Sobre Tempo Exterior


Número 5 / Verán de 1998

Unha Fundación para Plácido Castro

Sumario


Unha Fundación para Plácido Castro

Editorial

¡Irlanda!

por Carlos Méixome

Un código de conducta europeo sobre o comercio de armamento

Te

Dereitos humanos sen esnaquizar

por Laudelino Pellitero

O medo a China

por Xulio Ríos

Breves, libros e publicacións

Te

Volver ó sumario


Unha Fundación para Plácido Castro


Editorial

Máis dunha vez temos insinuado a existencia dunha certa identificación entre o proxecto do IGADI e o ideario de Plácido R. Castro del Río. Ese entronque entre humanismo, galeguismo e universalismo, nun mesmo e vertebrado todo que nos permite abrir fiestras ó mundo, non para deixar de ser o que somos senón para achegar o que temos, en todos os planos da vida colectiva, individual e social, aparece perfectamente simbolizado no seu pensamento. Non foi casualidade que dende o IGADI se elaborase esa primeira biografía súa, editada na colección Galegos na Historia da editorial Ir Indo.

Recentemente, o concello de Corcubión, vila onde naceu, nomeou a Plácido Castro “Fillo Predilecto”. Os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas estiveron centrados na súa figura. Durante a cerimonia solemne de outorgamento do título, en presencia da familia, colocouse unha placa na casa onde pasou os seus primeiros anos. Con anterioridade, tamén o concello de Cambados lle dedicou unha rúa con motivo de se cumprir os trinta anos do seu falecemento. Daquela, en xullo de 1997, presentárase o libro coa presencia, entre outros, de don Francisco Fernández del Riego, actual presidente da Real Academia Galega e compañeiro de fatigas de Plácido nos atribulados e esperanzadores anos do galeguismo republicano. Son as primeiras mostras dunha reacción institucional e social, que irá a máis sen dúbida, para recuperar do esquecemento esta figura tan importante no galeguismo, tan actual no seu discurso e, sen embargo, tan descoñecida.

Para avanzar nesa liña, o IGADI adiantou a proposta de constituír unha Fundación que levaría o seu nome, non soamente co obxecto de habilitar un espacio recoñecido para os seus traballos e a súa memoria que facilite o acceso de investigadores ou curiosos, senón tamén, e sobre todo, para difundir en Galicia os mesmos ideais que vertebraron a súa concepción da vida, da política e das relacións humanas, impulsando a divulgación do seu pensamento e desenvolvendo accións prácticas conducentes a unha maior e mellor inserción de Galicia no mundo.

Familiares e achegados aplauden a iniciativa e as primeiras conversas institucionais ofrecen resultados positivos. Ben é certo que non se trata de levar adiante un proceso vertixinoso, senón todo o calmo e pausado que o asunto require. Os concellos de Corcubión e de Muxía (onde pasou os duros anos da guerra, na casa duns familiares, para evitar unha morte segura) están interesados no proxecto e cabe agardar o apoio igualmente de Cambados, onde faleceu, e de Vilagarcía de Arousa, vila na que desenvolveu a súa actividade profesional, como profesor de inglés, nos derradeiros anos da súa vida. O IGADI sería o instrumento dinamizador e aglutinador.

Son moitas as entidades e institucións, de Galicia e do exterior, que estiveron, dun xeito ou doutro, en contacto con Plácido Castro ó longo da súa existencia; e outras novas que, en razón de querencias do propio Plácido (o grande labor de traducción ou o gusto polo teatro), quizais se animen a poñer o seu gran de area; non faltarán tampouco persoas que a título individual desexen participar na consumación desta iniciativa. Entre todos, a Fundación Plácido Castro podería reunir dignamente os moitos anacos da súa experiencia vital, tan diversa como rica e profunda e ofrecerlle á nosa sociedade todo un exemplo de saber ser (galegos) e saber estar (no mundo).

Volver ó sumario


¡Irlanda!


Carlos Méixome Quinteiro

¡Irlanda! ¡Irlanda irmán!
(…)
Chegou o teu berro
ós cons de Fisterre que baten o mar
e abreu o teu laio, salouco e ruxido,
as vellas feridas do vello Breogán…


Este poema de Da terra asoballada escribiuno Ramón Cabanillas nos anos vinte. Daquela a illa fervía. As tres últimas décadas do século XIX –precedidas pola gran fame de 1846/48 e a masiva emigración aos EEUU– esvaéranse entre reclamacións nacionalistas, promesas de autonomía incumpridas e a violencia do exército inglés e da minoría de orixe británica ou das sociedades secretas irlandesas.


