Actualidade Exterior / nº 202-03/2007 de 19 de febreiro Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior
Guerra inminente en Irán?
 
 
Análise

     
   

Os últimos avatares da diplomacia internacional e a proliferación de declaracións e sinais contraditorias aumentan a sensación dun clima pre-bélico en torno a Irán, quen teme un ataque conxunto por parte de EEUU e Israel. A piques de vencer o prazo outorgado pola ONU para que Teherán poña fin ao proceso de enriquecemento de uranio, os tres actores principais aceleran os seus preparativos militares cara unha posible confrontación que podería modificar radicalmente o mapa xeopolítico de Oriente Medio.

Como sucedera coa crise pre-bélica de Iraq en febreiro de 2003, en Washington se aceleran os mecanismos para atopar unha acción que xustifique a adopción de medidas punitivas cara Irán. No horizonte está o vencemento, o próximo 21 de febreiro, do ultimátum fixado pola ONU a Teherán para que abandone o seu programa de enriquecemento de uranio.

A pesares de que a comezos de febreiro, o goberno iraniano permitiu a un grupo de diplomáticos e xornalistas estranxeiros a súa entrada nas plantas de enriquecemento de uranio de Isfahán, un xesto que as autoridades iranianas interpretaron como unha manifestación de “transparencia”, en Washington calculan a crise en termos militares.


Tambores de guerra

O despliegue de dous portaavións de guerra electrónica no Golfo Pérsico, o “Eisenhower” e o “Stennis”, xunto a determinados movementos áereos nas bases estadounidenses en Turquía e a contundente presenza de submarinos, destrutores, avións, helicópteros e soldados na rexión, presaxian accións armadas.

A isto debe engadirse a publicación nun diario británico dun informe militar onde se asegura que Israel prepara unha eventual guerra nuclear contra Irán. Outro aspecto ten que ver coas frecuentes advertencias realizadas polo primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, contra o programa nuclear iraniano, que evidencian o temor de Tel Aviv a que Irán substitúa ao Iraq de Saddam Hussein como poder rexional capaz de enfrontar a súa supremacía militar.

Incluso, nunha inédita declaración, Olmert tivo un pequeno “lapsus mental” ao deixar entrever a capacidade nuclear israelí como elemento de presión contra Irán. O programa nuclear israelí sempre estivo rodeado dun manto de silencio e todo secreto.

Semellantes datos confirman a certeza das palabras de Robert Gates, secretario de Defensa estadounidense, quen sinalou que esta demostración de forza militar na zona é unha manobra destinada a “conter a Irán”. Posteriormente, Gates matizou esta declaración durante unha recente xira polo Golfo Pérsico, asegurando que non existe un plan militar de Washington contra Irán, probablemente para restar conflitividade á conxuntura actual.

Se ben a retórica de tensión seguiu aumentando entre Washington e Teherán nas derradeiras semanas, na ONU e na AIEA esperan que Irán siga o exemplo de Corea do Norte, coa súa recente decisión de abandonar o seu programa nuclear a cambio dun plan de investimentos e axuda financeira internacional.


Bush apunta a Irán

Pero o escenario militar cobra cada vez máis forza, a pesares de que os mecanismos diplomáticos seguen a ser os máis utilizados. No discurso sobre o Estado da Nación en xaneiro pasado, o presidente George W. Bush dirixiu en gran medida a súa atención ao programa nuclear iraniano e ao posible escenario dun Oriente Medio sacudido pola influencia xiíta dirixida dende Teherán.

A isto debe engadirse o recente anuncio por parte de Bush dun colosal aumento dos gastos militares dentro do orzamento público estadounidense para o período 2007-2008. A xustificación por parte da Casa Branca, previo recorte de gastos sociais, radica na necesidade de “defender a transición iraquí”.

Estas decisións son interpretadas como un sinal de que Bush apunta decididamente a Irán como o seu próximo obxectivo. A resposta dende Teherán tamén foi clara: o aiatolá Alí Khamenei, principal xefe político e relixioso do país, advertiu que se EEUU e Israel deciden atacar Irán, o seu país responderá atacando obxectivos estadounidenses e israelís arredor do mundo.

Non obstante, existen fisuras no estamento militar estadounidense e británico sobre a conveniencia de atacar: tres altos mandos militares norteamericanos, actualmente retirados, pediron ao primeiro ministro británico Tony Blair que evite unha guerra contra Irán ao considerar “desastrosas” as súas consecuencias.

Outro factor consiste na debilidade política interna de Bush e os republicanos, con un Congreso dominado polo Partido Demócrata, sumamente crítico cos plans de Bush en Iraq e oposto a unha acción militar contra Irán. No seo do Grupo de Estudo sobre Iraq comandado polo ex secretario de Estado James Baker, se aconsellaba a Bush aplicar unha estratexia de acercamento política a Irán e Siria para implicalos na estabilización de Iraq.


