|
Unha alianza por Galicia no eido exterior |
|
Sumario
|
|
| Editorial | |
|
50 anos de Declaración Universal:
Cara e cruz |
por Alberto Estévez |
|---|---|
| por Eloy Isorna Artime | |
| por Xosé Antón Fernández Roxo | |
| por Xulio Ríos | |
| Te | |
Unha alianza por Galicia no eido exterior
A internacionalización é o novo signo dos tempos. Consciente da necesidade de situarse no novo contexto, de impulsar a superación dalgunhas das súas debilidades estructurais aproveitando as portas que se abren, Galicia afronta esta nova situación multiplicando os seus esforzos en numerosos dominios, con boas intencións, como é natural, pero aínda con planificación escasa e medios insuficientes. Das peculiares eivas da nosa acción neste sentido xa tratamos brevemente no primeiro número de "Tempo Exterior", no que celebrabamos a creación da Comisión de Acción Exterior por parte da Xunta de Galicia.
Chegou o momento de contemplar un paso máis adiante. Se para identificar os obxectivos da nosa acción diplomática, tanto táctica como estratéxica, precisamos a análise sosegada e permanente, a prospectiva, a coordenación e a planificación, é razoable apostar, consecuentemente, por transformar o exterior nun espacio de encontro no que se poida facer viable unha mínima aproximación de posicións entre as diferentes forzas políticas do país. Cómprenos, a toda a sociedade galega, un esforzo de consenso para que non se malogren as oportunidades de Galicia nin sacrifiquemos por adiantado por pequenas ruindades, un tempo que resulta decisivo nun contexto de pronunciada aceleración histórica. Poida que non haxa outra opción que pelexar uns cos outros, como acontece en mil e un asuntos da vida política galega, pero todos deberiamos darnos unha oportunidade para ser capaces de establecer un marco mínimo de convivencia nun asunto que ben poderiamos cualificar como de "estado". Este achegamento, que modestamente suxerimos, debería operarse en sede parlamentaria a través dunha comisión ad hoc que ademais de controlar a acción exterior do goberno, puidese participar de xeito activo na súa definición e concreción, nunha liña de corresponsabilidade, total ou parcial, á vontade de cada quen.
Para que esta converxencia se faga realidade é indispensable que as forzas políticas e as institucións galegas teñan primeiro unha maior sensibilidade respecto a estes asuntos, e que incorporen con responsabilidade e rigor este eixe de actuación ás súas preocupacións cotiáns; e despois, certa vontade política de consenso para atopar ese punto de equilibrio entre quen se sentiría máis cómodo coa creación dun servicio diplomático propio e quen prefire contentarse cunha mera acción exterior subestatal. As pequenas renuncias poderían facer posible esa gran Alianza por Galicia no eido exterior, en condicións de evitar frustracións e de mellorar substancialmente as nosas posibilidades de éxito, de orientar colectivamente a busca e defensa dos intereses globais da nosa Terra.
O futuro de Galicia vai depender en boa medida da súa capacidade para dotarse dun marco de operacións que a sitúe no complexo mundo actual a partir das súas propias potencialidades económicas e sociais. Se somos capaces de abordar simultánea e complementariamente actuacións no ámbito político, económico, cultural ou social, co respaldo pleno das diferentes forzas políticas do país, estaremos en condicións de dar o salto cualitativo que Galicia e os galegos precisamos neste atribulado limiar dun novo século. Todos sairiamos gañando.
50 anos de Declaración Universal: Cara e cruz dos dereitos humanos
O 10 de decembro de 1998 cumpriranse 50 anos desde que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración Universal de Dereitos Humanos (DDHH), un "ideal común polo que tódolos pobos e nacións deben esforzarse, a fin de que os individuos e institucións promovan o respeto a estes dereitos e liberdades e aseguren o seu recoñecemento e aplicación universal e efectivo". A Declaración articúlase en 30 artigos, que agrupan dereitos civís e políticos (dereito á vida, a non ser torturado, á liberdade de pensamento, conciencia, etc.) por unha banda, e dereitos económicos, sociais e culturais (á educación, ó traballo, etc.) por outra. Tiveron que pasar case 30 anos para que a Declaración, que era vinculante, se desenvolvese en Pactos Internacionais (que entraron en vigor nos anos 70) vinculantes para os Estados que os ratificasen ou accedesen a eles. Polo tanto, o establecemento dun sistema internacional de protección dos DDHH é moi recente, aínda que nos últimos anos aprobouse un número significativo de instrumentos rexionais (na OEA, no Consello de Europa e na OUA, sobre todo) e internacionais sobre temas específicos: tortura, eliminación da discriminación da muller, protección ós refuxiados, etc. Sen embargo, esta política de "normativización" dos DDHH non é dabondo por si soa. Cómpre un compromiso real de tódolos membros da sociedade, cada un no seu ámbito (individual, dos diferentes gobernos, das propias empresas e organizacións de todo tipo) coa súa defensa e promoción, como esixe o preámbulo da propia Declaración.
