|
Nunha asemblea interna, a cúpula dirixente do partido
republicano norirlandés, o Sinn Féin, encabezada por Gerry Adams e Martin McGuinness, acordaron recoñecer
a autoridade do polémico Servizo de Policía de Irlanda do Norte, SPIN. Esta histórica decisión
desbloquea a parálise do proceso de negociación para unha paz definitiva entre católicos e
protestantes no Ulster, de cara as próximas eleccións lexislativas de marzo e a posible devolución
da autonomía dende Londres, suspendida no 2002. Pero a clave está agora na aceptación dos
protestantes “unionistas” de compartir o poder cos católicos do Sinn Féin.
A asemblea (Ard Fheis en idioma gaélico) celebrada en
Dublín o domingo 28 de xaneiro, reuniu a 2.000 delegados do partido republicano Sinn Féin, convocados
polo seu presidente Gerry Adams e o “número 2” e antigo líder do Exército Republicano Irlandés,
IRA, Martin McGuinness. O carácter histórico desta votación estivo revestido dunha evidente
lexitimidade dentro do partido, debido á contundente maioría de delegados que aprobaron a resolución
de recoñecer o SPIN.
Unha policía “terrorista”?
Este histórico paso dado polo Sinn Féin ten un
amplo sentido simbólico. O Servizo de Policía de Irlanda do Norte, SPIN, creado tras dos “Acordos
do Venres Santo” en 1998 e posto en funcionamento a partires do 2001, era unha herdanza do temido Royal Ulster
Constabulary (RUC), visto polos católicos norirlandeses como unha institución represiva que asentaba
o dominio británico en Irlanda do Norte.
Paralelamente, a decisión do Sinn Féin acontece
dous días antes do 35º aniversario da matanza de 13 republicanos católicos por parte de tropas
británicas, no traxicamente coñecido como “Domingo Sanguento” (Bloody Sunday), tras unha manifestación
pacífica de 15.000 persoas pola liberación de republicanos independentistas.
Previo á resolución de recoñecemento por
parte do Sinn Féin, o pasado 22 de xaneiro publicouse un informe elaborado polo “defensor do pobo” da policía
norirlandesa, na que se afirmaba que a policía británica en Irlanda do Norte empregou “métodos
terroristas” en apoio aos grupos paramilitares “unionistas” contra dos republicanos católicos e membros
do IRA.
Este informe, elaborado durante tres anos, informaba de entre
10 e 15 asasinatos políticos cometidos pola policía norirlandesa na década dos noventa, así
como da protección institucional aos grupos paramilitares “unionistas” e a destrución de documentos
comprometedores, probablemente previo aos acordos de 1998 e da creación do SPIN.
Entre os católicos norirlandeses e os simpatizantes do
Sinn Féin, así como dentro do IRA, se consideraba tanto ao RUC como, posteriormente, ao SPIN, como
un organismo sectario ao servizo dos protestantes “unionistas” (“loyalists”) pro-británicos. O propio Adams
acusou ao goberno de Margaret Thatcher (1979-1990) como cabeza responsable da represión. Velaí os
receos e temores por aceptar a autoridade dunha institución que consolidaba do dominio de Londres sobre
o Ulster.
Os Acordos de 1998 estipularon un reparto equitativo entre católicos
e protestantes que non foi exactamente respectado: no momento do traspaso administrativo do RUC ao SPIN, só
un 8,3% dos seus oficiais policiais eran católicos. Na actualidade, a proporción apenas aumentou
a un 19,5% de oficiais católicos dentro dun persoal policial de 7.500 efectivos.
O debate no Sinn Féin
Era evidente que Gerry Adams e Martin McGuinness atoparon duras
críticas internas no Sinn Féin por desbloquear esta demanda realizada tanto polos protestantes “unionistas”,
encabezados polo seu polémico reverendo Ian Paisley e o Partido Democrático Unionista, PDU, para
retomar as negociacións de paz, como dende Londres e Dublín para restaurar a autonomía en
Irlanda do Norte, suspendida desde o 2002 e que pode reactivarse o próximo 26 de marzo.
