamente iniciouse o proceso de negociación con Portugal. O tratado luso-chinés de 1887, que concedera a Portugal a “perpetua ocupación e goberno de Macau”, tiña os seus días contados. As transformacións políticas ocorridas en Portugal co 25 de abril de 1974 facilitaron a aproximación entre os dous países. Macau pasou a ser considerado “territorio chinés baixo administración portuguesa” e Portugal comezou a dar sinais de dispoñibilidade para negociar coa China.
Así, o 31 de decembro de 1975, o Comando Territorial Independente de Macau foi liquidado, as Forzas Armadas deixaron o territorio e este transformouse nunha zona desmilitarizada e baixo control do poder político auxiliado por unha simple forza policial de recrutamento local, o Comando das Forças de Segurança.
En 1987, a Declaración Conxunta Luso-Chinesa, asinada por Cavaco Silva e Zhao Ziyang, estableceu que a RPC volvería a asumir a administración de Macau o día 20 de decembro de 1999. De acordo co principio “un país, dous sistemas” creábase a Rexión Administrativa Especial de Macau (RAEM) subordinada ó goberno chinés, pero gozando dunha grande autonomía (excepto nas relacións exteriores e na defensa). O segundo paso deuse o 31 de marzo de 1993 cando Jiang Zemin promulgou a “Lei Básica da RAEM”; no seu artigo 5º afirmase que á Rexión “non se aplican o sistema e as políticas socialistas manténdose inalterados durante cincuenta anos o sistema capitalista e a maneira de vivir anteriormente existentes”. Finalmente, o terceiro paso ocorreu o 15 de maio de 1999 coa elección, sen sorpresa, do banqueiro Edmund Ho para xefe do Executivo da RAEM. Coñecedor da realidade macaense, Edmund Ho é tamén unha figura próxima ó poder político de Pequín, a quen o primeiro ministro Zhu Rongji tivo xa a oportunidade de manifestar o seu apoio.
A escasas semanas do 20 de decembro de 1999, non podemos deixar de subliñar que, despois de Hong Kong, Macau é o segundo momento delineado pola China para cumprir o seu gran obxectivo de unificación. Queda, con todo, por cumprir o derradeiro momento que responde ó nome de Taiwán.
Tomando en consideración esta “longa marcha” rumbo á reunificación de China, o contexto político internacional que hoxe se vive non deixa ver un camiño doado para a RPC. Ao ataque da OTAN a Iugoslavia onde ocorreu o bombardeo da embaixada chinesa e ás difíciles negociacións para a entrada da China na Organización Mundial do Comercio, veuse xuntar o actual clima de tensión política e militar con Taiwán, o máis grave dende 1996. As declaracións do presidente de Taiwán, Lee Teng-hui, a mediados de xullo, defendendo que o diálogo con Pequín debía verificarse sobre unha base de “estado a estado” deu un sinal claro da existencia dun forte movemento independentista na illa e de que a desexada unificación non se realizaría a curto prazo.
En relación a Macau, non se esperan sorpresas na fase final da soberanía portuguesa. Neste momento, as preocupacións céntranse na estabilidade e a seguridade do Territorio, postas en causa polas actividades das sectas e a polémica céntrase ó redor da vontade chinesa de estacionar un continxente de tropas no Territorio. O presidente portugués, Jorge Sampaio, adiou a confirmación da súa presencia na cerimonia oficial, a pesar de que Jiang Zemin xa o fixo, feito que se interpreta como unha forma de presión sobre esta pretensión da RPC. A última reunión do “Grupo de Ligaçao Conjunto”, realizada en Lisboa entre o 12 e o 14 de xullo, deixou aberta esta cuestión.
Froito dun proceso histórico orixinal, Macau foi durante 450 anos un lugar de convivencia multicivilizacional entre pobos occidentais e orientais. Unha proba viva de que é posible que dous pobos compartan intereses comúns, respectando as súas diferencias étnicas, relixiosas, culturais... Un testemuño fundamental no mundo de hoxe.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/99