Tempo Exterior nº6 - Outono/98
Sáhara: Unha luz no deserto
Se hai algo que caracteriza o conflicto do Sáhara desde os seus inicios ata hoxe é, sen dúbida, a falta de información e de análise política nos medios de comunicación. Resulta evidente que nos últimos anos se produciu un notable incremento da información sobre o Sáhara, acompañado e/ou provocado por un importante aumento da sensibilización popular con respecto á causa saharauí. Sen embargo cómpre subliñar que esa información se centra sistematicamente nos aspectos humanitarios –nunca políticos– do conflicto. Trátase dunha información que adoita xerarse nas ONGs, nas Asociacións de Amigos do Sáhara e nas campañas humanitarias artelladas por organismos privados ou institucións locais.
O primeiro que descubre calquera observador que viaxe ós campamentos de refuxiados é a presencia de medios de comunicación locais e “autonómicos” fronte a ausencia dos grandes medios estatais (parámetros que poden ser extrapolados ó marco da Unión Europea). Outro factor que confirma este feito é que toda a información que se orixina con respecto ó conflicto do Sáhara procede sempre dos campamentos de refuxiados e nunca das zonas ocupadas polo exército marroquí, sobre as que levita unha mesta neboa informativa que silencia sistematicamente todo o que alí acontece.
Atendendo a estas cuestións, o conflicto saharauí estivo e está condenado a un considerable silencio, silencio que se viu reforzado pola escasa relevancia que ata o de agora o problema representou para a Comunidade Internacional, o que viña desaugando nun laissez faire de complicidade con respecto a Marrocos, tradicional e emblemático aliado de Occidente. Ás veces, esa complicidade traducíase en importantes axudas ó reino alauíta. Lembremos, por exemplo, a construcción dos 2.500 quilómetros de muros defensivos no deserto saharauí, que foron erguidos por Hassan II co apoio económico e militar da administración Reagan e mailo asesoramento do goberno israelí.
Sen embargo, nos últimos anos a situación ten mudado notablemente. Eses cambios non só se poden observar na actitude de países como os Estados Unidos e no cambiante papel que Marrocos desempeña para a Comunidade Internacional senón tamén no propio comportamento de Nacións Unidas, que reflicte, en boa medida, as actitudes deses países pero tamén a súa propia crise e configuración interna.
Se ben foi o propio Secretario Xeral da ONU, o peruano Javier Pérez de Cuéllar, quen logrou establecer e asinar en 1991 un esperanzador Plan de Paz para o Sáhara que tiña como finalidade a realización dun referendo sobre a independencia do territorio en base ó censo español de 1974 (arredor de 75.000 persoas), non é menos certo que foi el mesmo quen axiña cedeu ás pretensións marroquís de introducir 17.000 novos posibles votantes de dubidosa lexitimidade. En efecto, Pérez de Cuellar aposta polos criterios marroquís no informe que lle presenta ó Consello de Seguridade o 21 de decembro de 1991. O seu informe, sen embargo, non é aprobado polo Consello, o que constitúe unha decisión sen precedentes na historia da ONU. Máis tarde, a principios de 1993, cando a Secretaría Xeral era ocupada xa polo exipcio Butros Ghali, sobre Pérez de Cuéllar recaerían sospeitas de suborno ó informar unha axencia de noticias francesa acerca do seu nomeamento como vicepresidente dunha filial do consorcio marroquí ONA, vencellada á familia de Hassan II. Este nomeamento nunca chegou a facerse efectivo pero deitou unha razoable sombra de dúbida sobre o ex-secretario xeral.
A pesar do escándalo, Butros Ghali –novo Secretario Xeral da ONU gracias, en parte, ás presións
francesas– asume as propostas do seu antecesor nun novo informe que o Consello de Seguridade volve rexeitar.
Durante eses anos, sobre a propia MINURSO (Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara
Occidental) tamén recaerían graves sospeitas de inoperatividade, neglixencia e complicidade coas
autoridades marroquís.