A analoxía iraquí

Pero existen determinados elementos que permiten intuír que a actual crise polo dossier nuclear iraniano semella unha leve repetición dos argumentos presentados en febreiro de 2003 contra o réxime de Saddam Hussein. Neste sentido, Washington está activando unha serie de estratexias de acusación que lle permitan xustificar ante a opinión pública e outros gobernos unha acción punitiva directa contra Irán.

Entre estes motivos cabería citar o recente informe da intelixencia estadounidense que acusa ao corpo Al-Qods da Garda Revolucionaria Iraniana de estar armando con bombas e material bélico ás milicias xiítas en Iraq ou ben os constantes obstáculos de Teherán para permitir a entrada dos inspectores da Axencia Internacional da Enerxía Atómica (AIEA) aos complexos de Natanz, onde se cre que Teherán espera concluír a construción de 3.000 centrifugadoras de auga para finais de marzo.

Precisamente, entre finais de xaneiro e comezos de febreiro, os acontecementos iraquís obrigaron a centrar a atención neste país como clave para comprender a posible “guerra secreta” entre Washington e Teherán. O arresto de seis diplomáticos iranianos na cidade de Erbil por parte de tropas estadounidenses, por consideralos supostos colaboradores das milicias xiítas, e a morte de tres marines estadounidenses en Kerbala, atribuida por Washington a elementos presuntamente vinculados á Garda Revolucionaria Iraniana, aumentou a sensación dun conflito encuberto.

En Washington sospeitan que a Garda Revolucionaria Iraniana está detrás do apoio ao Consello Supremo para a Revolución Islámica en Iraq, un grupo de resistencia xiíta, e a diversas milicias xiítas pro-iranianas que, segundo informes de intelixencia, causaron a morte de 150 soldados estadounidenses.

Non obstante, un informe do Grupo de Estimación Nacional de Intelixencia estadounidense considera que a influencia iraniana e siria nos asuntos iraquís “non constitúe un factor principal de emanación de violencia”.

Incluso se especula cun plan secreto israelo-estadounidense para provocar tensións internas dentro de Irán, a traveso de grupos contrarios ao réxime islámico ou ben elementos territoriais secesionistas, e tamén unha estratexia de afogamento financeiro externo contra o goberno de Mahmud Ahmadíneyad, con presións á baixa no prezo do petróleo.

Neste sentido, en Washington seguen con atención determinados sinais nas derradeiras semanas de descontento interno cara o goberno de Ahmadíneyad, principalmente por parte dos estudantes, o influínte sector comercial, determinados aiatolás e uns 150 parlamentarios que pediron ao presidente iraniano un cambio de rumbo menos radical na súa política exterior.


Resucitando a “guerra fría”?

Non obstante, o dossier iraniano estase a converter no principal tema de discusión nos foros internacionais e nun factor de irritación nas relacións de Washington coas outras potencias globais.

Na recente Conferencia de Seguridade en Múnich, o presidente ruso Vladímir Putin realizou unha inédita crítica ao “unilateralismo estadounidense” e ao presidente Bush, a quen acusou de “desestabilizar o mundo coas súas guerras”.

Se ben as palabras de Putin ían dirixidas a expresar o seu malestar polo anuncio de Washington da ampliación do seu escudo de mísiles cara as fronteiras de Europa do Leste con Rusia, no fondo, Putin podería estar manifestando a súa negativa contra calquera acción punitiva estadounidense contra Irán, socio enerxético e militar de Moscova.

Nesta conferencia, o representante iraniano en materia de Enerxía Nuclear, Alí Laríjani, afondou as críticas contra Washington ante unha posible acción militar contra o seu país. Paralelamente, en Teherán, o presidente Ahmadíneyad reafirmou a intención iraniana de continuar co seu programa nuclear, durante o acto de celebración do 28º aniversario da Revolución islámica.

Non obstante, as derradeiras declaracións de Teherán amosan a súa intención de continuar coas negociacións na ONU, reafirmando que o seu programa nuclear está previsto para fins civís e non militares.

Pero a xeopolítica reparte as súas cartas en Oriente Medio dentro deste escenario de puxa estratéxica entre EEUU e Irán. As diplomacias rusa e chinesa son cada vez máis notorias e activas nesta rexión, en gran medida coincidindo os seus intereses en favor de Irán.

No caso iraniano, o presidente Mahmud Ahmadíneyad reforzou os seus lazos militares con Rusia, aumentando tamén esta cooperación cos recentes acordos militares con Belarús. Do mesmo xeito, a mediados de xaneiro, o presidente iraniano realizou unha xira a Venezuela, Nicaragua e Ecuador, coa finalidade de crear unha fractura hemisférica para os plans de Washington de atacar Irán. Neste sentido, Ahmadíneyad obtivo o apoio do presidente venezolano Hugo Chávez.

