|
O atentado en Kabul contra o vicepresidente estadounidense,
Dick Cheney; a morte dunha soldado española nun atentado en Qalai-i-Nau e a crise política en Italia
derivada da prematura dimisión do primeiro ministro Romano Prodi pola negativa do Senado a aprobar unha
nova iniciativa en Afganistán, sitúan a situación política e de seguridade dese país
no centro da atención de EEUU, a Unión Europea, a OTAN e a ONU, os principais implicados no seu proceso
de pacificación e reconstrución.
Neste sentido, en Afganistán se aprecia un panorama determinado
polo rexurdir das milicias talibáns, o fracaso da estratexia occidental para crear un goberno de unidade
nacional baixo a presidencia de Hamid Karzai e o renovado impulso de Al Qaeda dentro da estratexia da “yihad global”,
que volve situar Afganistán no centro da súa estratexia.
A consecuencia desta situación, o primeiro ministro británico,
Tony Blair, anunciou o envío de 1.400 soldados a este país, nun proceso paralelo á paulatina
retirada militar británica de Iraq. Pola súa banda, o presidente estadounidense, George W. Bush,
informou do desprazamento de 3.200 soldados norteamericanos de Iraq a Afganistán, aproveitando para solicitar
á OTAN un aumento de forzas militares nese país.
Os dilemas de Occidente
O cumio da Alianza Atlántica en Letonia celebrado en
febreiro pasado evidenciou determinadas fisuras na estratexia formulada por EEUU e a Unión Europea no relativo
ao mantemento do continxente de tropas da OTAN. No fondo se traducía o temor occidental ante o regreso do
poder dos talibáns.
Estes temores non pasaron desapercibidos durante unha xuntanza
de ministros de Defensa da OTAN en Sevilla o pasado 9 de febreiro, e que contou tamén coa presenza do titular
de Defensa afgano. Aquí, as divisións afloraron ao tratar o envío de 4.000 soldados a Afganistán
e tamén ante determinadas desconexións militares entre o mando central e as brigadas dos diversos
países á hora de afrontar a ofensiva talibán.
Para reafirmar o seu compromiso, os 26 ministros de Defensa
da OTAN sinalaron o 2007 como un “ano decisivo para a vitoria sobre os talibáns e a reconstrución
de Afganistán” mentres os membros da Alianza Atlántica acordaron un plan de axuda, valorado en 8.100
millóns de euros, para a reconstrución das institucións administrativas afganas.
Non obstante, a recente crise política en Italia, co
amago de dimisión por parte de Prodi e o acordo a última hora entre as forzas políticas para
que continuase á fronte do goberno, evidencia as fisuras existentes no escenario europeo con respecto á
política a seguir en Afganistán, xa traducidas a nivel político local.
Un tratamento parecido semella ocorrer actualmente na política
española, relativo á confrontación entre o PSOE e o Partido Popular sobre a necesidade de
manter as forzas españolas en Afganistán e a natureza da súa misión, principalmente
trala morte da soldado de orixe galega, Idoia Rodríguez Buján. Desde 2003, España perdeu a
17 soldados en misións de paz e reconstrución no país centroasiático.
Neste sentido, o Centro de Intelixencia das Forzas Armadas,
CIFAS, e o Centro Nacional de Intelixencia, CNI, aumentaron as súas advertencias sobre o deterioro da seguridade
en Afganistán e o risco de que aumenten os atentados contra as tropas españolas, principalmente radicadas
na rexión occidental entre Herat, Fara e Shindand, ante as especulacións dunha posible ofensiva talibán
nesta primavera.
Washington toma o control
A comezos de febreiro, EEUU asumiu o control total da Forza
Internacional de Asistencia para a Seguridade de Afganistán, ISAF, nun cambio de dirección concibido
para afrontar unha fase decisiva na loita contra as milicias talibán e para intentar reforzar ao cada vez
máis impopular e ineficiente goberno de Hamid Karzai. A ISAF conforma unha coalición militar de 35.600
soldados provenientes de 37 países.
Aínda que non se realice a posible ofensiva dos talibáns
prevista para esta primavera, a violencia semella garantida para as próximas semanas: Washington anunciou
a súa firme intención de expulsar aos talibáns dos seus santuarios na fronteira afgano-paquistaní,
co cal reforza a militar como a opción principal para Afganistán.
Non obstante, o seu principal aliado británico semella
calcular doutra forma, tal e como declarara o seu secretario de Defensa Browne. Londres aspira a superar os frecuentes
fracasos da opción militar contra os talibáns cunha opción política que permita activar
mecanismos de negociación cos “señores da guerra” talibáns e para fomentar a reconciliación
étnica e tribal.
