Tempo Exterior nº 9 - Verán/99
Libros e publicacións
“Tras la violencia, 3R: reconstrucción, reconciliación,
resolución”
Johan Galtung. Bakeaz - Gernika Gogoratuz
Este volume leva por subtítulo: “afrontando los efectos visibles e invisibles de la guerra y la violencia”. O autor, partindo de que “a paz é o camiño”, reflexiona sobre o momento posterior á violencia e indícanos que o alto ó fogo, a tregua, aínda sendo importante, non o é todo. Máis aínda, que pode ser enganoso na medida en que o “despois da violencia” pode converterse facilmente nun “antes dunha (nova) violencia” se non se entende que por debaixo da violencia visible e directa hai sempre violencia estructural (conflicto, inxustiza, contradicción) e unha cultura da violencia ou unha violencia cultural que non desaparecen mecanicamente coa sinatura dun tratado de paz e que poden seguir sendo fonte da violencia visible.
“Europa en la encrucijada”
Jesús María Alemany e outros. Seminario
de Investigación para la Paz
¿Que entendemos por Europa? A pregunta pola identidade é correlativa a aqueloutra sobre as orixes. ¿Dende cando existe esa realidade histórico-cultural que chamamos Europa? Historia e cultura mestúranse neste novo tomo do Seminario de Investigación para la Paz de Zaragoza coa análise da hora actual (unión económica e monetaria, construcción política, dimensión xurídica, seguridade e defensa, etc). Unha aproximación temática moi plural como plural é tamén a dimensión do colectivo de autores que colaboraron na presente edición.
“Educación e Dereitos Humanos”
Xesús R. Jares. Facer Escola - Edicións
Xerais de Galicia
Desde a necesaria combinación da teoría e a práctica, a publicación quere ofrecer un conxunto de reflexións e propostas en torno ós dereitos humanos e a súa aplicación didáctica. Para iso, os vértices do triángulo nos que se fundamenta son: a necesaria contextualización histórica, tanto do concepto de dereitos humanos como da resposta educativa que sobre esta temática se deu; presentar o significado dos dereitos humanos no proceso educativo; ofrecer un conxunto de propostas e recursos didácticos a través dos cales podemos operativizar esta dimensión educativa. Neste último vértice, salientar a inclusión dun programa integrado sobre a discriminación que comprende catro unidades didácticas: “A discriminación e o dereito á diferencia”, “Sexismo”, “Racismo e xenofobia” e “Os conflictos”.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 3/6/99