Tempo Exterior nº 9 - Verán/99Volver ó sumario


A República de Berlín e Kosovo
¿A guerra nos Balcáns como catalizador dunha nova “normalidade” alemana?


Raimundo Viejo Viñas

A política exterior alemana na procura da súa identidade:
un balanzo para os 90

O 20 de setembro de 1949, cun explícito “Alemaña pertence ao mundo occidental”, o primeiro chanceler xermano occidental, Konrad Adenauer, definía a que andando o tempo había de ser unha constante da política exterior da República Federal de Alemaña: fidelidade a Occidente por riba de todo. Tal e como se comprobaría en repetidas ocasións (Nota de Stalin de 1952, construcción do Muro de Berlín en 1961, negociación coa URSS da unificación de Alemaña en 1990, etc.), este “vinculación a Occidente” (Westbindung) sería o principio clave que fundamentaría toda a política exterior da RFA durante máis de catro décadas. Tanto nos tempos da Doutrina Hallstein coma nos da Ostpolitik de Brandt ou na primeira metade da Era Kohl, a adhesión da República Federal ás grandes estructuras de poder occidentais (CEE/UE, OTAN, etc.) había de prevalecer en todo momento como un auténtico dogma para o establishment teutón.

A raíz da caída do Muro de Berlín (9 de novembro de 1989), e moi especialmente desde a confirmación da Unificación de Alemaña por vía do artigo 23 da Lei Fundamental de Bonn (o que o constitucionalista Ulrich K. Preuß deu en chamar “primado da Nación sobre a Constitución”), o Estado nacional xermano, “Alemaña”, achouse inmerso de cheo nun escenario internacional completamente diferente, que devolvía á orde do día os vellos problemas longamente aprazados por mor da supremacía soviético-americana sobre a Europa central. O dilema que un día formulara o escritor Thomas Mann con motivo do 200 aniversario do nacemento de Goethe ao expor a necesidade vital que o continente tiña dunha “Alemaña europea” fronte á “Europa alemana” do panxermanismo nazi cobraba así unha nova dimensión.

Case unha década despois da completa restitución da soberanía alemana por medio do Tratado Dous Máis Catro (12 de setembro de 1990), a política exterior alemana segue sen atopar o seu sinal de identidade. Como resultado, unha fonda escisión segue a latexar hoxe na política exterior alemana. Así, se ben é certo que, por unha banda, o goberno alemán se apresurou a garantir unha estabilidade na rexión para a Alemaña unificada, non é menos certo que, pola outra, a Unificación de 1990 abriu as portas a tendencias insospeitadas a finais dos oitenta. No ámbito da construcción europea, a ruptura definitiva do tándem franco-alemán, os recortes progresivos dos fondos de cohesión ou o xiro político introducido mediante conceptos como a “integración a diversas velocidades” ou o “federalismo competitivo”, amosan unha faciana ben distinta do discurso europeísta dos oitenta. Máis aló, na política exterior da “outra” Europa, alí onde os compromisos co europeísmo occidental se esvaecen por inexistentes con anterioridade a 1989, semella que nos últimos anos foi adquirindo contornos cada vez máis definidos unha “Alemaña” ben distinta. Baste con relembrar aquí o rápido recoñecemento da soberanía de Eslovenia e Croacia e o conseguinte establecemento de relacións diplomáticas con ámbas as dúas ex repúblicas iugoslavas (23 de decembro de 1991), considerado hoxe por moi diversos analistas como unha auténtica acta de defunción da política exterior europea en cernes.

Á vista desta situación, o balanzo dos noventa para a política exterior alemana semella estar bastante afastado das metas reiteradas polos sucesivos gobernos de Bonn. Lonxe de ser o garante da tan proclamada como aínda inconclusa “construcción europea”, a creación dun novo Estado nacional alemán estase a revelar como unha das grandes incógnitas políticas coas que hai principiar o vindeiro século.


Berlín non é Weimar, Bonn tampouco é

As razóns da crise da política exterior alemana non son alleas a outros aspectos endóxenos á propia República Federal dos que está a dar boa conta o polémico concepto “República de Berlín”. Máis aínda, é na potencialidade constituínte que agacha a conformación do réxime político alemán actual, na resolución das súas contradiccións aínda pendentes, alí onde reside toda a súa relevancia de cara ao futuro de Europa.

