Tempo Exterior nº 10 - Outono/99Volver ó sumario


Información de conflictos, unha tarefa conflictiva


Paulo Alonso

A s páxinas de información internacional dos xornais están constantemente cheas de información sobre conflictos bélicos de distinta índole. O mutismo das partes implicadas para ofreceren información (non propaganda), a escaseza de fontes fiables e o escaso rigor das empresas periodísticas nestas situacións fan desta información unha tarefa conflictiva.

Co paso do tempo, o Primeiro Mundo dispón dun maior caudal de cifras, datos e documentación. Os acontecementos de carácter público nunca foron tan seguidos polos medios. A cidadanía conta con máis elementos de análise ca nunca e dun regueiro de imaxes moi superior ó que xamais houbo. Nembargantes, esta maior cantidade de información non repercute na súa calidade. Ver non é sinónimo nin de coñecer nin de saber. Como defende Ignacio Ramonet, non é o mesmo presenciar que entender. Ser testemuña de algo non aproxima necesariamente a comprender, di o director de Le Monde Diplomatique.

Houbo un tempo no que, por cuestións tecnolóxicas, os medios non tiñan tanta información sobre as relacións internacionais. Pero eran unhas noticias menos controladas. Os centros de poder non estaban tan adestrados no control. Tiveron tempo para prepararse.

A guerra de Cuba foi encirrada polo magnate da comunicación, William Randolph Hearst, que inventou un perfecto caldo de cultivo para que, coa destrucción do Maine, os Estados Unidos presididos por William McKinley se visen facendo unha guerra coa que non contaban. Serviulles de lección.

A Gran Guerra foi a primeira experiencia informativa de seguimento dun conflicto. Crúzanse intereses contrapostos entre os bandos e os medios. Restrínxese o acceso dos profesionais ós escenarios dos combates e algúns gobernos acaban reservando para si a liberdade de información alegando razóns de Estado. Vietnam xa marcou un novo punto de inflexión. En xeral, os medios resistíronse a aplaudir todo o que o exército norteamericano facía. E na Guerra das Malvinas o Reino Unido foi pioneiro en ensaiar a nova fórmula. A información chegaba a través do Estado Maior a un grupo de xornalistas escollidos polo Goberno británico para se desprazaren ó escenario da contenda e transmitir a información (facilitada por Defensa) ó resto de medios. Esta forma de negociar a guerra repetiuse no Golfo e fíxose modelo da OTAN. Porque a alianza contra Iraq non foi un conflicto retransmitido en directo pola televisión, senón máis ben recreado por e para a televisión, como ocorría nos primeiros tempos do cinematógrafo cos noticiarios inventados.

Os gobernos buscan controlar todo canto sae nos medios e facer deles simples correas de transmisión das súas posturas, datos, valoracións, rectificados, comunicados... de xeito que a opinión pública apoie ou asuma as súas consignas. E conségueno.

Pola súa parte, os medios a penas contan con fontes fiables e botan man de todo, aínda sabendo que fan de voceiros dos gabinetes institucionais. Non sempre é fácil verificar os datos que os gobernos facilitan sobre as guerras e acaban dándoos por certos.

Pero os intereses dos gabinetes de comunicación dos gobernos non sempre son os de informar con rigor. Á hora de explicar as guerras, buscan chegar ó maior número posible de persoas. As complicadas relacións, causas e circunstancias que conflúen non son facilmente explicables. Por iso se presenta unha realidade simple. Ó estilo das películas máis comerciais, preséntanse situacións maniqueas, con dictador malo, moi malo, un pobo ó que salvar das súas mans e uns militares da paz que salvarán ó mundo de todo perigo.

Todo aquel feito que engada matices ó escenario é eliminado por portavoces e medios. Deste xeito, as empresas converten unha situación real noutra imaxinaria, simplificada, sen matices e errónea. Así, a cidadanía faise unha idea de por qué é necesario intervir, segundo a versión oficial.

A razón desta estratexia é sinxela. Para que a mensaxe triunfe, o principal, como acontece na propaganda, é a simplificación. Debe ser breve, clara e reducirse a un slogan. Haberá un só obxectivo e inimigo, persoa, grupo, país, contra o que concentrar os argumentos. Os medios fican persuadidos por esa propaganda oficial. Esa simplificación é funcional para eles, que dispoñen de pouco espacio e medios para explicar o conflicto. Así acaban sendo corresponsables do engano. Neste camiño de bos e malos, os medios non dubidan en acudir a comparacións, esaxeracións e mitificacións para engadir espectacularidade. O titular rechamante e alarmista é o que mellor serve a eses intereses.

As empresas informativas mesmo asumen a linguaxe dos bandos para acabar falando de víctimas colaterais, catástrofe humanitaria –e non humana– ou forzas de paz –e non exércitos–.

Ademais, está o problema das fontes. As empresas con máis medios dispoñen de enviados especiais en moitas frontes. Estes grupos terán máis información e falarán de temas que lles interesa tratar pola súa propia natureza e a dos seus lectores. Acceden a información específica que poden necesitar e non consumen a allea. Pola contra, os medios modestos e periféricos botan man de todo canto lles chega. Estas lecturas nunca poden ser específicas, senón que están enfocadas desde outras ópticas. Así, os medios que non dispoñen de profesionais na zona do conflicto acoden a diferentes fórmulas para producir información propia. Deste xeito, rematan publicando todo canto conseguen con relación ou procedencia da zona do conflicto. Converten a todo aquel que o vive in situ nunha opinión privilexiada. Como apunta Felipe Sahagún, “vale case todo: opinións de expertos reais ou improvisados, ampliación e repetición de declaracións e imaxes oficiais, explicacións parciais e incompletas do contexto, das circunstancias, en linguaxe case sempre críptica para pasar a censura”.

