Tempo Exterior nº 9 - Verán/99Volver ó sumario


Timor Leste: tan lonxe, tan preto


Xesus Piñeiro

Timor leste (probablemente de agora en diante Timor Lorosae, “do sol nacente”, en lingua tetum) pertence a ese grupo de conflictos que raramente chegan ás primeiras planas do interese informativo no mundo occidental. O feito de que Portugal, ex metrópole de Timor, mobilizase a diplomacia e a sociedade en apoio da causa maubere, non se traduce nunha mobilización “internacionalista” para solucionar o conflicto. Por desgracia, pesan máis os intereses estratéxicos, militares e económicos, iso si, amortecidos tras a fin da Guerra Fría, dos EUA na zona, fortemente ligados a Indonesia, que o feito de que se estea a levar a cabo un xenocidio co pobo timorense.

Mapa de Indonesia (no círculo, a illa de Timor)A illa de Timor foi descuberta polos portugueses no 1420, anque a parte occidental sería colonizada polos holandeses (1613-18). A fronteira entre a parte holandesa (occidental) e a portuguesa (oriental) foi fixada, tras longas loitas no século XVIII, por diversos tratados (1859, 1893 e 1904). En 1942, a illa foi ocupada polos xaponeses; unha vez rematada a II Guerra Mundial a parte holandesa incorporouse a Indonesia (1946) e a oriental seguiu baixo dominio luso (provincia de ultramar).


Da descolonización á ocupación

Coa Revolución dos Caraveis, Portugal inicia o proceso de descolonización nos territorios africanos, así como deseña un proceso mimético para Timor, ante o que Iacarta afirma que o lóxico sería unha incorporación de Timor a Indonesia, se ben aclarando que respectaría calquera decisión adoptada polos mauberes (Encontro de Roma, 1 e 2 de novembro de 1975). Isto, por desgracia, non será así.

O principal problema que atopamos ao iniciar a descolonización é que, a diferencia de Angola ou Mozambique, en Timor non hai tradición nin movemento organizado de loita pola liberación nacional. Así, a ASDT, precursora da FRETILIN (Fronte Revolucionária de Timor Leste Independente) constituíuse en maio do 74; a outra forza de relevancia: UDT (Uniâo Democrática Timorense, controvertida organización na que pesa máis o anticomunismo que o nacionalismo) fíxoo a penas uns días antes. Incluso as organizacións integracionistas son da mesma época. A APODETI (posteriormente MAC: Movemento Anti Comunista) creouse tamén en maio do 74. É importante ter isto en conta para entender o desenvolvemento do que vai vir. A pouca madureza destas organizacións, o descoñecemento da súa propia base social, a súa feble estructura organizativa... son elementos a ter en conta para unha análise rigorosa do tema.

A debilidade do poder colonial portugués e as súas propias contradiccións á hora de encamiñar a descolonización (mentres o gobernador Lemos Pires apoia á UDT, o Movimento Forças Armadas apoia á FRETILIN) supoñen unha maior inestabilidade en Timor. Isto vai ser aproveitado pola UDT para dar un golpe (11 de agosto) que, segundo Ramos Horta (Premio Nobel da Paz e voceiro do Conselho Nacional de Resisténcia Maubere –CNRM–), foi sutilmente auspiciado por Bakin, servicios secretos indonesios, para crear un caos en Timor que xustificase unha invasión. O Golpe da UDT foi máis contra o comunismo e a FRETILIN que pola independencia. Varias compañías militares integradas por timorenses adhírense ao Golpe. Nas súas reivindicacións (Movemento da UDT, 16/8/75) esixen a ilegalización da FRETILIN e da ideoloxía comunista así como establecer conversas con Portugal sobre o futuro de Timor. Durante o Golpe téntase por en pé unha Fronte Nacionalista con base no anticomunismo e a autodeterminación. A consecuencia deste Golpe vai ser dobre:

A FRETILIN gaña cada vez máis control do territorio. A APODETI (armada por Indonesia) entra en xogo enfrontándose á FRETILIN, o que posibilita unha alianza, en principio conxuntural, entre APODETI e UDT, con Iacarta na sombra. Os acontecementos vanse precipitando e a FRETILIN proclama o 28 de novembro a República Democrática de Timor Leste, recoñecida automaticamente polas ex colonias portuguesas. A resposta da APODETI e UDT non se fai esperar e o 29 de novembro anuncian a integración de Timor en Indonesia. No contexto da Guerra Fría, a posibilidade dun triunfo da FRETILIN supón unha ameaza para o “mundo libre”, que non está disposto a permitir “unha Cuba na rexión”. Chegou o intre agardado por Indonesia, que coa desculpa de defender Timor da agresión marxista, pon en marcha a maquinaria de invasión. Nun principio, está prevista para o 5 de decembro, pero a CIA pide que se atrase ao 7 para non coincidir coa visita de Ford e Kissinger a Iacarta. Cando Indonesia invade Timor (Operasi Seroja é o nome en clave da operación), o poder colonial luso (que estaba en Atauro) retírase sen ofrecer resistencia, anque denuncia a invasión e decide cortar relacións con Indonesia centrando a súa ofensiva diplomática na ONU.