Unha mirada atrás

Co novo século semellaba que o “Home rule” ía ser unha realidade, pero o goberno inglés aproveitou o comezo da Grande Guerra para paralizar o proxecto de autonomía e reprimir, sen contemplacións, a revolta de Pascua de 1916. O conflicto camiñaba por vieiros tráxicos. En 1919 a guerra agravouse e só o acordo de Londres do 5 de decembro de 1921 reduciría a intensidade bélica, pero non resolvería o conflicto. O pacto recoñecía a existencia do Estado Libre de Irlanda que, ao mesmo tempo, continuaba a ser un “dominio” da Súa Maxestade e a parte NE da illa, o Ulster –onde os colonos protestantes eran maioría–, permanecía integrado no Reino Unido.

O goberno inglés continuaba a ensaiar a táctica do abandono negociado das colonias e ao mesmo tempo provocaba unha división étnico-relixiosa que prolongaría o sufrimento nas terras de San Patricio. A coroa británica pretendía demostrar que non estaba disposta a renunciar de calquera xeito ao seu imperio e que ía defender aos “seus” colonos e esperaba que a “solución irlandesa” servise de exemplo aos nacionalismos emerxentes das colonias africanas e asiáticas. O trauma da Segunda Guerra Mundial situaría ao Reino Unido ante a nova realidade: xa non era a grande potencia e cumpría abandonar as colonias con honra.

Mentres, o problema do Ulster enquistárase. Os opositores ao tratado de Londres de decembro de 1921 –liderados por Eamon de Valera– venceron nas eleccións de 1933 e elaboraron a Constitución de 1937, que abolía o xuramento de fidelidade á coroa británica, mudaba a denominación de Estado Libre de Irlanda pola de Eire e declaraba a esta como unha república incompleta á que lle faltaban seis condados do Ulster.

A mirada cara atrás é en moitas ocasións necesaria para nos podermos orientar no camiño. O “problema nor-irlandés” situado nos seus xustos termos era –ou é– unha reminiscencia colonial. O conflicto tiña –e ten– orixes políticas, e fosen cales fosen as posteriores derivacións, as solucións tiñan que vir necesariamente pola vía da acordo.


O terror apoderase do Ulster

Para a industria e o comercio dos seis condados esgazados de Eire, os anos da guerra foron beneficiosos, pola súa especial posición estratéxica nunha illa na que a inmensa maioría do territorio mantiña unha escrupulosa neutralidade no conflicto. Pola contra, a ruptura de relacións entre Eire e o Reino Unido prexudicou á república e cando esta procurou restablecelas tivo que ofrecer como contrapartida o desarme e a persecución do IRA que actuaba ós dous lados da fronteira.

A posterior integración de Eire na CEE (1973) semellaba deixar aos católicos do Ulster abandonados cando estes eran víctimas, non só dunha discriminación social, senón tamén legal. A reivindicación dos dereitos civís ao longo dos 60 chegou ao seu punto culminante en 1968. As contramanifestacións da maioría inglesa-protestante – lideradas polo crego Ian Paisley - arrastrou aos condados do norte a unha escalada de tensión que deu pé á intervención do exército británico en 1971. As matanzas de Londonderry de 1972 (o 30 de xaneiro as tropas británicas matan a 13 católicos, é o “Bloody Sundey” ou “Domingo Sanguento”) levaron ao goberno británico a tomar o control da administración e a nomear un secretario de Estado para Irlanda do Norte.

A década dos oitenta, coa Dama de ferro no 10 de Downing Street, non serviu para outra cousa que non fose facer máis longa a lista de mortos. Margaret Thatcher confiaba na solución policial e na man dura. O primeiro de marzo de 1981 Bobby Sands, preso do IRA no cárcere de alta seguridade de Maze, inicia unha folga de fame; o nove de abril é elixido deputado e o 5 de maio morre. Nos meses seguintes outros nove presos morren en folga de fame. O terrorismo do IRA non tiña moito que ver co da Baader-Meinhoff ou as Brigadas Vermellas, nin na causa, nin no apoio popular, nin na capacidade operativa: o 12 de outubro de 1984 un atentado do IRA no Grand Hotel de Brighton, onde se estaba a celebrar unha conferencia do partido conservador, provoca cinco mortos. Seica a ferrosa dama se salvou ao estar na ducha.

O IRA era expresión dunha reivindicación nacional de unidade e integración na veciña Eire e un sistema defensivo ante os ataques dos paramilitares unionistas británicos; este factor afastábaos doutros grupos de guerrilla urbana coma os tupamaros ou os montoneros. Ao mesmo tempo era expresión do rexeitamento dun sistema social inxusto que expulsara aos irlandeses católicos dos postos de traballo cualificados, monopolizados polos irlandeses protestantes británicos. Era un fenómeno que poderiamos denominar “guerrilleiros de gueto”, máis semellantes ás guerrillas palestinas da diáspora ca ás de clase media e formación intelectual de Italia ou Alemaña.


¿Que cambiou?