As irregularidades teñen xa os seus primeiros síntomas na dimisión de Johannes Manz, Representante Especial da ONU na zona, alegando que “os marroquís non colaboran como se esperaba”. En 1994, cando a realización do referendo sobre a independencia do Sáhara, previsto inicialmente para 1992, aínda semella lonxe, o Secretario Xeral da ONU formula a posibilidade de abandonar o Plan de Paz. Logo de sucesivos aprazamentos, a finais de 1995 Butros Ghali volve presentar outra proposta ao Consello de Seguridade que apoia as pretensións marroquís, pero tampouco resulta aprobada. En novembro, a identificación de votantes suspéndese definitivamente tras retirarse a Fronte Polisario como medida de presión pola ineficacia da ONU. Comeza un retroceso que se fai patente cando, en maio, Butros Ghali propón retirar do Sáhara o 20% dos observadores militares. A proposta é aprobada pola ONU e o Plan de Paz queda paralizado.
A pesar das continuas denuncias da parte saharauí, as irregularidades con respecto á actuación de Nacións Unidas no conflicto do Sáhara non se fan patentes ata que, en 1995, o ex-embaixador norteamericano Frank Ruddy, que fora segundo de a bordo da MINURSO, denuncia ante o Congreso dos Estados os “humillantes abusos” que as forzas de seguridade marroquís están a levar a cabo contra os saharauís e contra o propio persoal da ONU e compara a situación que se vive nos territorios ocupados co desaparecido réxime de apartheid de Sudáfrica. Ruddy denuncia tamén a complicidade e a covardía dos propios membros da MINURSO fronte as autoridades de Rabat.
Se cadra, a súa intervención foi o detonante dun cambio de actitude de Nacións Unidas que non se materializará ata a chegada de Kofi Annan á Secretaría Xeral en decembro de 1996. Koffi Annán, que elixe unha figura do calibre político de James Baker como o seu representante persoal para o conflicto do Sáhara, atopará un contexto moito máis favorable para desbloquear o Plan de Paz, en parte porque a política exterior norteamericana da “era Clinton” adquire, en determinados aspectos, unha orientación máis progresista. A isto únese a vontade dun Secretario Xeral decido a sacar á ONU do desprestixio e da crise económica en que se atopaba sumida, o que prende unha luz de saída para o conflicto.
Os Acordos de Houston, que tiveron a Baker por mediador, alcanzáronse no verán de 1997 mediante a negociación directa das partes, e, sobre o papel, representan un compromiso firme para renovación e profundización do Plan de Paz de 1991. A través deles queda establecido o calendario dun Plan de Aplicación e a convocatoria do referendo para o 7 de decembro de 1998. Como consecuencia, en decembro de 1997 reanúdase o proceso de identificación de votantes e, aínda que non deu rematado na data prevista (31/5/98), a súa conclusión, anunciada pola MINURSO o pasado 3 de setembro, pode considerarse xa un primeiro éxito.
Un total de 147.350 persoas pasaron o proceso de identificación de votantes, das que foron admitidas –segundo cifras extraoficiais que aínda non se fixeron públicas– unhas 84.000 persoas, o que aproxima moito a nómina ó censo español de 1974. O maior problema reside agora nos membros de tres tribos (H41, H61 e J51/52), ás que pertencen un total de 65.000 persoas que as autoridades marroquís queren incluír no proceso de identificación de votantes, feito ó que se nega o Polisario. Se ben a ONU tampouco parece inclinada a incluílas no proceso de identificación –do cal se deduce que se trataría máis ben dunha táctica dilatoria por parte de Rabat–, este problema estase a converter a estas alturas no maior escollo do Plan de Paz, polo que a ONU anunciou xa un inminente e novo encontro das partes con James Baker para este mes de outubro a fin de atopar unha saída negociada ó problema.