Pola súa banda, nas derradeiras semanas, a secretaria de Estado norteamericana, Condolleeza Rice, e o secretario de Defensa, Robert Gates, viaxaron a Oriente Medio para crear unha especie de “eixe sunnita” pro-occidental, conformado por Arabia Saudita, Xordania, Exipto e os emiratos do Golfo Pérsico, coa finalidade de conter ao “eixe xií” dirixido por Irán e apoiado por Siria, os movementos islamita Hizbulah no Líbano e Hamas en Palestina, as milicias xiís en Iraq e o posible apoio moral da Irmandade Musulmán en Xordania e Exipto.

A diplomacia saudita tamén cobra forza neste panorama, precisamente orientado a conter o crecente papel xeopolítico de Irán. Neste sentido cabe interpretar o recente acordo entre Hamas e Al Fatah para formar un novo goberno en Palestina, acordo asinado na Meca co auspicio do Cuarteto de Paz integrado por EEUU, Rusia, a Unión Europea e a ONU.

Os obxectivos sauditas tamén se orientan cara a resolución da crise interna no Líbano, ante a posible exacerbación das rivalidades étnicas e relixiosas e o ascenso político do grupo islamita Hizbulah, apoiado por un Irán que nas derradeiras semanas instou a este grupo a moderar as súas demandas políticas, a fin de evitar un recruamento da violencia.

Este xogo xeopolítico confirma o ascenso de Irán no taobeiro de Oriente Medio, a reinserción de Siria como actor de moderada importancia, a confirmación de Hizbulah e o Hamas como actores políticos recoñecidos e o reforzamento dun eixe pro-occidental, manexado por Washington e Tel Aviv, localizado nos países árabes sunnitas.

Independentemente dunha posible acción militar contra Irán e das considerables consecuencias que podería ter no panorama rexional, o equilibrio de forzas en Oriente Medio está mudando aceleradamente e, dun xeito paradoxal, en sentido contrario aos parámetros estipulados polo plan para o Gran Oriente Medio anunciado por Bush en 2004.

     
     
Revista de prensa

     
1   Next stop Iran?”, en The Economist (Gran Bretaña), 8 de febreiro de 2007.

Without America invading and occupying Iran –unthinkable after Iraq- such a strike would at best delay rather than end Iran´s nuclear ambitions. It might very well rally support behind a regime that is at present not conspicuously popular at home, emboldening it to retaliate inside Iraq, against Israel and perhaps against the United States.
     
2   Iran, a Fall Guy for US”, editorial en Iran News Daily (Irán), 13 de febreiro de 2007.

Such unacceptable alegations (Iranian government arming Shiite militias in Iraq) are doubtlessly part of US anti-Iranian attempts aimed at giving a negative image of Iran in the region.
     
3   No me vengas con Irán”, por Jim Lobe, en InterPress Service en español (Italia), 9 de febreiro de 2007.

El plan de EEUU e Israel de formar una alianza con los países árabes sunitas para enfrentar a Irán, podría carecer de respaldo, al menos a nivel popular, según las conclusiones de una encuesta realizada en Medio Oriente.
     
4   ¡El ataque a Irán será antes de abril!”, por Víctor Wilches, en Argenpress (Argentina), 12 de febreiro de 2007.

La fiebre bélica es tal que ya se afirma en medios de comunicación que el ataque tendrá lugar antes de abril (...) Independientemente de que las acciones militares y de guerra de Israel-EEUU y de los resultados de éstas, la situación geopolítica de Oriente Medio ya acusa profundos cambios.
     
5   Hanging tough on Iran”, por Patrick Clawson, en The Washington Institute for Near East Policy (EEUU), 9 de febreiro de 2007.

In short, so long as Iran´s nuclear progress remains slow, the United States and Israel have good reason to support diplomatic, economic, and other pressure. Iran is in a fundamentally weak position that has been temporarily masked by a conjunction of circunstances favorable to the Islamic Republic. The longer the time available for solving the nuclear crisis, the more likely these weaknesses will become apparent.
     
6   The Goods on Iran”, por Lionel Breehner, en Council on Foreign Relations (EEUU), 12 de febreiro de 2007.

Reasons to avoid a direct military confrontation with Iran run the gamut (...) Domestically, any escalation will solidify Iran´s hardliners, postpone political reform and potentially trigger a retaliation “that could spiral out of control”.
     
7   Fool Us Twice? From Iraq to Iran”, por Marjorie Cohn, en Global Research (EEUU), 13 de febreiro de 2007.

It would be sheer lunacy to make war on Iran. Three former high-ranking U.S. military officers and a coalition of 13 British think-tanks and faith groups have warned that an attack on Iran would have disastrous consecuences.
     
8   Where´s the Smoking Gun on Iran?”, por Robert Baer, en Time (EEUU), 13 de febreiro de 2007.

If indeed a confrontation is in the cards, I don´t see that the Administration has a choice other than to provoke an incident –force the Iranians to fire back in the clear light of day, letting the United States invoke self defense, U.N. Article 51.
 
Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/02/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta