Tempo Exterior nº7 - Inverno/98-99
Da flexibilidade chinesa ó continuísmo
taiwanés
As eleccións lexislativas celebradas en Taiwán o 5 de decembro deron a sorpresa. Contra todo prognóstico, o Kuomintang, partido que ata a data goberna en Taipei, foi o claro vencedor nos tres procesos electorais: lexislativas, alcaldías de Taipei e Kaohsiung e concelleiros destes dous municipios especiais.
Un total de 403 candidatos competiron por 225 escanos na Cámara que en Taiwán se coñece co nome de Iuan Lexislativo. O actual partido no goberno, o Kuomintang (KMT), presentou 115 candidatos; o principal partido da oposición, o Partido Democrático Progresista (PDP), presentou 79; o Partido Novo (PN), terceira forza política, presentou 36; a Alianza Democrática, 21; o Partido da Independencia de Taiwán, 18; e a Alianza da Nación Nova, 13. Os demais candidatos eran independentes ou pertencían a pequenos partidos. Dos 225 novos lexisladores, 168 elixíanse directamente nas circunscricións xeográficas; as denominadas circunscricións aborixes elixían 8; outros 8 eran elixidos en representación dos chineses de ultramar, e 41 elixíanse nunha circunscrición nacional mediante o sistema de representación proporcional.
Resultados
|
Iuan Lexislativo |
KMT | 46.41% |
96 |
|
| PDP | 29.56% |
52 |
||
| PN | 07.07% |
7 |
||
|
Alcaldías |
Taipei | Ma Yieng Jyou (KMT) | ||
| Kaohsiung | Shye Chang Tying (PDP) | |||
|
Concelleiros |
Taipei | |||
| KMT | 40.80% |
22 |
||
| PDP | 30.80% |
19 |
||
| PN | 18.50% |
9 |
||
| Kaohsiung | ||||
| KMT | 45.18% |
25 |
||
| PDP | 26.81% |
9 |
||
| PN | 03.84% |
1 |
||
Foron estas as eleccións da mesura en todas as frontes. No ámbito propiamente interno, a ampla victoria do KMT, inesperada para moitos, pon de manifesto con toda nitidez a súa enorme capacidade de presencia e de ocupación social, a súa plena consolidación na nova etapa democrática de Taiwán. Con este trunfo, o KMT conseguiu asentar a lexitimidade desa metamorfose da dictadura ó novo escenario democrático e frear o que ben puidera ser o comezo do seu fin. Loitando palmo a palmo para gañar, esta especie de “Movemento Nacional” conseguiu o que parecía máis difícil: pasar con pés de la sobre o desgaste producido por case 50 anos de exercicio ininterrompido do poder e deter o ascenso do seu principal rival, o PDP, embarullado na súa moderación de última hora. A derrota en Taipei do seu candidato, Chen Shui-bian, supón un durísimo golpe ás súas aspiracións para vencer nas eleccións presidenciais do ano 2000.
Tempo hai que a sociedade taiwanesa enviara a todos os seus dirixentes políticos unha clara mensaxe de cordura, pero a moderación do PDP produciuse a destempo. Ata febreiro de 1998, a reivindicación independentista era o principal sinal de identidade e o aglutinante esencial das diversas correntes que conflúen no seu seo. O esforzo por situarse en posicións máis centristas precisa dun maior horizonte temporal para callar nun electorado confundido, desconfiado e que, ante a dúbida, opta maioritariamente polo seguro e coñecido.
Doutra banda, cómpre destacar o xiro que a China continental imprimiu á súa política cara Taiwán. Se nos comicios presidenciais de 1996 as manobras militares (incluíndo o uso de mísiles desprovistos de carga) crispaban o debate político-electoral, Beijing optou agora por enviar á “provincia rebelde” toda unha lexión de observadores integrada por diplomáticos, académicos, etc, para seguir de preto o proceso electoral e efectuar unha primeira toma de contacto directo con todas as forzas políticas, incluídos os independentistas.
China intenta atopar unha nova linguaxe común con Taiwán. A visita realizada a mediados de outubro ó continente por parte de Koo Chen-fu, presidente da SEF (Fundación para os Intercambios no Estreito) veu precedida de mutuos xestos de aproximación. Por exemplo, por primeira vez en moito tempo non se realizaron exercicios militares durante as celebracións da festa nacional de Taiwán, e China, pola súa banda, reforzou aínda máis a protección legal dos investimentos empresariais procedentes de Formosa. Jiang Zemin, o Presidente chinés, firmemente asentado no poder, recibiu a Koo Chen-fu como a un verdadeiro compatriota (tongbao).
O novo clima deseñado por Beijing contempla catro piares básicos. En primeiro lugar, a seducción empresarial. Durante 1997 o intercambio comercial ascendeu a 20.000 millóns de dólares, pero o clima de confrontación e a instrucción de Taipei de orientar os capitais cara ó Sueste asiático para reducir a súa vulnerabilidade estratéxica, eliminou moitas expectativas. En segundo lugar, diálogo e apoio mutuo para capear as consecuencias da integración na economía internacional (crise financeira ou ingreso na OMC). En terceiro lugar, a busca de alternativas ós diferendos considerados de máis fácil solución como a pesca ou as cuestións humanitarias co fin de establecer e consolidar marcos concretos de cooperación. En cuarto lugar, a construcción dun consenso nacionalista sobre unha dobre base: apoio en reivindicacións “de estado” fronte a terceiros (a soberanía chinesa sobre as illas Daoyutai ou as Spratleys-Nansha) e a contención do independentismo.
Tamén en Zhonnanghai semella que por fin se pode abrir camiño a diplomacia en detrimento da presión belicosa. Así deberá ser se en Beijing se toma en serio a posibilidade de conseguir a tan desexada reunificación “vencendo sen loitar”, como ensinara no seu día o filósofo e táctico Sun Tzu.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/1/99