|
As revelacións no diario español “El País”
sobre o suposto agravamento da saúde de Fidel Castro asoman todo tipo de especulacións e expectativas
sobre o futuro político cubano, en especial trala cesión de poderes ao seu irmán Raúl
en xullo pasado. Afastado da escena pública e relegado o seu poder, a posible desaparición física
de Fidel Castro presenta diversos escenarios, a pesares de que a situación interna cubana dista moito de
amosar sinais de tensión e conflito ao mesmo tempo que o goberno de Raúl Castro semella consolidarse
e estabilizarse co paso dos días.
As declaracións do médico español José
Luis García, xefe de Cirurxía do hospital madrileño “Gregorio Marañón”, na que
aseguraba a gravidade da saúde de Fidel Castro tras unha sucesión de actuacións médicas
falidas, provocaron inmediatas e contraditorias reaccións e expectativas dentro e fora de Cuba, reforzando
a percepción do xefe da Dirección Nacional de Intelixencia estadounidense, John D. Negroponte, formulada
en decembro pasado, de que a Fidel lle quedaban “meses e non anos” de vida.
Alén das complicacións cirúrxicas e a prolongada
ausencia pública de Castro (a súa derradeira aparición foi a publicación dunhas fotos
súas o pasado 28 de outubro), e do feito de que o propio médico español refutara posteriormente
estas declaracións, en Cuba e o exterior comeza a formularse unha nova era política sen Fidel.
Un caso simbólico constitúe a próxima xuntanza
de ex presidentes iberoamericanos en Costa Rica, prevista para o próximo 25 de xaneiro, onde o tema da Cuba
post-Fidel será un asunto de gran preponderancia. Paralelamente, existen diversas sinais que confirman un
definitivo cambio de rumbo dentro da dirixencia cubana.
A Cuba de Raúl
A cesión extraordinaria e provisional de poderes ao seu
irmán Raúl Castro o pasado 31 de xullo de 2006 confirmou a política de sucesión adoptada
por Fidel e o Partido Comunista Cubano, PCC, no congreso de 1994, en detrimento dunha política de transición
política cara á democratización.
Ex vicepresidente e actual ministro de Defensa e comandante
das poderosas Forzas Armadas Revolucionarias, FAR, Raúl Castro saltou repentinamente á escena pública
como máximo dirixente da Revolución durante o Cumio dos Países Non Aliñados celebrado
na Habana en setembro pasado.
Posteriormente, esta posición de claro sucesor de Fidel
consolidouse no desfile militar con motivo do triunfo da Revolución socialista en decembro pasado, en presenza
de mandatarios e líderes políticos estranxeiros como o boliviano Evo Morales, o nicaraguano Daniel
Ortega ou o haitiano René Preval.
Nestes seis primeiros meses de post-fidelismo en Cuba, a ausencia
pública do líder histórico permitiu a Raúl reforzar e consolidar o seu poder non só
dentro das FAR (a pesares do ascenso político de comandantes históricos como Ramiro Valdés)
senón dentro do Consello de Estado, o Consello de Ministros e a Asemblea Nacional do Poder Popular, máximos
órganos dirixentes en Cuba, principalmente de cara a moderar o ascenso de figuras políticas como
Ricardo Alarcón, Carlos Lage, Alberto Colomé Ibarra e Felipe Pérez Roque.
Os primeiros compases da Cuba de Raúl Castro permiten
intuír unha marcada diminución retórica e ideolóxica da nova elite de poder en Cuba,
en franco contraste coa impresionante herdanza carismática e intelectual de Fidel. Raúl evita as
excesivas aparicións públicas, conformando unha especie de “dirección colexiada” balanceada
entre elementos progresistas e de “liña dura” dentro do PCC e das FAR.
Do mesmo xeito, Raúl semella querer restar preponderancia
a outras estruturas de poder sociopolítico en Cuba, varias delas dependentes do tradicionalmente represivo
Ministerio do Interior (MININT), tales como os Comités de Defensa da Revolución (CDR), as Milicias
de Tropas Territoriais (MTT), a Federación de Mulleres Cubanas (FMC), a Unión de Xóvenes Comunistas
(UJC), e a Central de Traballadores de Cuba (CTC), que conforman unha ríxida estrutura burocrática,
ideolóxica e militarista de control social.
Para Raúl, o pragmatismo económico tendente á
apertura mercantil, necesaria para apuntalar unha economía que no 2006 rexistrou un espectacular crecemento
de 12,5%, o maior en América Latina, e para superar as marcadas carencias e dependencias da economía
cubana, constituirá unha baza importante da súa xestión. Enfocando na economía sobre
a política, Raúl busca expresar onde se atopan os verdadeiros problemas da sociedade cubana.
Dentro da súa política oficial de “sucesión,
axuste e cambio” e na súa pretensión por alcanzar eficazmente obxectivos concretos, a apertura económica
propiciada por Raúl Castro e a “dirección colexiada” no poder actualmente en Cuba probablemente propiciará
a diminución do gasto militar, calculado nun 70% desde a caída da ex URSS en 1991 e o final das campañas
militares africanas nas que as FAR estiveron inmersas entre os anos setenta e oitenta.
Este proceso seguramente obrigará ás FAR a remodelar
a súa estrutura organizativa e as súas prioridades, principalmente cara obxectivos mais socioeconómicos
que político-militares e ideolóxicos.
