|
http://www.arrakis.es/~igadi |
|
Sumario
|
|
| Editorial | |
| por Sonia Vizoso | |
|
Unha ONG para establecer un imposto
mundial |
por Iago Santos Castroviejo |
| por Calo Iglesias | |
| por Xulio Ríos | |
| Te | |
http://www.arrakis.es/~igadi
Entramos na Rede. O IGADI dispón xa da súa propia páxina web en Internet. Catro son as principais variables que vertebran esta nova dimensión do noso proxecto. Dunha banda, trátase de proporcionar as informacións básicas e elementais sobre a identidade do IGADI (en galego, castelán, inglés e francés), sobre cómo facerse socio, etc. En segundo lugar, informar dalgunhas das nosas actividades. Neste sentido o universo resulta especialmente amplo. Así, a través do Centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea poderase acceder ós links daquelas publicacións que recibimos no noso centro ou solicitar información doutras que non están na rede pero que figuran como recibidas nos listados xerais.
As publicacións de Política Exterior disporán dun espacio propio en virtude do acordo asinado coa sociedade editora das mesmas. Igualmente, neste capítulo de actividades, os apartados de Presencia, Publicacións, incorporarán o fondo editorial do propio IGADI e artigos e análises de actualidade internacional publicados en prensa e revistas. Tamén se poderá acceder directamente a Tempo Exterior, que será editado en formato dixital, e consultar todos os números publicados ata a data.
En terceiro lugar, dous ámbitos de preocupación do IGADI disporán dun espacio diferenciado, tanto o relativo a China e o mundo chinés, como o que atinxe á acción exterior de Galicia, na súa vertente predominantemente política e económica (Observatorio Exterior). Nestes espacios iranse incorporando os traballos e propostas que o IGADI dinamice.
Por último, a participación do IGADI na comisión executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o interese explícito da nosa entidade na súa posta en marcha xustifica a apertura dunha páxina específica para esta institución chamada a desempeñar un activo papel na sensibilización humanitaria da nosa cidadanía. Dende ela informaremos das súas convocatorias e actividades. Como servicio, no apartado "Outros enlaces", os interesados en temas internacionais poderán atopar un bo número de accesos a publicacións, organizacións e institucións de certo interese. En ocasións especiais, incorporaremos links conxunturais para facer explícito o noso apoio a unha campaña determinada (contra as minas, por unha saída diplomática á crise iraquí, por exemplo) ou compartir unha efeméride. Neste sentido, con motivo do 50 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, publicamos o seu texto en idioma galego.
O acceso a Internet do IGADI, aínda en proceso de construcción e mellora, agardamos completalo proximamente a través do establecemento dunha colaboración activa e permanente con Vieiros (http://www.vieiros.com) para abrir no seu espacio unha xanela ó mundo dende a que se difundan informacións, novas e análises relativas tanto a problemas internacionais coma a diferentes aspectos da nosa acción exterior, sempre pensados e elaborados desde aquí, desde Galicia e no noso idioma.
Resta, por último, expresar un sincero agradecemento ó noso socio Alvaro Reinaldo polo seu inxente esforzo á hora de deseñar, instalar e actualizar esta páxina que, sen dúbida, abre un novo horizonte para as actividades do noso Instituto.
O islam e a muller: A historia dunha manipulación
O patriarcado é un feito en todos os países do planeta Terra, pero son os musulmáns os terrícolas con peor sona á hora de discriminar as mulleres. Os medios de comunicación bombardean a cotío ós cidadáns occidentais con escandalosos casos referentes á vida da muller musulmana, extraídos a meirande parte das veces do seu contexto e que empuxan a mente dos lectores ou espectadores a identificar o todo pola parte. Un exemplo de manipulación ¿intencionada? foi a portada do diario ABC o día das últimas eleccións celebradas en Marrocos. A imaxe amosaba unha marroquí vestida cun burka (tipo de veo que oculta totalmente o corpo deixando unha única abertura redada á altura dos ollos) despositando o voto. O fotógrafo tivo que buscar moito para conseguir unha foto así nun país onde case ninguén viste esas túnicas. A mínima representatividade da foto responde a unha clara estratexia de manipulación da que son cómplices todos aqueles medios que informan e opinan de xeito continuado sobre a situación de mulleres musulmanas (Alxeria, Afganistán) ignorando o que di o islam sobre a muller. Poucos dos que identifican islam e machismo saben realmente diferenciar o papel que asigna a relixión islámica ás musulmanas e as inxustizas que lles veñen a través das estructuras dunha sociedade patriarcal. Poucos son tamén os que poderían explicar se os talibáns de Afganistán seguen ou non ó pé da letra a mensaxe revelada polo profeta Mahoma.
