Tempo Exterior nº7 - Inverno/98-99Volver ó sumario


A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade


Te

No prazo dun ano, o Fondo Galego, iniciativa impulsada, entre outros, polo IGADI, conseguiu máis que duplica-lo seu número de socios. Na actualidade abarca a máis do 33% da poboación total de Galicia. O Fondo Galego é membro integrante da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade.

Aínda que cada fondo nace a partir dunhas orixes que son distintas en cada ámbito territorial e que, polo tanto, lle proporcionan unha identidade propia, existe unha ampla coincidencia de postulados entre os fondos. En 1995 acordouse, dende a total independencia, constituí-la Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade como marco de coordinación e de representación conxunta.

Son tarefas propias da Confederación contribuír a impulsa-la cooperación descentralizada dentro e fóra dos ámbitos territoriais dos seus membros, así como propicia-la súa vertebración en redes. Neste sentido, dende entón está colaborando en sistematizar e difundi-las experiencias de cooperación intermunicipal e en colaborar activamente nos procesos emerxentes de xeración de novos fondos e outras redes de cooperación municipal.

A Confederación asume tamén ser interlocutor común ante as institucións estatais, europeas e mundiais con presentacións coincidentes. Neste sentido, participouse activamente no proceso de debate da primeira Lei de Cooperación do Estado español expresando colectivamente ante tódolos grupos parlamentarios as nosas opinións. A recentemente creada Comisión Interterritorial debe ser un bo marco de coordinación e concertación con outros niveis da Administración pública. A nivel europeo, está aínda pendente o establecemento de vías estables de interlocución directa coa Unión Europea.

Un dos retos nos que a Confederación está conseguindo maiores resultados é no apartado de coordina-las accións para conseguir unha aprendizaxe mutua e no establecemento de criterios comúns de análise, avaliación, control e seguimento. Neste sentido, dende 1997 dispón dunha oficina técnica de seguimento sobre o terreo para a área de Centroamérica, México e Caribe.

Dado o importante papel que ó noso entender debe te-la sensibilización do Norte para xerar un clima na opinión pública favorable á promoción dunha nova orde económica internacional, traballamos coordinadamente en propostas de sensibilización compartidas, como é a nova edición da Guía Municipal para a Cooperación e outras iniciativas en colaboración coas coordinadoras de ONGs.

En último lugar cabería definir que aínda non sendo un obxectivo prioritario o cofinanciamento de proxectos de cooperación no marco da Confederación de Fondos, cando se produciu foi en programas de compoñente municipalista.


¿Que son os Fondos Municipais de Cooperación e Solidariedade?

Un Fondo de Cooperación e Solidariedade é un organismo sen ánimo de lucro que reúne concellos e outras institucións públicas e privadas cos obxectivos:

1. Contribuír ó desenvolvemento do Terceiro Mundo mediante a constitución e xestión dun fondo económico que posibilite unha cooperación descentralizada e promova un desenvolvemento sostible.

2. Administrar e xestiona-los fondos económicos destinados ó Fondo para proxectos de axuda ó Terceiro Mundo e campañas de sensibilización sobre cooperación ó desenvolvemento.

3. Fomentar e apoia-los esforzos das institucións oficiais, entidades e asociacións para crear un clima de opinión favorable á promoción dunha nova orde económica internacional.

4. Estimula-la participación cidadá, mediante campañas e informacións adecuadas, nos proxectos de cooperación co Terceiro Mundo.

5. Colaborar para que sexa unha realidade a contribución mínima do 0,7% do producto interior bruto á axuda pública ós países subdesenvolvidos, segundo os acordos das Nacións Unidas subscritos polo Estado español.

6. Ser unha voz ética colectiva que denuncie calquera situación que atente de maneira grave contra os dereitos humanos e que poida presentar propostas de resolución a favor da solidariedade e a cooperación en calquera ámbito de representación política.


