Tempo Exterior nº6 - Outono/98Volver ó sumario


Unha iniciativa digna de eloxio


Editorial

O Consello da Xunta de Galicia, en sesión celebrada o pasado 17 de xullo de 1998, aprobou o “Programa Cuatrienal de Acción Exterior de Galicia”. Trátase dunha iniciativa política que con independencia das súas lagoas, imperfeccións e mesmo das lexítimas discrepancias que naturalmente pode e debe suscitar, ha de ser avaliada moi positivamente. O Programa constitúe un documento exhaustivo que ademais de inventariar rigorosamente o estado da nosa acción exterior, por primeira vez dende o comezo da andaina autonómica, incorpora unha clara toma de conciencia sobre a crecente importancia do factor exterior para o desenvolvemento das políticas internas. Así, o Programa chama a atención sobre a necesidade de que o conxunto da Administración e dos poderes públicos tomen conciencia da necesidade de incorporar a variable exterior nas súas actuacións, de evitar a dispersión, de coordinar, converxer e planificar as diferentes integrantes que poden contribuír ó reforzamento da proxección exterior de Galicia. Se efectivamente pode dicirse que nunca é tarde, cabe igualmente sinalar a oportunidade no momento actual deste documento.

Polo seu contido, calado, e mesmo o claro posicionamento que adopta en relación a temas polémicos (vencellos entre a cooperación ó desenvolvemento e os intereses económico-empresariais, por exemplo) ou as chamativas ausencias en relación a áreas comúns e de grande importancia para Galicia (caso de Cuba), o Programa Cuatrienal de Acción Exterior de Galicia non merece pasar inadvertido nin pola opinión pública en xeral, nin polas diferentes entidades que na sociedade civil galega reflexionan sobre estas cuestións, nin, por suposto, entre as forzas políticas. Merece un amplo debate e unha reflexión que nos permita como colectividade interiorizar as inmensas posibilidades que se nos abren neste eido da actuación política nos próximos anos, non soamente como consecuencia dunha interpretación constitucional moito máis flexible e aberta, certamente alonxada daquelas primeiras atribucións de exclusividade á Administración central de todo canto afectaba ó ambito internacional, senón sobre todo pola urxencia de acompañar eficazmente os vertixinosos cambios que se están a producir no mundo actual. Máis dunha vez temos insistido dende o IGADI sobre a conveniencia de que Galicia, dende o universalismo e a procura da satisfacción das nosas necesidades económico-productivas, se faga un sitio no mundo nos atribulados tempos da globalización e da internacionalización.

Debe ser este un referente posible para o consenso presente ou futuro entre as principais forzas políticas do país, pero, en todo caso, constitúe xa o marco imperativo e idóneo de actuación para unha Comisión de acción exterior en sede parlamentaria que ademais de fiscalizar o labor do executivo galego debe afondar na definición e vertebración das liñas estratéxicas da nosa diplomacia, algo que a estas alturas do proceso nin pode nin debe ser obxecto de improvisación nen de rupturas radicais. A todos nos compre unha aprendizaxe e un esforzo integrador dos diferentes matices que sen embargo dificilmente cuestionarán as propias orientacións xerais e estratéxicas que define este Programa cuatrienal de acción exterior que dende o IGADI aplaudimos sen acritude e non por iso renunciando á sana crítica.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 6/11/98