Cabeceira Tempo Exterior


Número 1 / Verán de 1997

IGADI: O Mundo desde aquí

Sumario


O Mundo desde aquí

Editorial

Hong Kong: Preguntas e respostas

Te

Maquillaxe espectral en Bosnia

por Laudelino Pellitero

Fronteiras da nosa acción exterior

por Xulio Ríos

Plácido R. Castro: Unha referencia para o IGADI

Te

Breves

Te

Volver ó sumario


O Mundo desde aquí


Editorial

En moi poucos anos o internacional conquistou grandes espacios na atención da opinión pública e nas preocupacións cotiás de numerosos sectores sociais. Tanto é así que en moitos aspectos disipáronse as súas fronteiras co estrictamente nacional. É a consecuencia inevitable dese proceso de vertixinosa internacionalización que, paradoxalmente, non fixo máis que comezar. Todo ente social vivo e dilixente, por moi reducida que sexa a súa dimensión, atópase hoxe diante da inexorable tesitura de considerar a proxección internacional no ámbito das súas actividades ou simplemente verse superado en breve prazo polos acontecementos, converténdose nun mudo testemuño deste cambio de época que nos tocou vivir.

Galicia conta cunha longa tradición de relación co mundo. O camiño de Santiago no seu día ou máis tarde os fluxos migratorios son exemplos coñecidos dese talante aberto e decidido da nosa sociedade. O Mapamundi está salpicado de Centros Galegos. Persoeiros como D. Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, embaixador de Felipe II na Corte de Inglaterra, fiel ó seu Rei pero tamén á súa Galicia natal, eloxiado polo propio Castelao no "Sempre en Galiza", simbolizan de vello unha traxectoria certamente tan exemplar como en xeral descoñecida pola propia sociedade galega actual. Na Galicia dos anos trinta, Vicente Risco, e a chamada xeración "Nós" mantiñan estreitos vencellos co mais selecto da intelectualidade europea do momento. Plácido R. Castro del Río simboliza esa confluencia da defensa da identidade de Galicia cunha vocación de inserción internacional.

Esta bagaxe debe recuperar a súa normalidade histórica, actualizarse axeitadamente no delicado momento actual da nosa Terra. Úrxenos vertebrar esa necesidade de prestar unha maior atención ó internacional e á nosa proxección exterior. Trátase dun axioma profundamente racional pero en demasiadas ocasións observado e aplicado de forma intuitiva e voluntarista, o que, sen lugar a dúbidas, resta eficacia ó noso esforzo. Coma no pasado, actuamos en demasía impulsados pola simple presión das circunstancias; outras pola habilidade e reflexos dos nosos líderes sociais pero sen unha auténtica asunción por parte da colectividade; todo máis, pola forza da corrente que nos leva ninguén sabe moi ben a donde.

A pesar de todo, xusto é recoñecer que en numerosos ámbitos se deron pasos, e moi importantes, nos últimos anos, tanto no económico coma no social, político ou cultural. Bo exemplo diso é o crecente dinamismo das nosas exportacións. É innegable a existencia dunha maior conciencia e sensibilidade. Pero é hora xa de buscar un sólido acomodo, de posicionarse axeitadamente para controlar certos procesos, para adecualos ás nosas necesidades e obxectivos, en definitiva, para pensar o mundo desde aquí, analizando dende a nosa propia identidade a forma en que nos afectan os problemas globais ou discernindo as dimensións particulares que suscita un problema ou conflicto que pode tamén afectar a outros, ben sexa no conxunto do Estado, na Península ou en Europa, pero que naturalmente, aquí revestirá matices específicos de maior ou menor transcendencia.


Marco e Obxectivos xerais

A creación do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) pretende acadar tres obxectivos básicos:

Primeiro.- Incorporar os problemas internacionais á nosa realidade, ó noso coñecemento, estimulando o seu seguimento e a xeración de apostas reflexivas autóctonas.
Segundo.- Observar e analizar os problemas e conflictos internacionais a partir do noso propio contexto, procurando tirar conclusións claras e de utilidade que nos permitan evitar o illamento e articular aquelas medidas e políticas estratéxicas que favorezan os nosos intereses como colectividade.
Terceiro.- Favorecer a proxección de Galicia no mundo a todos os niveis.