A revelación do Corán no século VII foi toda unha revolución feminista na península arábiga. Nos tempos nos que os cristiáns crían que as mulleres non tiñamos alma, apareceu en Arabia unha relixión que lle atribuía a mesma culpabilidade a Adán e a Eva na expulsión do paraíso, que consideraba un deber a busca do saber, tanto para o home coma para a muller, e que lles recoñecía ás musulmanas o dereito á propiedade privada e á herdanza, á liberdade de expresión e á súa igualdade mental e espiritual co home. Antes da chegada do islam, a muller árabe era un mero obxecto sen dereitos de ningún tipo, que se mercaba e vendía e que sufría continuamente un infanticidio feminino consentido. A revelación de Mahoma supuxo, pois, unha revolución na mellora da situación da muller árabe.
O Corán considera a home e muller iguais pero non idénticos. É por iso que lles asigna papeis diferentes na vida social: o home ten o deber de manter a familia e a esposa ten o dereito a ser mantida. Estes roles distintos explican, por exemplo, que a muller teña dereito á metade da herdanza (ten menos responsabilidades económicas e, xa que logo, debe recibir menos) ou que nos xuízos islámicos o testemuño feminino teña a metade de valor có dun home (supónse que ó non teren a obriga de traballar, as musulmanas terán menos experiencia nos asuntos da vida pública). Nos países onde se aplica a shari'a (lei islámica) hai mulleres que loitan contra estes preceptos e hai outras que os consideran unha vantaxe. Con todo, esta diferenciación de papeis é a base de todas as discriminacións sexuais que se recollen na lexislación islámica.
A situación da muller árabe é, na meirande parte dos países, peor do que estipula o Corán, por mor das manipulacións patriarcais que o texto relixioso sufriu. A arabista andaluza Caridad Ruiz de Almodóvar distingue no seu libro Historia del Movimiento Feminista Egipcio cinco factores que distorsionaron a revelación de Mahoma no tocante á muller:
a) As interpretacións erróneas dos dereitos coránicos
O feito de que o Corán non afirme a plena igualdade entre os sexos fixo que os exéxetas identificasen desigualdade con inferioridade. Atopamos dúas aleias (versículos coránicos) que establecen a desigualdade: "Os homes teñen sobre elas preeminencia" (II:228) e "Os homes están por riba das mulleres, porque Deus favoreceu a uns respecto a outros". Partindo destas frases tiradas de contexto, os exéxetas foron progresivamente deducindo a superioridade dun sexo sobre o outro e, en consecuencia, un dereito de dominio.
b) O abandono e infrinximento constante dalgunhas leis
As leis islámicas ignoradas foron todas aquelas que se considerou que atentaban contra a estructura patriarcal da sociedade. Por exemplo, impedíuselle á muller contratar o seu propio matrimonio e a familia empezou a actuar no seu nome negándolle a independencia. Tamén se lle negou o seu dereito a percibir o dote (o dote no islam é un agasallo que o esposo fai á esposa: a primeira metade entrégaselle o día da voda; a segunda, en caso de ruptura do matrimonio ou falecemento do esposo) e a súa parte da herdanza. Pero as distorsións máis graves afectaron ó tema da poligamia e ó repudio.
