|
As respectivas xiras de George W. Bush e Hugo Chávez
por varios países de América Latina confirman o pulso entre Washington e Caracas por asentar novos
espazos de poder xeopolíticos dentro dun acelerado e variado proceso de integración hemisférica
e de definición de prioridades. Salvo os acordos con Brasil para a produción de etanol e o predicible
apoio militar a Colombia, o pulso simbólico entre Bush e Chávez tivo unha notable vantaxe para o
presidente venezolano, especialmente dende a perspectiva retórica e social.
Dentro destes novos eidos xeopolíticos que se están
a conformar en América Latina, o resultado do pulso entre George W. Bush e Hugo Chávez dependerá
de diversos factores e indicará cara onde se inclina esta balanza de poder para os próximos anos.
Estes factores definen cales serán, a partir de agora, os principais eixes xeopolíticos no hemisferio.
O eixe de Bush
Afastado da súa atención desde que chegara á
presidencia no 2001, Bush tentou “redescubrir” un continente cuns recentes cambios políticos e sociais que
obrigan a Washington a mudar considerablemente o seu enfoque.
O punto decisivo da súa xira estaba en Brasil. O acordo
do etanol co presidente Lula da Silva é un factor de relevancia que Brasil ofrece ao mercado estadounidense,
así como un punto de inflexión para Washington na súa perspectiva de diminuír a dependencia
enerxética de Venezuela e Oriente Medio, nun período aproximado de dez anos.
Brasil é o principal produtor de etanol a nivel global
e con EEUU controlaría o 72% da produción mundial de etanol, o cal confirmaría a ambos países
como as potencias enerxéticas alternativas.
Dende a perspectiva política, atraer a un socialdemócrata
como Lula e, posiblemente, ao seu homólogo uruguaio Tabaré Vázquez, suporía para Washington
un notable logro que reforza a política de contención do activismo “revolucionario” do venezolano
Hugo Chávez e a súa proposta de integración hemisférica, plasmada na Alternativa Bolivariana
para as Américas, ALBA. Neste sentido, Bush coidouse literalmente en obviar a retórica e o protagonismo
de Chávez adquirido durante a súa xira latinoamericana.
Pero a frontal oposición á aplicación destes
acordos sobre o etanol poden complicar a futura situación política e social a Lula, toda vez que
o Movemento dos Sen Terra e Vía Campesiña xa denunciaron a “explotación” social e agraria
desta nova enerxía, que permitiría conformar novas elites económicas en ambos países.
Tanto como en Brasil, Bush afincou a súa estratéxica
alianza co presidente colombiano Álvaro Uribe Vélez, para quen a visita do mandatario norteamericano
e o seu decidido apoio á renovación do Plan Colombia e do TLC servíronlle de respaldo político
nun delicado momento, con senadores e deputados do seu partido acusados de manter vínculos con grupos paramilitares.
Bush espera completar este eixe xeopolítico hemisférico
con Perú, Chile, México e países centroamericanos como Guatemala e El Salvador, dependentes
das políticas migratorias e dos acordos comerciais de Washington.
Non obstante, Bush atopa dificultades políticas a curto
prazo. Cun Partido Demócrata controlando o Congreso e o Senado e a atención política centrada
nos candidatos presidenciais para os comicios de 2008, o presidente estadounidense pode atopar algúns inconvenientes
na aprobación lexislativa de diversos proxectos como os TLC con diversos países latinoamericanos,
a renovación temporal do Plan Colombia ata o 2014 e a aposta polo etanol como enerxía alternativa.
Tampouco a conxuntura exterior favorece a súa imaxe.
Entrampado en Iraq e Afganistán, illado dentro da súa estratexia unilateral e a súa evidente
falta de credibilidade e influencia globais, esta repentina aposta latinoamericana de Bush evidencia un leve síntoma
de desesperación por recuperar espazos de influencia.
Paralelamente, resulta pouco crible a oferta de cooperación
social e de combate á pobreza por parte de Bush, cunha xira que estivo salpicada de excesivas medidas de
seguridade e fortes protestas nas rúas, que amosaban un simbólico panorama negativo para os seus
obxectivos.
O eixe de Chávez
Se ben non estivo deseñada para obter ganancias políticas
inmediatas e concretas, a denominada “contraxira” realizada por Chávez en Arxentina, Bolivia e Nicaragua,
estivo directamente dirixida a construír novos espazos de influencia e a reforzar os xa obtidos.
Se Bush se centrou en Brasil e o etanol, Chávez afincou
unha nova peza xeopolítica e enerxética con Arxentina, país co que acordou importantes programas
en materia de distribución de hidrocarburos e gas natural.
Estes acordos de Chávez tentan incluír ao goberno
de Néstor Kirchner (que busca a reelección este ano) dentro dun eixe interno en MERCOSUR que permita
a Caracas conter a Brasil e Uruguai, aparentes alianzas económicas de Washington, e potenciar un eixe enerxético
suramericano ampliado a Bolivia.
O acto popular en Bos Aires, coa participación de 40.000
persoas, descifra a verdadeira estratexia de Chávez, baseada na inclusión dos diversos movementos
sociais e populares dentro dunha plataforma política continental que lles permita a estes movementos ampliar
os seus espazos de participación no poder. Nun sentido simbólico, Chavez deuse un “baño de
multitudes” que contrastaba coas fortes protestas que debeu soportar Bush.
Bolivia e Nicaragua son dous socios políticos e enerxéticos
de gran importancia para Chávez, incluíndo a Ecuador dentro dunha estratexia andina destinada a conter
a ampliación rexional do Plan Colombia. Está por dirimirse este pulso suramericano entre Washington
e Caracas coas eleccións presidenciais de 2008 en Paraguai, outro dos membros de MERCOSUR, onde o bispo
Fernando Lugo, simpatizante de Chávez, pode alcanzar a presidencia.
Se Bush visitou Guatemala, onde a indixenista Rigoberta Menchú
pode alcanzar a presidencia nas eleccións deste ano, a estratexia de Chávez tamén visualiza
unha Centroamérica afastada do ALCA e dos plans de Washington, coa posible inclusión da Nicaragua
sandinista de Daniel Ortega como o seu principal vértice xeopolítico.
O pulso no tempo
Pouco antes de iniciarse estas xiras, Chávez acusou á
CIA de aplicar plans de magnicidio na súa contra (a semana pasada foron detidos en Caracas tres militares
presuntamente acusados de conspirar contra o presidente Chávez), mentres Washington criticaba a Caracas
pola súa “escasa” cooperación antidroga, á vista do último informe da ONU sobre a loita
contra o narcotráfico.
Paralelamente, a publicación do informe sobre a situación
dos dereitos humanos realizada polo Departamento de Estado en Washington, previo ao inicio da xira de Bush, foi
un erro político estratéxico proveniente dun goberno acusado de violar todas as convencións
internacionais de dereitos humanos e que provocou fortes reaccións contrarias nos dous principais aliados
hemisféricos: México e Brasil.
Pero este pulso político semella que non será
eterno: Bush xa non estará na presidencia no 2009 e, probablemente, un goberno demócrata o substituirá
na Casa Branca, con prioridades posiblemente distintas ás do seu antecesor. Pola súa banda, Chávez
acaba de ser reelixido ata o 2013 e formula a posibilidade de realizar modificacións constitucionais para
unha “reelección indefinida”. Neste pulso xeopolítico, o tempo determinará cara onde xira
América Latina.
|