Estratexias para o período 1999-2003
Na xuntanza que a Comisión Executiva celebrou o día 3 de novembro, a primeira despois da Asemblea
celebrada o 15 de outubro, presentouse, debatiuse e aprobouse o PROGRAMA DE ACTUACIÓN que define as estratexias
do Fondo Galego para o período 1999-2003.
O noso punto de partida actual evidencia que o Fondo Galego está a botar raíces no municipalismo,
afianzándose cada vez máis como unha referencia dinámica das políticas públicas
de cooperación e solidariedade.
Sobre estas premisas, cómpre definir como obxectivos elementais do novo período:
- Incrementar substancialmente a base asociativa en termos absolutos e relativos, é
dicir, aumentando o número efectivo de socios e igualmente o soporte demográfico do Fondo, de xeito
que o seu ámbito de influencia abarque á maioría dos cidadáns de Galicia.
- Convertirse nunha referencia pública e social das políticas municipalistas
de cooperación e solidariedade, de forma que, dende os concellos, as deputacións, ata outros organismos
da vida pública, se instale unha práctica lexitimadora do Fondo como unha institución a ter
en conta porque se gañou a pulso unha posición de respecto e de primeira liña neste ámbito,
porque é digna de confianza.
Non será posible a culminación progresiva destes obxectivos (que son instrumentais para a realización
dos nosos cometidos fundacionais) sen un eficaz desenvolvemento de actividades, tanto en materia de sensibilización
como de xestión de proxectos.
As liñas de traballo para o novo período podiamos resumilas nas seguintes propostas de intervención:
1. Afondar na sensibilización dos axentes locais e favorecer a política
de adhesións ó Fondo Galego (Fogacoso)
Como eixes concretos de actuación debemos sinalar:
- Proseguir e reforzar a nosa política nesta materia, utilizando tácticas informativas indiscriminadas
e selectivas, é dicir, procurando achegarnos de maneira global e indiferenciada a todos os concellos e deputacións
non membros, pero tamén mantendo esa política de tratamento individualizado que tan excelentes resultados
nos proporcionou ata hoxe.
- Establecer, dado o elevado número de entidades locais que aínda están pendentes de adhesión,
criterios de selección que faciliten a captación de socios. Debemos culminar o capítulo das
deputacións e dos concellos máis grandes, e prestar unha maior atención ás mancomunidades
de municipios pois a través da súa presidencia podemos multiplicar sensiblemente o efecto do noso
traballo.
- Planificar, en especial coas deputacións que xa están asociadas, a celebración de sesións
informativas sobre “A xestión da solidariedade e o Fondo Galego”, aproveitando a capacidade de convocatoria
dos entes provinciais.
2. Contemplar como área de atención prioritaria a atención
ós asociados
Este é un capitulo da nosa actividade que debemos atender e perfeccionar en maior medida. O papel do
asociado debe ser e será máis valorado. Cómpre fuxir da súa simple consideración
como un mero aportante de recursos económicos. A priorización da política de adhesións
ou de financiamento de proxectos en ningún caso debe conlevar a ausencia de actuacións que faciliten
unha ampla participación dos socios nas actividades do Fondo e unha maior cohesión que facilite o
éxito da nosa intervención. A tal efecto, propóñense os seguintes obxectivos operativos:
- Proseguir coa publicación da folla “Infórmate a Fondo”, solicitando a colaboración das
entidades asociadas para facer chegar a edición a todos os membros da Corporación e entidades potencialmente
interesadas (centro de información xuvenil, ONGs locais, etc).
- Facilitar ós gobernos municipais os medios para que poidan informar ós seus cidadáns do
destino dos recursos económicos e das actividades do Fondo. É o momento oportuno para pensar na edición
anual dunha pequena revista para informar dos proxectos financiados (custe, memoria, financiamento, execución,
fotografías, etc). Igualmente, cómpre asumir o compromiso de efectuar unha visita anual a cada entidade
asociada para establecer un diálogo directo e fluído entre os responsables municipais e do Fondo
Galego.
- Mellorar a nosa capacidade de resposta en temas de actualidade procurando chegar rapidamente con información
e alternativas que permitan ós concellos situarse á altura das necesidades e esixencias da comunidade
e secundar adecuadamente as peticións das ONGs locais.
- Reforzar, en definitiva, a capacidade asesora do Fondo de xeito que se convirta nunha referencia obrigada e
solvente nesta materia.
- Organizar e ofertar actividades, tanto de carácter xenérico (de sensibilización) como
concreto (axuda a Guatemala, por exemplo) e mesmo aproveitar a nosa base asociativa para funcionar en rede, tal
e como xa fixemos coa exposición.
- A oferta de programación de actividades formativas, tanto para o persoal técnico como para os
responsables políticos, constitúe outra variable a ter en conta que podiamos abordar na segunda metade
deste mandato.
Estas actuacións permitirán unha maior dinamización dos comportamentos cooperantes e solidarios
no seo do municipalismo e da cidadanía.