A poligamia é algo practicamente inexistente entre os musulmáns e mesmo dentro dos exéxetas islámicos non hai coincidencia no feito de que sexa unha práctica permitida por Deus. A controversia vén por mor de dúas aleias. Unha delas permite que os musulmáns casen cun máximo de catro mulleres, pero a outra establece a condición de que o esposo ten que tratar a todas elas por igual, tanto no senso material coma no sentimental. Os reformadores islámicos de finais do século pasado interpretaron que, tendo en conta a imposibilidade de cumprir a condición (é imposible tratar exactamente igual a todas), a poligamia quedaba prohibida no Corán. Nembargantes, os exéxetas do patriarcado defenderon que a igualdade de trato se refería exclusivamente ó material e permitiron a poligamia. Esta práctica está permitida en todos os países de maioría musulmana agás Túnez, pero case ninguén a practica. A poligamia foi unha solución en tempos de Mahoma ó problema que xurdiu debido ó gran número de viúvas sen medios de vida que deixaron as guerras de expansión do islam. Actualmente non ten finalidade ningunha e, como non é un artigo de fe, a súa prohibición é un dos cabalos de batalla dos colectivos feministas árabes.
O repudio é o dereito do esposo a romper unilateralmente o matrimonio sen necesidade de proceso legal. Existía antes da chegada do islam e a lei musulmana incluíu unha serie de prazos e condicións que a sociedade patriarcal esqueceu. O repudio chegou a converterse, e nalgúns países aínda o segue a ser, nunha permanente ameaza contra a muller. A gravidade da ameaza de abandono faise patente se temos en conta que nos países árabes a meirande parte das mulleres non traballan en empregos asalariados debido á situación económica dos seus países e ó orgullo machista (o home considera unha deshonra que a súa muller traballe, porque semella que el non a pode manter), pero nunca por motivos relixiosos.
c) A pervivencia de costumes anteriores á chegada do islam
Unha das manipulacións máis escandalosas da imaxe da relixión islámica nos medios de comunicación occidentais é a que atinxe á ablación do clítoris. Semella que non acaba de quedar claro que esa práctica non ten absolutamente nada que ver co islam. É un costume propio dalgunhas zonas do continente africano que perviven aínda actualmente, pero que non ten sentido relixioso ningún.
d) A introducción de elementos doutras civilizacións
Inda que pareza sorprendente, dentro deste factor temos que incluír outros dous aspectos da vida da muller musulmana que teñen un espacio asegurado nas páxinas dos xornais. Refírome ó veo e á reclusión. A reclusión é un costume que chegou ós territorios islámicos dende a cultura bizantina e consiste en manter a muller apartada da rúa e recluída na casa e no ámbito familiar. Na época abasí (750-1258) o mundo árabe viviu o seu maior esplendor nas artes e nas ciencias. Bagdad converteuse na cidade máis avanzada e civilizada do planeta e na corte abasí os califas rodeáronse de riqueza e luxo. Foi nesa vida refinada onde os abasís tomaron de Bizancio o costume de recluír na casa as mulleres da corte para distinguilas das escravas que, aínda que semelle ilóxico, se movían libremente. O que naceu como símbolo de distinción e respetabilidade transformouse co tempo nun xeito de preservar a pureza e castidade da muller. A base relixiosa atopouse manipulando o sentido de varias aleias do Corán, as XXXIII:32 e 33, que instaban a recluírse só ás esposas do profeta Mahoma. Deste xeito xurdiu o costume árabe de confinar a muller nos lindes do fogar e obstaculizar o seu acceso á vida pública.
O veo era daquela o signo externo da reclusión e a prenda de vestir propia do Mediterráneo. Do mandato de cubrir a cabeza das mulleres cun veo hai constancia escrita de hai 3.000 anos na Táboa A 40 das Leis Asirias, promulgadas polo rei Tiglat Phalazar, que se conservan no Museo Británico de Londres. A tradición mantíñase tamén en tempos de Xesucristo, cando todas as mulleres levaban veo, incluída a súa nai María. Hai unha teoría que afirma que as alusións á vestimenta da muller no Corán son debidas a que na época de extensión do islam se uniron á comunidade islámica persoas alleas á relixión e á moral que adoitaban atacar e faltarlles ó respeto ás crentes, baixo a escusa de que, ó descoñeceren que eran musulmanas, as confundían con escravas. De aí vén que o Corán obrigue ás musulmanas a usar esta prenda.
No Corán, o veo é o medio de preservar a modestia e o recato da muller musulmana, pero en ningunha das dúas aleias nas que aparece mencionado se di nada de que a prenda teña que ocultar a faciana. O texto relixioso establece que o veo debe ser un manto que cubra a parte superior da cabeza e o corpo, pero non as mans, os pés ou a cara. Xa que logo, queda claro que nada ten que ver o burka que os talibáns impoñen ás mulleres en Afganistán cos preceptos islámicos. A extensión do veo que tapa a faciana como unha obriga para as musulmanas deuse tamén a raíz dunha manipulación: aplicóuselles a todas as mulleres unha aleia (XXXIII:53) dirixida ás esposas de Mahoma.
e) A situación política
A decadencia que sufriron os países árabes dende a caída da dinastía abasí no século XII provocou unha parálise no progreso intelectual dos musulmáns. As guerras e invansións estranxeiras que aconteceron despois no seu territorio, e que actualmente toman a forma dun constante expolio económico e cultural por parte de Occidente, fixeron que a relixión teña aínda hoxe moita importancia na vida destes países como símbolo de unidade fronte ós ataques externos. Ademais, esta situación política e económica provoca que as interpretacións islámicas que se tenden a impoñer sexan as máis conservadoras e, polo tanto, as máis contaminadas polas distorsións que acabamos de expor.
A vida dunha boa musulmana nada ten que ver, pois, coas barbaridades que están a cometer os talibáns de Afganistán no nome do islam. O Corán recoñece o dereito das mulleres á educación, á propiedade, ó traballo, sempre -iso si- dentro dun marco que, como acontece con toda relixión, pode non convencer a quen non é crente.
Unha ONG para establecer un imposto mundial sobre os movementos internacionais de capitais
"¿Por que non crear, a escala planetaria, a ONG Acción para unha Taxa Tobin de Axuda ós Cidadáns?". Ignacio Ramonet, Le Monde Diplomatique, decembro de 1997, Editorial.
Un dos protagonistas da mundialización é a mobilidade internacional dos capitais e a formación dun mercado de capitais e financeiro internacionalmente integrado. Falo especialmente dos movementos internacionais de capitais non vinculados directamente á producción. Con efecto: os fluxos de investimento directo (IDE, investimento directo no exterior) son máis antigos có chamado proceso de mundialización, aínda que seguen a ser pedra de toque. Moito máis específico da mundialización foi o proceso de mobilidade e integración dos fluxos financeiros "a curto prazo" ou especulativos. Por exemplo, para a economía española, os "movementos de capital a curto prazo" foron cero absoluto ata 1973, e esta era tamén unha característica ben xeral da economía mundial. Logo (dende o 73, e acaso dende algo antes, dende a inestabilidade monetario-financeira estadounidense) o mercado de eurodólares foise facendo moi prominente e, xa despois, a liberdade dos fluxos financeiros internacionais ampliouse moito, ata chegar á situación actual: diariamente móvense nos mercados financeiros e de divisas cantidades que superan a producción anual de moitos países industrializados (como a de España ou Francia).
Problemas que causa a liberdade dos fluxos especulativos de capital
Sen ter a pretensión de ser exhaustivo, vén ó caso aquí sinalar os problemas que estes movementos financeiros e de capitais causan á economía mundial:
1. Dominio do subsistema financeiro sobre a economía mundial no seu conxunto e subordinación das outras esferas e formas da economía ás estratexias dos operadores financeiros.
Este dominio maniféstase, p. ex., na emerxencia e xestión dunha débeda dos PVD (que tivo a súa orixe fundamentalmente nos operadores financeiros) que somete ó arbitrio dos operadores financeiros as políticas económicas, as estratexias de desenvolvemento, os mercados de materias primas, os procesos reproductivos e as determinacións das taxas de cambio para a maioría dos PVD especialmente (os países "de risco" da economía mundial), e agrava o problema da alimentación no mundo.
Os operadores financeiros son un conxunto de instancias económicas nas que se destacan os xestores dos plans de investimento, dos plans de pensións, da banca, das seccións de finanzas das transnacionais... e que xestionan os seus fondos e tesourerías cos criterios de rendibilidade, seguranza e liquidez. Pero que teñen, ademais, un "intuito" máis ou menos común sobre cómo debe comportarse a economía mundial e cómo se debe actuar ó respecto.
