Tempo Exterior nº 9 - Verán/99
¿Humanitarismo ou “hexemonismo”?
Ninguén con bo xuízo pode negar a importancia e transcendencia dos dereitos humanos, tanto individuais coma colectivos; ou a necesidade de respectalos en todo momento e lugar; e mesmo a plena lexitimidade daquelas conductas reivindicativas e pacíficas que encarnan movementos sociais de claro signo emancipador. Verdade tamén que ninguén con dous dedos de fronte pode defender a política represiva e antidemocrática do réxime serbio. Milosevic simboliza a liquidación traumática das esperanzas depositadas nunha evolución democratizadora do socialismo autoxestionario; nas posibilidades de arbitrar mecanismos de convivencia, non necesariamente difíciles, entre diferentes culturas e nacións nun marco político compartido e libre de intransixencias e hexemonías. Pero sobre grandes verdades poden construírse grandes mentiras.
Formalmente, a guerra nos Balcáns, atizada coa intervención da OTAN, promoveuse en nome da defensa dos dereitos humanos dunha comunidade nacional oprimida, o pobo kosovar: ¿espellismo ou realidade? ¿é crible esta misión evanxelizadora dunha organización de tan dubidoso creto humanitario? Conforme as semanas pasaban, a acción dos países aliados deixaba en evidencia as súas carencias, desproporcións e riscos: centos de mortos e feridos, milleiros de refuxiados, unha economía en desfeita, fogares destruídos e unha sociedade pulverizada. ¿Quen pode albiscar na actual situación semellanza cunha Declaración Universal que fundamentalmente proclama a necesidade que a humanidade ten de verse libre do medo e do terror? Clinton e o seu club “ABC” (Albrigth, Berger e Cohen) pretenden que comulguemos con rodas de muíño.
¿Humanitarismo ou “hexemonismo”? Afirmar que os dereitos humanos son máis importantes cá soberanía é, cando menos, no mundo actual, demagóxico. Urxe matizar. Este humanitarismo non comeza na propia casa (a este respecto, basta ver os informes anuais de Amnistía Internacional sobre a situación dos dereitos humanos en Estados Unidos) senón que ameaza con transformarse nunha nova versión daquel cristianismo de conquista que simplemente aspira a lexitimar, co concurso da opinión pública, o uso da forza contra determinados países . É un humanitarismo que non se fundamenta na observación e na defensa da legalidade internacional, que ignora sistematicamente o respecto polas mesmas normas de diálogo e consenso que se reivindican como modélicas nos ámbitos estrictamente estatais para resolver as diferencias políticas. É un humanitarismo que lles traslada ós outros o peor dos sacrificios: o que John Chipman, director do Instituto Internacional de Estudios Estratéxicos, resume en “tecnoloxía e publicidade máximas, baixas mínimas” (no campo dos protectores). Sam Berger, conselleiro de seguridade de Clinton, é o principal “ideólogo” desta estratexia que fundamentalmente pretende gañar esta ou outras guerras sen baixas propias. Como sinalou o reverendo Jesse Jackson, na Casa Branca xógase a unha especie de “guerra Nintendo”.
A ONU é humillada porque é un obstáculo para servir de instrumento lexitimador da hexemonía.
Por iso non acerta tampouco quen tenta aproveitar a ocasión para vilipendiar ás Nacións Unidas.
O que cómpre é reivindicar ¡máis ONU! Como igualmente habería que demandar ¡máis
Europa! Para que os líderes europeos fosen quen de establecer unha política balcánica axeitada.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 4/6/99