¿Que mudou nestes anos noventa para que o conflicto nor-irlandés se orientase cara a unha solución pacífica e negociada? Poderiamos sinalar varios factores. Un primeiro sería, ao noso entender, a fin do sistema bipolar. Non pola bondade da unipolaridade actual, senón polo que ten de novo escenario internacional. Desapareceu tanto o temor a un cambio de bloque coma a imaxinaria posibilidade de que se producise. Os sectores en conflicto tiñan que procurar arranxar o problema na casa; en todo caso, cunha soa referencia.

Outro elemento a ter en conta é a actitude dos EE.UU. A política exterior da Casa Branca é moi dependente dos grupos de presión internos (cubanos, xudeus, irlandeses) e os 24 millóns de norteamericanos de orixe irlandesa teñen un importante peso económico e electoral. O presidente Clinton gorece por semellarse a J.F. Kennedy, e non só nos escándalos sexuais. A intervención do actual mandatario norteamericano semella ser decisiva no camiño que levou aos acordos de Stormont: recepcións a Gerry Adams, nomeamento do ex senador demócrata George Mitchell como presidente da mesa de negociacións, designación dunha Kennedy como embaixadora en Dublín.

Non menos relevantes son as cuestións de orde interna. Unha económica, o tremendo custe –uns tres mil millóns de libras esterlinas anuais- que para o goberno de Londres supón a “guerra” de Irlanda do Norte. Outra demográfica, a maioría de orixe británica está en dúbida por mor da caída da natalidade, feito que non acontece entre os católicos. ¡Xa se sabe; pobres e por riba, papistas! Sen esquecernos da constancia e capacidade de sacrificio dos nacionalistas irlandeses, reflectida nos 75 anos que pasaron entre a imaxe de Collins entrando no nº 10 de Downing Street e a de Adams na porta da sede do goberno británico.

Ao anterior cómpre engadir a difícil situación do goberno de Dublín, comprometido moralmente cos compatriotas do Ulster e obrigado a impulsar unhas relacións económicas no seo da Unión Europea da que forma parte tamén o Reino Unido. Era bastante incompresible que no proceso de integración europea dous estados membros seguisen mantendo disputas territoriais lexitimadas constitucionalmente.

Coido, sen embargo, como decisivo o cambio de actitude dos grupos dirixentes das comunidades enfrontadas e do goberno inglés. Este e os dirixentes do Sinn Fein chegarían ao convencemento de que a victoria militar dun dos bandos sería moi custosa, amén de pouco probable. Pola súa banda, para o goberno de Dublín, nidiamente beneficiado pola integración na UE, era urxente chegar a unha solución pacífica e negociada.

De feito, o longo proceso que rematou nos recentes referendos nas dúas bandas da illa comezou en 1992, cando representantes de Dublín e dos unionistas do Ulster se sentaron por primeira vez ao redor dunha mesa de negociación. As conversas foron impulsadas polo goberno conservador de John Major, quen ao ano seguinte asinou un documento co primeiro ministro irlandés no que se comprometía a facilitar e respectar o dereito de autodeterminación.

Os xestos de boa vontade, tanto por parte do goberno británico (inicio das conversas co Sinn Fein, levantamento da prohibición a Gerry Adams de pisar solo británico, desmilitarizacións parciais, etcétera), como do goberno irlandés (sinatura de diversos documentos co goberno británico), do Sinn Fein (continuos chamamentos de Gerry Adams á calma e a favor da negociación) e do IRA (dúas treguas unilaterais), continuaron ao longo de 1994, 95 e 96. Os unionistas víanse cada vez máis illados, o cal non era problema para os irreductibles orangistas de Paisley, pero si para o Partido Unionista do Ulster (UUP) de David Trimble, que non podía quedar á marxe das conversas sendo o partido con máis votos de Irlanda do Norte.

A debilidade do goberno tory de Major impedía un avance substancial nas negociacións que se resolvería co triunfo abafante do laborismo de Tony Blair. A ampla maioría do novo goberno e a capacidade para liderar do premier permitirían que en menos dun ano as dilatadas negociacións chegasen a bo porto e se abrise unha porta á esperanza confirmada coa esmagante maioría coa que os cidadáns da república modificaron a súa constitución no relativo á cuestión do Ulster e na ampla maioría (71%) acadada polo SI en Irlanda do Norte, que permitiu a Trimble consolidarse ao fronte da comunidade protestante e postularse como claro candidato á presidencia da nova Asemblea, que se elixiría segundo os acordos de Stormont.Foi significativo o triunfo do SI na comunidade católica (calcúlase que o NON non chegou ao 5% ). Os dous grandes partidos así o pedían: o Laborista de Hume –probable vicepresidente da Asemblea– e o Sinn Fein de Adams. Ao día seguinte dos referendos, Gerry Adams ofertaba un acordo electoral co Partido Laborista irlandés, maioritario na comunidade católica. Semella que Irlanda atopara o sendeiro para a paz.