A estes operadores máis ou menos privados hai que engadir os operadores públicos, como o FMI, os máis dos Bancos Centrais, cada vez máis próximos a se converteren en apéndices dos operadores financeiros, e os Departamentos de Estado de algúns estados prominentes.
2. Aumento da punción do subsistema financeiro sobre a economía real, ata o punto de endurecer o repagamento das débedas de forma que en moitos momentos e situacións chega a retornar á usura; que xerarquiza considerablemente as condicións financeiras, segundo a maior ou menor "centralidade" do prestatario, concedéndolles ós "amigos" créditos en condicións ben máis aceptables ca ós "máis distantes" e utilizando coactivamente a capacidade crediticia para forzar ós prestatarios a someterse ás estratexias dos grandes operadores financeiros.
3. Asimetría no axuste: só as solucións recesivas se tornan viables.
Chámaselle axuste por antonomasia ós mecanismos e expedientes que permiten regulamentar o déficit ou os excedentes (e débedas e créditos) nos pagamentos exteriores dun país coa comunidade internacional dos outros países e moedas.
A liberdade de movementos de capitais fai que o país deficitario teña que seguir por forza unha política severamente contractiva, é dicir, de aumento do paro, reducción de salarios, cercenar políticas e estructuras públicas e do "ben común", etc. Isto acontece porque, de non ser así, os operadores financeiros especularían en masa contra as moedas dos países con déficit e con dificultades, "evidenciando a inviabilidade" das políticas de axuste expansivas.
Tamén é unha compoñente (ou estratexia) de asimetría no axuste porque non obriga ó país superavitario a expandirse e así ampliar os mercados e aliviar as dificultades dos países deficitarios, é dicir: fai recaer todo o peso do axuste sobre o país deficitario.
Polo tanto, asimetría do axuste nas tres direccións: a) obriga á contracción do país deficitario; b) non presiona á expansión do país superavitario; c) incentiva moito (por consecuencia case obriga) a que todos os países (por consecuencia a economía mundial no seu conxunto) poñan en práctica políticas recesivas como única solución e, xa que logo, estimulen a penas a caída na recesión da economía mundial.
4. Limitacións ás políticas nacionais. A liberdade de movementos de capital estreita os espacios de manobra das políticas económicas, fiscais, de emprego e industriais dos estados-nación. Con efecto: os operadores financeiros "mundializados" especularán e conspirarán contra as políticas nacionais que debiliten a moeda ou a posición exterior dos países ou que non lles interesen (especialmente as expansivas e as traballistas), pero dunha forma non só consciente, senón xa automática, reforzando así a aparencia de "inevitabilidade", de "única posible" e da "imposibilidade da política do estado-nación": toda política do estado-nación a contracorrente dos intereses dos operadores financeiros estará sempre ameazada ou fracasará nun réxime de liberdade absoluta dos fluxos financeiros.
5. Anomia dos "mercados". Coa liberdade de movementos financeiros os "mercados" (nos que sobrancean os operadores financeiros) carecen de prioridades, de ética, de misión: non sabemos qué sitio ocupa nas prioridades o problema económico da alimentación no mundo, nin o do traballo, nin... só se fala dos "sinais do mercado", da "sentencia do mercado", da "aceptación polo mercado". Mesmo os Bancos Centrais non son quen de faceren nada, por moi racional que sexa, que non sexa "ben acollido polos mercados", esmagando outras racionalidades, outras prioridades e outros intereses.
Virtudes dun imposto sobre os fluxos financeiros
A proposta de cargar debilmente os fluxos financeiros internacionais foi feita por Tobin (keynesiano e premio nobel) e hoxe é defendida dende moitas instancias. Pola brevidade deste artigo limitareime a enunciar as vantaxes que se deducen dun imposto sobre os fluxos financeiros internacionais:
1. Información e control.
2. Limitar os movementos e favorecer a estabilidade.
3. Limitar a asimetría no axuste.
4. Ampliar a manobrabilidade dos estados.
5. Modificar as prioridades da economía mundial.
6. Limitar o poder dos operadores financeiros.
7. Limitar a especulación contra as moedas nacionais.
É dicir: ó gravar nun 0.1% os fluxos, os movementos especulativos xa só se producirían cando as vantaxes superasen esa cantidade, e non serían tan tumultuosos, polo que se gaña moito nos puntos anteditos.