Características e vantaxes dos fondos

Como características intrínsecas á creación dun Fondo poderíanse destacar:


Cooperación descentralizada

Na I Conferencia Europea sobre Cidades e Desenvolvemento, celebrada en Colonia en setembro de 1985, co tema “Da caridade á xustiza”, facíase un chamamento á acción conxunta das ONGs e das comunidades locais para unha cooperación ó desenvolvemento Norte-Sur. En posteriores edicións da Conferencia, Bulawayo (1990) e Berlín (1992), insistíase en promover “iniciativas locais e rexionais para un desenvolvemento sostible”.

No Estado español –e contrariamente a outros países– denominouse “cooperación descentralizada” ó conxunto da cooperación que non corresponde ás instancias do Goberno central, é dicir, tanto a cooperación das administracións públicas rexionais e locais como a das Organizacións Non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGD). Cabe sinalar adicionalmente que a principal función das administracións públicas subestatais en canto á cooperación foi o cofinanciamento de proxectos de ONGD.

Ó igual cá Cooperación Oficial ó Desenvolvemento español (bilateral, europea e multilateral), a cooperación descentralizada española é recente. Coa excepción dunhas poucas ONGD que existían anteriormente, pódense data-los seus inicios máis remotos alá por 1985-86.

Os principais actores da cooperación descentralizada española son:

Cabe sinalar, en canto a outros actores:

Para que unha cooperación sexa efectiva é necesaria a participación directa da comunidade beneficiaria. Por iso, a cooperación descentralizada permite atopar, en cada caso, os interlocutores máis adecuados. Un dos exemplos máis claros desta cooperación é o irmandamento entre poboacións do Norte e poboacións dos países en desenvolvemento, e a cooperación entre homólogos.

Cónstanos que dende as coordinadoras de ONGD se está facendo un esforzo por regula-lo sector mediante, entre outras medidas, a aprobación dun código ético. Dende a Confederación e dende cada un dos Fondos debemos traballar activamente para contribuír a vertebra-la cooperación descentralizada establecendo criterios comúns de actuación, facilitando o seguimento e control dos proxectos realizados e reducindo os custes de xestión.

O boom que experimentou nos últimos anos a cooperación descentralizada ten, sen dúbida, un amplo abano de consecuencias po-sitivas, ademais das puramente económicas:

Todos estes cambios que, maioritariamente, resultaron positivos tamén suscitan algúns retos a ter en conta:


Actividades máis destacadas

Guía Municipal de Cooperación.- A edición da Guía Municipal para a Cooperación - A Solidariedade Norte-Sur, un reto para as institucións locais (1991), en colaboración conxunta entre IEPALA, Euskal Fondoa e Fons Català, supuxo o primeiro instrumento ó servicio de corporativos e técnicos municipais no importante camiño da cooperación internacional. Proximamente publicarase unha segunda edición completamente actualizada da Guía Municipal, editada pola Confederación de Fondos e IEPALA.

Xornadas de Cooperación Descentralizada.- En xuño de 1996 organizouse, de forma conxunta entre a Confederación de Fondos e a Coordinadora de ONGs para o Desenvolvemento, a 1ª Xornada de Cooperación Descentralizada, en Getafe, coa participación de máis de 140 representantes de municipios cooperantes e ONGs. Os relatorios e conclusións destas xornadas foron editadas en 1997.

Lei de Cooperación.- O Congreso dos Deputados aprobou en abril de 1998 o Proxecto de Lei de Cooperación ó Desenvolvemento que regulará a axuda do Estado español ós países menos desenvolvidos. O novo texto aprobado recolle algunhas das emendas presentadas pola Confederación de Fondos ós diferentes grupos parlamentarios, nas que se facía fincapé na importancia da cooperación descentralizada como vía de participación dos diferentes organismos locais (administracións locais, sociedade civil...) na cooperación ó desenvolvemento.


Oficina conxunta en Managua

A Confederación de Fondos dispón actualmente dunha oficina conxunta que cobre as áreas de Centroamérica, Caribe e México e onde traballan dúas técnicas cooperantes. Os obxectivos da oficina son a representación individual e conxunta dos fondos nestas áreas xeográficas e levar a cabo o seguimento e avaliación dos proxectos en curso. A oficina permite un maior coñecemento da situación sobre o terreo e poder dispoñer de información actualizada a un baixo custe de xestión, cousa que non podería asumir un único fondo e, menos aínda, un único concello.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/1/99