3. Potenciación da presencia social do Fondo Galego
O Fondo Galego ainda é moi descoñecido. Saír dese anonimato, difundir e animar os nosos
obxectivos e apoiar os procesos de vertebración da cooperación en Galicia esixe:
- Perfeccionar aqueles mecanismos que nos poden permitir reforzar a nosa presencia social, especialmente no medio
municipalista insistindo e perseverando na liña iniciada coa revista da FEGAMP (Territorios) pero abríndose tamén ós medios de comunicación
xeral (prensa, radio, televisión) buscando a proxección pública da nosa actividade tanto a
nivel global como local.
- Negociar cos medios a posibilidade de insertar publicidade.
- Promover proxectos-piloto que permitan acadar ese elevado nivel de implicación social que transcenda
as limitadas fronteiras do propio municipalismo (xornalistas, escritores, etc).
4. Promover a extensión do compromiso cooperante a outras administracións
públicas e axentes sociais
- A nosa actual dimensión representativa permítenos xa formalizar un diálogo directo coa
Xunta de Galicia, principalmente a través da Dirección Xeral de Relacións Institucionais (fundamentalmente
para desenvolver campañas de sensibilización en Galicia) e da Secretaría Xeral para as Relacións
coa Unión Europea e Acción Exterior (a fin de explorar as posibilidades de cooperación a través
da AECI).
- Cómpre establecer mecanismos de contacto cos sindicatos da función pública local, especialmente
para recabar a súa complicidade na mobilización do persoal en campañas de resposta a situacións
de emerxencia e fomentar a súa sensibilidade en relación a estas políticas.
- Afondar no diálogo coas ONGs e equilibrar a súa implicación activa nas actuacións
do Fondo Galego (por exemplo, nas campañas de divulgación) co desenvolvemento de proxectos de interese
común especialmente en materia de documentación e formación.
5. Atracción de maiores recursos económicos
O novo sistema de cuotas mínimas aprobado na Asemblea xeral do 15/O vainos permitir unha certa racionalización
pero tamén un lixeiro incremento das aportacións. Aínda así, son moi reducidos se os
comparamos cos orzamentos xestionados por outros Fondos semellantes. Cómpre actuar a varios niveis:
- Os concellos con prácticas de cooperación máis consolidadas (por experiencia e presuposto)
deberían reflexionar sobre a posibilidade de incrementar progresivamente a súa aportación
de xeito que ó final deste período un minimo do 50% desa partida sexa xestionada polo Fondo Galego.
Este exemplo podería estimular as aportacións dos que se incorporan ex novo á cooperación,
ademais de culminar definitivamente o proceso de asentamento do Fondo.
- Iniciar unha política de diálogo coa Administración autonómica que permita a transferencia
de recursos, en especial para programas de sensibilización cidadá.
- Incentivar a participación económica dos particulares, en especial dos empregados públicos
locais e dos propios corporativos, tanto para o financiamento de programas globais de emerxencia como de proxectos
concretos.
- Favorecer a participación de entidades financeiras a través da transferencia de recursos da súa
Obra Social.
- Contemplar puntualmente a participación de outras entidades, en especial das empresas relacionadas coa
actividade económica local.
6. Diversificación e dinamización da xestión de proxectos
- Diferenciar as actuacións en Galicia en materia de sensibilización, daquelas relacionadas cos
proxectos de cooperación ó desenvolvemento a executar no exterior, efectuando unha convocatoria distinta
para cada caso.
- Valorar máis o ámbito territorial da Oficina de Seguemento en Centroamérica, Caribe e
México á hora de decidir sobre o financiamento de proxectos en América Latina, habida conta
que deste xeito facilitamos a súa avaliación contrastada.
- Incorporar ámbitos xeográficos máis relacionados coas dimensións da proxección
exterior de Galicia.
- Combinar a actuación sistemática a curto e medio prazo coa resposta ás situacións
de emerxencia.
- Considerar, chegado o caso, a conveniencia de impulsar algún proxecto piloto de xestión directa.
Mapa de socios do Fondo Galego
| A Coruña |
Lugo |
Ourense |
Pontevedra |
| A Coruña |
Mondoñedo |
Deputación |
Deputación |
| A Pobra do Caramiñal |
O Valadouro |
Allariz |
A Cañiza |
| Ares |
Quiroga |
Montederramo |
Baiona |
| Arteixo |
Samos |
O Carballiño |
Cangas |
| Betanzos |
|
O Irixo |
Gondomar |
| Brión |
|
Ourense |
Moaña |
| Cabanas |
|
Vilar de Santos |
Nigrán |
| Corcubión |
|
|
Vigo |
| Culleredo |
|
| Fene |
 |
| Lousame |
| Mugardos |
| Narón |
| Neda |
| Noia |
| Oleiros |
| Outes |
| Pontedeume |
| Porto do Son |
| Santiago |
| Valdoviño |
| Vimianzo |

Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/11/99