Para desenvolver eficazmente o seu labor, na súa actuación o IGADI observa os seguintes postulados:

a) Nin é nin pretende configurarse como un Instituto oficial, senón como unha expresión independente, emanada da propia sociedade civil.
b) Está ó servicio do conxunto da sociedade, sen exclusións, propiciando desde aquela posición de independencia, o consenso das diversas forzas sociais, culturais, económicas e políticas, ó redor da definición e asunción dos eixes principais de interese común: a nosa proxección exterior ("Galicia non existe").
c) Carácter pluridisciplinar. Indispensable para abranguer as liñas de actuación que nos permitan acadar os obxectivos fixados.
d) Nunha perspectiva irrenunciablemente humanista e universalista, en ningún caso minusvalorará a atención debida á salvagarda e promoción da nosa identidade, o noso idioma e a nosa cultura, tamén desde a perspectiva da súa contribución á rica diversidade cultural mundial.

Quizais nuns anos poida pensarse nunha especialización pero no momento actual o máis importante é estimular a concentración de recursos e esforzos para producir un salto cualitativo verdadeiro, para conseguir unha eficaz globalización das diferentes actuacións dispersas.


Liñas fundamentais de actuación

Destacaríamos as seguintes:

1. Creación dun Centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea.

Cómpre crear en Galicia un centro documental que reúna as fontes esenciais para efectuar un puntual e plural seguimento daqueles conflictos ou realidades internacionais de maior interese e influencia na nosa sociedade. A habilitación dunha Biblioteca e Hemeroteca especializadas facilitaría a difusión de certas publicacións, a formación de investigadores, e un cómodo acceso por parte de todos os axentes sociais interesados no seu coñecemento.

Igualmente é aconsellable o desenvolvemento dunha eficaz política informativa. En primeiro lugar, fomentando un labor de permanente intervención nos medios de comunicación para sensibilizar á xeneralidade da opinión pública; aproximando a Galicia reflexións e persoas en condicións que permitan á nosa sociedade un contacto e intercambio directo con quen pode aportarlle, de primeira man, análises de certo interese. En segundo lugar, elaborando unha información sectorializada e destinada a suxeitos e entidades determinantes da nosa colectividade, ben sexa en forma de monografías, dossiers ou simples novas de transcendencia para os seus intereses ou actuacións.

Dispoñer de información é fundamental e a falta de información, ultimada en función dos intereses estratéxico-decisivos da nosa comunidade ou dalgún sector concreto, representa unha gravísima tara que pesará cada vez máis sobre o noso futuro. Unha información que, ademais, debería orientarse na outra dirección: ¿que imaxe de nós mesmos desexamos promover nun determinado contexto exterior?

2. Creación dun Observatorio Exterior.

As expectativas de futuro da economía galega dependen, en gran medida, dunha eficaz e máis diversificada inserción nos mercados exteriores. Ninguén discrepa desta afirmación. Sen embargo, con honrosas excepcións, desa unanimidade non se derivaron ata hoxe máis ca puntuais actuacións, nas que predominan as de carácter defensivo e localista, principal e case única resposta ás reiteradas situacións de crise.

O estoupido do chamado "conflicto do fletán" con Canadá puxo de manifesto, entre outras moitas carencias, as seguintes: en primeiro lugar, un gran descoñecemento da sociedade canadense, da súa evolución e configuración económica, política e social; en segundo lugar, a inexistencia de "pontes", de contactos e vencellos que nos permitisen exercer presión e diálogo cun maior peso específico; e, final e consecuentemente, a imperiosa necesidade dunha profunda modernización e actualización de certas prácticas para podermos afrontar determinados conflictos con mellores expectativas e mesmo evitalos.

Desafortunadamente, esas carencias están moi xeneralizadas: ¿que grao de coñecemento poden ter os nosos empresarios sobre a maior parte dos países e mercados nos que actúan? ¿que poden saber en realidade de Taiwán, Xapón, Marrocos ou incluso do veciño Portugal? ¿de que espacios poden dispor para coñecer e contrastar outras impresións, para transversabilizar información?. Por outra parte, ¿en que medida podemos darnos por satisfeitos da rendibilidade da nosa participación en proxectos supranacionais coma o Arco, o Eixe Atlántico e outros? ¿Contamos con claves suficientemente identificadas e obxectivadas para que eses proxectos, determinantes en moitos aspectos do noso futuro, poidan ser plenamente aproveitados?

A inevitable mundialización, a necesidade de internacionalizar as nosas empresas, a busca en definitiva de novos mercados, esixe desenvolver con carácter permanente actuacións como as seguintes:

a) Definir aqueles países que deben ser obxecto de especial seguimento en función da importancia estratéxica dos seus mercados ou dos vencellos económicos que nos ligan a eles, determinados a partir das propias dimensións dos nosos sectores productivos.
b) Desenvolver liñas de actuación (tácticas e estratéxicas), diversas e plurais (institucionais, empresariais, culturais e educativas, asociativas, sindicais, etc) que permitan a formación de amplos tecidos de relacións e incluso "lobbys" respecto dos principais centros de poder.
c) Realizar un labor de prospectiva que nos permita previr escenarios, identificar variables e definir as políticas axeitadas para realizar os nosos obxectivos.
d) Promover o compromiso activo dos sectores empresariais nunha dinámica diferente: concienciación sobre a importancia da información, novos horizontes de cultura empresarial, etc.
e) Unha nova perspectiva para o consenso social, para a converxencia colectiva na defensa e promoción das nosas potencialidades productivas de cara ó exterior.