Remate

Só unha reflexión final. Nos días previos á celebración dos referendos dirixentes políticos e creadores de opinión españois repetiron ata a saciedade o que é obvio: o caso irlandés é particular e non é semellante a ningún outro. O evidente non merece comentario. ¿Por que insistir? Porque, realmente, o que se quere transmitir é que non se considera factible a vía do diálogo para Euzkadi.

Despois destas reflexións non está tan claro. Coidamos que o cerne está en admitir que os enfrontamentos que teñen, aunque só sexa na súa orixe, unha motivación política só van ter saída a través de solucións da mesma índole. A dificultade estriba en que todos os sectores en conflicto deben chegar a este punto de partida.

Carlos Méixome Quinteiro é membro do IGADI.

Volver ó sumario


Un código de conducta europeo sobre o comercio de armamento


Te

O Consello Europeo aprobou, en xuño de 1991, sete criterios comúns para regulamentar as exportacións de armamento, ós que se engadiu un oitavo en xuño de 1992. Estes Criterios Comúns da Unión Europea (UE) salientan que calquera decisión de exportar armamento debería ter en conta a situación interna e rexional do país comprador, a súa situación de dereitos humanos e o efecto da compra sobre a economía nacional.

Estes oito criterios, non obstante, teñen serias limitacións: non son suficientemente precisos e concretos e non existe acordo sobre cómo deben interpretarse. Esta falta de interpretación común provocou que, dentro da propia UE, diferentes estados membros seguisen políticas discrepantes en canto á exportación de armas a, por exemplo, países con malas credenciais de respecto ós dereitos humanos como Indonesia ou Turquía.

A causa destas limitacións, varias ONG europeas, lideradas polo British-American Security Council (BASIC), Safeworld e World Development Movement, e co apoio de centos de organizacións, promoveron dende 1995 un Código de Conducta sobre as transferencias de armamento, cun triple propósito:

1. Definir de forma máis clara os termos de cada criterio.
2. Establecer mecanismos públicos para controlar a práctica gobernamental en canto a exportación de armamento.
3. Elevar ó máximo nivel posible a lexislación comunitaria sobre control de exportacións de armamento.

Por outra banda, o establecemento de medidas que permitan dar maior transparencia ó comercio de armas e a creación de mecanismos de control parlamentario “a priori”, contribuirán a frear as exportacións que vulneren os principios do Código de Conducta.

Os criterios de exportación de armamento aprobados polo Consello Europeo son os seguintes:

1. O respecto do compromiso internacional dos Estados membros da Unión Europea, en particular das sancións decretadas polo Consello de Seguridade das Nacións Unidas e das decretadas pola Unión, dos acordos de non proliferación e outros, así como doutras obrigas internacionais.

Concretamente, os Estados membros deben aterse a:

a. Que as sancións decretadas polo Consello de Seguridade das Nacións Unidas fosen aprobadas ou non especificamente baixo o capítulo VII da Carta da ONU.
b. Que as sancións acordadas pola Unión fosen aprobadas ou non pola vía de lexislación vinculante da Unión ou por declaración non vinculante da EPC.
c. Os acordos de non proliferación e outros temas, incluídos a ratificación e o cumprimento da Convención sobre Armas Químicas, a Convención sobre Armas Biolóxicas, o Tratado de Non Proliferación Nuclear, a Convención sobre Armas Inhumanas, a Convención sobre Mercenarios e o Rexistro das Nacións Unidas de Armas Convencionais.

2. O respecto dos dereitos humanos no país de destino final.

Concretamente, o goberno de destino final:

a. Non debería ter cometido violacións sistemáticas dos dereitos humanos recoñecidos internacionalmente nos tres anos anteriores, incluíndo: execucións extraxudiciais ou arbitrarias, desaparicións, tortura ou malos tratos severos, discriminación oficial sistemática, encadeamento ou detención baseándose na raza, a condición étnica, a orixe nacional ou as crenzas relixiosas ou políticas; non debería ter cometido violacións serias do dereito internacional de guerra nin violacións equivalentes das leis de guerra en conflictos internos, nin estar implicado en asasinatos políticos masivos derivados dunha política de represión.
b. Debeu ratificar o Pacto Internacional sobre Dereitos Civís e Políticos e o Pacto Internacional sobre Dereitos Económicos, Sociais e Culturais.
c. Debe facer efectiva a vontade do pobo a través de eleccións, xustas, lexítimas e efectivamente multipartidistas.
d. Debe promover o control civil das forzas militares e de seguridade e posuír institucións civís que determinen a política de seguridade nacional e controlen as operacións e os gastos das forzas armadas, das forzas de seguridade e da policía.

3. A situación interna do país de destino final, como reflexo da existencia de tensións ou de conflictos armados internos.
A estabilidade interna debe considerarse ameazada se o goberno ou parte receptora do país de destino final está implicado nun conflicto, ben sexa interno ou externo, a menos que as Nacións Unidas recoñezan que se está defendendo dunha agresión.