Sen esquecer as tensións internas, resulta imprescindible
resaltar o amplo e democrático debate interno no Sinn Féin, desde a convocatoria realizada por Adams
en decembro pasado, e que permitiu a participación de delegados de todas partes do país. Tanto a
asemblea como o anterior proceso de desarme e desintegración do IRA, realizado a finais de 2006 e certificado
pola Comisión Independente de Control (IMC), evidenciaron que os republicanos católicos apostaban
pola vía política como única alternativa para conseguir a paz en Irlanda do Norte e, eventualmente,
unha reunificación nacional.
Neste sentido, a decisión de Adams contou co apoio externo
do primeiro ministro británico Tony Blair e o primeiro ministro da República de Irlanda, Bertie Ahern,
para levar adiante unha votación interna e decidir a favor do recoñecemento do SPIN. O pasado 13
de outubro, na localidade escocesa de Saint Andrews, Blair e Ahern acordaron construír unha nova “folla
de ruta” para a paz en Irlanda do Norte que pasaba, en primeiro lugar, pola aceptación do Sinn Féin
da SPIN. A cambio, Adams obtivo a aceptación de colocar a McGuinness como candidato a vicepresidente no
Parlamento norirlandés e unha limitación estrita da actividade dos servizos secretos británicos,
o M15, en Irlanda do Norte.
Por tanto, o momento político resultaba único
e decisivo para o Sinn Féin e o republicanismo católico norirlandés nas súas pretensións
de continuar adiante co proceso de negociación e resucitar os acordos de 1998. A súa decisión,
apenas disentida por unha decena de delegados, permite agora aos republicanos católicos a súa completa
integración dentro da SPIN e a aceptación das institucións xudiciais norirlandesas, sen que
isto signifique unha ruptura política interna no Sinn Féin.
O “factor Paisley”
Obviamente, este outorgamento do Sinn Féin non ía
estar desprovisto de condicionamentos. A clave agora da continuidade do proceso de negociación da paz en
Irlanda do Norte pasa polas mans dun dos personaxes políticos máis recalcitrantes: o reverendo “unionista”
Ian Paisley. Aos seus 81 anos, Paisley ten nas súas mans unha oportunidade histórica para o futuro
do Ulster.
Paisley felicitou publicamente a decisión do Sinn Féin,
pero resulta unha incógnita prognosticar se os “unionistas” e o PDU aceptarán formar un novo goberno
cos seus “inimigos históricos”, os republicanos católicos do Sinn Féin. Nas eleccións
de novembro de 2003, o PDU obtivo a maioría parlamentaria, seguido do Sinn Féin. Nese momento, os
considerados sectores máis radicais de ambos partidos coparon a escena política norirlandesa.
Irlanda do Norte prepárase para as eleccións lexislativas
do próximo 7 de marzo que poden estar marcadas por un avance no proceso de paz e un posible cambio político
no Parlamento. Seguindo os preceptos dos acordos de 1998, a presidencia norirlandesa debería estar integrada
por un presidente protestante e un vicepresidente católico.
Para Paisley, a actual situación constitúe probablemente
a súa última grande participación na política local, pero tamén a súa
decisión máis complicada. O DPU atópase dividido e esta fractura pode aumentar no caso de
aceptar a decisión do Sinn Féin e as verdadeiras intencións dos republicanos. No ambiente
tamén está latente a promesa de devolución da autonomía, prevista por Londres e Dublín
para o 26 de marzo e que se vería completada para maio de 2008.
Estando a pelota no seu campo, o paso de Paisley debe ser calculado
con moto tento. Para abortar calquera desviación que perturbe a negociación de paz, Blair e Ahern
xa teñen dado a entender que posúen un “plan B” que podería implicar ao goberno de Dublín
na condución dos asuntos norirlandeses e afincar o apoio a Adams e o Sinn Féin, illando a Paisley
e aos máis radicais. Aínda que, probablemente, logo do paso dado polo republicanismo católico,
as opcións para manter as negociacións e unha transición pacífica semellan superar
ás perspectivas máis pesimistas.
|