3. Atención á educación.

É imprescindible incrementar a sensibilidade social respecto da problemática internacional. Para iso debemos actuar non só epidermicamente senón, sobre todo, procurando alterar algúns dos compoñentes estructurais da nosa sociedade. Por iso é  moi conveniente a incorporación de dúas liñas de traballo. En primeiro lugar, respecto dos cursos máis elevados do ensino medio, estimulando o interese polos asuntos internacionais a partir dos temas de actualidade. A nosa experiencia concreta de participación en conferencias, elaboración de unidades didácticas (como por exemplo sobre a guerra nos Balcáns) resultou ata agora moi positiva.

Neste momento xa contamos cunha colección propia denominada "Pretextos internacionais" orientada ós alumnos e profesorado de ensino secundario, coa que se pretende aproximar informacións e análises plurais ó mundo educativo.

En segundo lugar, nos ámbitos universitarios, cómpre incentivar a realización de seminarios e cursos especializados. A nosa experiencia en seminarios recentes como o de "Nacións Unidas, 50 anos despois" (en colaboración coa Universidade de Vigo) ou sobre "A información internacional nos medios de comunicación (en Santiago, coa colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia e unha masiva participación de estudiantes de Periodismo e Dereito) resultou igualmente moi alentadora.

4. A xestión da solidariedade.

Existen dous niveis neste sentido: a propia Administración autonómica e os Concellos. Convén avanzar na idea de mellorar a xestión e o control das partidas asignadas á solidariedade internacional, vencellando esta a outras estratexias globais, procurando unha maior eficacia que hoxe está en cuestión debido á escasa contía dalgúns proxectos.

O IGADI propón dúas medidas esenciais:

a) A capacitación permanente do persoal que participa a tódolos niveis en proxectos de cooperación e de solidariedade.
b) A agrupación de esforzos e recursos (Fondo Galego para a Cooperación) e, na medida que sexa posible, a súa coordinación con outras estratexias.

5. A creación de grupos de reflexión.

O IGADI debe ser tamén un centro xerador de dinámicas orientado a fomentar a capacidade de proxecto e de estratexia, especialmente en estudios e investigación. Pode acoller nunha estructura flexible, grupos reducidos de traballo que terían por misión profundar nun determinado problema, efectuando un diagnóstico e propoñendo plans de actuación concretos.


Poñer os medios

Para desenvolver estas liñas de actuación non se precisa unha estructura burocrática mais. Tan só os medios materiais indispensables, unha reducida estructura central, áxil e flexible, e unha sólida e ampla rede de colaboradores. É unha aposta a medio e longo prazo, indispensable para o noso futuro. Por iso, cómpre que dela participe toda a cidadanía, tanto as institucións privadas (empresas e entidades financeiras) como públicas (Xunta de Galicia, Concellos, Universidades) e a insubstituíble sociedade civil.

Volver ó sumario


Hong Kong: Preguntas e respostas


Te

¿Por qué se produciu a devolución o 1 de xullo de 1997?

O 92% da superficie da ex-colonia está representado polos chamados "Novos Territorios". Esta zona foi obxecto de arrendamento á Coroa británica en 1898 mediante un acordo diplomático válido por 99 anos. Ese prazo expirou o 30 de xuño de 1997. O 8% restante, pouco máis de 100 km2, cedido a perpetuidade en virtude dos denominados "Tratados desiguais", foi devolto tamén dada a súa inutilidade aillada.

¿Cal é a importancia económica de Hong Kong?

Moi grande tanto no comercial como no financeiro. Despois de Tokio, a súa Bolsa de Valores é a segunda máis importante de Asia e a terceira do mundo.O Hong Kong and Shanghai Banking Corporation é unha das dez entidades financeiras máis importantes do planeta. En 1994 o volume de carga portuaria movilizado ascendeu  a 141 millóns de toneladas; dende o seu porto foron tratados máis de 11 millóns de contedores, cifra récord no mundo, e preto de 185.000 transatlánticos e embarcacións fluviais o utilizaron. Por outra banda, é a principal vía para a exportación dos productos chineses.