50 anos de Declaración ofrecen un balance con algunhas luces e moitas sombras. O cadro sinóptico sobre violacións no ano 96, que cobre o Informe Anual de Amnistía Internacional (AI) é moi claro. Por outra banda, hai síntomas alentadores: a boa saúde dun puxante movemento internacional a prol dos DDHH e un apoio amplo da opinión pública en moitos países. Sen embargo, os gobernos non actúan sobre as causas profundas que xeran crises coma as dos últimos anos (Grandes Lagos, Afganistán, Somalia, Liberia, etc.) e, sobre todo os occidentais, empregan a axuda humanitaria como sustituto da acción política, cando esta, aínda que necesaria, non atalla as raíces dos problemas: o descontrolado comercio de armas que aviva conflictos e produce 40 millóns de refuxiados e desprazados, as diferencias Norte-Sur, etc. Para algúns analistas habería que engadir, no 50 Aniversario da Declaración, dereitos de terceira xeración: os relativos ó medio e á era informática. Algúns gobernos, sobre todo asiáticos (liderados por Indonesia e China, entre outros), defenden o relativismo cultural e a necesidade de "desenvolvemento" primeiro, para logo falar de dereitos civís e políticos. AI considera que son indivisibles e interdependentes, e non pode haber uns sen outros. De feito, en innumerables ocasións hai unha relación clara entre eles: AI traballa sobre casos de torturas e "desaparicións" e outras violacións de dereitos fundamentais de ecoloxistas ou campesiños sen terra de diversos países, afectados por proxectos financiados por institucións coma o Banco Mundial ou o FMI (por exemplo, India ou Brasil). De ahí que esteamos a promover que as institucións financieiras internacionais, e as multinacionais, fagan estudios de "impacto social" dos seus proxectos, que teñan en conta consideracións de DDHH e promovan programas de "bo goberno" que reforcen o estado de dereito e o traballo de organizacións e institucións de acordo coas normas internacionais de DDHH. Tamén cómpre que as transnacionais se doten de Códigos de Conducta vinculantes, avaliados de xeito independente, que promovan o conxunto de valores que emanan da Declaración Universal. Xa hai algunhas multinacionais que están a reflexionar seriamente sobre a chamada "ética social" ou "responsabilidade social". Os consumidores poden (e así o fan en moitos países), mediante diferentes tácticas, forzar ás empresas a asumir ese papel social que lles corresponde. Os casos de Shell e Nixeria, BP en Colombia ou empresas occidentais coma a francesa Total en Miamar son exemplos claros disto, ó sentiren a presión de AI e outras organizacións para que defendan os DD.HH. neses países. Son duramente criticadas por diferentes razóns (a pasividade da empresa anglo-holandesa Shell na execución do escritor e líder ogoni, Ken Saro Wiwa, en Nixeria e a compra de armas para o goberno nixeriano, presuntamente empregadas na represión de manifestacións ante as instalacións da Shell en Nixeria, por exemplo). Todo isto, nun mundo no que o poder económico ten cada vez máis forza fronte ó poder político, implicando certo fundimento da autoridade dos estados tredicionais.
Datos do Informe Anual 1997 de Amnistía Internacional
Execucións extraxudiciais, polo menos en 69 países do mundo; entre eles Alxeria, Colombia, India, Somalia e Turquía.
Desaparicións, polo menos en 39 países, incluídos Bosnia-Herzegovina, Burundi e Ruanda, Colombia, Iraq, Sri Lanka e Venezuela.
Tortura ou malos tratos, polo menos en 124 países, como Cuba, Exipto, Mianmar, a Federación Rusa, Alemaña, Francia, España e Nixeria.
Presos de conciencia, polo menos en 94 países; entre eles Afganistán, Guinea Ecuatorial, Grecia, Perú e Túnez.
Xuízos inxustos, en máis de 39 países; entre eles Burundi, China, Grecia, Israel e os Territorios Ocupados e Perú.
Detención sen cargos nin xuízo, polo menos en 78 países, como China, Iraq, a Federación Rusa, Ruanda e Venezuela.
Pena de morte. Sábese que milleiros de persoas foron executadas polo menos en 41 países; entre eles China, Iraq, Nixeria, a Federación Rusa e os EEUU. Al documentou condenas a morte en 58 países e milleiros seguen condenados a morte en 48 países, como Marrocos e o Sahara Occidental, Filipinas, a Federación Rusa, Uganda e os EEUU. En 1996, Bélxica aboliu a pena de morte para tódolos delictos, mentres que dous países (Libia e Guatemala) ampliaron o seu ámbito de aplicación. Preto de 100 países son abolicionistas.
Abusos contra os dereitos humanos (torturas, toma de reféns e homicidios deliberados e arbitrarios ) cometidos por Grupos de oposición armada, polo menos en 38 países (Alxeria, España, Burundi, Colombia, Sri Lanka e o Reino Unido).
