Tempo Exterior nº 9 - Verán/99Volver ó sumario


Escocia, ¿máis nación?


Marta Núñez Martínez-Corbalán

O 6 de maio celebráronse as eleccións ás Cámaras Representativas de Escocia e Gales, concluíndo deste xeito a primeira fase da devolution ou delegación de poderes. Falamos dunha das promesas electorais máis polémicas do Partido Laborista, dirixida a dotar ás nacións históricas de Escocia e Gales de ámbitos propios de decisión. A transferencia de poderes cara a novos entes subestatais non estivo libre de debate. Os desexos de autonomía contradicíanse coa tradicional centralización do poder político no Reino Unido. Pero a peculiaridade do seu modelo estatal, a presión que no subconsciente colectivo exercía a adhesión á identidade escocesa e a conxuntura política propiciaron o desenvolvemento das forzas centrífugas.

Un dos elementos que permitiu que este proceso se levase adiante sen grandes conflictos é o feito de que a lexitimidade do sistema político británico non descansa no tándem Estado-comunidade nacional, senón na idea de pacto social como resultado do agregado da vontade dos individuos. O aparato estatal non emerxe como expresión do poder soberano dunha comunidade nacional e, polo tanto, ao non existir un nacionalismo británico forte, non é tan acusada a negación explícita da diversidade nacional. Londres e Edimburgo vertebraron unha cultura do pacto. A cesión de competencias é froito da negociación e non podemos falar de imposicións violentas.

O tratado da Unión de 1707, polo que Escocia pasaba a formar parte do Reino Unido, non erradicou totalmente as institucións propias do país: Igrexa, poder xudicial e sistema educativo quedaban fóra do ámbito de xestión inglés. A independencia das súas Institucións e a persistencia de fortes lazos comunitarios levaron a que, en parello a un proceso de difuminación das fronteiras culturais, se producise un reforzamento da identidade escocesa.

A Igrexa Presbiteriana, como elemento diferenciador, vai máis alá da cuestión espiritual sentando as bases da organización e articulación social do seu territorio (coas capel), ademais de exercer unha influencia importante no sistema educativo. En canto ao sistema xurídico, este funciona dun xeito totalmente autónomo a través dun corpo de maxistrados propio e dunha xurisdicción única. O sentimento de comunidade en Escocia contrasta co tradicional individualismo e laicismo inglés e reverte nun alto grao de consciencia democrática e de participación política.

O feito diferencial escocés materializouse nunha fonda consciencia nacional que ten expresión política xa desde a metade do século XIX coa reivindicación da Scottish Home Rule, demanda que se revitalizaba en momentos de recesión económica nos que o status de Escocia como nación periférica respecto de Inglaterra se deixaba sentir dun xeito máis explícito. É nestes períodos cando máis se evidencian os efectos negativos da subordinación do interese nacional aos dictados ingleses.

Esta percepción de Escocia como nación periférica nutre o desenvolvemento dunha cultura política na que predomina a tendencia de esquerda, ata o punto de que dos 72 representantes escoceses en Westminster ningún deles pertence á dereita dos tories (de feito, a celeridade coa que os laboristas puxeron en marcha o proceso de descentralización respondeu á débeda que teñen cos votos laboristas escoceses xunto co ascenso crecente do voto do SNP).

Os recentes comicios significaron a confirmación do proceso iniciado co referendo de 1997 e da tese laborista, máis moderada en canto á descentralización, fronte aos desexos independentistas do SNP.

Partindo dunha visión de Escocia como colonia e como nación economicamente marxinada, a evolución ideolóxica do nacionalismo escocés transcende o romanticismo e a nostalxia polo pasado para desembocar nun programa no que, en contraposición ao tradicional liberalismo inglés, pula por garantir os dereitos políticos e sociais. Na actualidade é o SNP (Scottish National Party) o partido que lidera o nacionalismo escocés. No seu programa, o SNP, combina o ideario nacionalista con políticas de forte contido social e de corte progresista, incluíndo a defensa dos servicios sociais no marco do estado de benestar, e a nacionalización dos recursos.

O actual modelo establece unha autonomía gradual e asimétrica, proporcional á demanda da sociedade e non á lexitimidade soberana da nación. O enfoque pon en dúbidas a sinceridade e o carácter democrático dun proceso no que se fixo todo o posíbel por frear os desexos independentistas. Londres prima os seus intereses. A substitución do antigo sistema electoral por outro a dúas voltas, combinando o sistema maioritario co sistema D´Hont, xustificouse na defensa dun sistema máis proporcional, para facilitar unha maior representatividade das distintas forzas electorais nun mapa político moi fragmentado. Estes cambios utilizáronse como arma arreboladiza contra o nacionalismo, permitindo deste xeito un incremento da presencia do partido conservador que non tiña ningunha representatividade en Escocia e tradicionalmente en contra da autonomía.

¿Axudarán as novas Institucións de Goberno a mudar a realidade dun país no que se dan as taxas máis altas de marxinalidade e pobreza do Reino Unido? O único seguro por agora é que se avanzou no recoñecemento dos dereitos de Escocia como nación.

Marta Núñez Martínez-Corbalán é estudiante de Ciencias Políticas e realiza prácticas no IGADI Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 3/6/99