Tempo Exterior nº 9 - Verán/99
A resposta do dragón
Intencionado ou non, o ataque á Embaixada chinesa en Belgrado non podía ser máis desafortunado e inoportuno. Ata entón, a posición chinesa en relación á guerra nos Balcáns víñase caracterizando por unha equilibrada mestura de frío distanciamento diplomático e elemental pragmatismo. Beijing era consciente de que a súa capacidade para influír na evolución dos acontecementos na zona é moi limitada e, por outra banda, neste momento, con asuntos tan transcendentais sobre a mesa como o ingreso na Organización Mundial do Comercio, importáballe máis insistir nunha dinámica constructiva nas súas delicadas relacións con Estados Unidos que abundar nas diferencias. Collamos como exemplo que, hai pouco máis dun mes, mentres caían as primeiras bombas sobre Belgrado e milleiros de kosovares iniciaban a súa particular “longa marcha” cara á fronteira con Albania, Jiang Zemin, o presidente chinés, reuníase con importantes empresarios nas capitais de Italia, Austria ou Suíza para animalos a investir na transformación económica do seu país.
Iso, sen embargo, non impediu que oficialmente a China expuxese, dende o primeiro momento, o seu rexeitamento do que considera unha mostra máis da prepotencia occidental. A China avogou sempre pola resolución pacífica do conflicto no marco de Nacións Unidas, polo respecto á legalidade internacional e á soberanía, integridade territorial e independencia da República Federal Iugoslava. ¿Por qué? En primeiro lugar porque interpreta a decisión de Estados Unidos e o “seu” Grupo de Contacto como unha evidencia máis do “hexemonismo” que impregna a conducta internacional de Washington orientada a establecer un dominio mundial absoluto que é a antítese dunha orde internacional multipolar, integradora e pacífica. Na China non deixa de sorprender que quen lle esixe a súa transformación nun estado de dereito que asegure o imperio da lei, non atope ningún impedimento para saltar á mínima ocasión a mesma legalidade internacional que lle intenta impor. En segundo lugar, convén ter presente que tamén a China ten os seus propios “kosovos” internos (tibetanos, uigüres, kazakos, fundamentalmente) e toda insinuación de inxerencia externa nos seus asuntos resultaralle sempre inadmisible.
Pero o ataque da OTAN provoca un novo escenario con repercusións importantes na orde práctica e non soamente conceptual, e a quebra dalgúns mitos. A actitude encolerizada de milleiros de manifestantes, queimando bandeiras ó xeito das escenificacións propias da Revolución Cultural, cuestiona esa idea tan estendida e tan superficial da fascinación chinesa pola potencia americana e o mundo occidental en xeral, a quen supostamente lle debería o éxito do seu proceso modernizador. Nada máis falso. A destrucción da súa delegación diplomática en Belgrado permítelle á China realizar unha exhibición do seu orgullo nacional, o patriotismo compartido de dirixentes e cidadáns, e proxectar internacionalmente unha imaxe de firmeza e capacidade de resposta ante os que Mao chamaba “tigres de papel”, algo impensable hai algúns anos. Definitivamente, pasou a época de baixar a cerviz.
As medidas adoptadas polo goberno chinés poñen de manifesto o seu sentido da oportunidade para evitar compromisos incómodos nas súas relacións con Occidente. ¿Son simbólicas? Evidentemente, eludiuse responder con medidas que poidan danar directamente os intercambios económicos, pero ambos asuntos, dereitos humanos e diálogo sobre proliferación de armas, son de gran transcendencia porque forman parte do núcleo central das súas relacións con Estados Unidos. Confirma o que era evidente, que algunhas decisións recentemente adoptadas en materia de dereitos humanos non responden a unha interiorización do seu significado senón que simplemente constitúen moeda de cambio nas relacións bilaterais. A suspensión do diálogo en materia de seguridade pode ter graves repercusións máis alá incluso da propia rexión (Paquistán, Irán). A tradicional paciencia oriental quererá o seu tempo antes de volver á normalidade.
¿Como repercutirá na evolución do conflicto? A China non pode renegar dunha participación constructiva na proposta formulada polo Grupo dos Oito. A mediación de Rusia, que verá reforzada, unha vez máis, a súa capacidade negociadora, facilitará a súa aproximación a Moscova, enchendo de maior contido esa asociación estratéxica que busca restablecer boa parte do equilibrio perdido na posguerra fría. Ademais, probablemente Beijing non desaproveitará a ocasión para reivindicar e desempeñar un papel máis activo na fronte da paz. No ánimo da OTAN pesará a necesidade de acabar canto antes este inferno e Milosevic e os seus valedores terán máis argumentos para acadar un acordo final máis favorable.
En calquera caso, con independencia da indignación e a pena polo dano sufrido polos seus cidadáns ou das satisfaccións que os Estados Unidos e a OTAN deberán proporcionar a Beijing, para os líderes de Zhonnanghai, certamente preocupados pola proximidade do aniversario dos sucesos de Tiananmen, non pode haber mellor presente ca esas pedras lanzadas sobre a sede diplomática americana polos estudiantes da mesma Universidade Xinhua que hai dez anos glorificaban unha réplica da estatua da liberdade e emborrallaban o retrato de Mao Zedong.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 3/6/99