|
¿Tempo... perdido? |
|
Sumario
|
|
| Editorial | |
| por Xesús R. Jares | |
|
A paz entre israelíes e palestinos:
A lóxica da forza |
por Jesús A. Núñez Villaverde |
| por Carlos Meixóme | |
| por Xulio Ríos | |
| Te | |
¿Tempo... perdido?
Dous son os principais obxectivos que dende o IGADI nos marcamos á hora de pór en marcha esta modesta publicación. Dunha banda, establecer unha vía de comunicación e diálogo con institucións e persoas que simpatizan con idénticas preocupacións. Con Tempo Exterior abrimos, sen ánimo de exclusións, un pequeno espacio para a colaboración dos galegos que dentro e fora do país participan do internacional en ámbitos tan dispares como a diplomacia, o xornalismo, a economía, a cultura ou as relacións internacionais en xeral. Non se trata con iso de negarlle a vontade de colaboración ós non galegos. ¡Faltaría mais nunha publicación de vocación universalista!. Pero se o observamos cun pouco de paciencia e atención, sorprendese un da cantidade de galegos que polo mundo adiante non soamente traballan en silencio nestes temas con aportacións ben interesantes senon que ademais están ausentes, silenciados, no noso propio país. Tempo Exterior pretende ser un punto de referencia no que podan confluir todos eles, sen sectarismos, respectando a natural pluralidade de ideas e de opinións.
En segundo lugar, pretendemos facer chegar a determinados ámbitos un instrumento de información e análise internacional arredor dos principais problemas do mundo contemporáneo, de xeito sinxelo, ameno e non por iso carente de rigor. Na nosa base de datos queremos transcender o tradicional orbe educativo para achegarnos ós mundos da política e de todo o social (empresarios e sindicalistas, líderes de opinión, profesionais, etc) para que se abran mil fiestras máis para observar e analizar os problemas e conflictos do noso tempo.
Que o fagamos en galego non é cousa de capricho, senón que obedece tanto ás nosas firmes conviccións universalistas como á necesidade de avanzar na normalización e dignificación do noso idioma, penetrando nun espacio ata hai pouco en demasía ausente e mesmo incomprensiblemente marxinado na maioría dos medios de comunicación de masas. Xa se sabe, o galego é para a literatura, para a escola, pero non para as cousas serias nin para aquelas que a xente debe tomar en serio...
Confiados tanto no apoio e na colaboración do lector e colaborador como na excelente acollida do primeiro número, nós temos a firme seguridade e propósito de que este "tempo exterior" non remate nun simple e frustrante "tempo perdido". Porque este tempo que estamos a vivir non é cousa de perder...
A dimensión internacional nas aulas
O ensino acerca das cuestións internacionais no mundo escolar tivo e ten unha dobre dimensión: ensinar acerca doutras culturas e paises asi como o que se deu en chamar "os grandes problemas mundiais" por unha banda, e, por outra, facilitar e estimular a comprensión internacional. Este segundo obxectivo, que sempre foi o predominante, ten unha dobre xustificación. En primeiro lugar, trátase de facilitar a cooperación e a comunicación entre os diferentes países da comunidade internacional e, en segundo lugar, socabar os prexuicios que en moitos sistemas educativos e na cultura popular dos mesmos están presentes. Un e outro obxectivo están recollidos nas recomendacións internacionais, especialmente a raíz da primeira guerra mundial e moi especialmente da segunda. De todas elas compre destacar a Recomendación sobre a educación para a comprensión, a cooperación e a paz internacionais e a educación relativa aos dereitos humnaos e as liberdades fundamentais, aprobada pola Conferencia Xéral na súa 18º reunión celebrada en París en novembro de 1974. Na mesma sinalase, entre outras cousas, os principios rectores que deben guiar as políticas educativas dos estados. Ligados á temática que nos ocupa sinalamos os seguintes:
a) Unha dimensión internacional e unha perspectiva global da educación en todos os seus niveis e formas.
b) A comprensión e o respecto de todos os pobos, as súas culturas, civilizacións, valores, modos de vida.
c) O recoñecemento da crecente interdependencia mundial dos pobos e das nacións.