¿Cómo explicar un crecemento económico tan asombroso?

Trátase dun fenómeno curioso por varias razóns. A primeira vista, Hong Kong é  un pequeno territorio que conta cunha elevadísima densidade de poboación e ningún dos atributos idóneos para favorecer un desenvolvemento económico tan elevado: nin terras para o cultivo, nin fontes de enerxía, nin materias primas. Sen embargo, foi quen de darlle a volta ás desvantaxes e os productos que exporta chegan ata os confins mais alonxados do planeta. Capacidade de organización, habilidade e estratexias acertadas parecen ser as claves.

¿Cal foi o principal factor que dinamizou o crecemento hongkonés?

A expansión inicial dos anos cincuenta ten a súa orixe na fuxida da poderosa industria textil de Shanghai. Nada mais trunfar a Revolución maoísta, os empresarios levaronse a Hong Kong a man de obra especializada, máquinas e capitais que se serviron dunha abundante poboación laboral, pouco formada pero moi barata. A pequena empresa desempeñou un papel fundamental. Outros advirten a influencia difícilmente valorable das poderosas mafias de Hong Kong. Instaladas no xogo, a prostitución e o narcotráfico os seus tentáculos chegan a toda Asia e medio mundo.

¿Que tipo de democracia existía en Hong Kong antes do 1 de xullo de 1997?

Hong Kong nunca viviu nun sistema democrático semellante ó noso. Gran Bretaña  fundamentou a súa política na colonia na cooptación das élites e non na vertebración dun sistema verdadeiramente democrático. O concepto de sufraxio universal introdúcese  por primeira vez en 1982 (cando comezan as discusións con China sobre a devolución) e soamente para os maiores de 21 anos e con 7 de residencia. Ata 1974 non se recoñeceu o idioma chinés como oficial  despois de graves disturbios estudiantís. A pesar destas carencias,  existiu sempre unha indiscutible liberdade de prensa e un poder xudicial independente.

¿Existe pluralismo político e sindical?

Si. Dúas son as principais forzas políticas.O Partido Democrático, de Martin Lee, partidario da democratización de Hong Kong, resultado da confluencia entre a agrupación Meeting Point e Demócratas Unidos. A outra forza significativa é a Alianza Democrática para a Mellora de Hong Kong, de Tsang Yuk-shing, de carácter pro-chinés.No ámbito sindical, as tres principais centrais son: a Federación de Sindicatos, de Lee Chark-tim, pro-chinesa; o Consello de Sindicatos de Hong Kong e Kowloon, pro-taiwanés; e a Confederación de Sindicatos, pro-democrática.

¿Perigan as liberdades?

A posición chinesa é moi clara. No se admitirán as reformas democratizadoras dos derradeiros tempos. A Lei de Dereitos Civís, aprobada en 1991, modificarase para restablecer a situación anterior. China entende que ese é o compromiso que asume na Declaración Conxunta: manter o modo de vida e os sistemas legal, xudicial e financeiro vixentes entón no enclave.

¿Cal será a cidadanía dos habitantes de Hong Kong?

É un dos temas máis delicados. Según China, todos os chineses son nacionalmente chineses a menos que renuncien expresamente á súa nacionalidade e non poderán dispoñer da protección consular británica mentres se atopen en territorio chinés. Tampouco podrán ter doble nacionalidade. China  reservase a interpretación das dúbidas que poidan xurdir nesta materia. Que a situación non está nada clara evidenciase polo propio feito de que o principal responsable do Departamento de Inmigración, M. Leung, foi dos primeiros en emigrar.

¿Que imaxe hai formada en China de Hong Kong?

É para moitos o modelo a imitar. Máis despois de que en 1992, nunha xira polo sur do país, Deng Xiaoping animara a todos a "crear máis Hong Kongs". A política de apertura ó exterior iniciada nos anos oitenta tivo especialmente en conta o desenvolvementoeconómico experimentado na colonia.

¿Algunha vez intentou China recuperar pola forza este territorio?

Foi durante a Revolución Cultural (1966-76). En 1967, soamente a intervención desesperada do primeiro ministro Zhou Enlai conseguiu frear a escalada de tensión e poñer fin ó bloqueo de Hong Kong. Pouco faltou entón para que prosperara a proposta da muller de Mao, Qiang Qing, de enviar o Exército ó enclave. Beijing favoreceu tradicionalmente o entendemento e non a presión.

¿Como influiron os sucesos de Tiannanmen nos sentimentos dos hongkoneses?