Outro factor de importancia será a diminución
da tensión co respecto ás relacións con EEUU, especialmente cara o embargo económico
dende Washington, aínda que isto non signifique unha definitiva e tamén necesaria apertura política
dentro de Cuba.
Tutelando a nova era
Non obstante, Raúl intenta proxectar unha política
de loita contra a corrupción e do ríxido burocratismo e militarismo dos factores de poder en Cuba,
mentres a nova consigna social enlazada desde o poder permite reforzar valores como a disciplina e a consecución
de “obxectivos concretos”, principalmente de carácter socioeconómico.
Nun escenario simbólico tan importante como a conmemoración
do triunfo revolucionario en decembro pasado, o discurso de Raúl permitiu entrever un cambio de enfoque
co respecto a Washington, incluso tendente a reformular as relacións bilaterais. Neste sentido, a nova dirixencia
cubana espera amortecer a presión dos grupos do exilio mais radicais e imprimir maior pragmatismo e realismo
a súa política exterior. Tamén existe unha tímida tolerancia ás demandas dos
grupos opositores da sociedade civil cubana, aínda feble e embrionaria para iniciar un profundo proceso
de transición democrática.
Non obstante, a recente rehabilitación oficial de figuras
políticas vinculadas á represión no pasado, tales como o ex presidente do Consello Nacional
de Cultura, Luis Pavón Tamayo, así como determinadas informacións de medios estranxeiros sobre
a posibilidade dun “asasinato político” como móbil da recente morte (por afección cardíaca)
do disidente Miguel Valdés Tamayo, condenado no 2003 a 15 anos de prisión, conforman roces que poden
obstaculizar os mecanismos de diálogo coa sociedade civil e propiciar tensións internas.
As fórmulas para a transición
Os exercicios de previsión sobre os futuros escenarios
da Cuba post-fidelista amosan diversas alternativas, todas dependentes da actitude da nova dirixencia comandada
por Raúl Castro, das presións de Washington e do exilio cubano e do novo panorama xeopolítico
rexional, especialmente ante a alianza da Habana co presidente venezolano Hugo Chávez e a súa influencia
exterior, hoxe fraguada coa alianza de países como Bolivia, Nicaragua, Ecuador e Irán ao proxecto
“socialista” e “antiimperialista” de Chávez.
Segundo diversos analistas, as fórmulas e os escenarios
de transición na Cuba post-Fidel poden dividirse en cinco esferas:
a) O modelo chinés: Semella ser a alternativa preferida por Raúl, aínda que
este insista en que non existe un modelo específico de referencia para Cuba. Tomando por exemplo a China
e Vietnam actuais, este modelo consiste en reformas económicas baixo o directo control do PCC, sen apertura
política pero con gradual liberalización económica. Este escenario semella ser o mais indicado,
tomando en conta os primeiros pasos outorgados por Raúl, e permite unha posible supervivencia dun “castrismo
sen Castro”.
O escenario internacional reforza tamén esta alternativa,
tomando en conta a recente reinserción rexional de Cuba dentro dos cambios políticos en América
Latina (Venezuela, Bolivia, Ecuador, Nicaragua) e a activa e favorable diplomacia de países como China e
Irán cara o réxime cubano.
b) Unha reforma “á española”: Unha vez desaparecido fisicamente Fidel Castro, a nova elite no poder
rexeita continuar co seu legado e adopta inmediatas reformas políticas tendentes á consecución
dun clásico sistema democrático representativo. Escenario pouco probable tomando en conta o reforzamento
do poder de Raúl e das FAR e a debilidade política dos diversos grupos da sociedade civil cubana.
c) A ditadura militar: Sería unha continuidade dos antigos e tradicionais golpes castrenses en
América Latina: unha facción militar, probablemente contraria ao poder de Raúl Castro, instaura
unha ditadura militar clásica. Este escenario depende dos manexos e das estratexias a adoptar por Raúl
Castro cara a cúpula militar, a principal beneficiada dos investimentos estranxeiros, especialmente en materia
turística, e da posible próxima apertura económica, que podería conformar unha especie
de “clase oligopólica”.
d) O caos haitiano: Unha vez desaparecido fisicamente Fidel Castro, a explosión social e política
produto de anos de represión da paso a unha situación de inestabilidade interna incontrolable. Poucos
apostan por este escenario, debido á actual estabilidade interna, á aparente apatía social
ante os recentes acontecementos, o control tutelado do PCC e das FAR do proceso de transición política
post-fidelista e a posición da Igrexa católica e certos disidentes de negociar co novo poder e calmar
as tensións internas.
e) Unha “revolución das cores” no
Caribe: A liña dura estadounidense, apoiada por
diversos sectores do exilio en Florida e Washington, pecha os canais de negociación co novo poder encarnado
en Raúl, alentando unha rebelión militar e social, propiciada pola crise económica e a falta
de liberdades, que permita un novo goberno e a inmediata celebración de eleccións libres e democráticas.
Tras seis meses de post-fidelismo, este escenario semella case
imposible, a tenor dos recentes pasos de Raúl de querer reacomodar as relacións cubano-norteamericanas,
á aparente aceptación en Washington de que Raúl é o principal factor de estabilidade
en Cuba e á recente preponderancia das estratexias do exilio cubano en Madrid e Europa, de imprimir maior
dose de realidade e pragmatismo co respecto a Raúl e á nova política cubana.
|