Pertinencia de ATTAC
¿Por que unha ONG para velar por esta solución? Porque nin os estados-nación -hoxe dominados ata a aldraxe polo capital transnacional, polos operadores financeiros e mais polas "opcións do cidadán medio"-, nin as instancias internacionais como o FMI, a OMC, a OCDE, etc -dominados polos núcleos de poder social máis reacios ó establecemento de límites ó seu poder- nin, acaso, por fin, a ONU -que sendo como institución unha posible defensora, atópase, sen embargo, moi collida polo "G-7"-, o farían con garantías.
Por iso, unha ONG que concentrase os intereses e os movementos sociais favorables ó imposto sobre os movementos financeiros podería ter a capacidade de elaborar, a influencia e a lexitimidade para reclamar que se establecese o imposto "Taxa Tobin" ou "Imposto Tobin".
¿Quen cobraría o imposto e con que destino?
Cos fondos do "Imposto Tobin" poderíanse, por exemplo, acometer grandes programas mundiais, como resolver os aspectos máis punxentes do problema da alimentación e xa moitos outros. ¿Quen debería cobralo? ¿a ONU? ¿un "Estado Mundial"? E, ¿con que destino? ¿a alimentación? ¿o medio planetario? ¿outros?...
Esta cuestión xa quere continuar na busca de acordo.
Iago Santos Castroviejo é socio colaborador do IGADI e profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo.
No Editorial de Le Monde Diplomatique de decembro de 1997, "Desarmar os mercados", Ignacio Ramonet propoñía a creación dunha ONG chamada "Acción para unha Taxa Tobin de Axuda ós Cidadáns" (ATTAC). Esta proposición, da que se fixeron eco numerosos medios, recibiu un importante apoio dos lectores.
Unha primeira xuntanza de traballo, convocada igualmente por Charlie Hebdo, Politis e Transversales, debía celebrarse en París a mediados do mes de marzo, a fin de conseguir poñer en marcha, concretamente, esta ONG sentida por moitos como unha necesidade.
Nesta información, Le Monde Diplomatique comprométese ademais a informar a todos os interesados sobre a evolución deste proxecto. As adhesións vía postal á redacción da edición española poden enviarse a: Plaza de la Marina Española 5-2ºD. 28013-Madrid.
ATTAC dispón dun espacio propio na Rede
O Sindicato Nacional Unificado de Impostos de Francia publicou no seu xornal interno (destinado ós afiliados) un texto de divulgación/explicación do que é a Taxa Tobin.
Máis información:
Jean-Michel Allard Syndicat National Unifié des Impôts.
Rue de montreuil, 80/82. 75011-París.
Tel: 33 1 44646444. Fax: 33 1 43489616.
e-mail: jmallard@club-internet.fr / allard@ras.eu.org
A educación nos dereitos humanos
O descoñecemento e menosprezo dos dereitos humanos é o que levou "a feitos de barbarie que sublevan a conciencia da Humanidade".
No 50 Aniversario da Declaración Universal de 1948, as persoas e grupos que estamos a traballar no eido da Educación para a Paz afirmámonos na convicción de que unha auténtica educación pacífica e pacificadora tenlles que prestar atención ós dereitos humanos.
Pero unha pedagoxía dos dereitos humanos debe transcender a mera información e as recomendacións mellor intencionadas: esixe compromiso persoal, acción. Estamos a dicir que "o ensino dos dereitos humanos" non se pode identificar cunha "materia". Tal reduccionismo significaría unha instrucción de certos contidos algunhas horas da semana. Porque entendemos que a educación é a vida, a educación para os dereitos humanos ten que ser unha escola vivida desde a afirmación dos mesmos. Facer unha educación para os dereitos humanos, no día a día, pode comezar cun debate, un libro, un conto, unha asemblea, unha canción ou mesmo unha liorta no patio...
