Tempo Exterior nº 8 - Primavera/99Volver ó sumario


Conciencia atlántica


Xulio Ríos

Cómprenos unha nova mirada do Atlántico. Agora que podemos percibir con maior inmediatez a irreversibilidade dese proceso de ampliación da Unión Europea que vai acentuar, inexorablemente, a nosa condición periférica, é fundamental ser conscientes de que unha das variables esenciais para vertebrar a participación de Galicia en Europa consiste no aproveitamento máximo das estructuras comunitarias vinculadas ás dinámicas rexionais. Pode ser un excelente instrumento para gañar peso político, para mitigar a condición periférica e para activar sinerxías que repercutan positivamente no desenvolvemento de Galicia.

Urxe converter esta inmensa fronteira co océano nun recurso e nunha potencialidade que impulse a nosa modernización e o progreso. De Portugal a Irlanda, pasando polo Reino Unido e Francia, non resulta complexo identificar preocupacións e aspiracións compartidas, constatar problemas derivados dunha identidade común en moitos aspectos. ¿Que falla? Falla a capacidade de comunicación, de entendemento e de intercambio entre os diversos territorios atlánticos. Todos miramos a Bruxelas ou ás capitais dos respectivos Estados, pero non existe unha comunicación horizontal o suficientemente intensa como para establecer un grupo de influencia con capacidade suficiente para reivindicar e dinamizar iniciativas e proxectos de interese común.

Limitado “per se” na súa formulación, o Eixo Atlántico pode activar estratexias nun marco xeográfico e institucional reducido, se ben profundar nel podería servir para intensificar as relacións de Galicia e do Norte de Portugal. Pero, agora que Galicia ostenta a Presidencia do Buró, é necesario apostar por un salto cualitativo na dinámica do Arco Atlántico, enchendo de contidos o seu discurso, desterrando a idea de que é unha parafernalia administrativa máis, pouco operativa e ineficiente. Hai que crer no Arco Atlántico. E iso significa descubrir as súas posibilidades e interiorizar un cambio de conducta.

Esa nova mirada debe xurdir dos sectores económicos e sociais, das institucións, das entidades máis dinámicas e abertas ós escenarios exteriores, pero tamén debe, necesariamente, impregnar o conxunto da cidadanía. Soamente dese xeito poderá operar esa toma de conciencia sobre a franxa xeográfica e cultural na que nos asentamos. É o cambio indispensable que precede a calquera outra transformación. Cómpre anegar de conciencia atlántica a política local, galega e europea dos axentes sociais.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/3/99