A educación para a comprensión internacional que se propón responde a un enfoque global e interdisciplinar das realidades do mundo contemporáneo, orientada cara a solución e comprensión dos problemas fundamentais.
Na súa 43 Reunión da conferencia Internacional da Educación, celebrada en Xenebra en setembro de 1992, aprobase a recomendación nº 78 para os ministerios de educación de todo o mundo, na que, no seu punto 20, faise fincapé na importancia do ensino do internacional:
"Iniciación aos principais problemas do mundo contemporáneo: É importante que cada educando non permaneza indiferente ante os eventos diversos ocorridos fóra do seu país, senón que desenvolva un espíritu de solidariedade e de corresponsabilidade ante os problemas comúns do mundo".
Ademáis destas recomendacións específicas no campo do ensino, na actualidade non podemos obviar a relativa familiariedade da dimensión internacional na maior parte da cidadanía a través dos xornais e dos informativos de radio e televisión. Agora ben, a cuestión está en saber se esa maior cantidade de información está a xerar un maior coñecemento e acercamento á realidade internacional. Neste senso non podemos esquecer que unha maior cantidade de información internacional non implica un maior coñecemento desa realidade. E elo por dous motivos fundamentais:
- Por unha banda polas manipulacións que se producen nos medios de comunicación.
- A falta de espacios que axuden a decodificar dita información.
Para un e outro aspecto, o sistema educativo pode e debe xogar un papel de análise crítico desa realidade. Non cabe dúbida que no día de hoxe, integrar ao alumnado no seu medio, por paradóxico que resulte, significa axudarlle, tamén, na comprensión das claves das políticas e dimensións internacionais. A relación micro-macro medio é cada máis intensa, de tal xeito que non só resulta difícil senón máis ben imposible comprender o micromedio no que vivimos sen ter en conta a realidade macro ou internacional.
Integrarse no mundo globalizado, multipolar e diverso de hoxe; coñecelo e entendelo para poder actuar en consecuencia, ten moito que ver coa dimensión internacional, coa comprensión das circunstancias e rasgos que o caracterizan, coas tendencias e procesos fluctuantes que se están a dar. Agora ben, a educación sobre e para a comprensión internacional en modo algún supón relegar as identidades e as culturas de cada un dos pobos do planeta, teñan ou non estado. Moi pola contra o dereito a diferencia é un requisito imprescindible para garantizar unha convivencia pacífica, sen que isto tampouco negue inevitables procesos de mestizaxe cultural.
En función do dito propoñemos catro grandes principios orientadores da integración didáctica da dimensión internacional nos centros escolares, especialmente a partir do segundo ciclo da ESO.
En primeiro lugar, analizar a documentación internacional -entre outros, a Carta das Nacións Unidas; a Declaración Universal dos Dereitos Humanos; etc-, como a producida polo Consello de Europa, OCDE, etc., non só para coñecer as realidades e principios que na mesma se sanciona, senón tambén para tomar conciencia da contradicción entre o que se proclama ou lexisla e o que realmente se practica; desvelar esa posible dobre moral e denunciar as violacións do articulado debe formar parte de todo proxecto educativo crítico. Asi, por exemplo, no caso da educación para a paz nas súas diferentes acepcións -educación para o desenvolvemento, educación intercultural, educación para os dereitos humanos, etc.-, é frecuente analizar as posibles contradiccións entre as políticas sociais e as educativas.
En segundo lugar, o uso da prensa e dos noticiarios. Didácticamente son usados nun triple sentido: como elemento motivador, como fonte de información e/ou como recurso concientizador acerca de determinadas realidades sociais.
En terceiro lugar, recrear a dimensión internacional a través do uso de diferentes itinerarios culturais, como poden ser, ademáis dos clásicos de xeografía e historia, a música, a gastronomía, a arquitectura, o cine, etc.
En cuarto lugar, incentivando accións prácticas de coñecemento e solidariedade con alumnado e centros escolares de paises da denominada xeografía da fame. Intercambios, correspondencia, visitas, irmanamentos, etc., son alguhas das posibilidades que podemos utilizar.
