Tempo Exterior nº 8 - Primavera/99
O “X” da operación Cóndor
O mediático e prolífico xuíz Garzón adoita utilizar, como sistema de traballo, un virtual organigrama no que vai colocando as xerarquías é vínculos entre os compoñentes das heteroxéneas tramas que investiga: terroristas, narcotraficantes, xenocidas, etc; no cumio sitúa o enigmático “X” que lle dá coherencia á hipótese.
O seus esforzos diríxense, neste momento, a desentrañar a Operación Cóndor, na que durante as décadas dos 70 e 80 se planificou de xeito coordenado a sistemática limpeza das oposicións ás xuntas militares que gobernaban o Cono Sur.
O papel estelar da coordinación, da cirúrxica acción, asumiuno o golpista Pinochet, quen dirixiu a conexión da axuda mutua entre réximes militares, para se desfacer dos opositores e para se erixir no primeiro gran vencedor do comunismo, antes da caída do muro de Berlín.
Os documentos secretos desclasificados hai dous meses nos EUA, polos que suspira Garzón e sobre os que 36 congresistas demócratas presionan para que se lle entreguen ao xuíz, apuntan directamente a Pinochet, con probas que o implican claramente no xenocidio.
Por moi alto no organigrama que estea o xeneral, tal como denominan os xornais chilenos ao senador vitalicio, aínda queda un último chanzo para chegar ó “X”. Enriba, coa discreción de quen non se sente obxecto da atención do mundo, está o goberno republicano de Richard Nixon, e o eficaz Henry Kíssinguer, que lle deron instruccións á CIA para que tomase as medidas tendentes a impedir a chegada ao poder dos socialistas. Cando as urnas lexitimaron no poder a Allende a orde foi máis concisa e fría: “Salvade Chile”.
Dende a atalaia norteamericana banalizouse posteriormente a dictadura, mentres galopaba a súa americanización, mesmo cunha maior presencia do inglés no sistema educativo. Na nova perspectiva había que esquecerse dos Andes e proxectarse cara ao norte. A economía fíxose paseniñamente cada vez máis dependente dos intereses dos estadounidenses.
Á sombra da “pax romana, manum militaris” afluíron abondosos recursos financeiros, provenientes en boa parte do lavado dos narco-dólares, para investir en empresas nas que as reivindicacións sobre as condicións de traballo ou de salarios eran atenazadas polo medo. A florecente economía do país valeulle o alcume de “O Xaguar” de Latinoamérica.
Quizais por todo isto o Goberno de Washinton non se atope demasiado incómodo co deterioro das relacións entre Chile e Europa, xa que nos últimos anos amosábase preocupado pola marxe de autonomía que estaba a acadar o Mercorsur, co que Chile e Bolivia asinaron un acordo marco o 1 de xaneiro de 1995.
Esta área comercial emerxente, dotada de personalidade xurídica internacional, fechou un tratado comercial coa Unión Europea que inaugurou a cooperación formal entre dúas unións aduaneiras, por primeira vez na historia. Neste contexto, W. Clinton non dubida en reactivar vellos litixios en sudamérica, ao propoñer a Arxentina un estatuto de aliado excepcional provocando, posiblemente, unha carreira de armamento no Cono Sur polas desconfianzas espertadas en Chile e Brasil.
Se se pretende consolidar un espacio económico de libre comercio en toda América a partir do 2005, non veñen nada mal as novas tensións e desconfianzas mutuas destapadas polo apoio chileno á coroa Británica na guerra das Malvinas, nin as últimas tensións entre dous membros da Unión Europea cun aliado cualificado do Mercosur.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/3/99