O xenocidio

Nos dous meses seguintes á invasión, o exército indonesio asasina 60.000 persoas (ata o día de hoxe foron máis de 200.000 dunha poboación que en 1975 a penas acadaba as 750.000. ¡Máis do 30% da poboación asasinada!). A magnitude da matanza leva á UDT a desvincularse da invasión e admitir o erro de apoiala. A ONU aproba a Resolución 3.485 de 12/12/75 que rexeita a ocupación e solicita respecto para o dereito de autodeterminación de Timor. Así mesmo, a Resolución 384 do Consello de Seguridade (15 a 22/12/75) recoñece o “inalienable dereito do pobo timorense á independencia”, “deplora” a invasión, “lamenta” que o goberno luso non cumprise coas súas responsabilidades e pide ao Secretario Xeral da ONU o traslado urxente dun enviado especial a Timor. Este será Vittorio Guicciardi (Director Xeral do Gabinete da ONU en Xenebra), que irá a Timor o 19/1/76 e só permanecerá alí 3 días, sen decatarse de gran cousa polas trabas indonesias. O 17/12/75 constitúese en Timor o “Governo Provisório” por persoas afíns ó MAC, organismo monicreque de Iacarta. Este goberno creou a Assembleia Representativa Popular de Timor Oriental, constituída por 37 membros designados por Indonesia. O Parlamento de Iacarta aprobou o 17/7/76, por unanimidade, que Timor fose a 27ª provincia da República indonesia. Como resposta, a Assembleia Constituinte Portuguesa inclúe o artigo 297 na Constitución da República (2/4/76) no que se afirma que Portugal ten a responsabilidade de promover e garantir o dereito á independencia de Timor.

A brutalidade da ocupación (fusilamentos masivos, concentración de 300.000 timorenses en “aldeas de recolonización”...) non dá dobregado ao pobo maubere, que a través das FALINTIL (Forças Armadas de Libertaçâo Nacional de Timor Leste) fai fronte á invasión. A persistencia da resistencia leva a que, a mediados de 1981, os xenerais indonesios decidan desencadear a “Guerra Final” (Perang Terakhin) para o que desprazan a Timor 30.000 soldados. Trátase, simplemente, de asasinar en masa á poboación. A isto hai que engadir que Iacarta leva a cabo unha exportación de poboación indonesia a Timor (hoxe en día xa son o 40% dos habitantes) aos que lles aseguran traballo fixo. Ante isto, o movemento de resistencia aposta pola unidade e o seu fortalecemento: a FRETILIN e a UDT asinan (18/3/86) un acordo “para a defensa dos intereses do pobo maubere” e crean a Converxencia Nacionalista.


A solidariedade necesaria

Aos poucos, vaise producindo unha maior implicación da Comunidade Internacional na busca dunha solución ao conflicto, solución que se verá necesaria coa fin da Guerra Fría.

En 1987, Portugal e Indonesia inician conversas sobre o futuro de Timor. A entrada de Portugal na CEE dálle pulo á resistencia maubere para, a través de Lisboa, acadar unha maior implicación de Europa, o que, ata hoxe e por desgracia, non se deu (pesan máis os intereses económicos con Iacarta).

Xunto a este, aínda titubeante, proceso de “internacionalización”, hai outro proceso importante: a adaptación da estratexia da FRETILIN aos novos tempos, aparcando o seu carácter marxista, e redefinido a súa estratexia en base a tres puntos: a continuación da loita de resistencia, o apoio á loita pola democratización de Indonesia como vía necesaria para unha solución dialogada ao conflicto e a implicación da Comunidade Internacional.

Coa caída de Suharto suscítase unha maior flexibilidade do réxime respecto a Timor (excarceración do líder da FRETILIN Xanana Gusmao –anque sometido a arresto domiciliario–, o recoñecemento da existencia dun conflicto en Timor, anuncios da reducción de efectivos militares na zona...). Sen embargo, isto non devén nun cese da violencia na actuación de Indonesia na zona, a pesar do anuncio da celebración para este 8 de agosto dun referendo no que o pobo maubere opte pola independencia ou a integración; referendo no que non hai que depositar moitas esperanzas polo anuncio das organizacións pro-indonesias de que non aceptarán un resultado favorable á independencia.

Pero calquera que sexa o escenario que xurda nos próximos meses, o labor da Comunidade Internacional é importantísimo para evitar a persistencia do xenocidio e para permitir que sexa o propio pobo maubere o que decida, por si mesmo, o seu futuro. Esa é a nosa responsabilidade. De todos.

Xesus Piñeiro é estudiante de Ciencias Políticas e realiza prácticas no IGADI.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 3/6/99