En definitiva, a educación sobre e para a comprensión internacional, como en xéral a educación para a paz nun senso amplo, debe ter como obxectivo xenérico o desmantelamento de todo tipo de prexuicio sobre a etnia, raza ou nacionalidade para favorecer a convivencia desde e para a pluralidade. Ambos polos, o crítico e o constructivo, deben ir unidos tanto na análise teórica como no momento de realizar as propostas de intervención. Desde estas dúas perspectivas, debemos deseñar os proxectos curriculares informados desde e para a educación para a comprensión internacional.
Xesús R. Jares é Coordinador de Educadores pola Paz.
A paz entre israelíes e palestinos: A lóxica da forza contra a forza da lóxica
Cando a comezos deste ano logrouse desbloquear unha vez máis a marcha do proceso de paz entre israelíes e palestinos, coa sinatura do acordo de Hebrón, volveron a repetirse os anuncios optimistas sobre a posibilidade de resolver definitivamente un dos conflictos máis amargos herdados da Guerra Fría. En efecto, ese acordo era o primeiro asinado polo novo goberno de Benjamin Netanyahu, tras a súa chegada ó poder en maio de 1996, e parecía confirmar a idea de que, incluso a pesar das súas proclamas electorais, tamén o Likud aceptaba o marco definido nos Acordos de Oslo como única vía de solución.
Dende entón, sen embargo, non fixeron mais que confirmarse os malos augurios dos que presaxiaban que a chegada de Netanyahu iba a supór un regreso á vella estratexia israelí de aplicar a lóxica da forza. Os feitos consumados e a imposición de medidas de forza que, de modo evidente, amosaban a escasa vontade das novas autoridades israelíes para cumprir os acordos establecidos polos seus predecesores, repetironse ata o punto de que, na actualidade, non resulta aventurado afirmar que o novo goberno deu por morto o proceso de paz tal como se foi definindo dende a Conferencia de Paz de Madrid en 1991.
Este comportamento non debe entenderse, sen embargo, como a mostra dun estado de opinión uniforme no seo da sociedade israelí. Máis ben ó contrario, pode ser o reflexo dunha situación de debilidade dos seus actuais dirixentes. Non hai que olvidar que a victoria electoral de Netanyahu produciuse por unha estreita marxe de 30.000 votos e o seu acceso ó poder non debe interpretarse automáticamente como un rexeitamento frontal ó proceso de paz. As enquisas seguen reflectindo un apoio maioritario da opinión pública israelí á paz cos seus veciños, e todo parece indicar que os resultados electorais do pasado ano foron en gran medida o reflexo dun temor xeralizado ante as consecuencias de todo tipo que poderían derivarse do ritmo que Rabin e Peres pretendían imprimir ó proceso. A seguridade, chegou a se converter, en mans da actual coalición gobernante, nunha obsesión que impide atender racionalmente ós argumentos dos palestinos e ós imperativos internos que proclaman como única alternativa viable para a situación de confrontación existente unha paz real, global e permanente.
Israel plantexa como obxectivos máximos da súa estratexia política conseguir que o país ocupe por sí mesmo (o cal esixe a necesidade de romper o cordón umbilical que política e económicamente lle manten ligado ós Estados Unidos) un posto entre os países desenvolvidos e servir de fogar nacional para toda a comunidade xudea dispersa polo mundo (dende a desaparición da Unión Soviética uns 700.000 inmigrantes chegaron a Israel). Pode imaxinarse fácilmente que eses obxectivos resultan inalcanzables no contexto actual de confrontación. Xa non se trata soamente da insostenibilidade duns gastos anuais de defensa que exceden o 10-11% do PIB (cando a media dos paises da OTAN non sobrepasa o 2%), senon tamén da urxencia por satisfacer as necesidades de recursos que representa a absorción e integración desa enorme masa de inmigrantes (para unha poboación que apenas superaba os 5 millóns de habitantes a comezos da década). Económicamente a confrontación é non soamente insostible senón, ademáis, incompatible cos ambiciosos obxectivos mencionados.