Por último resulta oportuno lembrar (1) , a modo de síntese, que un enfoque amplo da educación para os dereitos humanos debe:
a) Salientar por igual os dereitos económicos, sociais, civís e políticos.
b) Ter seriamente en conta as perspectivas non occidentalizantes á hora de considerar os dereitos.
c) Considerar os novos dereitos, é dicir, os dereitos ambientais, desde unha perspectiva que contempla tamén os dereitos das xeracións futuras.
d) Ensinar para os dereitos humanos (é dicir, ensino non só de contidos senón tamén de hábitos, de recursos que permitan o exercicio e a defensa destes dereitos) e nun ambiente respectuoso con estes dereitos (é dicir, consideración das actividades do grupo-clase e da escola como un sitio onde se deben exercer e respectar).
Calo Iglesias. Seminario Galego de Educación para a Paz.
(1) Ver "Educar en y para los Derechos Humanos". Seminario de Educación para la Paz. Asociación Pro Derechos Humanos. Los libros de la Catarata, Madrid, 1996.
Los derechos humanos, camino hacia la paz.
Recopilación das actas dun encontro organizado polo Seminario de Investigación para a Paz de Zaragoza e que abordou o tema da paz como dereito universal desde diversas ópticas: o seu recoñecemento no dereito internacional, as interpretacións do concepto "dereitos humanos" segundo o contexto socioespacial, os dereitos humanos e a muller, e a visión dos dereitos humanos por ámbitos especiais. Colaboran, entre outros, José Antonio Gimbernat, Victoria Abellán, Ángel G. Chueca, e Demetrio Velasco.
Kosovo, a peza que faltaba
Ninguén que siga minimamente o transitar da detonación balcánica pode sorprenderse a estas alturas da irrupción violenta da revolta no Kosovo. Nunca durmido, senón en efervescencia subterránea, sempre á espreita dunha ocasión que non parecía chegar, fartos de ver os pacificadores de Bosnia e da antiga Iugoslavia pasar con pés de la sobre tan xustas reivindicacións (liberdades públicas, restauración do autogoberno, etc), a estes albaneses acabóuselles a paciencia. Agora pasou o que tiña que pasar e todas as miradas apuntan a Milosevic, o "Sadam de Occidente", que algúns dirán.
Pero do que está a acontecer nos Balcáns hai máis responsables: Son todos aqueles que desatenderon reiteradamente as múltiples voces que lle reclamaban á diplomacia europea e internacional que adoptase medidas preventivas para evitar a tan temida explosión de violencia. Pero esa Europa democrática que conta as horas para estrear o maldito euro, preferiu sempre dialogar co ultranacionalista Milosevic, agresor e autoritario, e facer oídos xordos ás esperanzas dos oprimidos nacionalistas albaneses partidarios da resistencia pacífica. Europa di que ten medo dos nacionalismos e, para se curar en saúde, méteos a todos no mesmo saco nunha operación de confusión calculada, terreo fértil para as violencias de todo signo.
En 1989, un millón longo de albaneses gozaban dun nivel de autonomía que os equiparaba a un estado de feito dentro de Iugoslavia, un status practicamente similar ó das repúblicas que formaban parte da Federación. Milosevic suprimía ese autogoberno en 1990 e ó ano seguinte decretaba o estado de excepción. Dende entón, no Kosovo, unha das zonas máis empobrecidas do continente, non se respectan os dereitos máis elementais.
Kosovo é o talón de aquiles dos Balcáns e de Serbia principalmente. A súa potencia desestabilizadora é de tal calibre que, de consolidarse a crise actual, será moi dificil impedir que o conflicto se estenda coma un regueiro de pólvora por toda a zona. Macedonia veríase inevitablemente arrastrada. Os seus 400.000 albaneses tamén están duramente reprimidos polo goberno de Skopje. Bulgaria non desaproveitaría a ocasión para satisfacer vellos apetitos expansionistas, seguidos polos veciños gregos. Albania, malia o seu deterioro interno, non podería quedar impasible. Se non se controla a crise en Kosovo, os días de Macedonia están contados.
Poida que Milosevic pretenda unicamente impedir que se celebren as eleccións oficiosas convocadas pola comunidade albanesa para o próximo 22 de marzo. Pero o máis probable é que unha represión exercida con tanto ensañamento contra a poboación civil indefensa sexa o primeiro paso dunha nova operación de limpeza étnica. Pasma verdadeiramente apreciar o silencio cómplice da oposición serbia, a incomprensible pasividade doutros pobos balcánicos que hai pouco tempo foron víctimas tamén dos pesadelos expansionistas do presidente iugoslavo.