Hai un antes e un despois de 1989. Máis dun millón de manifestantes percorreron as rúas de Hong Kong en apoio das demandas dos estudiantes. Recadouse diñeiro e prestouse asistencia ós fuxidos. As cifras de emigrantes a Canadá e Australia dispararonse dende entón. No movemento pro-chinés da ex-colonia producironse baixas importantes e os sectores pro-democracia capitalizaron gran parte do desencanto producido pola represión do movemento estudiantil.

¿Por que China disolveu o Consello lexislativo?

Porque a súa configuración non foi negociada e aceptada polos dirixentes de Beijing. Teóricamente o seu mandato debería cesar en 1999, pero as autoridades chinesas deseñaron o seu propio Consello Lexislativo no que aceptaron participar máis da metade dos membros do vello Consello lexislativo da colonia, disolto o 1 de xullo. Os membros do Consello Lexislativo, pouco comparable a un Parlamento, foron sempre designados e soamente nos últimos anos procedeuse á elección parcial da terceira parte dos seus integrantes.

¿Cal é a situación en canto ó benestar social?

Queda moito por facer neste campo. A renda media é moi elevada pero non existe salario mínimo; tampouco un sistema público de pensións. A rede de servicios sociais é moi feble. A vivenda é un gran problema: case un millón de persoas viven en pequenos barcos.Os dereitos sindicais e laborais están pouco recoñecidos. Mesmo coas autoridades británicas, os sindicatos tiñan prohibido afiliarse a organizacións internacionais. Algúns sectores confian en que China mellore esta situación.

¿Que pasou coas sociedades secretas?

Desde Hong Kong viñanse controlando os imperios da droga e do crime máis poderosos do mundo. A heroína constitúe a espiña dorsal das sociedades secretas instaladas en Hong Kong. Beijing non está está preparado para combatir estas sociedades. Algunhas fontes indican que boa parte delas trasladaronse a outras partes de Asia, América e incluso Europa. Outras sinalan sen embargo que Beijing chegou a un acordo con algunhas para comprometelas no financiamento da economía chinesa.

¿Como evolucionou a situación económica nos últimos anos?

Segundo datos facilitados por Tung Chee Hwa, gobernador de Hong Kong dende o 1 de xullo, entre 1991 e 1995 os depósitos bancarios creceron nun 12%; a participación en Bolsa aumentou nun 17%; a poboación incrementouse en 120.000 persoas das que 15.000 foron emigrantes retornados. Non existe nerviosismo perante o futuro. Todo aparenta estar baixo control.

¿Como influirá a reversión de Hong Kong nas relacións China-Taiwán?

China cultivará as relacións económicas e comerciais actuais pero suprimirá todos aqueles signos que evidencien a existencia de dúas Chinas. Os barcos de Taiwán por exemplo deberán arriar a súa bandeira para atracar no porto de Hong Kong. Por outra banda, Beijing é consciente de que unha transición exitosa en Hong Kong pode favorecer o entendemento con Taipei.

¿Arruinará Beijing a Hong Kong?

Cando menos procurará evitalo. O maior risco sen dúbida, representao a obsesión polo control político da ex-colonia na medida en que pode producir a sensación de asfixia en certos sectores económicos. Pero debemos ter en conta que nos últimos anos China promoveu un crecente contacto con eses mesmos medios e iso permitiulle disipar moitas dúbidas e medos.


Vocabulario Elemental

Un país, dous sistemas. É a fórmula proposta por Deng Xiaoping para materializar a reversión do enclave. China manterá a súa definición socialista e Hong Kong o seu sistema capitalista. Polo menos durante 50 anos.

Tratados desiguais. Foron impostos a China por Gran Bretaña como consecuencia da súa derrota nas chamadas guerras do opio.Boa parte dos privilexios obtidos por Gran Bretaña nestes tratados  extenderonse con posterioridade a outras potencias occidentais.

Triadas. Son o equivalente asiático da mafia siciliana. Orixinariamente sen embargo trátabase dun movemento de naturaleza patriótica que xogou un papel decisivo en insurreccións populares como a dos boxers.

Guerras do Opio. Gran Bretaña serviuse do narcotráfico para impulsar a súa expansión comercial en China. A represión do contrabando tropezaba coa protección dispensada por Londres ós contrabandistas. En abril de 1840 o Parlamento inglés declarou a guerra a China. En 1856 producese un novo conflicto armado que remata en 1858.

Lei Fundamental.  É a mini-Constitución de Hong Kong que aprobou o Parlamento chinés  en abril de 1990.
Autonomía. É un principio clave das relacións China-Hong Kong. Deben ser os cidadáns deste territorio os que gobernen os seus propios asuntos. Soamente a diplomacia e a defensa deben quedar ó cuidado de China.

