Tempo Exterior nº6 - Outono/98Volver ó sumario


As relacións exteriores da Segunda República española


Bernardo Máiz Vázquez

Nos abondosos estudios que hai publicados sobre o tempo que nos ocupa a penas Gil e Viñas analizan a República española no contexto internacional, cando o “exterior” a España non foi alleo ao sucedido no interior. Seguindo a Martínez Cuadrado comprobamos que trala perda das colonias do alénmar, os gobernos da monarquía pouco tempo e menos esforzos adicaron ao que non fora a situación crispada de Marrocos, mesmo ignorando a Portugal.

A neutralidade na Primeira Guerra Mundial debería ter permitido a España ser protagonista na Sociedade de Nacións, pero o illacionismo de Primo de Rivera coincidiu no tempo coa emerxencia en Europa de varios reximes autoritarios e do chauvinismo en Francia, de conflictos sociais na Gran Bretaña, a ascensión de Stalin...

Para o período 1931-36 foi Luis Araquistain quen escribiu en 1938 “La República no tenía política exterior”, e Viñas afirma que “obsesionada por sus problemas internos, la República no había desplegado una política exterior demasiado activa... la colaboración con Francia e Inglaterra y el apoyo al sistema de la Sociedad de Naciones no habían llevado a apuntalar la posición propia con acuerdos con otros países”. A esquerda e a dereita eran claramente perceptibles actitudes políticas e sociais certamente miméticas coas doutros lugares.


O modelo autoritario

En Portugal, o xeneral Carmona, o comandante Cabeçadas e o civil Sinel deran un golpe de estado no ano 1926 –non moi lonxe do “cirujano de hierro” que quixera ser Primo de Rivera tres anos antes–. No 1928 o xeneral Carmona asume a presidencia con Oliveira Salazar de Ministro de Finanzas e ideólogo do “Estado Novo” do 1932 en diante (con seguridade temendo o contaxio das ideas de progreso propias da nosa Segunda República, e –segundo Gil Pecharromán– unha absorción iberista e federal; Óscar Carmona viñera visitar a Primo de Rivera no 1929, en Portugal se exiliaron –entre outros– Calvo Sotelo no 1931 e Sanjurjo no 1932).

O modelo portugués foi corporativo nas relacións laborais, autoritario e de partido único (Union Nacional) no político, cunha pintoresca mística de xuventude e milicias parafascistas –a Mocidade e a Legiao respectivamente–, unha forte catolicidade e componentes tanto paternalistas como policiacos.

Do 1934 ao 1936 Portugal mantivo boas relacións coa República española, mesmo reclamando a deportacion dos exiliados portugueses que eiquí atoparan refuxio. É coñecido o papel principal da dictadura portuguesa na sublevación de xullo de 1936, que os demócratas alí refuxiados eran entregados pola Pide para ser fusilados en Tui, que os Viriatos (o daquela capitán Spinola entre eles) combatiron ao pé das tropas de Franco, o Pacto Ibérico, e que en Portugal montou casa o aspirante Juan de Borbón.

En Italia, a pírrica posición de vencedora na Primeira Guerra Mundial dera paso á frustración e á radicalización: se a imitación dos soviets se produciron ocupacións de fábricas e fincas, os violentos Arditi atoparon en intelectuais como Marinetti e D´Annunzio unha bagaxe “literaria”, mestura de nacionalismo, populismo, cesarismo e moi vacuas ideas de socialización. Mussolini soubo agrupar ao seu redor tales colectivos, usar dos medos das clases medias e do interese do capital (industriais e financeiros alimentaron ao Fascio dende 1920): despois da marcha sobre Roma de 1922, a lei electoral de 1924 deulles o control do Parlamento. No 1926 ficaron abolidas todas as garantías democráticas e dende esas datas a parafernalia fascista e a xerarquía, os mitos e as camisas negras, os balillas..., en resume o estado corporativo e totalitario co Duce no cumio.

Empeñado en construír un imperio, Mussolini invadiu Abisinia no 1932 coa total e absoluta ineficacia das condenas internacionais. Para o referido ás relacións italo-españolas debemos anotar a viaxe de Primo de Rivera en 1926 (coa firma dun tratado “mediterráneo” que caducaba e que a República rompeu) e os desexos de acadar o control do Mediterráneo; creado o “eje italo-alemán”, afirma Ariquistain que “a Hitler y Mussolini no les daba inquietud verdaderamente el régimen interior de la España republicana sino su política exterior”, temendo unha posible alianza franco-española semellante ao pacto fraco-soviético de 1935. Sabemos que cando no 1936 ían artellando en España a conspiración contra da República, armas e cartos italianos proveían aos golpistas e ven ao fío recordar a axuda militar e diplomática mussoliniana ao bando sublevado.

Na Alemaña esmagada polo Tratado de Versalles, o NSDAP de Hitler soubera recoller do 1923 en diante os sentimentos ofendidos polas ocupacións territoriais, mesturalo cun certo radicalismo social e (fortamente subvencionado polo gran capital) usar dunha habilidade propagandística cargada de demagoxia e populismo xermánico, dun carácter aparentemente interclasista –o volk alemán por riba de calquer outra clasificación– que atraiu ás clases medias. A crise económica de 1929 foi o mellor caldo de cultivo do NSDAP, votado por aqueles que querían a “rexeneración” de Alemaña.

