Tempo Exterior nº6 - Outono/98
Libros e publicacións
“Territorio ocupado”
Fran Alonso (Crónica - Edicións Xerais de Galicia)
Aquí son as xentes as que falan, as que contan, as que berran, as que reclaman coa súa voz valente
e decidida; as mulleres que dirixen os campamentos de refuxiados, o militante encarcerado clandestinamente en Marrocos,
un vello nómada, aquela muller que sufriu os bombardeos da aviación no deserto, os combatentes, os
ministros do goberno exiliado, os fundadores da Fronte Polisario, a nena que veu de vacacións de verán
a Galicia. Eles son os protagonistas de “Territorio ocupado”, un libro que agroma de diversas viaxes que escritor
e fotógrafo realizaron alí onde os saharauís habitan, na máis dura hamada do deserto.
E, á par da crónica literaria e periodística do texto, o testemuño revelador e fermoso
das fotografías de Manuel G. Vicente.
“Guía de Recursos”
Acción exterior de Galicia (IGADI - Fundación Galicia-Europa)
A Guía de Recursos de Acción exterior de Galicia reúne información útil para
os numerosos axentes da sociedade galega que desenvolven algún tipo de relación co exterior. A Guía
representa un instrumento de incalculable valor que evita a dispersión de actuacións e proporciona,
de maneira ordenada e sistematizada, un sentido global e globalizador ás iniciativas e actividades que contan
cunha prolongación exterior. Á inversa, a Guía pode satisfacer o interese de calquer galego
da diáspora ou de calquer cidadán do mundo para establecer pontes con Galicia. A Guía de Recursos
é unha iniciativa do IGADI que contou co apoio da Fundación Gali-cia-Euro-pa e da Secretaría
Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior da Xunta de Galicia. A súa distribución
é gratuíta previa solicitude ó IGADI.
“A China por dentro”
Xulio Ríos (Crónica - Edicións Xerais de Galicia)
¿A onde vai A China? ¿Implican os actuais cambios no sistema un cambio de sistema? Case unha
década despois da caída do muro de Berlín, formalmente unha quinta parte da humanidade segue
gobernada por un Partido Comunista con case sesenta millóns de membros. A partir desa rotundidade, Xulio
Ríos ofrécenos un fidedigno retrato das múltiples contradiccións que habitan no chamado
“socialismo de peculiariades chinesas”. De costas ás etiquetas dun ou doutro signo, un nacionalismo, inicialmente
moderado, asoma en Pequín coma o denominador común de todas as transformacións en curso. É
a ponte invisible que de Confucio a Deng Xiaoping vertebra o presente e futuro dunha China sempre milenaria.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 6/11/98