Tempo Exterior nº 10 - Outono/99Volver ó sumario


50 anos da China Popular


Xulio Ríos

Un primeiro de outubro de 1949, Mao Zedong proclamaba en Tiananmen o nacemento da República Popular Chinesa. A revolución triunfara e o país máis poboado do mundo aprestábase a construír unha nova sociedade inspirada no ideal comunista. Os múltiples avatares polos que debeu pasar o proceso revolucionario chinés son complexos dabondo como para seren aquí analizados, pero si paga a pena reflexionar sobre o contraste existente entre a revolución maoísta de hai cinco décadas e a situación actual.

Existen certos elementos e moi importantes en común. En primeiro lugar, a vixencia do Partido Comunista (PCCh), auténtica columna vertebral do sistema e principal legado de Mao que non foi erosionado no fundamental. O PCCh exerce invariablemente o papel de dirección política do Estado. Neste sentido, cómpre constatar que mentres a actual reforma impulsa innovacións atrevidas no ámbito económico ou social, mantén contra vento e marea a inalterabilidade do status e función do PCCh como garante esencial da orientación socialista dun proceso que na actualidade ben pode confundirse coa construcción do capitalismo. Tamén procedería sinalar como evidencia da continuidade co proceso iniciado en 1949, a presencia do nacionalismo como referente para afirmar unha vía de transformación social propia, distanciada antes do modelo soviético e agora concretada nesa formulación dun “socialismo con peculiaridades chinesas” que elaborou Deng Xiaoping para acadar as chamadas “catro modernizacións”. Por último, a preocupación compartida por acadar un maior progreso e benestar para a súa inmensa poboación e erradicar a pobreza e o atraso. A pesar da inestabilidade das primeiras décadas, a economía chinesa creceu sempre a un ritmo admirable.

Pero os contrastes tamén abondan. Sirvan de mostra as decisións que a APN (Parlamento) adoptou a comezos de marzo deste ano e que, dalgún xeito, viñeron liquidar aspectos esenciais da revolución maoísta.

En efecto, a APN constitucionalizou a propiedade privada, suprimiu toda referencia ós “delictos contrarrevolucionarios” e, en xeral, aposta por unha nova linguaxe, máis tecnicista, aparentemente desprovista de carga ideolóxica, acorde coas esixencias dos novos tempos e a ton co aprendido por eses milleiros de estudiantes chineses que poboan as universidades dos Estados Unidos e doutros países occidentais. A China semella decidida a perder os seus últimos medos ó capitalismo e solta pouco a pouco o lastre revolucionario, preparándose para un amodorramento indefinido nunha primeira fase da construcción do socialismo que pode chegar a eternizarse.

Coa admisión da propiedade privada, hoxe pode suceder algo similar ó acontecido onte co mercado, e iso pode darnos unha idea do sentido da traxectoria. En 1978, ó comezo da reforma, tratábase de tomar a economía planificada como factor preponderante e a función reguladora do mercado como apoio; en 1984 falábase de construír unha economía mercantil planificada socialista; e, en 1992, de instaurar un sistema de economía de mercado socialista. Hoxe, o papel do Estado como tal, en boa medida en situación de quebra, aínda que non desapareceu nin moito menos, limitouse considerablemente. Sen embargo, quizais sexa prematuro anunciar, como fan moitos, o definitivo abrazo da China ó capitalismo pois á par do canto ó mercado e á propiedade privada existen outros indicios que apuntan á supervivencia de iniciativas complexas de marcado contido social. E a historia, por moito que o diga o señor Fukuyama, aínda non rematou.

Con ser importantes, o único significativo na política chinesa non son os actos dos seus dirixentes que, neste aspecto, se limitaron a incorporar a un texto legal unha realidade que forma parte da vida cotiá dende hai tempo. Tamén conta a propia sociedade e é esta a que, progresivamente, semella distanciarse da Revolución como consecuencia dun proceso que pon patas arriba boa parte das ensinanzas da revolución. Mentres avanza inexorable o apoliticismo e o baleiro ideolóxico, achándase o camiño para esa nova xeración de tecnócratas formados no exterior e que un día tomarán o relevo asumindo o valor do crecemento e do desenvolvemento como únicos depositarios de sentido. Aínda conservando certa admiración case relixiosa por Mao, a sociedade chinesa viu cómo en pouco tempo as súas motivacións e aspiracións cambiaron de signo, ata o punto de rexurdir tradicións e costumes ancoradas no pasado confuciano e que moitos daban por definitivamente desterradas. Pouco ou nada vai quedando do ideal humano que simbolizaba Lei Feng, exaltado ata a saciedade polo Partido, cheo de calidades revolucionarias, afanado lector das obras de Mao para saber “por quén debe vivir”. Aquel home novo, exento de egoísmo, exhibe hoxe, en China, semellantes trazos de alienación ós de calquera habitante do planeta.

Sen dúbida os desafíos sociais e económicos da reforma chinesa son tan inmensos como grandes son os desequilibrios xerados neste período de vertixinosas transformacións. Pero quizais a maior ruptura se producise xa como consecuencia da silenciosa perversión, quizais non intencionada, daquela ética baseada no “servir ó pobo” e que pode estar sendo substituída pola exaltación dun benestar cada vez máis desprovisto de conciencia social.

Xulio Ríos é director do IGADI.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/99