Por se isto fose pouco, ainda podería engadirse que o comportamento isarelí ameaza con restablecer a situación de boicot comercial, decretado nas fases iniciais do conflicto polos países da Liga Árabe, e levantado parcialmente nestes ultimos tres anos. Dende unha perspectiva social, o conflicto obriga asi mesmo a unha completa militarización da vida nacional (que vai máis alá dos tres anos de servicio militar obrigatorio para homes e mulleres), crecentemente rexeitada por unha xuventude reacia a contribuir a un esforzo no que non se vislumbra ningún futuro atractivo. Políticamente, por último, o empeño en seguir avanzando polo sendeiro da confrontación reporta claros prexuizos a Israel tanto no ámbito interno, donde as fracturas sociais comezan a ser ben evidentes, como na escea internacional, na que Israel aparece cada vez máis como o principal obstáculo para a paz na zona.
Pola súa banda, a Autoridade Nacional Palestina (ANP) sofre un crecente proceso de deterioro, causado tanto polas súas propias limitacións e erros como pola maneira en que as autoridades israelíes están aplicando os distintos acordos asinados ata agora entre as dúas partes. O primeiro e principal obxectivo da xestión da ANP era lograr un incremento substancial dos níveis de benestar da poboación palestina baixo a súa autoridade, como mellor reclamo para potenciar o proceso de paz. A isto uníase a necesidade perentoria de mellorar a situación macroeconómica dos Territorios Palestinos (TTPP) e dotalos dunhas infraestructuras adecuadas para promover o seu desenvolvemento integral. Ao mesmo tempo, resultaba fundamental transmitir á comunidade internacional de donantes unha imaxe de seriedade e eficacia na xestión dos fondos de axuda que, dende finais de 1993, dirixianse cara a zona. Por último, constituía unha prioridade clara a definición dunhas reglas de xogo con Israel, que permitisen unha crecente autonomía económica, imprescindible para aspirar nalgún momento a concretar o soño da creación dun Estado independente.
Na práctica, Israel non favoreceu o cumprimento de ningún destes obxectivos, en contradicción co que deberían ser os seus verdadeiros intereses. O recurso ó peche dos TTPP, entendido coma un castigo colectivo que debe ser calificado de inaceptable, foi desafortunadamente moi frecuente. As características dos acordos asinados dende a Declaración de Principios (Washington, 13 de setembro de 1993) impediron que as autoridades palestinas dispoñan dos clásicos recursos propios dunha política económica autónoma, cos que poder atender ós obxectivos mencionados anteriormente. Desta forma, distorsionouse radicalmente calquer posibilidade de desenvolvemento económico nos Territorios, ata o punto de que actualmente a poboación de Gaza e Cisxordania vive en piores condicións que antes do arranque do proceso de paz. Esta situación traducese, para a opinión pública palestina, nunha perigosa e xeralizada sensación de desilusión polo propio proceso de paz, ante a falta evidente de perspectivas de mellora económica e de cumprimento do obxectivo político de independencia. O sentimento de que Israel controla absolutamente o ritmo do proceso, sen que a ANP teña apenas marxe para manobrar e artellar algún tipo de estratexia alternativa, únicamente redunda en beneficio dos, por outra banda, numerosos nemigos da paz en ambos lados.
Ao impacto negativo que esta situación supón para Arafat, que aparece a ollos dos seus críticos como un axente de Israel encargado de controlar ao seu pobo sen nada substancial que ofrecer a cambio, unense os erros cometidos pola ANP. As dificultades que se derivan do marco diseñado dende Washington e a capacidade de Israel para impoñer os seus criterios unilateralmente, non bastan para xustificar ás autoridades palestinas nos seus tres primeiros anos de actuación. Anque formalmente se declara o obxectivo de construir un sistema político democrático e de instaurar unha economía libre de mercado nos TTPP, na que o sector privado está chamado a xogar o papel protagonista, a realidade está ainda lonxe de reflectir esa situación. En numerosos ámbitos da vida social e política dos Territorios aprecianse claros rasgos de autoritarismo e clientelismo, que fan temer pola viabilidade dun verdadeiro estado de dereito. No terreo económico, reiteranse as acusacións de corrupción, que levaron incluso á petición de dimisión para a totalidade dos "ministros" palestinos, mentres que se asiste a un proceso de xigantismo burocrático (que afecta por igual ós estamentos civís como ás forzas de seguridade), que excede as necesidades propias dun aparato administrativo como o que necesitan agora mesmo os Territorios.
