As Primeiras Xornadas Provinciais de Cooperación resultaron todo un éxito. En primeiro lugar, pola asistencia. Participaron representantes, políticos e técnicos, de vintenove concellos da provincia (dun total de 62). Deles, unicamente catro formaban parte xa do Fondo Galego. En segundo lugar, e sobre todo, éxito tamén polo nivel de comprensión e sintonía acadado arredor da necesidade de promover a cooperación internacional como un eixe máis, irrenunciable hoxe en día, da acción pública local.
Na apertura do encontro, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou a intención de levar a unha próxima sesión plenaria a proposta de integración da cidade do Lérez no Fondo Galego. Pola súa banda, Rafael Louzán, vicepresidente da Deputación Provincial, salientou o compromiso desta entidade coa cooperación en xeral, e co Fondo Galego en particular.
A ausencia de última hora de José Ángel Cuerda, ex-alcalde de Vitoria-Gasteiz e ex-presidente do Fondo Vasco, por problemas de saúde, resultou excelentemente suplida pola presencia de Núria Camps, directora do Fons Catalá, precisamente o primeiro dos Fondos constituídos no Estado. Núria realizou unha ampla e amena intervención arredor do porqué cooperar.
Ademais de destacar ese profundo abismo existente entre países ricos e países empobrecidos, que determina a necesidade de promover accións dende todas as instancias para reducir as desigualdades e desequilibrios, a directora do Fons Catalá chamou a atención sobre os vencellos que deben existir no mundo da cooperación para promover un triple compromiso: co desenvolvemento, cos dereitos humanos e coa democracia. Porque, en definitiva, o subdesenvolvemento non é un problema de boa ou mala sorte, senón estructural e esas estructuras soamente poderán modificarse con actuacións materiais, pero tamén coa xeración dunha nova conciencia na que prime un imperativo ético de solidariedade e distribución da riqueza.
Xulio Ríos, director do IGADI (Instituto Galego e Análise e Documentación Internacional) e membro da Comisión Executiva do Fondo, aportou ás presentes unha visión panorámica das diferentes posibilidades existentes para que unha entidade local efectivice o seu compromiso coa cooperación.
Unha vez analizado o perfil básico da cooperación descentralizada, tanto nun sentido amplo como restrinxido, aclarados conceptos como a cooperación subestatal ou non gobernamental, Xulio Ríos afondou nas orixes, externas e internas, da cooperación municipalista. Así mesmo, analizou os diferentes niveis de resposta que ó longo destes anos producíronse dende o municipalismo, tanto individualizada como cooperativamente. Expresadas as virtudes, carencias e hipotecas da cooperación realizada polos concellos, Xulio destacou os importantes activos que representa a participación nun Fondo de Cooperación, animando ós presentes a sumarse a esta iniciativa para “realizar o posible intentando o imposible”, como dicía o escritor francés Henri Barbusse.
Por último, Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego, informou a todos da identidade, proceso de formación, características e obxectivos desta entidade. Alfredo, que exerce como presidente dende o momento constitutivo, en 1997, explicou que o Fondo superou a súa primeira etapa, a constituínte, e agora está empeñado nun proceso de continua expansión, na que máis socios e máis recursos dan conta da receptividade existente hoxe no ámbito local. Salientou o presidente do Fondo os numerosos apoios recibidos, tanto da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) como de partidos políticos e outros axentes da sociedade civil que comprenden á perfección que, en efecto, a cooperación con terceiros debe ser tamén practicada entre nós mesmos, para gañar en eficacia e democratizar o compromiso solidario do conxunto da nosa cidadanía. Alfredo Novoa destacou tamén o importante papel xogado polos técnicos municipais e, sobre todo, polas asistencias sociais, para conseguir o medre do compromiso municipalista coa cooperación ó desenvolvemento.
No decurso dos coloquios quedou patente a comuñón de ideas existente entre os partícipes sobre a importancia de levar adiante activas campañas de sensibilización. A información debe preceder ó compromiso, información xenérica para gañar en complicidade social coa cooperación, pero tamén información moi concreta sobre actividades do propio Fondo, para que se avalíe en maior medida a operatividade destes mecanismos.
Algunhas preguntas a respecto dos proxectos financiados polo Fondo Galego foron detalladas por Lourdes Suárez, responsable deste tema na Comisión Executiva. Aínda admitindo que con estas aportacións ó Fondo resultará difícil resolver o problema de fondo do subdesenvolvemento, cabería concluír que a cooperación, a pesar de todo, resulta necesaria e eficaz para construír comunidades máis ricas en valores e en dignidade, factores que sen dúbida poden contribuír ó favorecemento do progreso social en todos os sentidos.
Juan Luís Pedrosa, vicepresidente da Deputación Provincial, clausurou estas Xornadas Provinciais de Cooperación lembrando a importancia de contribuír, cada quen na medida das súas posibilidades, á configuración dun mundo máis xusto e solidario.
A Coruña
Lugo
Ourense
Pontevedra
A Coruña
Mondoñedo
Deputación
Deputación
A Pobra do Caramiñal
O Valadouro
Allariz
A Cañiza
Ares
Quiroga
Montederramo
A Guarda
Arteixo
Samos
O Carballiño
Baiona
Betanzos
O Irixo
Cangas
Brión
Ourense
Gondomar
Cabanas
Vilar de Santos
Moaña
Carral
Nigrán
Corcubión
O Rosal
Culleredo
-
-
Poio
Fene
-
-
Redondela
Ferrol
-
-
Soutomaior
Lousame
-
-
Vigo
Mugardos
Narón
Neda
Noia
Oleiros
Outes
Pontedeume
Porto do Son
Santiago
Valdoviño
Vimianzo
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/03/2000