Extensión do mandato. Principio fallido que explicitaba a vontade de continuismo no mandato dos  membros do Consello Lexislativo da colonia que permanecerían nos seus postos ata 1999.

Xianggang. Hong Kong, en chinés.


Algúns protagonistas

Deng Xiaoping. Pai da reforma chinesa recentemente falecido e artífice das negociacións con Gran Bretaña.

Margaret Thatcher. A "dama de hierro" non tivo mais opción que ceder en moitos dos seus prantexamentos perante a maior rixidez e mellores argumentos dos dirixentes chineses.

Christopher Patten. Foi o derradeiro gobernador británico da colonia. Ex-presidente do Partido Conservador, intentou presentarse ante China como líder das aspiraciones democráticas dos habitantes do enclave.

Lu Ping. Dende a súa Oficina para os Asuntos de Hong Kong e Macao, creada en 1978, pilotou as negociacións concretas coas autoridades británicas.

Tung Chee Hwa. Este armador multimillonario, presidente do Comité económico bilateral Hong Kong-Estados Unidos, é o primeiro gobernador chinés deste territorio.

Volver ó sumario


Maquillaxe espectral en Bosnia


Laudelino Pellitero

Nun dos seus acostumados "zig-zag" retóricos, a Secretaría de Estado da Casa Branca decide filtrar para inmediatamente desmentir a súa participación na entrega ou captura do xeneral Radko Mladic e do ex-líder dos serbo-bosníacos, Radovan Karadzic. Todo parece indicar que a decisión de retirar do xogo de influencias na zona a estes dous sinistros persoeiros, responde mais a unha estratexia de establecemento dun novo equilibrio xeopolítico nos Balcáns que ao resultado da aplicación dos acordos de Dayton que prevía o xulgamento de todos os criminais de guerra.

Cando no verán de 1995 a diplomacia americana, achegándose mimeticamente ao modelo defendido polos mediadores europeos do Grupo de Contacto, imprime unha viraxe total aos postulados defendidos ata entón (unha Bosnia plural e multiétnica e o rexeitamento da súa partición) para pasar a asumir e colaborar na división da República en entidades "purificadas" pola destructiva limpeza étnica impulsada por Milosevic e Tudjman, rubricou a sentencia definitiva para Bosnia, consagrou a agresión asimilacionista que causou o conflicto, prolongou a agonía da guerra e abortou calquera iniciativa seria no proceso de reconciliación. A compartimentación tan estanca dos novos entes territoriais mesmo dificulta a viabilidade económica de todos eles.

A Clinton urxíanlle resultados inmediatos cos que comparecer perante os seus electores e debilitar as críticas republicanas que o acusaban de febleza na política internacional. No novo manual de estratexias saído de Dayton en novembro de 1995 (algo asi como "Equilibrar as forzas para preservar a paz en Bosnia") os actores seguen a ser mesmos pero asumen papeis diferentes.

Milosevic, quen apadriñara as conquistas dos serbobosníacos con material militar, carburantes, recambios e munición; quen pagara os salarios dos oficiais do Exército e facilitara valiosa información dos sistemas de vixiancia aérea por radar; quen ata ese intre era presentado ante a opinión pública mundial coma un dos manifestos instigadores da limpeza étnica e coma criminal de guerra, pasou a ser un interlocutor privilexiado, convencido baixo presións económicas e militares, para que se aviñese á nova paz renunciando á unión de todos os serbios que viven nas dúas beiras do Drina. A cambio lexitimariaselle como único interlocutor válido de todos os serbios ante Occidente, levantarianselle o embargo económico, unha ampla autonomía para os serbios de Bosnia, mesmo para establecer relacións preferentes coa Serbia da nova Iugoslavia.

O autoritario Franjo Tudjman, instigador tamén de procesos de limpeza étnica non menos cruentos, patentes por exemplo na Krajina onde o seu Exército expulsou a 200.000 persoas, destruiu en comabte o 60% dos seus bens embargando o resto, recibe igualmente un papel principal no proceso de paz, limpando dun plumazo o seu escuro pasado recente. Para iso debe aceptar a renuncia a integrar directamente en Croacia ós croatas de Bosnia, ainda que exercerá unha considerable influencia na denominada Federación croata-musulmana. A cambio obtén un prace de Estados Unidos que se materializa en notables axudas dos servicios americanos e alemáns para a recuperación da Krajina e de Eslavonia Occidental e o cogoberno da República bosníaco-croata.