Dúas claves axudan a clarexar o momento presente da política teutona. A primeira delas, a chamada “etnificación da política” (Claus Offe) é cada día máis evidente na perda de conceptos antano usuais na política da Alemaña dividida. De feito, unha rápida ollada á prensa alemana da última década abonda para se decatar de que moitas das palabras ao uso durante os tempos da Guerra Fría (República Federal, cidadá/n, etc.) foron desaparecendo do vocabulario político, desaparecendo con elas, tamén, as bases para o tan aclamado “patriotismo constitucional” (Dolf Sternberger/Jürgen Habermas). A cousa é tanto peor se temos en conta que, na súa inercia, tan fortemente marcada pola política institucional, os medios foron os últimos en recoñecer os cambios semánticos da rúa. Pola contra, a recuperación do antigo vocabulario (Alemaña, alemán/a, etc.), non se viu acompañada dunha reelaboración consciente e, xa que logo, política, dos conceptos implicados. Neste senso, non deixa de ser paradigmático o feito de que, xunto co debate da guerra no Kosovo, fose a discusión arredor do nome da nova sede do Bundestag aquela que suscitase maiores polémicas: mentres que para unha parte do Bundestag –maioritariamente á dereita– “Reichstag” debía ser o nome do edificio, para a outra –maioritariamente á esquerda– “sala de plenarios no edificio do Reichstag” cumpría que fose o indiscutido nome da sede parlamentaria. Sexa como for o nome que finalmente se lle deser, o relevante é que na matriz ideolóxica constitutiva da identidade xermana actual non semella haber sitio para unha idea de xermanidade que non sexa o tradicional concepto orgánico-historicista de Nación. As implicacións dunha situación tal non son poucas se temos en conta que desde a caída do Muro diminuíron considerablemente as eivas burocráticas á mobilidade dos alemáns étnicos residentes nos estados do desaparecido bloque do Leste. Ao tempo, o número de estranxeiros –con ou sen papeis– non deixou de medrar nos últimos anos, agravado polas sucesivas vagas de refuxiados procedentes, principal aínda que non exclusivamente, dos Balcáns.

A segunda clave explicativa da situación política actual ten que ver coa crise do modelo institucional da República de Bonn. Desde comezos dos anos setenta, momento do seu máximo apoxeo, o réxime político xermano occidental, tal e como foi coñecido desde a súa fundación, iniciou un lento declive marcado pola progresiva perda de apoio social e a crecente desconfianza da cidadanía cara ás formas “tradicionais” de facer política. Esta crise de lexitimación sen precedentes, especialmente aguda no caso dos partidos políticos, viuse agravada pola difícil institucionalización dos movementos sociais no marco xurídico de Bonn (o célebre Parteienstaat ou Estado de Partidos nacido na segunda posguerra mundial). As recentes modificacións estatutarias na organización máis aberta e flexible neste senso, os ecoloxistas Bündnis'90/Die Grünen, confirman a ruptura definitiva co proxecto orixinal do que un día fora coñecido como o “partido anti-partido”. Sen embargo, o esgotamento das formas tradicionais de facer política, nomeadamente a política de partidos, contrasta cun visible incremento da participación (moi en especial a das mulleres) e o crecente apoio a candidaturas alternativas ás do espectro clásico dos partidos de Bonn.


¿Fin da partida, Kosovo? A República de Berlín e a guerra nos Balcáns

A situación que desde comezos da década se vive nos Balcáns e da que o último –que non derradeiro– episodio se está a desenvolver actualmente no Kosovo, vén confirmar, unha vez máis, que a guerra segue a ser a máis firme constante histórica de todos os grandes momentos de ruptura política na historia deste século. O poder catártico da guerra, subrepticiamente invocado pola tríade gobernamental Schröder-Fischer-Scharping, opera nas circunstancias actuais como mecanismo de lexitimación dunha política militarista conscientemente autocrática. O propio ministro de Asuntos Exteriores, Joschka Fischer, non puido ser máis explícito: “a comprensión na poboación para coa inevitabilidade dos pasos militares é, seguro, moi importante. Pero o goberno actúa pola súa propia convicción”, Der Spiegel, 16/19.04.99, páx. 38). Sen embargo, á vista dos acontecementos máis recentes, non parece que a guerra estea a dar os tan desexados froitos da acción política gobernamental.

En efecto, logo da aínda inexplicada dimisión de Oskar Lafontaine, a elección de Gerhard Schröder co menor respaldo congresual coñecido desde a fundación da República de Bonn non contribuíu gran cousa ao fortalecemento do goberno nin do réxime político. Cousa semellante está a ocorrer co proceso congresual do socio de goberno, Bündnis'90/Die Grünen. E acontece así que, a medida que van pasando os días, o goberno alemán comeza a verse apurado pola necesidade de atopar unha solución política negociada que garanta a propia supervivencia do modelo institucional sobre a que o Estado nacional alemán está a formular a intervención nos Balcáns desde a Unificación de 1989/90. Neste senso, as eleccións europeas ben poden dar ao traste con moitas destas esperanzas. Co proceso electoral en marcha, a “poboación” da que fala Fischer, pode mudar en “cidadanía” e sorprender aos partidos gobernamentais –e moi particularmente aos verdes– cuns resultados semellantes á derrota de Hessen fronte á dereita ou aínda peores (ficar por baixo do 5% e, xa que logo, sen representación parlamentaria).

Se un novo fracaso electoral, esta vez a nivel federal, remata por desencadear unha crise política sen precedentes é cousa ben distinta. Ao cabo, a pasividade e o abstencionismo contan nos think tanks do establishment teutón como a opción menos mala que cómpre non desbotar. Nada indica, nembargantes, que os resultados das últimas convocatorias electorais apunten cara a unha democracia segundo o modelo estadounidense e, moi pola contra, todo apunta ao renacemento dos extremos do espectro político. Perante esta perspectiva, as eleccións europeas prometen ser moito máis ca unhas eleccións ao Parlamento Europeo; especialmente se o PDS repite os resultados de setembro (acadaría representación en Estrasburgo) e a extrema dereita logra perfilar unha única candidatura de cara ao seu electorado.

Raimundo Viejo Viñas é investigador convidado na Humboldt-Universität zu Berlin.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 3/6/99