Tempo Exterior nº 8 - Primavera/99Volver ó sumario


Sáhara Occidental: Declaración sobre a aplicación do Plan de Paz


Te

A Federación de Asociacións de Defensa e Promoción dos Dereitos Humanos (Estatuto consultivo especial ante o ECOSOC-ONU), a Asociación para as Nacións Unidas en España, Cáritas Española, Institut de Drets Humans de Catalunya, Instituto de Estudios Políticos para América Latina e África (IEPALA), Justicia y Paz, Liga Española Pro Dereitos Humanos, Movemento pola Paz, o Desarme e a Liberdade, Paz e Cooperación e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, asinaron, entre outros, unha Declaración Pública sobre a aplicación do Plan de Paz para o Sáhara Occidental na que se manifesta a preocupación e se condenan as violacións dos dereitos humanos, comezando polo dereito á libre determinación, das que están sendo obxecto os saharauís e o pobo saharauí en canto tal, ó tempo que queren chamar a atención sobre os seguintes feitos:

1) A MINURSO puido rematar a maior parte do seu cometido identificando xa a 147.000 persoas (dúas veces o número de persoas do censo español) que, conforme ós acordos de Houston, debían ser convocadas pola Comisión de Identificación; sen embargo, neste proceso de identificación, deixouse fóra ós milleiros de inmigrantes saharauís que non teñen a súa situación regularizada, que viven fundamentalmente en España e Francia, e que non tiveron tampouco acceso á Comisión de Identificación. De manterse o actual estado de cousas, non poderían exercer o seu dereito ó voto.

2) En canto á liberdade de circulación e acceso ó territorio ocupado, o Goberno marroquí restrinxe o libre acceso ó territorio ocupado impedindo a visita ó mesmo de personalidades e diplomáticos... As restriccións impostas por Marrocos á liberdade de circulación minan considerablemente a transparencia do proceso e poñen en perigo os resultados mesmos do referendo. Resulta preocupante o feito de que Marrocos consiga impoñerlle estas prácticas con éxito á propia ONU. Expresamos pois a nosa desaprobación pola falta de garantías á poboación saharauí para poder expresarse, circular e exercer libremente o seu dereito inalienable á libre determinación e á independencia, de conformidade cos principios enunciados na Carta das Nacións Unidas e na resolución 1514 (XV) da Asemblea Xeral, de 14 de decembro de 1960, na que figura a Declaración sobre a concesión da independencia ós países e pobos coloniais.

3) En canto ó retorno dos refuxiados, Marrocos negouse a facilitarlle á Policía Civil de MINURSO as informacións pertinentes para permitir, en condicións de seguridade, o retorno destes. Á súa vez, dende o inicio do conflicto en 1973, todas as partes implicadas colocaron minas en todas as zonas do Sáhara Occidental. Neste aspecto, constatouse igualmente a escasa cooperación marroquí coas unidades de desminado, confiscando durante varios meses no aeroporto de El Aaiún os equipos de comunicación das Unidades de Suecia e Paquistán (países con efectivos que suman 181 homes dos 468 cos que conta a MINURSO na actualidade) provocando o atraso da súa tarefa que debería rematar en outubro de 1998. Expresamos pois a nosa preocupación polo feito de que o desminado é parcial e unicamente se procederá á eliminación de minas nalgunhas fendas dos muros de defensa marroquí e nas zonas de acollida dos refuxiados saharauís, o que supón un perigo constante e unha presión psicolóxica para os participantes no referendo. Hai que ter en conta que a singularidade do terreo, abondoso en dunas, non garante que as zonas limpas sexan completamente seguras.

4) En canto á situación dos dereitos humanos, persisten as graves violacións ós mesmos nas zonas ocupadas do Sáhara Occidental por parte das forzas de seguridade marroquís, en contra dos Tratados internacionais subscritos polo Reino de Marrocos e a pesar da presencia das Nacións Unidas no territorio dende 1991.

Estas violacións tradúcense nunha represión violenta sobre a totalidade da poboación civil saharauí, que se atopa sometida a un aparato represivo de máis de 250.000 axentes marroquís. A pesar da presencia da MINURSO, persisten os asasinatos, as detencións arbitrarias, as torturas e as condenas violando as normas do debido proceso. Continúase sen noticias dos centos de desaparecidos e presos políticos...

Na actualidade, a monarquía marroquí, de carácter absoluto, está desenvolvendo unha campaña de lavado de cara baseada sobre todo na intención de Hassan II de acabar coas violacións de dereitos humanos e a apertura do seu goberno. O Consello Consultivo de Dereitos Humanos, organismo creado polo rei para dar esa imaxe de apertura, anunciou a liberación de 28 presos políticos e o recoñecemento da morte de 70 desaparecidos marroquís nos anos sesenta e setenta. Pero a realidade é que o caixón acaba de abrirse, posto que a cuestión de centos de presos e desaparecidos saharauís segue a ser tema tabú.

Á vista desta situación, queremos chamar a atención:

a) Sobre a necesidade de que os centos de desaparecidos saharauís, incluído o caso de Mohamed Basiri baixo responsabilidade do Goberno español, satisfagan o seu dereito á verdade, a xustiza e a reparación e de que as víctimas de tortura e tratos crueis, inhumanos e degradantes se vexan tamén recompensadas. Para iso os autores das violacións deben ser identificados e postos a disposición da xustiza para así esixirlles a súa responsabilidade conforme a dereito.

b) Sobre o feito de que a creación dun clima de confianza e serenidade necesarios para o desenvolvemento dun referendo libre e o respecto ós instrumentos internacionais de dereitos humanos e ó dereito internacional humanitario requiren a liberación de todos os presos e desaparecidos saharauís, a creación dunha comisión de investigación independente sobre as graves violacións dos dereitos humanos exercidas polas partes en conflicto e o xuízo ós autores das mesmas.

5) Consideramos, ante a continuidade dos diferentes aparatos represivos, que as garantías para un referendo libre deben pasar polo afastamento dos servicios e órganos do Estado marroquí responsables de graves violacións dos dereitos humanos no Sáhara Occidental, particularmente, o Exército marroquí, a Dirección de Vixilancia do Territorio, a Policía Xudicial, a Xendarmería Real e as Compañías Móbiles de Intervención. Estes corpos son os responsables de máis do 90% das detencións efectuadas no Sáhara Occidental.

6) Así mesmo, consideramos reprobable a pasiva conducta da comunidade internacional, e moi especialmente do Estado español, dada a súa responsabilidade histórica, cara ó pobo saharauí, e insistimos en que a única vía para o establecemento da paz e da seguridade no Sáhara Occidental consiste na pronta celebración do referendo de autodeterminación. Neste sentido, o Estado español debería promover activamente dita celebración; mesmo se se ten en conta a oposición activa de Marrocos –non soamente non existe ata o momento ningún español na MINURSO, senón que tampouco o Goberno español amosou interese no envío de observadores cualificados á zona–, respectando e apoiando en todo momento o dereito do pobo saharauí á libre determinación.

7) Na súa última xira á rexión do conflicto, que culminou coa visita ós campamentos de refuxiados e Alxeria, do 30 de novembro ó 2 de decembro de 1998, o secretario xeral da ONU, Sr Koffi Annan, puido constatar que a Fronte Polisaria acepta claramente o Plan de Paz, o que implica que o único obstáculo para que o pobo saharauí goce plenamente do seu dereito á autodeterminación, de conformidade co dereito internacional, constitúeo o Reino de Marrocos, que persiste en obstaculizar os esforzos da comunidade internacional para chegar a unha solución pacífica e duradeira.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/3/99