Alia Izetbegovic, o líder do Partido de Acción Democrática que nas lexislativas de setembro de 1996 obtivo unha aplastante victoria nunhas cuestionadas eleccións nas que os sufraxios recollidos representaban o 107% do censo, non agachou endexamais o seu obxectivo de debilitar e mesmo destruir a autonomía dos serbo-bosníacos. No período transcurrido dende a sinatura da paz non descuidou ocasión para violar o embargo de armas proclamado polas Nacións Unidas para equipar o seu Exército e garantir a superioridade militar.

Os tres líderes desto que se deu en chamar "paz sen democracia" monopolizan ainda o poder, administran os seus respectivos territorios con escaso respecto polos dereitos colectivos e individuais e un control abusivo dos medios de comunicación. Os seus respectivos "segundos" continuan tamén en primeira línea. A mesma Biliana Plavsic, agora tan entusiasta colaboradora para expulsar do esceario político a Karadzic, era ata moi pouco unha cómplice relevante do líder dos serbo-bosníacos.

A factura da neglixente política occidental que primeiro levou á creba económica á ex-Iugoslaviae logo deu carta de legalidade á limpeza étnica conseguida polas armas, terá custes para toda a humanidade. Na Bosnia en paz o 73% dos seus habitantes son refuxiados ou desprazados e os territorios étnicamente homoxéneos representan máis do 80% cando antes do conflicto non acadaban siquera o 5%.

Laudelino Pellitero é membro do IGADI e coautor de "O Conflicto dos Balcáns", en Ir Indo Edicións.

Volver ó sumario


Fronteiras da nosa acción exterior


Xulio Ríos

Diversos feitos, procesos e declaracións fan que por primeira vez a cuestión da acción exterior de Galicia asome timidamente no debate político preelectoral. As visitas de dirixentes políticos galegos ás colectividades de emigrantes en Sudamérica; fotos mil no polémico "Galicia en feitos" nas que o Presidente Fraga se retrata con líderes estranxeiros; o protagonismo de conflictos coma o do Arpón no que a carencia dun maior peso específico de Galicia no Estado e no exterior amosa as nosas debilidades máis lamentables; a perspectiva, en fin, de que a cuestión de se a alternancia se produce ou non poida decidirse polo voto da emigración, son datos que evidencian a necesidade de todos os partidos con aspiracións de goberno de prestar atención ó factor exterior na súa acción política.A maiores, a Xunta de Galicia creou recentemente unha Comisión de Acción Exterior para impulsar unha maior coordinación das actuacións exteriores do goberno galego.

¿Podemos falar entón dun cambio de actitude? Socialmente predomina o escepticismo respecto da eficacia dunha acción exterior propia. Quizáis sexa debido á súa identificación co meramente protocolario e á convicción de que se España pode pouco Galicia poderá aínda menos. Pero no tempo e no mundo en que vivimos este é un dos aspectos nos que cómpre alentar unha maior insistencia: ninguén poderá defender mellor os nosos intereses ca nós mesmos sen nos esquecermos de que, por exemplo no ámbito comunitario, moitas das materias que hoxe son competencia autonómicaexércense nese contexto supranacional (a política industrial, agrícola, de transportes, etc). Nin podemos nin debemos renunciar, nin están aínda experimentados ou esgotados os múltiples vieiros constitucionais que tantas veces se esgrimen como impedimento para desenvolver unha actuación máis firme neste dominio. Esta clarificación é fundamental para avanzar no entendementosocial como tamén o é alterar boa parte das características da acción exterior desenvolvida ata hoxe: demasiado condicionada polo feito migratorio, inclinada cara intereses comerciais dubidosos, en exceso protocolaria e sen unha sólida apoiatura científica.

Pero se socialmente existe incomprensión é porque na maior parte das formacións políticas de  Galicia predomina a instrumentalización, privilexiada pola oposición, ou o timoratismo, por quen soamente ve fronteiras na acción exterior. Pero non se albiscan exposicións sólidas e coherentes. Esa benintencionada comisión de acción exterior, que certamente chega con anos de retraso, é  un avance respecto á situación anterior no que atinxe á coordenación, pero non propiciará un salto cualitativo se atendemos á súa composición e obxectivos. Para tecer unha tupida malla con certos países que abra vías para a satisfacción dos nosos intereses a medio e longo prazo (non cabe imaxinala seriamente doutro xeito) non se comprende a ausencia, poñamos por caso, dun departamento de relacións institucionais que hoxe controla as políticas de cooperación e de solidariedade internacional, ou dunha consellería de educación que tanto pode facer por estimular os intercambios universitarios con determinados países en función de criterios políticos claros e non ó tun-tun.
Tampouco na oposición se atopa maior clarividencia. No programa electoral do Benegá, por exemplo, a acción exterior é unha clamorosa páxina en branco que alegrará a todos os que visceralmente acusan ó nacionalismo de mirar soamente para o seu embigo. Nin no ámbito da solidariedade se contempla algunha actuación. Despois de facer tanta causa contra a Europa dos mercaderes é esta a única que ó cabo se menciona dando as costas ó resto do mundo.

