Tempo Exterior nº7 - Inverno/98-99
Wye River, unha nova falacia
“A táctica consiste en saber qué facer cando hai algo que facer. A estratexia, en saber qué facer cando non hai nada que facer” (S. Tartakover / GM polaco)
Entre táctica e estratexia debátense os israelís e os palestinos dende hai medio século.
Dende o punto de vista cronolóxico, aínda que o conflicto na zona comezou moito antes, a principal data de referencia é 1948. Ó remate da II Guerra mundial, coa retirada británica das súas colonias na zona, a ONU, mediante a resolución 181/novembro 1947, propuxo a partición do territorio, ata entón integramente palestino, en dous estados independentes. Apoiándose nesta resolución, os xudeus proclamaron de forma unilateral un Estado sionista propio e exclusivo; ademais de exclusivista. Foi un 15 de maio de 1948 e desencadeou a primeira das guerras árabe-israelís. Os demais estados árabes saíron en defensa dos seus irmáns palestinos. A partir desta data comeza a tráxica andaina que nos leva ata hoxe, no outono de 1998, e o Memorando de Wye River.
En 1964 materialízase a creación da Organización para a Liberación de Palestina (OLP). Esta formación, despois da Guerra dos Seis Días, en 1967, optaría polo enfrontamento aberto contra a ocupación militar israelí dos territorios libres de Gaza e Cisxordania, e que a partir dese momento se denominarán “territorios ocupados” (TTOO).
O Estado palestino tivo que recompoñerse no exilio pero nunca acadou a forza suficiente para reconquistar a súa terra. O statu quo foise impoñendo e aceptando, aínda que nunca de forma incondicional. En 1974, a ONU recoñece á OLP como representante único e lexítimo do pobo palestino. Pero a pesar desa declaración política, da axuda prestada polos estados veciños e dos fondos recadados internacionalmente para soster a loita, a contenda mantívose sen alteracións substanciais ata que en 1987 comeza a Intifada. A Intifada, protagonizada polo propio pobo palestino, foi a clave que desencadeou os acontecementos posteriores.
A partir de entón sucedéronse as conferencias e os tratados de paz: 1991, Conferencia de Paz para Oriente Medio en Madrid; 1992, ronda de negociacións entre os participantes na Conferencia de Madrid; 1993, Acordo de Oslo, que inicia un período de transición de cinco anos para dar unha resolución definitiva ó conflicto; 1995, Oslo II, que materializa os Acordos de Taba. Despois da implantación o ano anterior da Autoridade Nacional Palestina (ANP) agora amplíanse as súas zonas de autogoberno; 1997, paralización do proceso de paz trala morte do primeiro ministro israelí Rabin e a elección do candidato conservador Netaniahu.
1998, o tempo de Wye
Se temos en conta que o proceso de paz estaba conxelado, por non dicir practicamente morto dende que o mesmo lle ocorrera a Rabin, a simple reunión dos dirixentes palestino e israelí en Wye Plantation é un gran logro. Pero se fixamos a nosa atención en moitos outros factores podemos chegar á conclusión de que o Memorando de Wye River é unha grande falacia e resulta contraproducente para ámbalas dúas partes.
En primeiro lugar, debemos considerar a que tipo de problema nos estamos a enfrontar.
A clave principal é política: a necesidade de efectuar o reparto duns territorios que ámbolos dous pobos anhelan e consideran de seu. Pero tamén existen consideracións de tipo económico: algúns territorios son productivos pero noutros casos trátase de deserto, o cal significa ausencia de auga, recurso sen o cal un territorio non é nada. Igualmente debemos ter en conta o factor estratéxico: neste senso, algúns territorios, pola súa posición, convértense en esenciais para a protección fronte ós hipotéticos inimigos, ademais de posuír enlaces, comunicacións, etc. Por último, restaríanos, quizais non o máis relevante na actualidade pero si o que puido desencadear o conflicto en orixe, isto é, a relixión: Palestina, como territorio histórico, é o berce de distintas culturas que pugnan nos nosos días pola súa supervivencia. A relixión e cultura xudías quizais foron as máis ameazadas e polo tanto son tamén as que loitan con máis forza por asentarse nuns territorios que historicamente consideran que lles foron outorgados e dos que posúen un peculiar título de propiedade, a “Biblia”.
Tendo en conta todos estes factores, procede analizar os puntos principais do Memorando. Os israelís ceden ós palestinos un 13% do territorio: ¿unha zona escollida ó chou?. Nin moito menos. É terra seca e árida na que o único espacio realmente utilizable debe ser declarado reserva natural; indubidablemente, tampouco supón ningunha ameaza para os enclaves israelís pois está fora das súas rutas. Mentres, Tel-Aviv continúa a política de asentamentos, tanto novos como a ampliación dos xa existentes, inclusive os máis conflictivos como o de Kiriat Sefer e o de Har Homa, todos dotados dunha importante infraestructura e de medidas de seguridade extremas.
No aspecto ideolóxico-relixioso, os israelís tamén sacaron bo proveito de Wye River: non soamente impuxeron a negativa a entregar Xerusalén Este como próxima capital palestina senón que ademais conseguiron enfrontar a Arafat cos seus líderes relixiosos e situalo na tesitura de destruír as faccións políticas e militares que se enfrontan ós israelís (e por iso cualificadas de terroristas). O goberno de Netaniahu considera estes grupos extremadamente perigosos para a súa seguridade, tanto en Cisxordania coma en Gaza.
O caso é que a pesar da vantaxe que Israel consegue, de xeito ningún están pola labor de facer efectivos os acordos, primeiro retardando a súa posta en marcha por razóns burocráticas e logo buscándolle a reviravolta ó acordado. Non só non poñen na rúa o número de presos establecido, senón que reclaman a modificación da Carta Nacional Palestina (no senso de que esta reclama a expulsión dos xudeus de todos os territorios históricos palestinos) e mesmo chegan a ameazar con anular os acordos se Arafat se empeña en proclamar o Estado Palestino en maio do 99, data que, por outra banda, así se pactou e estableceu no primeiro Tratado de Paz de Oslo.
O porque da cuestión
Os motivos que impulsaron a Washington a intervir son supostos sen problemas: Clinton perdía credibilidade a medida que os seus trapos sucios (affaire Lewinski) se aireaban e precisaba con urxencia dun impulso que lle permitise levantar a súa popularidade de cara ás eleccións lexislativas. Este debía vir de Oriente Medio por ser a zona máis delicada e, polo tanto, máis doada para unha intervención do Presidente. O dilema ven dado polos motivos dos principais implicados. Netaniahu enfróntase ós radicais do seu pobo que non son partidarios de ningún acordo ou concesión ós palestinos e apoian, en cambio, a anexión dos TTOO. Ademais, o líder israelí tampouco conta co respaldo do seu goberno nin da Knesset, a quen debeu convencer con promesas supostamente feitas por Arafat á marxe das declaracións oficiais.
Pola súa banda, o dirixente palestino atópase case cos mesmos problemas internos pero agravados, se temos en conta que as organizacións que o apoiaban están sendo desmanteladas en aplicación do acordado e que tampouco consegue pechar filas totalmente no seo do seu partido Al-Fatah.
Entón, ¿por que este acordo sen substancia? O máis sinxelo é pensar que se viron forzados polas circunstancias. Netaniahu estaba sendo acusado continuamente desde todos os ámbitos internacionais de non facer nada pola paz: agora facíao sen perdas significativas. Netaniahu aplicou a táctica. Desgraciadamente, Arafat aférrase á estratexia porque, do contrario, para o seu pobo non quedaría outra opción que iniciar unha nova guerra.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/1/99