Tempo Exterior nº6 - Outono/98Volver ó sumario


Brasil na boca do inferno


Lino Pellitero

O pechado aplauso dos membros do FMI cando recibiron os primeiros resultados das eleccións do 4 de outubro do 98 era unha mostra inequívoca do alivio que sentiron ao comprobar que Brasil non se ía embarcar en aventuras políticas que dificultasen a libre circulación de capitais e a progresiva apertura do mercado. Non se trataba dun país intranscendente, senón do país que lidera o MERCOSUR, onde a súa economía representa o 70 por cento do volume global do bloque, e tamén dun dos artífices, xunto con Arxentina, da integración económica sudamericana.

Baixo a óptica de Michael Candessus, Fernando Henrique Cardoso (FH) era o único candidato en condicións de pór en marcha un conxunto de medidas drásticas e necesarias, dolorosas e inevitables para afrontar a crise financeira e económica, na que Brasil figura no punto de mira dos observadores da economía global, por atoparse na boca do precipicio que conduce directamente ao inferno da recesión.

O reelixido presidente pensa aplicar medidas, de importante calado, en carne viva e sen anestesia, coma a Reforma Fiscal e unha contundente reducción nos gastos públicos para minguar o enorme déficit do oito por cento do PIB, (uns 72 billóns de pesetas), que abafa ao país para tentar situalo, a comezos do ano 2001, no 2,5%.

Para levar á economía brasileira no camiño da recuperación en dous ou tres escasos anos, FH tamén proxecta incrementar a presión fiscal, coa introducción de novos impostos coma o IVE ou as cotizacións pola Seguridade Social. Se non se aparta deste férreo camiño, recibirá unha inxección, a xeito de préstamo do FMI, por un importe de 3,6 billóns de pesetas en concepto de asistencia financeira preventiva, que, de seguro, lle fará esquecer a única veleidade heterodoxa que aínda se permite, ao mostrar simpatía por aplicar a bautizada Taxa Tobin, que na súa versión local recibe o nome de Imposto sobre Operacións Financeiras (IOF), co que pretende impedir a fácil mobilidade dos fluxos especulativos de capital, ao gravar cunha pequena taxa os movementos de financeiros, para evitar a súa volatilidade. Brasil, coma outros países non desenvolvidos, lembramos o “Efecto Tequila” no 94-95 en México, paga con custosos axustes os frecuentes e imprevistos desequilibrios da economía globalizada.

Se as previsións presidenciais se cumpren e as estatísticas se endereitan, o Brasil volverá estar nos altares da economía global, pero as receitas que hai que aplicar agrandarán as diferencias sociais dunha sociedade xa fracturada pola desigualdade, na que o 28% da poboación vive instalada na pobreza.

A Fernando Henrique Cardoso, quen evolucionara dende posicións filomarxistas ata posicións máis concordantes coas directrices do FMI, e quen conseguira reducir de xeito máxico a inflación dende o infinito do 5.000 por cento ata o 6 por cento, seralle imposible cumprir, neste novo contexto de crise, a súa ilusionante promesa electoral de rematar co paro, do mesmo xeito que derrubara a inflación.

Na reforzada oposición –en difícil transo de unificación–, un tenaz e incombustible Luiz Inacio Lula da Silva, derrotado por terceira vez, ve en Cardoso un atado presidente que se limita a seguir as directrices do FMI que contan cos parabéns do G-7. Mentres, agarda con impaciencia as eleccións municipais do 2000, sabedor que o movemento de esquerdas está deixando de cinguirse a ser o denunciante das inxustizas e o defensor dos pobres e dos excluídos para tocar o poder en máis e poderosos Estados e para converterse nunha futura opción de goberno. Mais Lula, coma a maioría dos que se atreven a atravesar o limiar do pensamento único, está atrapado nunha difícil encrucillada: se propón reformas axustadas e acordes ao actual modelo, poden ser viables pero son de pouco calado; se, pola contra, presenta propostas programáticas de fondo, van estar illadas e van ser descualificadas por pouco reflexivas ou utópicas.

Sen chegar a deslexitimar o proceso electoral, Lula lamenta amargamente a desigual contenda na que FH gozou do manifesto apoio dos grandes grupos de comunicación e dos institutos de opinión, fornecedores de constantes enquisas infladas do lado dos partidos gobernamentais, e aos que considera cómplices de agochar ao país a grande magnitude da actual crise.

A locomotora da economía iberoamericana, e fundadora en 1991, polo Tratado da Asunción, de MERCOSUR, precisa amplas ventás para respirar neste pechado edificio de arquitectura neoliberal en estado puro, que é este Mercado Común do Sul de América, no que toda intervención pública está excluída, ao contrario do que sucede noutros bloques económicos coma en Xapón ou mesmo na Unión Europea, na que os fondos estructurais amortecen o impacto económico nas zonas menos desenvolvidas ou nos sectores en reconversión.

Os que padecen a pobreza e as desigualdades non deben quedar sen protección social fronte ao que dispoña un mercado no que só se xoga a dúas bandas: vencedores e vencidos. Cardoso deberá prestar especial atención a estas capas, tanto por razóns de xustiza social coma por razóns de pragmatismo, xa que son o caldo de cultivo ideal para o estoupido da violencia e da inestabilidade social da que os fluxos de capitais foxen precipitadamente.

Lino Pellitero Ramilo é membro do IGADI.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 6/11/98