Nestas circunstancias entendese que o descontento se extenda no campo palestino. Un descontento que pode ser rentabilizado tanto polos elementos islamistas radicais, que negan toda bondade ó actual proceso de paz, como polo propio Arafat, ameazando con poñer en marcha unha nova Intifada. Para evitar que esta espiral de inestabilidade poda dexenerar en máis explosións sociais, que leve á zona a unha nova etapa de conflicto aberto, non basta, como parecen creer as autoridades israelíes, con aplicar unha estratexia de "mercar" ós palestinos (favorecendo o seu desenvolvemento económico con axuda israelí) coa esperanza de que así se produza un esquecemento, ou cando menos unha postergación, das súas reivindicacións políticas.
Polo contrario, únicamente restablecendo o clima de confianza entre ambas partes existente ata a chegada de Netanyahu, por riba dos retrasos e incluso incumprimentos rexistrados na etapa anterior, será posible que o proceso de paz consolide a súa marcha. O reto é igualmente importante para ambas partes. Para Arafat, que necesita dar mostras inequívocas de que a democracia e o estado de dereito son algo máis que palabras e de que é capaz de mellorar, aínda inclusive dentro do estreito marco actual no que debe moverse, as condicións de vida da poboación dos TTPP. Para Netanyahu, que debe comprender que a lóxica da forza non lle permitirá resolver os seus problemas cos palestinos e que a insistencia nesta liña de actuación alonxao cada vez máis dos verdadeiros obxectivos nacionais. A forza da lóxica é a que nos mostra que a paz é a única vía pola que Israel pode encarar o seu futuro con esperanza.
A "paz dos valentes", que estableceron Rabin e Arafat, non pode verse traicionada, en mans de Netanyahu, por intereses a curto prazo. A súa debilidade política, tanto no seu propio partido como dentro da inestable coalición gobernamental, faille ser mais sensible ós argumentos máis irracionais dos seus socios, cunha forte carga ideolóxica e relixiosa, e negar toda saida honrosa ós palestinos, ó tempo que nega a súa responsabilidade no bloqueo actual do proceso.
A seguridade de Israel non pode conseguirse a costa da inseguridade dos seus veciños e da negación das súas aspiracións a ser considerados en termos de igualdade. Soamente o recoñecemento da traxedia causada ó pobo palestino e o convencimento de que a verdadeira negociación soamente se pode producir entre iguais (o que supón admitir a existencia dun Estado Palestino) son condicións de partida básicas para poder reconducir o proceso cara unha paz que, hoxe en día, considerase aínda lonxana. Todo parece indicar, sen embargo, que Netanyahu non está preparado para asumir este tipo de esquemas e, nese caso, soamente cabe confiar en que se produza rapidamente un cambio politico en Israel, antes de que os acontecementos desemboquen nun novo conflicto xeralizado. Polo ben de Palestina, pero tamén polo de Israel, a forza da lóxica debería impoñerse para permitir que se poida entrar nas negociacións dos complexos temas do Estatuto Final (refuxiados, fronteiras, asentamentos, estatuto político da entidade palestina e Xerusalén) antes de que sexa demasiado tarde.
Jesús A. Núñez Villaverde é investigador do Área Magreb-Oriente Medio do Centro Español de Relacións Internacionais, CERI, Madrid.
¿E se Castro morrese?
Nos últimos días do pasado Agosto unha falsa noticia chegou ás axencias de prensa internacionais:
Fidel Castro morrera.
¿Rumor desestabilizador ou globo sonda?. ¿Quen fixo circular o bulo?. De contado o goberno cubano
responsabilizou aos círculos anticastristas de Miami de difundir a falsa noticia con fins desestabilizadores.