4. A preservación da paz, a seguridade e a estabilidade rexionais.

A existencia de perigo admitiríase se:

a. Existe un conflicto armado en curso na rexión, ou un que implique ó proposto estado importador en concreto, a menos que ese estado estea comprometido nun acto de autodefensa, de acordo co artigo 51 da Carta da ONU, ou estea desempeñando un papel lexitimado dentro dunha acción de seguridade colectiva, por mandato das Nacións Unidas.
b. O estado importador deixa de recoñecer o dereito a existir doutros estados da rexión, recoñecidos polas Nacións Unidas.
c. As partes dun conflicto armado anterior deixan de respectar un cese o fogo.
d. A transferencia introduce tecnoloxía totalmente nova nunha rexión de tensión.
e. O estado importador comete un acto de intervención sobre outros estados da rexión, en particular unha intervención armada.
f. O estado importador defende un odio nacional, racial ou relixioso que constitúa unha incitación á discriminación, a hostilidade ou a violencia, en especial a propaganda que incite ás persoas a derrocar o seu propio goberno ou un estranxeiro, e a propaganda maliciosa en busca de reivindicacións territoriais; ou deixe de actuar efectivamente contra aqueles que participen en semellantes actividades dentro da súa xurisdicción.
g. A transferencia leva á creación de circunstancias que, á súa vez, conduzan a que un gran número de refuxiados abandonen un estado e provoquen un número considerable de persoas desprazadas, ameazando así a seguridade e a estabilidade dos estados veciños.

5. A seguridade nacional dos estados membros da Unión e dos territorios que teñan as súas relacións exteriores baixo a responsabilidade dun membro da Unión, así como a de países amigos ou aliados.

Concretamente, os estados membros deben evitar as transferencias que ameacen a seguridade nacional doutros estados e de territorios que teñan as súas relacións exteriores baixo unha responsabilidade internacionalmente aceptada doutro estado. Os intereses da seguridade dun Estado amigo e aliado non deben invocarse como razón para quedar exento da aplicación das limitacións para exportar armamento, se ese estado deixou de cumprir manifestamente calquera dos outros sete criterios.

6. O comportamento do país comprador con respecto á comunidade internacional, en canto se refire especialmente á súa actitude fronte ó terrorismo, á natureza das súas alianzas e ó respecto do dereito internacional.

Os indicadores seguintes deben ser usados para determinar a actitude dun posible estado importador no referente ó terrorismo:

a. Asinar e ratificar as convencións e instrumentos internacionais referentes ó terrorismo ou a actos relacionados co terrorismo. Esto inclúe a Convención de Toquio sobre delitos e determinados actos cometidos a bordo de avións; a Convención da Haia para eliminar o secuestro ilegal de avións; a Convención de Montreal para eliminar actos ilegais contra a seguridade de avións civís; a convención sobre delitos contra persoas protexidas internacionalmente (Convención de Nova York); a convención internacional sobre a toma de reféns (Convención de reféns); a convención sobre protección física de material nuclear, e aqueles decretos ós que se refire o artigo 16 do borrador presentado pola Comisión Xurídica Internacional sobre crimes contra a paz e a seguridade da humanidade.
b. Cumprir esas obrigas, en especial cumprir as obrigas relacionadas coa detención e a persecución ou extradición de presuntos terroristas atopados no territorio do posible estado importador.
c. Que os organismos internacionais determinen que dito estado está activamente involucrado no terrorismo; por exemplo, que permite usar o seu territorio como base para terroristas, que abastece ou dirixe terroristas ou que os asiste de calquera outro modo.
d. Que un organismo de aplicación dos dereitos humanos ou os mecanismos de vixilancia non atopasen a ese estado responsable de asasinatos en violación da lexislación sobre dereitos humanos.

7. Que a existencia dun risco de que o equipo sexa desviado dentro do país comprador ou reexportado en condicións non desexables.

En particular:

a. Un fracaso pasado por parte do posible receptor á hora de proporcionar certificados cribles sobre o uso final do armamento recibido, ou que fose usado ou reexportado en contradicción cos certificados de uso final, constituirán unha evidencia “prima facie” dun risco de repetición da violación.
b. Unha negativa a permitir a verificación do uso final tamén se considerará unha evidencia “prima facie” de prácticas indesexables que imposibilitarán a exportación.

8. A compatibilidade das exportacións de armamento coa capacidade técnica e económica do país receptor, tendo en conta que o desexable é que os estados deberían satisfacer as súas lexítimas necesidades de seguridade e defensa co mínimo desvío de recursos humanos e económicos para armamento.

As limitacións de exportación débenselles aplicar ós estados que adquirisen un arsenal militar desmesurado para as súas necesidades defensivas. Se os gastos militares son superiores ós gastos para saúde pública e educación xuntos, esto tomarase como unha evidencia “prima facie”.

