Tempo Exterior nº7 - Inverno/98-99
O mundo e a aula
É constatable a crecente importancia das cuestións internacionais. A sensibilidade cara a estes asuntos vai en aumento. O interese, tanto individual como colectivo, é cada vez maior porque é a consecuencia inevitable de demandas estructurais dunha sociedade cada día máis culta e vertebrada, preocupada por saber, opinar e participar en todo o que dalgún xeito lle afecta.
O momento de tránsito que nos toca vivir é apreciable en moitos dominios. Algúns profundos e de gran calado como o derrube do modelo socioeconómico e político vixente na antiga Unión Soviética e a súa área de influencia, a globalización ou eses balbucidos da chamada era da información. Outros de gran proxección, mesmo nos aspectos máis nimios da nosa vida cotiá, como a entrada na derradeira fase que nos levará ata a plena vixencia do euro. Uns e outros anuncian novidades por tódalas partes nun proceso emerxente que se caracteriza pola complexidade e que marcará, de principio a fin, este milenio. Sen dúbida estamos ante un novo comezo.
A rapidez con que flúe esta nova situación impide en numerosos casos unha pausada toma de razón sobre a transcendencia da época que estamos a vivir. E sería lamentable, sen embargo, concluír, vinte anos adiante, que vivimos e transitamos polo epicentro dun dos períodos máis transcendentais da humanidade contemporánea sen a penas decatarnos. Por iso a todos nos cómpre seguir de preto os apaixonantes cambios, cosméticos uns, profundos outros, cargados de incertezas case sempre, que experimenta o mundo actual.
A aula, como auténtico laboratorio do futuro inmediato onde se configura a sociedade do mañá, é o medio adecuado para que os novos se decaten deste presente en constante cambio e aprendan a identificar as súas claves principais. O proceso educativo, principiando polo profesorado, debe abrir fiestras a estes debates e reflexións, debe estimular o interese, incentivar a curiosidade, achegar a capacidade innovadora suficiente para impedir que todo transcorra coma se nada estivese pasando e afianzar aqueles valores que nos permitan superar as contradiccións do presente sen dar abeiro a actitudes destructivas, fundamentalistas, insolidarias.
Non é esa unha tarefa que se poida abordar de xeito sesgado ou parcial; pola contra, debe ser o resultado dun proceso mancomunado e aberto á colaboración de entidades públicas e privadas, de profesorado e especialistas, de asociacións pedagóxicas e institutos de análise e investigación internacional, para establecer un marco operativo coherente, global e o suficientemente apropiado como para dar unha satisfactoria resposta ás inquietudes dos diferentes colectivos ós que se dirixe.
Agora que se cumpren, parafraseando ó excelente cronista americano John Reed, os primeiros dez anos daqueles
feitos que, de novo, abanearan o mundo, a piques de entrar nun novo milenio, o curso 1999-2000 pode ser unha excelente
ocasión para impulsar un programa galego de educación do internacional que condense, sintetice
e oriente o tratamento no aula dos actuais problemas da sociedade mundial. Debemos comprometer ós máis
novos co momento histórico que vivimos.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/1/99