O argumento oficial cubano semella plausible se consideramos a escalada de tensión dos últimos anos programada polos sectores máis antidemocráticos da oposición cubana (Fundación Cubano- Americana de Jorge Mas Canosa): accións de "Hermanos al rescate", violacións do espacio aéreo, lei Helms-Burton (cómpre lembrar aquí que o noso compatriota Xabier Ferreiro vai ser xulgado nos EEUU acusado de comerciar con Cuba) e que teñen chegado ao seu cume cos atentados terroristas contra o sector turístico da illa e que xa teñen producido a primeira víctima.
Este sector ten unha estratexia moi clara: impedir a recuperación económica baseada no turismo -a economía cubana medrou un 7´6 no pasado ano-, aumentar a presión internacional e provocar o fracaso de calquera caste de reformas por tímidas que sexan. Para eles trátase de "vencer", non de atopar saídas á crise.
O bulo, fracasado se pretendía provocar protestas no interior, lembrounos que Castro ven de cumprir 71 anos e as súas aparicións en público son cada vez máis escasas indicando o inicio dun deterioro físico que fan inaplazables decisións sobre o seu papel ao fronte do Estado. Fidel é un lider, probablemente cun amplo apoio na sociedade cubana, que simboliza a independencia da illa, os logros da revolución e a proxección internacional da mesma.
O carácter nacional do seu liderato explicaría en parte ese apoio popular. Os cubanos saben que a independencia de 1898 foi tutelada polos EEUU; cómpre lembrar que o primeiro presidente de Cuba -despois da ocupación norteamericana- Tomás Estrada Palma,(1902-1906) estaba a favor da anexión completa por Estados Unidos; que entre 1906-1909 houbo unha segunda ocupación; que a enmenda Platt devaluaba a constitución e que a economía cubana estivo dende entón en mans de propietarios estadounidenses. A independencia "real" acadouse en 1958. Moitos cubanos están tamén fachendosos dos logros obtidos pola revolución, especialmente na educación e sanidade.
Os grandes líderes sono aínda máis cando saben abandonar o poder. Non deben morrer exercéndoo, especialmente en períodos de crise, xa que a súa desaparición pode provocar reaccións incontrolabeis. E nesta crise finisecular -económica na década dos 80- e que abalou o mundo na dos noventa sabemos o sofremento e miseria que producen as "terapias de choque" impostas polos que se consideran "vencedores".
Cuba, subsidiada pola desaparecida URSS, está hoxe desprotexida nun mundo unipolar, a escasas millas
dun xendarme que deixa -neste caso- as cuestións de orde pública en mans de quen ten intereses na
illa, en moitas ocasións pouco lexÍtimos.
A situación xeopolítica marcará pois todo o proceso de reformas. O modelo chino-vietnamita
(reformas económicas, mantendo o sistema político) acollido, en principio, como posible polas autoridades
cubanas vai ter moitas dificultades para callar na realidade caribeña, cando menos polas seguintes razóns:
1. A sociedade cubana non é maioritariamente agraria como no caso das asiáticas, senón fundamentalmente urbana e formada técnica e culturalmente.
2. O ámbito ideolóxico-cultural co que se identifican os cidadáns cubanos é o europeo-occidental, no que conceptos como liberdade individual ou pluralismo político son fundamentais.
3. Cuba non causa temor, non é unha potencia territorial, humana, económica ou militar, nen causou a derrota militar e moral máis importante dos EEUU.
O parón nas reformas económicas non se debe só á presión dos sectores menos proclives ás mesmas dentro do PCC, senón tamén ao carácter excesivamente limitado das mesmas, que deixaron fóra aos sectores máis cualificados técnica e culturalmente (médicos, enxeñeiros, profesores e titulados en xeral) e impediron o desenvolvemento dunha "certa" clase media que poidese actuar como amortiguadora en situacións de conflicto. O escaso éxito das reformas fai que a economía cubana dependa en exceso do turismo que está a xerar preocupantes problemas sociais (os médicos prefiren traballar de taxistas) ou morais (prostitución).