A debilidade de Karzai
Pero o problema para Washington e os seus aliados estriba na
debilidade operativa e de lexitimidade social do goberno de Hamid Karzai, carente dos recursos humanos necesarios
para construír un Estado nacional unitario, cunha sociedade civil estruturada cara ese obxectivo e un exército
nacional efectivo e con capacidade para impoñer a orde estatal en todo o territorio.
Neste sentido, o recén aprobado programa educativo afgano
constitúe unha aguda materia de confrontación entre o goberno de Karzai e os talibáns. Parte
dos recentes ataques talibáns estiveron centrados nas escolas e nos profesores, para evidenciar a clara
oposición aos programas educativos laicos defendidos por Karzai e que afectan á educación
islámica propia das madrasas talibáns.
A marcada fragmentación étnica e tribal, a lealdade
política aos “señores da guerra” e outros xefes tribais, os altos niveis de analfabetismo e pobreza,
a impopularidade cara as tropas estranxeiras e a destrución das infraestruturas tras 25 anos de guerra condicionan
o éxito do goberno de Karzai e os seus aliados occidentais.
Para manter un mínimo de lexitimidade política,
o goberno de Karzai veuse na necesidade de negociar constantemente cos “señores da guerra”, a fin de evitar
unha maior “talibanización” do país, e para non afincar así, totalmente, o seu poder na presenza
militar estranxeira.
Neste sentido se explica unha leve apertura política
trala aprobación polo parlamento afgano a comezos de febreiro, dunha polémica lei de amnistía
para todos os combatentes dos 25 anos de guerra no país, incluíndo ao mulláh Omar e aos principais
“señores da guerra” muhayidíns, hoxe integrados na Alianza do Norte.
Esta lei, criticada pola ONU e os organismos de dereitos humanos,
foi presentada por Karzai como un intento de contribuír ao proceso de reconciliación nacional pero
evidencia a súa debilidade política, excesivamente dependente destes equilibrios de poder cos “señores
da guerra” e diversos xefes tribais.
O atentado contra Cheney
Polo tanto, as perspectivas de éxito non semellan moi
favorables para Washington. Nunha xira non anunciada por Afganistán, Omán e Paquistán, o vicepresidente
norteamericano, Dick Cheney, foi testemuña directa dun atentado suicida contra a principal base aérea
estadounidense en Bagram, preto da capital Kabul, cun saldo de 23 mortos, dous deles soldados estadounidenses.
A milicia talibán atribuíuse inmediatamente a
autoría dun atentado que constitúe o principal intento de asasinato contra un alto cargo do goberno
estadounidense, perpetrado polos talibáns co presumible apoio de Al Qaeda e nunha evidente proba de forza
cara as tropas da OTAN, que ben pode anunciar non só a presumible ofensiva de primavera senón ata
qué punto os talibáns manexan alta información de intelixencia estratéxica. Neste sentido,
fontes militares israelís especularon coa posible infiltración de “yihadistas” dentro das bases militares
estadounidenses, a traveso do persoal operativo afgano.
Pola súa banda, e probablemente para xustificar unha
estratexia de maior ofensiva contra os talibáns, o vicedirector da CIA, Steve Kappes, denunciou en Paquistán,
durante a visita de Cheney, a “reconstrución” dos campos de formación terrorista para “combatentes
da yihad” na fronteira afgano-paquistaní.
O Talibán e a “yihad”
Como colofón á posible ofensiva das milicias talibán
na próxima primavera, a derradeira cinta enviada por Al Qaeda a mediados de febreiro confirma esta renovación
do poder talibán en determinadas rexións do Sur, Oeste e Leste de Afganistán, en torno ás
provincias de Helmand, Kandahar, Farah, Uruzgan e Ghor.
Reforzado tamén con aspectos propagandísticos,
este rexurdir talibán pode evidenciar un repentino cambio estratéxico de dirección dentro
da cúpula da rede terrorista: o exipcio Aywan al Zawahiri, considerado o “Nº 2” de Al Qaeda, informou
da decisión de que o mulláh e máxima autoridade talibán Muhammad Omar, se convertera
no novo referente da “yihad global” contra Occidente, en substitución do propio Osama ben Laden.
Obviamente, existen temores en Europa de posibles atentados
terroristas. Un informe estratéxico titulado “Avaliación da Ameaza Terrorista” publicado en Londres
considera Afganistán como “a maior escola de terroristas”, mentres anuncia para 2007 posibles atentados
en territorio británico, cometidos por elementos locais pertencentes á rede Al Qaeda e formados en
Paquistán e Afganistán.
