Tempo Exterior nº 10 - Outono/99
Cooperación internacional, benestar social
e acción exterior local
Tradicionalmente, e con meritorias excepcións, nas administracións locais de Galicia vénse asumindo a necesidade de pór a andar políticas de solidariedade e de cooperación internacional con certa debilidade e ambigüidade. É certo, sen embargo, que, sobre todo nos últimos dous anos, asistimos a unha espiral de crecemento neste compromiso directamente vinculado ó proceso de expansión e asentamento do Fondo Galego. Cada vez está máis asumido que este debe ser un eixe esencial, un capítulo irrenunciable de toda acción pública. A sociedade, sensibilizada pola difusión de múltiples calamidades a través dos medios de comunicación, comprende cada vez mellor a necesidade de habilitar desde aquí políticas que contribúan a paliar carencias sociais graves sen prexuízo, dicimos nós, de efectuar unha severa crítica ás disfuncións e desequilibrios dun sistema económico internacional que afonda nas desigualdades ata límites dificilmente cribles e soportables. Pero ademais, o xeito en que se afrontan estas actuacións vén definido aínda pola precariedade.
Por iso, agora que unhas novas corporacións inician o seu mandato, paga a pena reflexionar sobre a conveniencia de imprimir un novo xiro a esta cuestión. A acción solidaria contextualízase habitualmente como apéndice das políticas de benestar e acción social, cando en realidade debería situarse como un espacio propio vinculado á acción exterior dos concellos. ¿Un despropósito? Na sociedade global, concellos e deputacións tamén poden e deben intervir como suxeitos con identidade e intereses propios, non soamente a través do desenvolvemento de accións de cooperación material ou de empoderamento democrático, senón igualmente con irmandades (con contido), con talleres de intercambio de experiencias, con derivacións puntuais que enriquezan a implicación de Galicia nesa euro-rexión co Norte de Portugal (comezando polo Eixe Atlántico), con actuacións no ámbito comunitario que contemplen o acceso dos entes locais ós fondos estructurais da Unión Europea, impulsando a participación nos movementos internacionais de carácter municipalista, etc. Como acontece con outros actores sociais, a internacionalización dos entes locais, abordada seriamente, pode facilitar o acceso a fontes financeiras e de coñecemento que repercutirán positivamente na xestión dos intereses públicos.
Se a internacionalización é unha variable de referencia indispensable en toda proposta de acción pública, deberan fortalecerse propostas orgánicas que aseguren o seu impulso e coordinación, que proporcionen maior rendibilidade dos proxectos en curso e que aseguren o prezado estímulo de novas iniciativas e ideas. Naturalmente que non todos os concellos poden imaxinar unha estructura neste sentido, pero si todos deberan contemplar nos seus orzamentos un capítulo específico para a execución de estratexias de acción exterior e diferenciar claramente, por exemplo, o que é cooperación internacional (sexa ou non para o desenvolvemento) e o que son políticas públicas locais de benestar social. Aínda existindo elementos de contacto, cómpre realzar a dimensión exterior e relacionar estas actuacións con outras (políticas, culturais, sociais, económicas, etc) que se poidan instrumentar en escenarios internacionais.
Vai en aumento o papel das administracións locais na catalización daqueles esforzos públicos
e privados que reflicten preocupacións específicas polo desenvolvemento de estratexias de internacionalización.
O seu liderado institucional quedará en cuestión se non se anticipa e vai por diante dos problemas.
Non son andrómenas, é futuro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/99