Tempo Exterior nº 8 - Primavera/99Volver ó sumario


Novos proxectos


Editorial

Despois de case dous anos de andaina con Tempo Exterior, consideramos chegado o momento de facer un alto no camiño para avaliar tanto a súa correspondencia cos obxectivos iniciais como o nivel de aceptación por parte dos lectores. Á marxe das análises e reflexións internas propiciadas dende a propia dirección do Instituto e da propia publicación, solicitabamos dos lectores un pronunciamento explícito sobre o seu interese por continuar recibindo cada tres meses esta humilde publicación; unha iniciativa, sen embargo, desgraciadamente excepcional no modesto panorama da análise internacional en Galicia.

¿Cal foi o nivel de resposta? Evidentemente nós sempre agardamos máis, pero cómpre sinalar que foron moitos os lectores que a través de diferentes medios nos animaron a continuar, a perseverar e a mellorar Tempo Exterior. Gracias a todos e a todas. O abano de respostas foi tan diverso coma o panel de entidades e individuos que a reciben: persoas do mundo da comunicación, organizacións non gobernamentais, colexios profesionais, sindicatos, partidos políticos, parlamentarios, representantes de todas as administracións públicas, universidades, centros de ensino medio, organismos similares doutras partes do Estado e tamén, claro está, dos nosos amigos de Portugal. Non hai un colectivo que sobresaia especialmente dos demais.

¿Suxestións? Algunhas. Dende ampliar a dimensión da edición para poder tratar máis temas ata incrementar a súa periodicidade. Somos da opinión de que aínda é cedo para ámbalas dúas cousas, tendo en conta, en primeiro lugar, a insuficiencia dos recursos económicos e, en segundo, a necesidade de perseverar máis (diversificando e ampliando o número de colaboradores e lectores) para podermos falar da súa consolidación.

Ao tempo que expresamos a nosa satisfacción por esa receptividade anunciamos a posta en marcha dun novo proxecto que pretende dar resposta a outra das peticións máis destacadas. Trátase da edición dun caderno monográfico sobre temas e conflictos de actualidade internacional que chamaremos Texturas. Nel procuraremos transcender a obrigada brevidade que nos impoñen as oito páxinas de Tempo Exterior para afondar en asuntos de especial interese dende unha perspectiva informativa e analítica, proporcionando referencias útiles (dende recursos bibliográficos ata enderezos de Internet) para que os máis interesados teñan a oportunidade de pormenorizar.

Texturas sairá un mínimo de tres veces por ano e contará coa colaboración de protagonistas ou especialistas nas materias obxecto de estudio. A programación concertada para 1999 inclúe tres números: “As autonomías de Escocia e do País de Gales, O Reino desunido”, “Pinochet e a impunidade en América Latina” e “Os conflictos de Oriente Próximo: unha aproximación”.

Tempo Exterior, Texturas ou a colección Pretextos Internacionais son iniciativas do IGADI que pretenden dar forma a esa preocupación nosa por divulgar a importancia e a transcendencia do factor exterior na sociedade contemporánea, inquietude presente dende a nosa constitución a finais de 1991, porque estimamos que en Galicia, a pesar de ser unha sociedade tradicionalmente aberta, existe un déficit de interese e de observación que nun mundo en cambio coma o actual debe ser superado canto antes. Agardamos seguir contando co apoio das institucións, públicas e privadas, para a continuidade ou posta en marcha destes proxectos. Pero, máis que nada, precisamos desa complicidade activa do lector que dende aquí reclamamos e, sobre todo, agradecemos.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/3/99