Que divaguemos no folclorismo e na inxenuidade pode deberse a unha interiorización de certos límites na nosa iniciativa exterior, máis mentais que reais, producto dunha concepción da lealdade constitucional que hoxe ninguén cuestiona; pero sobre todo, entendo que se debe á inexistencia dunha elemental base definitoria da súa orientación e complexidade,  múltiples manifestacións, intensidades e posibilidades diversas. Debemos cultivar o contacto cos nosos emigrantes no exterior; podemos organizar os empresarios galegos que están fora do país... pero o obxectivo é outro. Esa atención debe procurar que invistan en Galicia e non no norte de Portugal, claro; avanzar na configuración de "lobbies" que nos permitan exercer seria influencia en determinados ámbitos de poder, etc. Unha historia, unha cultura comúns, poden axudar a vertebrar mellor esas políticas pero nunca as substituirán.

Por moito que viaxemos e nos cumprimenten con todo agarimo aquí e mais aló, afirmar con La Rochefoucauld que "para facerse unha posición no mundo cómpre facer todo o posible para facer crer que xa se ten", non ten sentido para nós no momento presente. Por iso vai sendo hora de sentar as bases e infraestructuras necesarias para desenvolver unha acción exterior seria e coherente que solidifique e proxecte os nosos intereses como sociedade nun contexto internacional que presenta múltiples desafíos pero igualmente grandes oportunidades.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).

Volver ó sumario


Plácido R. Castro: Unha referencia para o IGADI


Te

Rescatada dun longo etcétera, a figura de Plácido Ramón Castro del Río recupera a súa vixencia cando se cumpren os trinta anos do seu falecemento. O Concello de Cambados, onde finou, organizou recentemente diversos actos para conmemorar esta efeméride, unha homenaxe que vai ter continuidade na vila de Corcubión onde nacera a comezos do presente século.

Coma tantos do seu tempo, Plácido Castro foi quen de atopar e establecer ese xusto equilibrio entre o ser nós mesmos sen renunciar a ser parte doutros, máis aínda, para enriquecermos o patrimonio común de propios e alleos. Gran defensor da nosa cultura e de todo o vencellado á nosa identidade, era, ó mesmo tempo, profundo admirador da cultura universal e da británica en particular, que mamara dende moi novo no Colexio Scarborough de Glasgow. Comprometido a fondo coas reivindicacións galeguistas comprendeu tamén que a construcción de Galicia debe afirmarse tanto no interior coma no exterior.

Corresponsal de prensa (para El Pueblo Gallego, Informaciones de Madrid, La Nación de Buenos Aires ou o Jornal de Noticias de Porto), este home de inmensa cultura e formación, amante do teatro e da poesía, axiña estructurou a súa concepción nacionalista acentuando o seu perfil positivo (credo moderno) coma igual faría á hora de afondar nalgún dos sentimentos que mellor nos definen e que tan poucos chegan a comprender (a saudade). As súas traduccións culminan coa versión galega de As Rubáiyát de Omar Khayyám, unha excelente base cultural para propiciar o achegameno de Galicia ó inmenso e enigmático mundo árabe.

Secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista, liberal e progresista, achegouse a Berna para participar no IX Congreso de Minorías Nacionais (1933). Castelao celebra este feito no seu Sempre en Galiza. Por primeira vez escoitábase unha voz galega no concerto internacional. E ninguén nunca conseguiría silenciala.

A editorial Ir Indo ven de publicar a primeira biografía de Plácido Castro na súa colección "Galegos na historia".

Volver ó sumario


Breves


Te

Dossier sobre Samuel P. Huntington
A partir da obra de Samuel P. Huntington (El choque de las civilizaciones) no CIDIC do IGADI elaboramos un dossier que resume os seus postulados básicos e algunhas das máis importantes reaccións dos seus críticos.

Seminario sobre formación de formadores
O vindeiro 11 de outubro o IGADI organiza un seminario dirixido fundamentalmente a ensinantes da área de Sociais. Leva por titulo: Formación de Formadores en Educación para o Desenvolvemento. Prazas limitadas.

Novas entregas na colección Breviarios
Edicións Laiovento ven de publicar dúas entregas da colección Breviarios nas que se abordan cuestións internacionais. Trátase de: China, a próxima superpotencia; e Hong Kong, camiño de volta.


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 6/7/98