O reforzamento das posicións de "resistencia" colleron pulo despois do último congreso do PCC -busca dos restos e exaltación da figura do "Che"- e as tímidas reformas menos impulsadas. ¿Podería ser que estes feitos servisen de disculpa aos terroristas que este verán se adicaron a colocar bombas nos hoteis?
Profundizar e ampliar as reformas económicas, avanzar no dialogo coa oposición democrática, impedir que o bloqueo afecte ao turismo, ampliar a base social do réxime, iniciar un camiño de cambios políticos cara un maior pluralismo e a paulatina retirada de Castro (neste caso o modelo chinés de Deng si podería ser ilustrativo) semellan tarefas urxentes.
Cuba necesita tempo, algúns non llo queren dar.
Carlos Meixóme é membro do IGADI.
Un fondo... de valores
Un dos proxectos máis ambiciosos do IGADI comeza a ser unha realidade efectiva. Nunha reunión celebrada en Santiago de Compostela o pasado 27 de xuño aprobaronse os Estatutos e a Declaración de Principios do "Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade", un instrumento chamado a canalizar e desenvolver as políticas activas do municipalismo galego no ámbito da acción solidaria internacional. O Fondo nace co apoio da FEGAMP e de numerosos e importantes Concellos, grandes, medianos e pequenos; con representación de todas as sensibilidades políticas; con proxección nas catro provincias; co aplauso inicial das ONGs; e, sobre todo, con firmes expectativas de asegurarse no prazo dun ano unha sólida adhesión de boa parte das Administracións locais de Galicia.
Asi pois, o primeiro e imprescindible paso está dado. Pero cómpre nesta altura,facer un alto no camiño, para enfiar e visualizar os eixes vertebradores da súa actuación futura. Se no ámbito estrictamente administrativo ou técnico os pasos a seguir poden prescindir en boa medida de filosofías e matices, non debe ocurrir asi cunhas propostas de actuación que de primeiras poderían tamén axudar a percibir mellor simbólica e socialmente as intencións do Fondo. Dende a nosa perspectiva, compre ter presentes varias observacións. Primeira, o Fondo vai ter unha notable dimensión económica na medida en que o seu obxectivo inmediato consistirá en administrar as aportacións dos Concellos para levar a efecto proxectos de sensibilización social e de cooperación e solidariedade. A maiores, a posibilidade que ofrece ós Concellos pequenos, a inmensa maioría, de contar cun medio para optimizar e dar sentido a unhas partidas que noutro caso serían inevitablemente efímeras, incorpora unha dimensión política de relieve pois permite reforzar e extender enormemente un compromiso institucional e social coas políticas de solidariedade que doutro xeito resultaría menos doado. O Fondo terá a posibilidade e os medios para devolver con creces á sociedade esa adhesión explicitada polas institucións. En todo caso, non é necesario lembrar que a mera transferencia de fondos non debe implicar desentendemento da súa xestión futura pois toda entidade membro do Fondo nomeará un representante efectivo para participar nas súas actividades e, en definitiva, na concrección da súa vontade a través dos mecanismos democráticos normais.
Segunda cuestión: sen prexuizo do rigor económico e enfatizando a necesidade de asegurar en todo momento a debida e minuciosa transparencia e control na xestión, primordial sempre en actuacións desta naturaleza para evitar toda dúbida ou sombra sobre un uso adecuadoe coherente co seu destino inicial, o Fondo precisa non perder de vista que a razón última da súa existencia non radica na súa condición de "peto recaudatorio para fins propios da caridade" senón que asenta na reivindicación dunha serie de valores e actitudes que deben contribuir a xerar un saneamento crítico das relacións internacionais do mundo actual. Asi se recolle explicitamente en varios puntos da "Declaración Programática". Asi, no terceiro, sinálase con claridade: "A administración local galega entende a cooperación como un método e unha estratexia para vertebrar a solidariedade cos pobos e sociedades máis desfavorecidas, comprometendo, impulsando e propiciando a creación dun tecido solidario en cada poboación de xeito que se abra camiño a esixencia dunha nova orde económica internacional máis xusta e a erradicación daquelas trabas e impedimentos que dificultan a eliminación da pobreza e as desigualdades". E no sexto: "...incrementar a conciencia social e crítica dos nosos cidadáns, potenciar a recuperación dunha ética firmemente asentada en valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade entre todas as persoas...".