Ante a falta de información publícase todo o que anuncian as partes en conflicto sen comprobar a súa veracidade. Entón pode sucederse un continuo de afirmacións, desmentidos, contraacusacións entre os distintos bandos. Termínase sen saber qué pasa realmente no medio de todo o mare magnum de versións. A principal víctima remata sendo, coma sempre, o lector, propietario último da información, que se atopa no medio da controversia sen saber cál é a verdade, porque os periodistas simplemente foron correa de transmisión das partes escudándose en que sempre atribúen a procedencia das valoracións, algo insuficiente para salvar a súa responsabilidade.

En canto á selección e ó tratamento informativo, os medios non buscan o fondo dos conflictos. A contextualización e todo o que non sexa información presentista a penas teñen cabida nos medios. Desta forma faise moi difícil a comprensión de todo o que ocorre en cada momento, porque as causas que o explican non se atopan no instante dos feitos. Di Ramonet que para entender os conflictos débense incluír os contextos xeral, económico, político, estratéxico e cultural, e fuxir da mera información de batalliñas.

Alejandro Pizarroso recolle unha interesante relación das vulneracións dos principios básicos de liberdade de prensa, dereito da información e dereito á información que se produciron na Guerra do Golfo, pero que son extensibles a calquera tipo de campaña da OTAN: a) aceptación das restriccións de acceso ás fontes; b) obsesión polas dúas ou tres versións das noticias; c) prioridade do espectáculo sobre a información en televisión; d) patriotismo de moitos informadores e propietarios de medios; e) pacifismo fácil no que incorreron algunhas empresas; f) esquecemento dos antecedentes do conflicto; g) marxinación na maior parte dos medios de visións críticas, da ideoloxía disidente.

As eivas son moitas, pero os medios empezarán a vencer ós gobernos na súa particular batalla pola veracidade e o rigor cando superen estas e outras carencias.

Paulo Alonso é licenciado en Ciencias da Información.


A “inxerencia humanitaria” e o TPI

Acaba de se rematar un novo episodio da “Guerra dos Balcáns” e, como se fai cando rematan as batallas, é tempo de facer reconto de mortos e feridos, perdas e ganancias. Tempo de pescudar no principio, non recoñecido expresamente na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, nin en ningún outro texto que a desenvolva, chamado de “inxerencia humanitaria”.

Hai xa máis de trinta anos, o profesor que foi na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago, Don Xosé M. González Casanova, no Prólogo para unha edición cuadrilingüe da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, dicía que “os Dereitos Humanos conquístanse e deféndense pola forza”. Pero, como tal afirmación parece violentar cando menos, os artigos 2, 3 e moitos máis da Declaración, parece tamén necesario poñela en relación co que se di nos artigos 28 e 30 da mesma Declaración. Eliminando a posible arbitrariedade contida naquela afirmación do profesor González Casanova, a mesma soamente adquire un contido lóxico se, previamente, se enchen de contido os citados artigos 28 e 30, ou sexa, o dereito “a que se estableza unha orde social e internacional na que se fagan plenamente efectivos os dereitos e liberdades proclamados” e que ningunha cousa se poderá interpretar “que confira dereito a algún Estado para emprender e desenvolver actividades ou realizar actos tendentes á supresión de calquera dos dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración”.

Canto acabamos de relacionar debe ser a guía pola que poidamos chegar a unha comprensión do que, no mundo do dereito (xa que no da moral teriamos que nos meter na liorta da “guerra xusta”), pódelle dar contido xurídico ó principio da “inxerencia humanitaria”, en tanto en canto a realización de tal dereito supón a creba total do principio da “soberanía interior” dos estados.

Non se pode establecer unha responsabilidade penal dos individuos e dos estados a escala internacional se, como fundamento da mesma, non establecemos, ó tempo, unha orde internacional que se atope por riba dos intereses dos gobernos de cada país ou de cada conxunto deles, aínda que se chamen “grupo dos afíns” ou eufemismos semellantes. As palabras do fiscal norteamericano perante o Tribunal de Nüremberg seguen a ser o referente básico que nos esixe garantir e establecer esa “orde internacional” con base na existencia dun Tribunal Penal Internacional, con capacidade non soamente para dictar as sentencias, senón tamén para facelas executar, no mesmo sentido que, no constitucionalismo democrático, afirmamos que os xuíces teñen o poder de facer executar o xulgado.

Urxe, neste mundo en transición no que, sen nos darmos conta, cambiaron todas as coordenadas “estabilizadas” polo remate da II Guerra Mundial e o reparto dos poderes mundiais nos dous grandes bloques que lideraban a URSS e os EUA, urxe, como digo, acabar de completar, como instrumento básico da realización dun efectivo “dereito internacional” que deixe de ter a guerra como único referente, a plena posta en funcionamento do Tribunal Penal Internacional aprobado o pasado ano, 1998, polo Estatuto de Roma e en vésperas de ratificación por varios países, entre eles España. Entrementres, seguirá a ser o dereito do máis forte sobre o feble, por moi xusto que poida parecer nalgúns casos.

Palabras pronunciadas por Xosé Luís Rodríguez Pardo no acto de entrega a Isaac Díaz Pardo do premio Jiménez de Asúa de Dereitos e Liberdades, 1999.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/99