Desde a súa espectacular ofensiva do verán pasado
e a reconquista de territorios perdidos desde a guerra de 2001, as milicias talibáns atoparon facilidades
para a mobilización de efectivos que, segundo cálculos militares estadounidenses e británicos,
ascenden a 8.000 militantes, 100 deles de orixe árabe.
Significativa dentro da etnia pashtuna, a militancia talibán
comeza a nutrirse de diversos clans tribais, étnicos e sociais. Incluso existen evidencias de contactos
entre os antigos inimigos, os talibáns e os comandantes da Alianza do Norte, para conter aos seus novos
inimigos comúns: Karzai e a OTAN.
O factor da droga
Tanto como o avance talibán e a desestabilización
política e militar de Afganistán, a preocupación se incrementa ante o aumento da produción
do cultivo de opio e o seu derivado, a heroína. Afganistán aporta o 75% da produción mundial.
Segundo un informe anual da axencia da ONU encargada do narcotráfico, UNODC, a superficie dedicada ao cultivo
de opio en Afganistán superou o 59% no 2006, principalmente na rexión meridional de Helmand, onde
os talibáns incrementaron a súa ofensiva desde decembro pasado contra as tropas británicas.
O informe sinala que só seis das 34 provincias afganas
están libres do cultivo de opio, o cal constitúe un evidente fracaso da política de erradicación
aplicada polo goberno de Karzai. Do mesmo xeito, Afganistán constitúe o centro de distribución
de heroína en Asia Central e, a traveso tamén de Irán, para Europa.
A carta paquistaní
En paralelo a este escenario, os cálculos occidentais
destinados a descifrar os alcances da ofensiva talibán en Afganistán centran tamén a súa
atención en Paquistán e na delicada situación do goberno de Pervez Musharraf, único
país islámico que posúe armamento nuclear.
Os analistas estratéxicos occidentais así como
un dos mais prestixiosos coñecedores da rede Al Qaeda, o xornalista paquistaní Ahmed Rashid, consideran
que Paquistán estase a converter no epicentro ideolóxico e organizativo da yihad global liderada
por Al Qaeda, mentres a mensaxe e a popularidade de Osama ben Laden aumentan neste país.
Este epicentro paquistaní permite intuír unha
renovación da expansión militante de “loitadores” de Al Qaeda en Iraq, a península arábiga,
Somalia, Mali e Sudán, así como activar elementos de recrutamento de militantes e simpatizantes en
Europa.
Dentro do territorio paquistaní, considérase que
a rede Al Qaeda e as milicias talibáns posúen o control das rexións montañosas e semiautónomas
de Waziristán do Norte e Beluchistán, na fronteira con Afganistán, cun centro urbano constituido
polas cidades de Peshawar e Muzzaffarabad.
O goberno de Musharraf atopa problemas para controlar militarmente
esta rexión, na que tamén actúan movementos islamitas locais como a Jaish-E-Mahoma, mellor
coñecido como “Exército de Mahoma”, a ul-Jihad de Harakat al-Islami e a ul-Mujahedin de Harakat,
simpatizantes dos talibáns e do partido islamita Jamiat-i Ulema-i Islam e con implicacións na rexión
de Caxemira, fronteiriza coa India.
En Washington, Londres e Bruxelas consideran a Paquistán
como a clave na loita antitalibán e antiterrorista, pero tamén aumentan as súas críticas
polo descontrol estatal nas rexións fronteirizas con Afganistán e a posible debilidade militar para
“purgar” a militantes islamitas e manter o control político. Estas críticas tamén provocaron
roces directos e ataques retóricos entre os gobernos de Karzai e Musharraf durante a ofensiva talibán
do verán pasado, a pesares da existencia dunha directa cooperación militar e de intelixencia entre
Kabul e Islamabad.
Todo isto reforza a percepción occidental dunha posible
desestabilización en Paquistán que provocaría serios efectos xeopolíticos en Asia Central
e suroriental, unha rexión estratéxica para os intereses occidentais pola presenza de Rusia, China
e India.
Tanto en Washington como en Londres existe incluso o temor de
que elementos islamitas infiltrados no exército paquistaní intenten un golpe militar para derrocar
a Musharraf, impoñer un réxime islamita asociado aos talibáns e a ideoloxía “salafista
yihadista” de Al Qaeda e controlar o programa nuclear paquistaní. Velaí o incremento occidental da
axuda militar e a cooperación política co xeneral e presidente Pervez Musharraf.
Por se cae a carta paquistaní, Washington e Londres veríanse
obrigados a reforzar a súa cooperación militar coa India, traducida no acordo nuclear asinado a comezos
de 2006 entre o presidente Bush e o primeiro ministro indio Mahmoan Singh.
|