Terceira, a súa autonomía debe traducirse en capacidade de iniciativa, mesmo contemplando, chegado o caso, a xestión directa de programas capacitando o seu persoal. Cuarta, esta liña de implicación esixe documentar rigorosamente as actuacións elixidas e compre investir en infraestructuras que nos procuren as análises e estudios necesarias, os argumentos do traballo a desenvolver. E quinta, pero non por iso última, debe abrir canles que posibiliten a maior participación social, en especial das organizacións non gobernamentais, pero tamén doutros moitos axentes sociais que gozan de protagonismo na vida cidadá.
Para non perder o norte do sentido destas actuacións se en algo compre facer fincapé é na cuestión dos valores. A finalidade última do Fondo non é outra que contribuir á erradicación das desigualdades, dos desequilibrios, da pobreza, da miseria; á corrección e superación dunha orde económica internacional que consinte e favorece a consolidación e ampliación das diferencias; e xerar nas nosas sociedades unha nova cultura que traspase a emotividade-flash provocada por segundos de emisión de traxedia humanitaria ata interiorizar conductas que contribúan a alterar o vixente statu quo. A sensibilización non debe ser sinónimo de xustificación, de explicación aséptica, senon de didactismo da democracia, de rebeldía contra a inxustiza e a opresión, contra a violación dos dereitos humanos mais elementais, entre eles, o dereito a un desenvolvemento sostible. É unha pedagoxía tan paciente como necesaria e irrenunciable.
Xulio Ríos é director do IGADI.
Breves
Colaboración CIP-IGADI
O CIP (Centro de Investigación para la Paz) e o IGADI elaboran conxuntamente un número monográfico
da revista "Papeles de Cuestiones Internacionales"
sobre China. Nel colaboran, entre outros: Enrique Fanjul, Lou Zongwen, Yolanda Fernández-Lommen, ou Fernando
Delage, entre outros. A súa saída está prevista para o último trimestre do ano en curso.
Revista ‘Política Exterior’
Segue adiante a difusión en Galicia desta revista e do seu Informe Semanal en virtude do convenio
de colaboración asinado entre a sociedade editoria e o IGADI. Os interesados en recibir gratuitamente algún
exemplar ou recabar información sobre o contido desta publicación deben poñerse en contacto
co IGADI.
Seminario sobre formación de formadores
O 11 de outubro celebrouse no Instituto Municipal de Educación de Vigo un seminario organizado
polo IGADI sobre "Formación de formadores en cooperación para o desenvolvemento" dirixido
a ensinantes e cooperantes.
CIDIC
O Centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea recibiu no
pasado mes de setembro o apoio e respaldo institucional de tres novos Concellos. Trátase de Oleiros, Moaña
e Gondomar. Nos próximos meses terá lugar a asinatura de máis convenios de colaboración
entre o IGADI e entidades locais galegas que contribuirán a asentar esta ferramenta básica para quen
participa deste obxectivo decisivo.
Liña comercial
Para atender as solicitudes formuladas por algunhas empresas que se achegan ó IGADI para indagar
sobre as posibilidades de realizar investimentos ou abrir mercados en determinados países de Europa Oriental
ou China, acabamos de pór en marcha unha liña comercial co obxecto de normalizar a prestación
de servicios desta natureza.
ECO
Moi pronto a revista do Eixe Atlántico acollerá unha sección específica
sobre temas internacionais que será coordinada polo IGADI. Asi o asegurou Gonzalo Vázquez Pozo, director
da publicación, nun recente encontro mantido cunha representación do noso centro.
Socios colaboradores
A ampliación da base social do IGADI precisa da colaboración das persoas e entidades que
simpatizan cos seus obxectivos. Escríbenos ou chámanos para recibir información acerca de
como facerse socio colaborador.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 6/7/98