Actualidade Exterior / nº 199-25/2006 de 18 de decembro Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior
A hora de China e India
 
 
Análise

     
   

A visita a India e, posteriormente, a Paquistán do presidente chinés Hu Jintao levantou toda serie de expectativas sobre a posible conformación dunha alianza entre os dous países con maior poboación e rapidez de crecemento económico pero que tamén confrontan litixios fronteirizos comúns e visións estratéxicas distintas. A pesares de enfocar no apartado económico e comercial, a xuntanza entre os líderes de China e India, suxire tamén un entendemento común a favor dun mundo multipolar e no reforzamento do ascendente papel de Asia no mundo globalizado.

O presidente chinés estivo catro días na capital india Nova Delhi, entre o 20 e o 24 de novembro, continuando a súa xira tres días máis en Paquistán. Deste xeito, Hu Jintao converteuse no segundo presidente chinés en visitar ao seu veciño indio, trala visita realizada polo seu antecesor Jiang Zemin en 1996.

Tomando en conta que o 2006 foi cualificado como o “Ano da Amizade entre India e China”, o cumio sino-indio permite intuír tres aspectos clave de negociación: o intercambio comercial e as potencialidades económicas; as suspicacias militares comúns, principalmente no aspecto nuclear (Corea do Norte, alianza sino-paquistaní e indio-estadounidense, rearme xaponés); e o acercamento común para potenciar o definitivo ascenso de Asia dentro dun mundo multipolar e global.


É posible unha “Chindia”?

O termo “Chindia” foi acuñado recentemente polo economista indio Jairam Ramesh, como unha especie de certificación do ascenso de China e India dentro do mercado global.

Evidentemente, Beijing e Nova Delhi camiñan a pasos axigantados para converterse en dous grandes mercados globais. Ambos países amosan índices de alto crecemento económico en torno ao 8-10% anual (no 2005, India creceu un 6,6% e China un 8,7%), e conforman o 40% da poboación mundial: 1.095 millóns de indios e 1.300 millóns de chineses.

A gran capacidade manufactureira chinesa, o seu potente sector da construción e a súa fortaleza exportadora ten contrapartida no emerxente sector informático indio e a alta cualificación dos seus técnicos no idioma inglés. Á India interésalle a apertura do mercado agrícola chinés a os investimentos chineses nas infraestruturas indias. Do mesmo xeito, ambos países son actualmente os principais consumidores mundiais de enerxía, desprazando a EEUU e Europa occidental.

A xuntanza entre Hu Jintao e o primeiro ministro indio Manmohan Singh, permitiu tamén calibrar as súas capacidades económicas: o comercio bilateral alcanzou os 18.700 millóns de dólares no 2005 e existe a incrementar a 40.000 millóns para o 2010. Esta tendencia permite intuír que China converterase no principal socio comercial indio nos próximos anos, substituíndo a EEUU.

Tamén está no tapete a intención común de potenciar este intercambio comercial coa construción dunha autopista fronteiriza no paso do Himalaia e de crear unha área de libre comercio e integración económica rexional. En Nova Delhi, Hu e Singh asinaron 13 convenios para promover o comercio e os investimentos comúns e unha cooperación en materia de enerxía nuclear civil.

Non obstante, existen marcadas diferenzas económicas que dificultan o ensamblaxe de ambas economías: algúns analistas prevén un choque en sectores clave como a informática e a biotecnoloxía. A independencia enerxética é outro factor: China e India están poxando polo control de petróleo e gas natural en Asia, tal e como se observa na súa disputa polas reservas enerxéticas en Birmania e Asia Central.

Paralelamente, mentres as manufacturas chinesas inundan o mercado indio, existen suspicacias comúns á hora de outorgar visados a empresarios de ambos países. Tamén existen visos de proteccionismo económico: no derradeiro ano, India bloqueou a compra chinesa dun porto marítimo e maiores investimentos en telecomunicacións.

O PIB chinés é tres veces superior ao indio mentres este país absorbe a terceira parte dos investimentos que China logra captar grazas á activa rede económica que mobiliza a súa diáspora. Paralelamente, a nivel social, existe un marcado descoñecemento da historia e cultura mutuas, feito que aumenta as suspicacias e a desconfianza.


Os delicados eidos xeopolíticos

Máis difícil que os factores comerciais e económicos corresponden aos obxectivos estratéxicos en materia de seguridade e xeopolítica. O imparable ascenso de China non será facilmente dixerido por India e Xapón, os seus dous evidentes rivais rexionais. Consecuentemente, unha eventual alianza entre China e India sería observada con preocupación dende Xapón e EEUU.

A China preocúpalle o preferente acordo nuclear asinado por India e EEUU en abril pasado, que reforza un eixe entre Washington e Nova Delhi nas propias fronteiras chinesas. Beijing responde coa súa tradicional alianza co veciño e rival indio, Paquistán, outra potencia nuclear clave na resolución do conflito en Cachemira, na transición post-talibán en Afganistán e na seguridade en Asia Central e meridional.

Outro factor de receo entre Beijing e Nova Delhi ten que ver co rexeite chinés a aceptar formalmente á India como un futuro membro do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, dentro do actual proceso de reforma dentro da ONU.

Os contenciosos fronteirizos entre India e China son tamén significativos, a pesares dos avances diplomáticos a partires de mediados dos anos oitenta do século pasado. No caso de Cachemira, existe unha porción territorial (Aksai Chin), anexionada por China baixo reclamación india, mentres a India administra a rexión de Arunachal Pradesh, anteriormente reclamada por Beijing. Ambos contenciosos provocaron unha breve guerra fronteiriza entre ambos países en 1962.

