Tempo Exterior nº6 - Outono/98Volver ó sumario


Mudanzas na Alemaña


Xulio Ríos

As enquisas non foron derrotadas, tal e como acontecera nos comicios de 1994. Desta vez, o Partido Socialdemócrata Alemán (SPD) infrinxía a máis severa derrota da posguerra ós democristiáns de Helmuth Kohl. O retroceso do SPD nos comicios rexionais de Baviera, a só dúas semanas das eleccións, alentara nos partidarios de quen iniciara a súa carreira política no land de Renania-Palatinado, a esperanza dunha nova sorpresa e mesmo abrira serias interrogantes sobre a contundencia da victoria de Gerhard Schröder. Pero un 40.9% fronte a un 35.2% non deixa lugar a dúbidas. Helmuth Kohl, o artífice da unificación alemana, xa é historia. O desexo de cambio da maior parte do electorado e o esgotamento, tras 16 anos de goberno, do proxecto político da coalición CDU/CSU, abren unha nova etapa na Alemaña que transita cara un novo milenio.

Ao pouco de coñecerse os resultados oficiais, Schröder descartou a posibilidade dunha coalición dos dous grandes partidos, adiantando, de común acordo con Lafontaine, a proposta dunha alianza cos Verdes de Joschka Fischer (6.7%) sobre a base da elaboración dun programa de goberno “razonable”. Durante a campaña electoral especularase sobre a conveniencia de establecer unha gran coalición CDU/SCU-SPD se ningún dos dous grandes partidos acadaba unha maioría suficiente.

Numerosas voces de grande influencia (co apoio explícito da poderosa gran patronal) apostaban por esta posibilidade, se ben moitos outros recoñecían que dificilmente Alemaña podería saír da parálise e despegar cun goberno de excepción e tan feble a pesar de que, indudablemente, contaría cun amplo e sólido respaldo parlamentario. Unha experiencia similar levada a cabo no estado de Mecklenburgo-Pomerania non satisfizo a ninguén e conduciu á total inactividade da acción pública. O desbotamento desa alianza contra-natura ven a reforzar unha vez máis o protagonismo dos pequenos partidos que, de novo, incrementando sensiblemente a súa capacidade de actuación, asestan un duro revés ós empeñados en consolidar o bipartidismo.

¿É posible un acordo estable entre socialdemócratas e verdes? Todo parece indicar que así é. Se a victoria do SPD descansa en boa medida nun progresivo achegamento a posicións centristas, os ecoloxistas levan tempo esforzándose por dar unha imaxe moderada e responsable. É previsible que un tal relevo na chancelería non afecte ó posicionamento xermano nos grandes temas da política europea e internacional, se ben ambos os dous defraudarían de non aportar novas ideas en materia de emprego, políticas enérxeticas, militares, medio ambiente, etc. Ó igual que o FDP (liberais), os Verdes experimentaron un lixeiro retroceso, a penas unhas décimas, con respecto ás eleccións de 1994. Deste xeito, as condicións a establecer para entrar no goberno e acentuar unha certa orientación social da súa política son debedoras inevitables do realismo. A extrema dereita dos Republikaner quedouse fora.

Pero xunto a Schröder, o gran vencedor destes comicios foi, sen dúbida, Gregor Gysi e o seu Partido do Socialismo Democrático (PDS). Os neo-comunistas resultaron a forza maioritaria en catro estados do leste e conservaron os tres escanos directos que xa detentaban (2 en Berlín-Este e 1 en Mecklenburgo-Pomerania). En Berlín, pese ós intentos de criminalización da súa actividade política, Gysi recibía un 26 por cento máis de votos que Schröder.

Non fixeron mella no electorado as acusacións de confidente da policía política (Stasi) da antiga Alemaña comunista contidas nun informe da comisión sobre inmunidade parlamentaria do Bundestag e confirmadas en xullo pola sala segunda do Tribunal Constitucional (por catro votos fronte a catro). Pero o máis importante é que a agrupación liderada por este marxista e reformista acadou algo máis do 40% dos seus votos na Alemaña occidental. Nalgúns estados, o SPD deberá contar cos seus votos para poder gobernar (a primeira proba será en Mecklenburgo-Pomerania). Oskar Lafontaine, presidente do Partido, a diferencia de Schröder, non teme a unha aproximación que foi esgrimida durante a campaña polos democratacristiáns como acusación de propósitos colaboracionistas. Pero non pode ignorarse que no partido de Gysi mesmo abundan as víctimas políticas do Estado-Partido da extinta RDA.

Así pois, á vista dos resultados electorais, case dez anos despois da caída do muro, imponse unha especie de punto e final do afastamento dos ex-comunistas do PDS, un cambio de actitude dos grandes partidos a respecto dunha formación que nestes comicios conseguía, contra todo prognóstico, asentarse firmemente no escenario político. A fin da era Kohl non será tal de non pecharse algunhas feridas que non poden permanecer indefinidamente abertas.

O PDS deixou de ser un partido marxinal, o partido dos Ossis, un fenómeno transitorio, dicían algúns, concibido unicamente para manter a cohesión dos restos da vella nomenklatura da ex-RDA. O PDS convertiuse nunha forza política máis do arco parlamentario. Desta vez, entrarán no Bundestag pola porta grande.

Xulio Ríos é director do IGADI.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 6/11/98