Todo este catálogo de propostas concretas que matizan e detallan criterios xerais está a ser divulgado nunha campaña desenvolvida conxuntamente por Amnistía Internacional, Centro de Investigación para a Paz, Intermón, Greenpeace, Médicos sen Fronteiras e o Centro UNESCO. Trátase de establecer un novo marco lexislativo que tome en consideración:

1. A revelación pública ós parlamentos estatais de todas as transferencias proxectadas de equipo, tecnoloxía, formación e persoal militar, de seguridade e policial, antes de que se conceda unha licencia de exportación ou de que se proporcione a formación.

2. A notificación previa doutros estados europeos membros de todas as grandes exportacións ou transferencias de armas convencionais, co fin de que os membros poidan considerar se se incumpriron ou non os criterios para as exportacións sinalados máis arriba.

3. O establecemento de mecanismos para controlar as garantías de uso final.

4. A aplicación de sancións efectivas contra persoas, empresas e gobernos que fomenten ou permitan conscientemente exportacións que contraveñan o presente Código.

5. O establecemento de canais efectivos a través dos que o goberno poida recibir información de organizacións non gobernamentais.

6. A clara división de responsabilidades entre departamentos que se ocupen, por unha banda, da concesión de licencias e, por outra, do fomento da exportación de transferencias de equipo, tecnoloxía, formación e persoal militar, de seguridade e policial.


Volver ó sumario


Dereitos humanos sen esnaquizar


Laudelino Pellitero

A indivisibilidade dos Dereitos Humanos e súa aceptación como un corpo único, sen anacos, fainos reflexionar sobre a decidida defensa destes valores universais sobre os que, con frecuencia, establecemos unhas escalas de valores, subxectivas ou colectivas, nas que se asume, encumia, reivindica, denuncia, defende... aqueles textos das declaracións e convencións cos que estamos máis sensibilizados, mentres –consciente ou inconscientemente– esquecemos, minusvaloramos ou calamos os referidos a aspectos que poidan cuestionar, aínda que sexa de xeito circunstancial, modelos e concepcións da vida e do mundo que sentimos máis próximos.

Dereitos da persoa individual, dereitos cívico-políticos e dereitos económico-sociais integran as diferentes declaracións e convencións, das que dispomos e das que, por veces, saen cores diferentes en función do lugar no que nos situemos ante o prisma que recibe a luz diáfana dos dereitos humanos.
Dende o liberalismo puro esfórzanse en argumentar que o estado, co seu poderío, non debe invadir o ámbito privado do individuo –e en consecuencia da propiedade– e proclama con forza os dereitos e liberdades persoais elevándoos a categoría de “naturais”, inherentes á persoa humana e, polo tanto, anteriores e superiores ao estado, que ten a obriga de asumilos, respectalos e garantilos.

Ópticas antagónicas remarcan especialmente o papel asistencial do estado como fornecedor de cotas de benestar que dignifiquen a existencia humana.

Dende estas e outras opcións percíbese unha xerarquía asimétrica na que se van colocando os diversos dereitos, segundo o plano ao que estean supeditados.

Quizais por todo isto, o 10 de decembro, data na que conmemoraremos o 50 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos de 1948, semella unha boa ocasión redimensionar todos os dereitos, situalos en planos de igualdade e para facer dende Galicia unha reflexión na que participemos activamente en defensa duns dereitos que por veces esmorecen atrapados por intereses que sitúan ao home a aos pobos como instrumentos doutros obxectivos máis tanxibeis e perentorios.

Dende o noso país somos especialmente propicios e sensibeis a pescudar nas diferentes convencións e declaracións para rearmar a solidez argumental dos principios que garanten a supervivencia de Galicia como pobo: Aspiramos a liberarnos da miseria, ao desenvolvemento económico, social e cultural, a utilización do noso idioma, queremos exercer o dereito de libre determinación dos pobos e o dereito a dispor de nós mesmos, a poder resistir ante a opresión, a reclamar os dereitos dos traballadores emigrantes...

Ben como persoas, ben como sociedade, asumimos, sen fisuras notabeis, outros dereitos xenéricos e extensibeis a toda a humanidade como: o dereito á vida, a necesidade de ter unha seguridade social, unha educación digna e unha formación profesional axeitada, ao traballo e a seguridade nel, a poder exercer a obxección de conciencia, a gozar dunha vivenda, a vivir en sociedades nas que non exista a discriminación da muller, a que a infancia posúa a plenitude dos seus dereitos, a que poidamos acoller refuxiados, a gozar do medio...

Condenamos tenazmente as sociedades nas que persiste a discriminación da muller, os réximes que non eliminan calquera pegada da discriminación racial, os que practican o xenocidio, os que executan penas de morte....