A "radiografía" xeográfica é moi esclarecedora. En Europa hai unha marcada tendencia cara á abolición da pena de morte, sobre todo na Europa occidental, pero danse unhas violacións moi específicas: restricción do dereito de asilo, que pon en perigo o sistema internacional de protección ós refuxiados que foxen da persecución. Pode ser unha tendencia que se repita noutras rexións, cun efecto dominó, xa que nos últimos anos erguéronse muros legais que complican que os refuxiados poidan presentar peticións de asilo (por exemplo, esixencia de visado, multas a compañías aéreas por transportaren persoas que piden asilo sen documentación, denegación de peticións "infundadas" na fronteira, sen que a presentación dun recurso xudicial impida a devolución da persoa ó país de orixe, etc.); persistencia de casos de torturas e malos tratos, cun claro compoñente racista en moitos casos, e "desaparicións" e homicidios políticos nalgúns países de Europa do Leste. Nas demais áreas xeográficas prodúcense torturas, homicidios políticos, "desaparicións" e outras violacións, coma o "empate" entre China e os EEUU no uso da pena capital, ás veces, coma en América Latina e África, envoltas nun manto de democratización incipiente e só de xeito formal.
Pese ás súas solemnes declaracións, os gobernos seguen a emprega-los dereitos humanos en función de consideracións estratéxicas, comerciais ou doutro tipo, e relegan a protección e promoción dos dereitos fundamentais a un segundo plano. Moitos gobernos empregan unha doble vara de medir en materia de DDHH e empréganos como arma arreboladiza na súa política exterior, criticando a uns pero pasando con pes de la ante outros. É curioso, por exemplo, ver o que tarda en responder a comunidade internacional á petición de AI de presión ó goberno alxeriano para que se leve a cabo unha investigación internacional sobre a autoría das matanzas dos últimos meses neste país. Seica interesan máis o gas e o petróleo cas vidas humanas. Por contra, hai gobernos que parecen prestos a condenar calquera situación en determinados países mentres calan noutros casos. Isto é algo que lle afecta moi negativamente á credibilidade e coherencia da súa política exterior, e que fai un grave dano á incipiente Política Exterior e de Seguridade Común (PESC) da Unión Europea, por exemplo. Mesmo os gobernos que din estar comprometidos coa súa defensa, coma o novo goberno laborista británico, atopan grandes dificultades no momento de precisa-las medidas concretas que adoptarán. Nese senso, por exemplo, o goberno británico anunciou en 1997 a aprobación da venda de material militar e policial a Indonesia (o mesmo que AI denunciou que se utilizara para cometer graves violacións de DDHH), ó tempo que denegaba algunhas outras licencias de exportación ó mesmo país.
A UE está a estudiar unha proposta británica para dotarse dun Código de Conducta que desenvolvería os criterios da UE para a exportación de armas, aprobados en 1991 e 92, despois de denunciarse que Iraq fora armado por empresas europeas coa conivencia dos seus gobernos. Ese Código impediría as ventas a países que non respetan os dereitos humanos, entre outras medidas, e sería un primeiro paso para establecer un sistema internacional de control de comercio de armas, como pide o Artigo 26 da Carta da ONU. Os EEUU seguen a debater un Código moi similar ó europeo. Varios laureados co Nobel da Paz, entre eles AI, promoven activamente un Código Internacional de Conducta que recolle todas estas medidas e que sería o seguinte paso lóxico tras a sinatura do acordo para a erradicación das minas antipersoas. Sen embargo, a presión do "lobby" da industria de defensa é moi forte e calquera avance neste senso levará tempo e esforzo, para vencer a tendencia á inacción dos gobernos.
AI espera, co traballo que desenvolverá ó longo de 1998, lograr un compromiso efectivo dos gobernos e da opinión pública a prol da Declaración. Ademáis de traballar sobre casos individuais de diversos países, faremos fincapé en que o goberno español asuma un programa de acción elaborado por AI, con medidas concretas sobre protección ós refuxiados, venta de armas, política da UE e exterior, obxección de conciencia, creación dun tribunal penal internacional e outras materias. Servirá de referencia para examina-lo seu nivel de compromiso real coa Declaración Universal. Isto mismo farase noutros moitos países. O desafío da súa plena vixencia diaria é algo que nos compete a todas e todos.
Alberto Estévez é Secretario Provincial de AI en Pontevedra e Coordinador de Transferencias Militares, de Seguridade e Policiais da Sección española de AI.
Birmania: Da independencia á opresión militar
Ó lembrar, nas liñas que seguen, algúns aspectos significativos da historia e da problemática situación actual de Birmania (coñecida oficialmente co nome de Mianmar dende maio de 1989), facémolo coa firme esperanza de que a coincidencia do cincuenta aniversario da súa constitución como estado independiente co tamén cincuenta aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, aprobada pola Asemblea Xeral da ONU o 10 de decembro de 1948, contribúa a mover vontades e a remover obstáculos para que o pobo de Birmania logre a convivencia pacífica, en democracia e con respecto ós dereitos humanos, á que lexitimamente aspira, liderado pola Premio Nobel da Paz de 1991, Aung San Suu Kyi.
