Tempo Exterior nº 10 - Outono/99Volver ó sumario


A hora do relevo


Marta Cabrera

A globalización na que está inmersa o mundo actual non é quen, aínda, de opacar as particularidades e problemas de comunidades, países ou zonas do planeta que están no epicentro de conflictos que acaparan a atención da opinión pública internacional.

Así acontece no Oriente Medio. A inestabilidade permanente, alentada por un interminable pulso que debe dilucidar a hexemonía entre árabes e non árabes, é o seu sinal de identidade. Toda victoria pasa inescusablemente por asentar un férreo liderado entre veciños e por situar baixo o seu control os principais recursos da zona (hídricos e petroleiros). Aquí, o control do territorio segue a ser unha cuestión vital, especialmente dalgunhas zonas consideradas clave dende o punto de vista xeoestratéxico.

O evolucionar da rexión está condicionado por diversos factores. Un deles é o xogo diplomático no que participa Occidente de maneira destacada. No fundamental, a súa intervención mediatízase da man dos Estados Unidos e, en menor grado, da Unión Europea. Tamén Rusia pugna por recuperar parte da influencia perdida. O intento de influír dende o exterior provoca como reacción nacionalismos de diferente signo, moderados uns, radicais outros, que se asentan nunha identidade cultural propia e ben diferenciada.

A relixión é outro factor a ter en conta. En Oriente Medio, contrariamente ó que ás veces se imaxina en Occidente, a gran diversidade de cultos relixiosos é un dos problemas que dificultan a convivencia. O gran número de sectas e etnias non facilita en absoluto a consistencia dos gobernos.

Pero a pesar destas e doutras dificultades, a precaria estabilidade da zona vénse mantendo dende hai unhas décadas froito dunhas complicadas alianzas persoais entre os gobernantes. Este proceso, vertebrado de forma lenta e minuciosa, pode estar a punto de derrubarse coma un castelo de naipes se non se arbitran a tempo alternativas ós procesos sucesorios abertos.

A morte de Hassan II, rei de Marrocos, acelera un proceso aberto hai pouco, coa morte do tamén rei de Xordania, e que probablemente vai ter continuidade ata que se produza un completo relevo político xeracional, en gran parte da familia árabe. Por conta das novas xeracións que se preparan para tomar o relevo correrá a responsabilidade de propiciar a apertura e democratización duns réximes políticos, claramente desfasados e divorciados dos procesos sociais.

Os dirixente árabes caracterízanse por unha longa continuidade no poder. Polo xeral, as alternancias non se producen como resultado da observación dun proceso institucionalmente establecido. Unhas veces son consecuencia da intervención terrorista na vida política, como aconteceu en Exipto e, máis recentemente, en Israel co asasinato de Rabin. Estes relevos repentinos implican un grave perigo cando non se garante a continuidade política que, ó estar tan personalizada, non sempre resulta doado. En Israel, por exemplo, a irrupción dun novo dirixente que non participou directamente no proceso iniciado en Oslo case transforma en fracaso un dos maiores éxitos diplomáticos das últimas décadas: sentar a negociar xuntos a palestinos e israelís.

Outras veces a sucesión é provocada por mortes naturais coma a do rei de Xordania, o de Marrocos ou do jalifa de Bahrayn. Este último tiña xa un herdeiro designado, o seu fillo primoxénito, para garantir tanto a continuidade da súa política pro-occidental coma as alianzas cos seus veciños árabes. Esa mesma continuidade é a clave perseguida por Hussein de Xordania ó establecer como sucesor o actual monarca, o rei Abdallah. Tanto este coma Mohamed VI de Marrocos contan cun forte apoio internacional a máis do beneplácito da nova sociedade árabe que compartirá o futuro con eles.

Pero os problemas sucesorios non fixeron máis que comezar. A grave enfermidade do rei Fahd de Arabia Saudí, e a identidade do seu sucesor, son parte deste enigma. Igualmente a dúbida afecta a Kuwait. A ANP (Autoridade Nacional Palestina) anuncia a proclamación dun Estado propio, pero resulta difícil aventurar quén será o seu presidente dada a precaria saúde de Arafat. En Siria, as recentes eleccións confirmaron a continuidade do presidente Al-Asad, pero a súa idade tamén é moi avanzada. En Irán, por razóns diferentes, vívense situacións de conflicto entre os partidarios de certa apertura do réxime e os defensores do fundamentalismo relixioso. Iraq tamén abanea.

En suma, ás portas dun novo milenio, os dirixentes de Oriente Medio deben asumir que chegou a hora dun relevo xeracional que debería producirse, non como consecuencia de procesos escuros pilotados total ou parcialmente dende o exterior, senón posibilitando un maior protagonismo das respectivas sociedades. Tamén aquí, o asentamento da democracia é a maior garantía para a estabilidade e a paz.

Marta Cabrera é investigadora no IGADI.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/99