Mesmo ollamos cunha grande preocupación e impotencia cómo as organizacións mundiais que teñen a encomenda de velar pola paz e os dereitos da humanidade funcionan antidemocraticamente e, por veces, actúan en función dos intereses das potencias. As intervencións humanitarias ou diplomáticas son relativizadas por xeoestratexias de áreas de influencia. Prolongados conflictos coma o de Kosovo, coa flagrante negación dos dereitos individuais e colectivos, só emerxen no plano da actualidade e de intervención internacional cando atopan a conxuntura oportuna.

Mais non é menos certo que tamén, por veces, non se ergue a voz coa necesaria forza para reclamar os dereitos individuais ou os cívico-políticos. Diante de nós repítense, a cotío, situacións nas que se lles impide ás persoas entrar e saír do seu propio país, nas que non existen todas as garantías procesuais, nas que se persegue a liberdade de pensamento, nas que non se permite a liberdade de expresión e de conciencia, nas que non existe a posibilidade de exercer as libres crenzas relixiosas... Quizais alguén poida considerar que entran en colisión con outros dereitos de maior rango como poden ser outros dereitos económicos ou sociais.

Nesta fin de século e cincuentenario da Declaración dos Dereitos Humanos, é o momento de incorporar plenamente ao noso acerbo e á nosa sensibilidade social o feito de que todos os dereitos son merecentes da mesma categoría. Todos e cada un teñen a mesma consideración para unha humanidade que posúe dereitos iguais e inalienabeis nos que se deberá fundamentar a Liberdade, a Xustiza e a Paz no mundo. Só así gañaremos o respeto e obteremos a completa lexitimidade para reclamar o que nos é de lei e disporemos, asemade, da completa licitude para denunciar sen ataduras as pasividades e os excesos cometidos tanto polas organizacións internacionais, coma polos estados ou polas persoas.

Laudelino Pellitero é membro do IGADI.

Volver ó sumario


O medo a China


Xulio Ríos

Foi a escusa de fondo ideada pola India para xustificar a realización das súas probas nucleares, velozmente secundadas por Pakistán. Pero é tamén un argumento cada vez máis recorrente en todo tipo de análises internacionais: ¡Coidado coa China!

Dende hai anos, Lester Brown (Worldwatch Institute) non para de facer proxeccións alarmistas sobre as consecuencias mundiais do progreso da China. Segundo os seus prognósticos, como moi tarde no ano 2030, China padecerá unha forte insuficiencia de alimentos e os cereais escasearán en todo o mundo. En termos de polución, agardaríanos unha situación non menos preocupante. Os chineses, con retranca, contan que durante o Período das Primaveras e os Outonos (770-476 a.n.e.) un home do estado de Qi non tiña descanso nin para comer nin para durmir por medo a que o ceo se afundise...

Quizais o primeiro en disparar outras alarmas foi Samuel P. Huntington coa súa teoría do choque das civilizacións. Segundo este profesor de Harvard, na posguerra fría, a fonte principal de conflictos no mundo non vai ser ideolóxica ou económica, senón que virá determinada polo feito civilizatorio. Huntington clasifica as civilizacións en oito categorías e unha delas é a confuciana. A súa teorización conclúe que as non occidentais desafiarán ás occidentais e identifica as civilizacións confuciana e islámica como as máis perigosas para os nosos intereses e valores, pois o seu poderío militar vai en aumento, ampliando considerablemente as respectivas áreas de influencia.

Bernstein e Munro, autores de The coming conflict with China, se ben recoñecen que China é hoxe máis aberta e está máis comprometida internacionalmente ca nunca, consideran que se está convertendo nunha gran potencia rival dos Estados Unidos no Pacífico. Para Munro, “impulsada polo sentimento nacionalista, a ansia de redimir as humillacións do pasado e a elemental ambición de lograr poderío internacional, China aspira a substituír aos Estados Unidos como potencia dominante en Asia”. Nunca poderán ser socios, conclúe, senón adversarios.

A noción de China como unha ameaza xira arredor do seu crecemento económico e a súa forza militar. Cando eran moito máis más pobres do que hoxe son, a pena e certa condescendencia poderían ser os sentimentos predominantes en moitos occidentais respecto a China. A ironía permitíanos mesmo especular sobre a inmensa poboación chinesa, “capaz de inverter a órbita da terra coa mera sincronización dun leve salto”. Pero agora emerxe como un novo polo de poder mundial que polas súas dimensións demográficas e territoriais nin pode ser obviado nin é doado de acurralar. En consecuencia, asistimos a unha relectura pouco tranquilizadora das relacións de China co mundo en xeral e con Occidente en particular.