O contexto político, sen embargo, como xa dixemos, ten mudado notablemente na actualidade e a postura norteamericana non é a mesma que hai algúns anos. Amais dos factores xa citados (crise interna da ONU e o “aperturismo” exterior da era Clinton), existen outras circunstancias favorables ós saharauís. En primeiro lugar, o mapa xeopolítico sufriu significativas modificacións desde a fin da Guerra Fría e os Estados Unidos xa non lle temen ó “perigo” que suporía a instauración dun rexime de carácter socialista nun Maghreb onde o principal “rival” a bater é agora o integrismo. En canto a estes aspectos, amais de ser a saharauí unha sociedade tradicionalmente tolerante desde o punta de vista relixioso, a Fronte Polisario adoptou na actualidade a economía de mercado na súa Constitución. Tampouco convén esquecer que a República Árabe Saharauí Democrática está apoiada por Alxeria, un país que posúe (fronte a carencia de Marrocos) petroleo e gas natural, o que o fai sumamente atractivo para os intereses norteamericanos. A isto súmase o descrédito diplomático que Hassan II se gañou a pulso nos últimos anos (lembremos que o pacto suscrito por Hassan II con Libia hai algúns anos resultou especialmente humillante para os americanos), os problemas internos do reinado alauíta e a súa falta de democratización interna. E, por se fose pouco, os Estados Unidos están interesados en contrarrestar a crecente influencia francesa en África. Son factores novos, quizais moitos deles circunstanciais, pero que no momento presente xogan a favor da consolidación dun estado independente para os saharauís nun Maghreb precisado de estabilización.
É certo que o Plan de Arreglo vai retrasado con respecto ás datas acordadas en Houston e que o referendo sufrirá un novo e quizais considerable retraso; é certo que a estratexia do réxime alauíta camiña dentro desa política de aprazamentos e teima en obstaculizar o Plan de Paz ; é certo que a poboación das zonas ocupadas sigue sometida á falta de liberdade de expresión e movemento e á represión sistemática; é certo que mesmo despois da sinatura dos Acordos de Houston non están claras as intencións marroquís, como se pode observar nos documentos confidenciais do ministro do Interior, Driss Basri, mediante os que daba indicacións a tódolos gobernadores de como adestrar e “clonar” saharauís capaces de pasar o proceso de identificación; é certo que certas diplomacias occidentais se mostraron escépticas ante o vindeiro encontro de outubro das partes con Baker; pero tampouco é menos certo que as circunstancias nunca foron tan favorables á resolución do conflicto e nunca a ONU se xogaba tanto o seu prestixio e a súa imaxe como nestes momentos; e tampouco é menos certo que non semella haber moitas outras saídas ante un conflicto que non vai desaparecer mentres a poboación refuxiada continúe en Tinduf, poboación que demostrou ó longo de vintetrés anos que é capaz de esperar sen desfalecer, e exhibir ó tempo un envexable modelo de autoxestión e organización nos seus campamentos de refuxiados.
En todo caso, parece probable que o novo contexto vai influír positivamente nunha resolución máis ou menos próxima. O ex-secretario de estado Baker parece decidido a que no Sáhara se xogue limpo e xa lle advertiu ó monarca alauíta que de non haber referendo a única solución sería a volta á guerra. Unha guerra que pouco favorecería a Marrocos, porque as cousas non serían xa coma antes e Hassan II podería verse abandonado por algúns dos seus tradicionais aliados.
Mesmo na improbable posibilidade de que fracasase o encontro de Baker coas partes e mesmo de que o propio Plan de Paz fracasase, a volta á guerra resulta utópica. De ser así, os saharauís optarían, de seguro, por unha ofensiva rápida, breve e sumamente intensa que colocaría o conflicto en primeiro plano da actualidade e poñería nunha posición internacional comprometida a Hassan II (e o que é peor, á propia diplomacia norteamericana). Así as cousas, desde calquera punto de vista, nunca a consolidación da República Árabe Saharauí Democrática estivo tan próxima como o está agora.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 6/11/98