Situada no sueste asiático, Birmania limita con China, Laos, Tailandia, India e Bangladesh e o Golfo de Bengala. Ocupa unha extensión de 676.552 km2, e ten unha poboación que se estimaba, en 1992-93, en 42,3 millóns de habitantes, dos que o 68,96% son birmanos. Acolle 135 grupos étnicos. Son máis de cen as linguas que se falan neste marabilloso país no que, ademais dos birmanos, hai sete grandes pobos que teñen estados administrativos independentes; son os seguintes: chin, kachin, kayah, mon, arakaneses e shan.
Os británicos apoderáronse de Birmania en tres campañas militares, iniciadas a partir do ano 1826 e que culminaron en 1885. Foi ocupada polos xaponeses en 1942, durante a Segunda Guerra Mundial, e reconquistada polos ingleses en 1945.
O 4 de xaneiro de 1948 produciuse a transferencia do poder británico como consecuencia directa do acordo, asinado o 17 de outubro de 1947, entre o primeiro ministro birmano U Nu e Clement Attlee. Nel recoñecíase expresamente a independencia deste novo país no Sueste Asiático que nacía co nome de Unión Birmana (Unión of Burma). O acordo de independencia fora ratificado o 10 de decembro de 1947 polo Parlamento Británico.
Entre as personalidades que se forxaron nestas vicisitudes cabe destacar, de forma especial, a U Nu e a Aung San. A morte prematura deste último ós 32 anos, o 19 de Xuño de 1947, nun atentado; a súa destacada loita, con diversidade de alianzas, pola independencia de Birmania e, probablemente, a súa propia personalidade rexa e forxada en anos especialmente difíciles e turbulentos, contribuíron a facer del o gran pai da patria; o heroe por excelencia de Birmania ó que se conmemora anualmente cada 19 de xuño no chamado "Día dos Mártires".
A consecución da independencia non lle trouxo a Birmania nin a paz, nin o progreso, nin a felicidade. Esa independencia da metrópole, que deu nacemento á Unión Birmana nun ambiente democrático e preñado de esperanzas no futuro, logo se viu truncada polo segundo golpe de Estado (o primeiro produciuse en 1958) do Xeneral Ne Win, que se produciu en 1962 e que derrocou o leíxitimo goberno, presidido por U Nu, froito das eleccións democráticas celebradas en 1960. A partir dese momento estableceuse unha dictadura militar de carácter socializante e con partido único. Foron, de 1948 a 1962, soamente 15 anos de independencia en liberdade e en democracia.
Os sucesos de 1988 e o papel de Suu Kyi
En 1988 producíronse importantes manifestacións de protesta contra o réxime totalitario militar imperante en Birmania. Houbo unha forte represión. Producíronse moitos mortos e milleiros de persoas tiveron que fuxir e refuxiarse noutros países ou nas zonas montañosas do leste, límitrofes con Tailandia.
A crise política na que derivaron estes acontecementos e a repercusión internacional que tiveron levaron ós dirixentes militares a anunciar a celebración de eleccións democráticas, probablemente coa pretensión de que fosen "gañadas" polo réxime. Non contaban con que, por aqueles días, a filla do heroe da independencia birmana, Aung San, chamada Ung San Kyi, voltara a Birmania para coidar da súa nai enferma e, tomando conciencia da lamentable situación do seu país, non dubidou en involucrarse directamente na loita pacífica pola democracia e o respecto ós dereitos humanos. Así que fundou, co propósito de presentarse ás eleccións, un partido político chamado "Liga Nacional para a Democracia" (NLD).
Sospeitando que o partido liderado por Suu Kyi puidese atraer moitos votos, o 20 de xullo de 1989 a dictadura militar birmana decidiu recluíla baixo estricto arresto domiciliario e prohibiulle presentarse ás eleccións, aínda que se mantivo, non obstante, a validez da convocatoria.
As eleccións celebráronse o 27 de maio de 1990 e foron gañadas polo partido liderado por Suu Kyi, que obtivo 392 dos 485 escanos en liza, malia que a propia Suu non pudo ser presentada como candidata.
A Xunta Militar, que goberna Birmania baixo o significativo nome de Consello de Estado para a Restauración da Lei e a Orde (SLORC. State Law and Order Restoration Council), non recoñeceu, dende entón, os resultados desas eleccións e mantivo a Suu Kyi baixo estricto arresto domiciliario ata o 15 de xullo de 1995. En 1990 o Parlamento Europeo otorgoulle a Aung San Suu Kyi o premio "Sajarov" e en 1991 foi galardoada co Premio Nobel da Paz.
Suu Kyi foi liberada do seu arresto domiciliario en 1995 por intereses da Xunta Militar imperante (necesitaba propiciar unha mellor imaxe internacional e atraer turismo, investimentos e divisas). Iso non significou nin a chegada da democracia, nin o respecto ós dereitos humanos dos birmanos (que en moitos casos viven en situacións de verdadeira escravitude), nin o recoñecemento do resultado das eleccións de 1990, nin a liberdade total de Suu Kyi, que continúa separada do seu marido, Michael Aris, e dos seus dous fillos, Alexander e Kim, residentes en Inglaterra.
O sometemento do pobo birmano a verdadeiradas formas de explotación escravista por parte dos seus propios dirixentes, a falta de democracia, a falta de respecto ós dereitos humanos en que vive o país, foron postos de relevo en numerosas ocasións por diversas instancias internacionais coma a ONU, a Unión Europea e Amnistía Internacional. Establecéronse sancións por estas actitudes de abuso da Xunta Militar, pero a prepotencia desta non semella ter fin.
Un difícil camiño a percorrer
A situación actual de Birmania, o seu momento histórico concreto e as posibilidades reais de evolución razoable cara a un réxime democrático e de respecto ós dereitos humanos non poderán avaliarse a fondo sen ter en conta que a actual conxuntura funde as súas raíces na propia historia do país e en espurios intereses do seu estamento dirixente na actualidade. Por iso debemos resaltar a dificultade do empeño de Aung San Suu Kyi en lograr, por medios pacíficos, unha saída da dictadura e unha evolución cara a un réxime democrático que obteña un consenso xeneralizado e a importancia de que a súa loita consiga o respaldo dos gobernos democráticos.
Pero o respaldo destes gobernos non se producirá coa contundencia e eficacia necesarias (dado que non teñen intereses económicos nin especialmente estratéxicos en xogo) se non existe unha opinión pública nos seus respectivos países que lles esixa e os impulse á acción neste punto. De aquí a importancia de que a realidade penosa que hoxe vive o pobo birmano sexa coñecida, cada vez máis e mellor, por un número crecente de cidadáns que, coa súa esixencia, eviten que os gobernos dos seus respectivos países teñan oídos xordos e miren para outro lado.
Algúns dos aspectos salientables, que configuran a realidade de Birmania e que deberán ser tidos en consideración para poder alumear camiños razoables e prácticos de futuro cara á democracia e o respecto dos dereitos humanos, son, ó meu entender, entre outros, os seguintes:
1. Un país historicamente invertebrado que acadou a súa conxunción política, de certa estabilidade, baixo o dominio colonialista dos británicos, a finais do século XIX, e no que aínda hoxe algúns pobos, coma os Karen, loitan pola súa independencia.
2. Un país composto por multitude de pobos, con diversidade de costumes, crenzas e linguas, segundo puxemos de manifesto anteriormente.
3. Un país no que o exército xogou un papel primordial como "liberador" do dominio británico (inicialmente co apoio xaponés), e, posteriormente, como liberador do "dominio" xaponés (co apoio dos británicos e das Forzas Aliadas ó remate da Segunda Guerra Mundial). Conseguintemente, un país educado no militarismo e a forza do exército e que ten por heroe nacional a Aung San, un dos Trinta Camaradas que deron orixe ó exército birmano.
4. Un país con predominio das crenzas budistas e a filosofía da vida que iso comporta. Neste senso é de destacar a extraordinaria labor de Suu Kyi ó poñer de manifesto que os conceptos de democracia e respecto ós dereitos humanos son universais, insertos nas propias esencias do ensino budista, e non soamente conceptos "occidentais", como pretendeu a propaganda oficial da Xunta Militar.
5. Un país sometido a tantos anos de falta de democracia (realmente só 15 anos viviu nun réxime de democracia moderna) que non tivo ocasión de formarse nos valores da convivencia democrática nin de vivir as esixencias prácticas e cotiás do seu desenvolvemento.
6. Un país en grave crise económica e que dedica unha importante partida do seu orzamento a gastos militares.
Indubidablemente, Aung San Suu Kyi, filla do fundador do exército birmano e heroe nacional Aung San, budista, birmana, pacifista e demócrata con prestixio internacional recoñecido, fundadora e líder da NLD, muller sacrificada e de enorme forza interior, reúne na súa persoa características obxectivas e subxectivas que a converten nunha personaxe insustituíble e única no camiño cara á democratización, a paz e o respecto ós dereitos humanos en Birmania, tendo en conta, ademáis, os trazos configuradores da realidade do país, que acabamos de sinalar. De aquí a importancia de que Suu Kyi non desfaleza nin se sinta soa na súa loita, e que conte co apoio decidido de todas as persoas de boa vontade e dos gobernos e institucións democráticas de todo o mundo. A súa loita pacífica, pero esforzada e dura, debe ser tamén a nosa loita. Se ela perde, todos perdemos.
Finalmente permítaseme lembrar algúns dos termos da condena sobre a situación de Birmania efectuada pola Unión Europea na súa Posición Común de 28 de outubro de 1996: "A Unión Europea (...) deplora a práctica da tortura, as execucións sumarias e arbitrarias, os traballos forzados, os malos tratos ás mulleres, as detencións políticas, os desprazamentos forzosos da poboación e as restriccións dos dereitos fundamentais que son a liberdade de expresión, movemento e reunión".
Eloy Isorna Artime colabora co Burma Action Group.
BIBLIOGRAFÍA
Aung San Suu Kyi. "Libres del Miedo y otros escritos". Editorial Galaxia Gutember-Círculo de Lectores. Barcelona 1994.
Aung San Suu Kyi. "The Voice of Hope". Editorial Penguin Books. Londres 1997. Existe tamén unha edición en francés do ano 1996 baixo o título "La voix du Déti", publicada por Édition Stock. (Conversas con Alan Clements).
Aung San Suu Kyi. "Letters from Burma". Editorial Penguin Books. Londres 1997.
Nicholas Greenwood. "Burma then and now". Editorial Brandt Publications 1993.
Eloy Isorna. "Aung San Suu Kyi: mito, realidad y compromiso". El Correo Gallego, 14/01/96.
Eloy Isorna. "Suu Kyi: ¿aniversario feliz?". O Correo Galego, 07/07/96.
Eloy Isorna. "La encrucijada birmana". El Progreso de Lugo, 10, 11 e 12 de xullo de 1996.
Un achegamento ó nacionalismo dende as ONGDs
Nos últimos anos estase a vivir no estado español unha forte expansión de organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD), fenómeno do que Galicia non é unha excepción. Por outra banda, a ninguén lle escapa que este "boom" presenta moitos claros e escuros. Entre os primeiros atoparíanse a canalización crecente de recursos monetarios, a dinamización dos esforzos dun volume importante de voluntariado e a mellora na análise da realidade coa que traballan.
Algunhas mostras do lado escuro poden ser a falta de transparencia e control sobre as súas contas e actuacións –lémbrese a polémica a raíz da intervención en Ruanda no ano 1996–, a existencia de falsas ONGDs que disfrazan outras realidades –"chiringuitos persoais", iniciativas lucrativas, sectas, etc– ou o emprego de mensaxes e imaxes enganosas na captación de fondos.
Ponse de manifesto, pois, que aínda queda moito camiño por percorrer para chegar á madureza do sector; entretanto terase que dar un proceso de discernimento, clarificación e mellora organizativa –acábase de aproba-lo "Código de conducta das ONGD" a nivel estatal– que lle permita achegarse a niveis doutros países europeos. Como teremos ocasión de comprobar, no caso galego cómpre reforzar esta línea de traballo, e non se entendería sen a achega do nacionalismo.
Previo a este debate, é conveniente lembrar que a polémica máis interesante e máis de fondo xira arredor do papel das ONGDs no sistema. Un dos autores que máis teñen escrito ó respecto é o profesor James Petras, asesor do primeiro goberno dos socialistas gregos, que di que as ONGD crean un mundo político onde a aparencia de solidariedade disimula unha conformidade conservadora coa estructura de poder establecida ou, dito doutro xeito, que despolitizan a xente. Dá a sensación de que nesta liña argumental se instala unha parte importante do pensamento nacionalista galego, que manifesta un rexeitamento velado ó movemento de ONGDs por non cuestionar radicalmente o modelo neoliberal imperante.
Resultan osixenantes, sen dúbida ningunha, posicións coma as citadas, en tanto en canto alertan sobre a necesidade de non confundir cooperación para o desenvolvemento con caridade, ou con mera correa de transmisión dun xeito determinado de organización social, política e económica moi cuestionable. É claro que cómpre apostar pola transformación social en moitas zonas do mundo onde o "abismo da desigualdade" é brutal; ou, dito doutra maneira, non se pode eximir ós gobernos e á sociedade civil das responsabilidades que teñen para co seus pobos, caendo na tentación de xerar novas dependencias ou novos colonalismos. Agora ben, estas posicións son plenamente asumidas por un número importante de ONGDs, anque se cadra non se dá percibido así, ben polo descoñecemento da traxectoria das mesmas e das persoas que traballan nelas, ben pola complexa maraña de organizacións que existe e que leva a introducilas a todas no mesmo saco da desconfianza -en certos casos, como se comentou, con motivos-.
Pero non son estas as únicas mostras do distanciamento entre o nacionalismo galego e o movemento de solidariedade -no que as ONGDs non son máis ca unha parte, iso sí destacada-. Algunhas manifestacións son:
1. Non hai un movemento de solidariedade autóctono forte. As iniciativas que teñen orixe galega son escasas e cativas. Como dato, apuntar que entre as grandes ONGDs do estado español, ningunha ten a sede aqui, mentres que un 21% a ten en Cataluña e un 6% no País Vasco. Por outra banda, son moitos os nacionalistas participantes en organizacións estatais que botan en falla a sensibilidade destas para coa realidade do país galego. A residualidade no emprego do galego na súa comunicación institucional ou a discriminación das áreas rurais e do interior a prol das áreas urbanas e costeiras son boas mostras deste sentir.
2. Unha manifestación desa debilidade é a ausencia dunha Coordinadora Galega de ONGD influínte e comprometida. A súa función cínguese a asesorar no reparto do diñeiro que a Xunta de Galicia dedica á cooperación -por certo, unha cantidade bastante ridícula-. É escasa a repercusión que ten a súa actividade na promoción e autodisciplina do sector, así como no labor de diálogo coas distintas administracións e organizacións políticas, sindicais, culturais, de xuventude, etc. Esta evidencia aínda é máis acusada nos contados Consellos de Cooperación existentes nos concellos e/ou mancomunidades do país. Dende o nacionalismo deberíase estar preocupado por esta desarticulación social, que non é máis ca un botón de mostra do que se percibe noutras realidades de acción social. Evidentemente, para superar esta situación cómpre crer nos movementos sociais e apostar pola súa autonomía, rigorosidade e madureza.
3. As corporacións locais galegas, polo xeral, teñen pouco asumida a necesidade da cooperación con outras zonas do planeta. Como moito, dedican a este mester cantidades simbólicas, lonxe da referencia do 0'7% do seus ingresos; pretenden obter unha rendibilidade propagandítica e queren, ademais, que non lle escape das mans. Parece oportuno o control, e mesmo debe desempeña-lo papel de disciplinador dos axentes canalizadores deses fondos; o que resulta chocante -e bastante contraproducente- é que non se coordine a niveis supramunicipais, reducindo custes operativos e incrementando a eficiencia dos fondos dedicados. Ademais, o movemento de solidariedade ten moitas cousas que ofrecer á iniciativa local: pode contribuír a labores de sensibilización e formación; evitar o usos dos fondos para unicamente lavados de cara e contribúe a diversifica-los destinos dos proxectos, moitas veces centrados en zonas excesivamente atendidas. En definitiva, a cooperación entre as administracións e a sociedade civil organizada permite dar unha resposta máis axeitada ás demandas dos cidadáns nos concellos xa sensibles, e empuxa ós que vacilan a dar un paso adiante na dinámica de loitar pola xustiza internacional. Por suposto, o nacionalismo galego actual non pode quedar de observador: ten que ir diante neste movemento racionalizador, entre outras cousas para ser fiel á tradición do nacionalismo histórico que conxugaba o seu interese polo nacional e polo internacional, evitando caer na tentación do reduccionismo e o exclusivismo.
4. Por último, e sen pretender esgotar a relación, é rechamante a ausencia de ofertas de formación en cooperación solventes, por exemplo a nivel universitario. É curioso como aquelas persoas que se queren formar teñen necesariamente que saír fóra; e, non é polo feito de saír, senón por non incorpora-la visión que dende Galicia se pode achegar a esta cuestión. Tamén aquí ten un papel o sector nacionalista universitario.
En conclusión, non concibo no país galego o avance do movemento da solidariedade, coas ONGDs como elemento central, sen o diálogo e a participación do nacionalismo. Tampouco comparto un desentendemento por parte deste, ben por descoñecemento, ben por desconfianza xeneralizada dese movemento. Dedicar esforzos neste eido é unha das mellores posibilidades para demostrar que estamos diante dunha posición nacionalista avanzada.
Xosé Antón Fernández Roxo é profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, e colaborador do IGADI.
Gorbachov
Esa imaxe de Gorbachov, o expresidente soviético, anunciando unha cadea de pizzas provoca múltiples reaccións encontradas e incita á reflexión. Para uns significará a total confirmación do Gorbachov que queren ver, o converso ó "marketing" do mercado; a asociación diabólica do "liquidador do socialismo" coa propaganda do capitalismo máis chabacano (¡aínda se anunciase un Viceroy!); para outros, quizais menos ideoloxizados, é unha imaxe simplemente patética que deixa á altura do betune o último símbolo do, noutro tempo, inmenso poder da URSS.
Resulta difícil imaxinar, nas súas condicións ou similares, a algún expresidente nalgún país civilizado ou minimamente normal, afrontando unha situación asi. Quen máis quen menos, se desempeñou un cargo desa natureza, ben por inclinación propia ou por previsión institucional, procura ou ten garantida a mínima dignidade para o futuro. É unha cuestión de prestixio, de respecto, de autoestima do propio país. En boa lóxica, con máis razón na Rusia de hoxe que galopa á sombra do Fondo Monetario Internacional se, como din algúns, Gorbachov foi o principal axente ó servicio do inimigo exterior encargado de dinamitar a URSS para entregala ó Occidente e á OTAN.
O drama de Gorbachov é que quedou totalmente só. Tanto recibimento masivo, tantos aplausos en tantos países do mundo, tantas conferencias millonarias en Universidades americanas, tantas vacacións en Mallorca, para, ó final, tan desesperado como desprovisto de egoísmo, verse na obriga de deixar utilizar a súa imaxe para recadar os fondos necesarios para asegurar a permanencia e actividades da Fundación que dirixe. Parece o colmo da falla de previsión. Non tivo a precaución de abrir unha conta en Suíza; nin cultivou proveitosas relacións con líderes políticos ou empresariais occidentais; nin tampouco debeu cobrar sustanciosas comisións ou subornos a cambio dos seus servicios. "Soamente os mediocres pensan en todo", dicía Balzac. Simplemente, aplicouse ó estudio e sistematización dun dos períodos máis decisivos da historia recente, consciente de que documentar eses días difíciles da URSS ten unha importancia capital para a memoria de Rusia e universal, para as próximas xeracións, evitando que se reduza a unha mera destilación do rumor.