Contra 1932 o Partido nazi ten unha forte presencia parlamentaria e no 1933 Hindenburg nomea a Hitler xefe de goberno: comeza a nova orde que ten como terceira etapa a creación do III Reich con Hitler como o seu Führer, a suspensión das garantías constitucionais, o rearme, o totalitarismo, os mitos xermánicos, as SS, a Gestapo, o control dos sindicatos, as formulacións racistas e do anchluss panalemán, o “eje” con Italia, a ocupación de Renania en marzo de 1936... e como no italiano as democracias non actuaban. A República española só tiña relacións formais coa Alemaña hitleriana e moitos conspiradores españoles admiraban aquel modelo que tanto os axudou antes do Alzamento, durante a guerra civil e despois.

“El temor del sistema germano-italiano era que en caso de guerra fuéramos en apoyo de Francia y de Rusia” (Luis Ariquistain).


O modelo parlamentario

Na Francia vencedora da Primeira Guerra Mundial a débeda era meirande que o chauvinismo antialemán; o interese pola expansión diplomática cara Polonia, Romenia ou Checoslovaquia era común á dereita e á esquerda (Poncaré, Dadalier, Herriot, Laval...), mantendo relacións con Primo de Rivera case só para a cuestión marroquí; a Action Française de Maurras tiña dende 1926 conexións co fascismo italiano; proclamada a República un Calvo Sotelo exiliado observaba dende Francia. Para o goberno español a visita de Herriot no 1932 era a do Presidente dun país a imitar nos mecanismos políticos, pero Araquistain cría que “Francia temió siempre nuestra presencia en Marruecos y una posible aproximación a Alemania... Estaba resentida por nuestra neutralidad en la Gran Guerra”. No 1934 socialistas e comunistas firmaron unha unión electoral e a Front Populaire no 1935 deu o goberno a Leon Blum en maio de 1936. Comezada a guerra civil, a Francia amiga da República foi contemporizando e se colocou no ronsel e a remolque de Gran Bretaña.

En Inglaterra a década dos vinte foi de quebra do sistema social e político victoriano; amáis do “caso irlandés”, as Trade Unions prantexaban esixencias que o conservador Baldwin reprimiu; dende o 1929 o goberno laborista de Macdonald sofriu a crise, a caída da libra, o pánico social e –con aglaio– o nacimento do National Front de Mosley.

Dinos Araquistain que “Inglaterra nunca tuvo simpatías a la República por su aristocraticismo y nuestro antimonarquismo”, engadindo que “Inglaterra siempre quiso una España débil ante el tema de Gibraltar, por sus intereses africanos y su influencia en Portugal”. Con Baldwin de novo no goberno no 1935 e Chamberlain na política exterior, ao trunfo da Fronte Popular en España pesaron máis os pactos británicos con Italia.

Sirva como resume outra cita de Luis Araquistain: “las democracias europeas no se dieron cuenta cabal de la importancia que para ellos tenía la defensa en España de la legalidad democrática”.


O modelo soviético

A revolución rusa de 1917 e as noticias dos cambios radicais, dos novos esquemas nas relacións socioeconómicas e de poder político que alí se estaban a producir, afectaron fondamente ás organizacións de esquerda. Do 1919 en diante dende Moscú a III Internacional chamaba á organización de Partidos Comunistas no resto do mundo, e se o Komintern –dende 1923– ordeaba pospor as revolucións nacionais para consolidar a soviética, o coñecemento das realizacións constitucionais e dos avances económicos e sociais, e o progresivo recoñecemento internacional (“Occidente” quería contar con Rusia diante da ascensión dos fascismos, no 1934 a URSS entra na Sociedade das Nacións, no 1935 firma tratados con Francia e Checoslovaquia), prestixiaron á URSS, extenderon a admiración e o efecto mimético. No 1932 a URSS e a Segunda República estableceron relacións diplomáticas, pero ata o 1936 non se abriu embaixada en Madrid, en coincidencia coa agresividade fascista e a perceptible crise das democracias, motivo (xa antes da constitución da Kominform) de que en varios países os partidos de esquerda andaran a artellar alianzas electorais que no 1935-36 deron paso aos Frentes Populares. Cando a guerra civil foi a URSS quen máis emborcou a favor da República.

Como resume e segundo Gil, sendo España unha potencia de segunda orde, do 1931 ao 1934 a República se manifestou pola neutralidade e con francofilia; do 1934 ao 1936 coa CEDA se produciu unha aproximación a Italia e Gran Bretaña, sempre na neutralidade; coa Frente Popular non houbo tempo a variar as relacións internacionais. Para outra entrega fican enunciadas preguntas e elucubracións: ¿Que tomaron das democracias parlamentarias os políticos republicanos de signo burgués? ¿Como influíron os trunfantes fascismos italiano ou nazi alemán, o Estado novo portugués, nas ideas e na praxis da CEDA e das JAP, de RE/BN, das JONS e da Falange? ¿Que República querían os sindicatos e os partidos obreiros? ¿Era posible o normal desenvolvemento democrático naquela Europa? ¿Como afectou a coxuntura internacional á economía, á sociedade republicanas? ¿O trunfo dos sublevados no 1936 sería posible nun outro contexto internacional?...

Bernardo Máiz Vázquez é socio colaborador do IGADI.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 6/11/98