Nas antípodas desas primeiras reflexións podemos situar outras voces non menos autorizadas como a de Zbigniewex Brzezinski, ex asesor do presidente Carter, quen en The Grand Chessboard afirma que é impensable un equilibrio de poder estable en Eurasia “sen unha comprensión estratéxica cada vez máis profunda entre os Estados Unidos e a China”. Asumindo a necesidade de evitar temores excesivos respecto do crecente poderío chinés, Brzezinski, que denuncia esa obsesión por China como potencia global e ameazante, aposta con claridade por comprometer a Beijing nun diálogo estratéxico para acomodala constructivamente no ámbito rexional e mundial. Pero ademais relativiza con argumentos a posibilidade de que China se transforme nunha gran potencia a curto prazo. Incluso no militar, asegura, non está en condicións de realizar un esforzo preocupante sen afectar negativamente ó crecemento económico a longo prazo.

Coa mellora da súa economía, China percibe que hoxe ten unha oportunidade de ouro para satisfacer os seus intereses estratéxicos. ¿Expansión da súa influencia ou eliminación de posibles ameazas? Nos últimos anos resolveu boa parte dos numerosos litixios fronteirizos. Subsisten os desacordos sobre as illas do mar de China meridional, pero mellorou notablemente as súas relacións coa práctica totalidade dos países da zona. Ben é certo que non descoidou a cooperación militar (moi estreita con Mianmar, por exemplo, que lle facilita o acceso ó Indico, ou con Pakistán, por suposto), pero teñen por diante unha ardua tarefa para modernizar as súas forzas armadas. Incluso a propia India ten dous portaavións, mentres que a China, cunha franxa costeira enorme, non conta aínda con ningún. Pese ó indiscutible reforzamento das súas capacidades defensivas, aínda é un xigante con pés de barro en numerosos aspectos.

Cómpre reforzar e perfeccionar os mecanismos de cooperación e defensa existentes na zona, complementando os de carácter económico e comercial, de forma que se moderen as tendencias hexemonistas. Un discurso que alimente a desconfianza, que busque os espacios de confrontación e non de entendemento, soamente conseguirá alentar o nacionalismo chinés.

Lu Xun, un dos escritores chineses máis famosos deste século, acostumaba a dicir que “a través das épocas, os chineses viron os estranxeiros de dúas formas: ou cara arriba, como seres superiores, ou cara abaixo, como animais salvaxes”. Poñamos as cousas no seu sitio, disuadamos con firmeza a quen se empeña no contrario e non desgraciemos a oportunidade histórica de nos tratarmos de igual a igual.

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó sumario


Breves, libros e publicacións


Te

Máster Europeo en Dereitos Humanos e Democratización
O Instituto de Dereitos Humanos Pedro Arrupe (Universidade de Deusto) programa a segunda edición do seu Máster Europeo en Dereitos Humanos e Democratización co que pretende “formar académic@s e traballador@s no terreo de organizacións intergobernamentais, gobernamentais e non gobernamentais mediante unha formación internacional multidisciplinar que reflicte a vinculación entre dereitos humanos, democracia, paz e desenvolvemento”. Máis información no teléfono 94 4139102 ou no IGADI.

Convocatoria do Fondo Galego
Nunha asemblea xeral celebrada o pasado día 19 de maio, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aprobou a súa primeira convocatoria de subvencións destinadas a ONGs para proxectos de cooperación e solidariedade. As bases están dispoñibles na nosa páxina web e poden ser solicitadas directamente ó Fondo Galego ou a calquera das entidades asociadas. O prazo de presentación de proxectos remata o 31 de xullo.

“Más allá de la violencia
Procesos de resolución de conflicto en Irlanda del Norte”

Mari Fitzduff (Ed. Gernika Gogoratuz e Bakeaz)
Este traballo monográfico sobre Irlanda do Norte é unha análise das raíces, morfoloxía e presentación da resolución dun conflicto extremadamente complexo, terriblemente violento e daniño para todos os involucrados, e sobre todo un chamamento apaixonado á comprensión, á tolerancia e á fin da violencia. O libro está editado por Gernika Gogoratuz e Bakeaz. A doutora Mari Fitzduff é autora de numerosas publicacións e directora do Instituto de Resolución de Conflictos e Etnicidade da Universidade do Ulster en Derry, asociado coa Universidade das Nacións Unidas.

“Guía de Recursos” de Acción Exterior de Galicia
Coa colaboración do IGADI, a Fundación Galicia-Europa e a Secretaría Xeral da Unión Europea e Acción Exterior da Xunta de Galicia acaba de editarse esta guía que pretende ser un manual de consulta imprescindible para todas aquelas persoas (empresarios, dirixentes de todo tipo de organizacións sociais, responsables políticos e institucionais, etc) que precisen contemplar a proxección exterior nas súas actividades.

“Cuba, independencia e revolución”
“Cuba, independencia e revolución”, na colección Pretextos Internacionais, esta vez en Edicións do Cumio, e da autoría de Lino Pellitero, Carlos Méixome e Xulio Ríos.

“A China por dentro”
De Xulio Ríos, na colección Crónica de Edicións Xerais, “A China por dentro”, é unha completa reportaxe sobre o que está a acontecer e emerxer no vello Imperio do Medio.


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/6/98