Que en Rusia se lle dean as costas pode ser ata comprensible. Virounos contra unha realidade depauperada; tivo a valentía de desenganalos; personificou a incapacidade para unha mudanza positiva; concentrou, en definitiva, as iras de todos, aínda que é menor a súa responsabilidade no entreguismo do país ás mafias e ós ogros universais. Mellor destino tiveron moitos dos seus excolaboradores que hoxe, plenamente reconvertidos, están instalados na alta política ou nos negocios, ben en Rusia, á sombra de Ieltsin, ou nalgúns dos novos Estados postsoviéticos.
Pero ¿cómo é posible tanta ingratitude de Occidente? Simplemente organizando unha "cea de notables" poderían recadar o millón de dólares pagado por Pizza Hut. Probablemente o que non se lle perdoa é ese empeño exasperante na reconducción do socialismo. A Gorbachov tiveron que quitalo do medio porque insistía con igual forza, tanto na denuncia dos desmáns do estalinismo coma na necesidade de acadar un estado de dereito socialista, un sistema de economía mixta, unha nova síntese de democracia, xustiza e benestar. E a Occidente o que lle interesaba era aproveitar aquel momento de debilidade e confusión para destruír a URSS e o bloque soviético, e por iso nunca se decidiron a apoiar activa e seriamente ó "indeciso" Gorbachov. Necesitaban a Ieltsin, un alcohólico manipulable, sen proxecto nin ideas; un tipo patético conservado en vodka. Nas súas memorias, Gorbachov ironiza sobre a sensación de estar sometido a un permanente exame de credibilidade democrática por parte dos líderes occidentais, mentres que Ieltsin é presentado coma o principal valedor das liberdades en Rusia, aínda que bombardee ou practique un brutal xenocidio en Chechenia.
¿É correcta a decisión de Mijaíl Sergueievich? "Son as circunstancias as que deciden o ben e o mal", dicía Maquiavelo. Vexo o "spot" como unha denuncia, como unha reivindicación chea de sentido fronte ó silenciamento, a ingratitude e o arredismo. Quen siga as declaracións de Gorbachov nos últimos anos decatarase de que segue sendo coherente co seu pensamento; segue imaxinando un socialismo humanista e democrático; critica o neoliberalismo e evidencia as lagoas da hexemonía americana. ¿Está fora do tempo ou o seu tempo aínda non chegou? Cómpre reivindicar a Gorbachov.
Xulio Ríos é director do IGADI.
Breves
Nin un só neno na guerra
A incorporación de nenos nos conflictos armados é un dos fenómenos máis alarmantes da sociedade global. Non soamente ameaza o dereito á vida, senón que ademais viola o dereito a estar coa familia, á educación, á saúde, ó desenvolvemento da personalidade, a ser formado e protexido e, por suposto, o dereito á infancia. Durante decenios, os nenos foron testemuñas, víctimas e soldados nas guerras entre estados. O uso da infancia nos conflictos armados afecta ós dereitos humanos e ten unha influencia altamente destructiva sobre a construcción das sociedades futuras. Altera radicalmente os valores morais das sociedades implicadas e viola todas as regulamentacións internacionais sobre os conflictos armados.
"Nin un só neno na guerra" é un proxecto de sensibilización e educación sobre os nenos implicados en situacións de conflictos armados, dirixido a educadores, políticos, organizacións non gobernamentais, e periodistas. O proxecto ocúpase de:
a) Producir unha Guía Metodolóxica (cun caso de estudio sobre Colombia e recomendacións) que será publicada como libro, e un folleto divulgativo.
b) Contar cun espacio na páxina Web do CIP/FUHEM con información que sirva para coordinar a campaña.
c) Ofrecer asesoramento e bibliografía.
O IGADI colabora nesta campaña. Na nosa páxina Web atoparás un "link" de acceso á mesma.
China: Política, economía, sociedade, medio ambiente, dereitos
humanos, seguridade
Froito da colaboración entre o CIP e o IGADI, o número 63 da revista "Papeles de cuestiones internacionales", que dirixe Mariano Aguirre, analiza monograficamente as reformas en China. As temáticas que aborda son o suficientemente amplas como para obter unha radiografía pormenorizada da realidade chinesa actual, con especial referencia ós ámbitos económico, político e social. Entre os principais colaboradores deste número, que foi coordinado por Xulio Ríos, atópanse: o chinés, Lou Zongwen; Enrique Fanjul; Fernando Delage; Cesáreo R. Aguilera; Yolanda Fernández Lommen; Leila Fernández Stembridge; Taciana Fisac; o portugués, Alfredo Gomes Dias, etc.
Os interesados en adquirilo poden solicitar exemplares ó IGADI. Prezo: 1.200 pesetas, máis gastos de envío (200 pta).
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 9/7/98