O problema do Kosovo non é, como afirma Milosevic, presidente da nova Iugoslavia, un problema de orde pública que deba reprimirse a base de tanques e artillería pesada. Se Europa non actúa con rapidez e contundencia, a súa unión económica e monetaria será bendicida por un enfrontamento civil de enormes consecuencias. E actuar quere dicir non soamente presionar a Milosevic ou designar un mediador para que alguén personalice outro enquistamento máis, senón darlles voz política ós albaneses, habilitar políticas para illar do conflicto os países veciños, considerar, en fin, infraestructuras preventivas institucionais para unha zona que debe ser observada como conxunto, e que vaian máis alá do cesamento das hostilidades: cómpre poñer os medios para evitar que en pleno corazón de Europa sobrevivan persoas en condicións infrahumanas. Porque a pouco que indaguemos, poderase comprobar como a principal causa deste novo labirinto non é outra que a espiral de miseria e pobreza que permite medrar a líderes políticos irresponsables sobre as vidas de tantos inocentes.
A Unión Europea ten capacidade abonda para impoñer un diálogo político directo que restaure as liberdades en Kosovo. A oposición de Rusia é efémera e unicamente aspira a utilizar este novo conflicto para actuar a súa propia versión miserable da diplomacia do dólar. Pode desmarcarse, por razóns de política interna, fronte a nacionalistas e neocomunistas, pero non ten capacidade para impoñer puntos de vista diferentes ós defendidos polas potencias occidentais. Comprobouse con toda nitidez durante a recente crise do Golfo. Bastou unha visita ó Kremlin do director do Fondo Monetario Internacional para que un tupido veo correse os abruptos anuncios dunha hipotética terceira guerra mundial.
Pero a maior dificultade para Bruxelas reside en atopar ese equilibrio entre o non alentamento do nacionalismo (independentismo) da poboación albanesa do Kosovo e a esixencia da normalización da vida política a todos os efectos. De novo, o arbitrio de políticas sostidas destinadas a mellorar a existencia material destes cidadáns europeos estará no cerne de calquera hipotética solución desta e de futuras crises.
Xulio Ríos é director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).
Libros
Los conflictos armados: génesis, víctimas y terapias
Atopámonos en plena sociedade da información, dentro dun sistema de producción económica global, que está trastocando as relacións xeopolíticas mundiais. Neste contexto, deberíanse reconsiderar as causas dos novos conflictos bélicos para evitar o seu desenvolvemento e finalmente reducilos ó mínimo. Sobre estes aspectos reflexionan nesta nova entrega do SIP de Zaragoza, Ignacio Ramonet, Johan Galtung, Lucía Alonso, Isel Rivero, Joaquín Ruíz-Giménez, Jesús María Alemany, José María Tortosa e Mariano Aguirre, entre outros.
Recopilación dos principais instrumentos internacionais en materia de dereito ó desenvolvemento, á paz, ó medio ambiente, a beneficiarse do patrimonio común da humanidade, á asistencia humanitaria, traducidos ó idioma galego, con indicación de fontes complementarias e anexos varios. A introducción é de Xulio Ríos. A obra forma parte do programa do IGADI de verter á nosa lingua textos fundamentais do mundo contemporáneo. PVP: 1.100 pta.
Monográfico de Papeles sobre
China
Nunha edición conxunta entre o CIP e o IGADI, trece autores aproxímanse á cuestión chinesa. A maior parte das análises están centradas no complexo proceso de reforma política e económica e no XV Congreso do Partido Comunista celebrado o pasado outono. O monográfico ocúpase de cuestións cruciais como a situación dos dereitos humanos, o papel de China no contexto internacional, a súa política exterior e a identidade do estado no marco das divisións étnicas internas. Igualmente, analízanse os casos de Hong Kong e Macao, ós que se suma o testemuño persoal do diplomático británico Shaun Riordan, que viviu na China anos claves do actual proceso de transición. PVP: 1.200 pta.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/05/2002