O recoñecemento indio da soberanía chinesa no Tíbet no 2003 foi un paso significativo para o posterior recoñecemento chinés, no 2005, de que a rexión himalaia de Sikkim constitúe parte do territorio indio. Pero resulta claro que existen disputas de cálculo xeopolítico: Nova Delhi ten amosado unha certa simpatía cara os intentos separatistas do Tíbet de China e no delicado asunto de Taiwán, así como Beijing balancea esta posición india co seu apoio ás demandas paquistanís co respecto ao contencioso de Cachemira.

Outro factor de seguridade importante, e que pode propiciar un alto nivel de acercamento, o constitúe a recente proba nuclear de Corea do Norte e os intentos do primeiro ministro xaponés Shinzo Abe por afirmar o rearme militar nipón. Ambos casos remiten á necesidade dun acercamento sino-indio, que tamén teña en conta aos EEUU, Rusia e a ONU, para tratar o problema da proliferación nuclear e as ameazas á seguridade rexional.


Asia como potencia do século XXI

Tanto como un directo acercamento, probablemente na mente de Hu Jintao e Manmohan Singh estaba a concreción dunha eventual plataforma de acción para reforzar a idea global de que Asia constituirá o principal escenario do poder mundial no século XXI.

Obviamente, fora do espazo asiático, o acercamento sino-indio deixa interrogantes a formular en EEUU, Europa occidental e Rusia. A tradicional preponderancia política, económica e cultural occidental corre o risco de verse confrontada polo emerxente e necesario impulso asiático, tal e como advertiron historiadores e analistas como Paul Kennedy ou Samuel Huntington.

Resulta evidente que tanto China e India, como Brasil, Irán, Turquía ou África do Sur, por tomar outros exemplos, manifestan a necesidade de superar a preponderancia de EEUU como única superpotencia global, dentro dunha conxuntura que fai cada vez mais insostible a configuración dun mundo unipolar.

No mundo da “posguerra fría”, condicionado pola incapacidade para identificar teoricamente os cambios de poder globais, prevalece unha especie de sistema internacional uni-multipolar, con EEUU como única superpotencia secundada por unha serie de potencias globais menores (Europa, China Rusia, Xapón), tal e como interpretara Huntington en 1997. Pero este sistema pode presaxiar un definitivo ascenso asiático, a traveso de China e India, nos próximos decenios.

Non obstante, alén dos seus espectaculares índices de crecemento económico e demográfico, persisten certas dúbidas sobre as posibilidades reais de poder para China e India, outrora considerados o “mundo periférico” dentro da teoría histórica do “Sistema-Mundo” analizada por Immanuel Wallerstein desde a década dos setenta.

Á hora de calibrar e decidir sobre as crises mundiais, aínda é prematuro considerar que China e India posúen unha capacidade política decisiva. En casos como os conflitos en Oriente Medio, as súas posicións son tradicionalmente de observadores, sen ingresar directamente nas decisións, tales son os casos de Washington, Europa ou Rusia.

No entanto, China e India avogan pola configuración dun sistema internacional multipolar e multilateral, con preeminencia para as demandas dos países emerxentes en desenvolvemento fronte ás potencias occidentais e as estratexias económicas globais dos organismos financeiros. As roldas de negociación dentro da Organización Mundial de Comercio, son unha demostración deste ascenso global chinés e indio, tal e como se observou , no Cumio de Cancún no 2003, coa creación do Grupo dos 22, xunto a países como Brasil, Turquía, México, Arxentina ou África do Sur.

Finalmente, é necesario subliñar a existencia dunha disparidade de modelos e realidades sociais. China enfoca o seu desenvolvemento nunha audaz economía exportadora, baseada en imperativos de mercado pero ferreamente dirixida pola centralización do Partido Comunista Chinés e a escasa apertura política, ao menos desde os parámetros da democracia representativa occidental.

Pola súa banda, a India está considerada en termos demográficos como a maior democracia mundial, cun modelo político bicameral representativo que enfoca o seu interese en constituír un Estado moderno, laico e igualitario a pesares das enormes diferenzas relixiosas e o problema da ríxida estratificación social en castas.

Como a China, a economía india, está principalmente enfocada no sector dos servizos, presenta un modelo capitalista con forte compoñente estatal. En ambos casos, a poxa entre os sectores urbanos e rurais segue a ser un problema territorial de gran calado. Estas contradicións e o seu novo papel no mundo globalizado son as claves que China e India tentan de identificar.

     
     
Revista de prensa

     
1   China, India can learn a lot form each other”, por Li Xing, en China Daily (China), 23 de novembro de 2006.

People may take the two countries´similarities for granted, such as their big populations or long histories. Even the differences in their political and administrative structures or growth models seem obvious.
     
2   Not rivals but partners”, editorial en The Hindu (India), 23 de novembro de 2006.

The Sino-Indian relationship is certainly headed in the right direction. For the strategic and cooperative partnership to become truly irreversible, there must be enhanced political sensitivity, trust, and enthusiasm on both sides.
     
3   Still treading on India´s toes”, en The Economist (Gran Bretaña), 16 de novembro de 2006.

Inside India´s defence establishment, they are fuelled by three aspects of China´s policy (...) First, still, come the contentious borders (...) Second, Indians worry about China´s traditionally cosy friendship with Pakistan (...) Third, China´s military ties with India´s other neighbours in South Asia make them jumpy.
     
4   El comercio todo lo puede”, por Parangoy Guha Thakurta, en Inter Press Service en español (Italia), 23 de novembro de 2006.

El intercambio comercial bilateral pasó de $260 millones en 1980 a casi 8.000 millones en 2003 y se espera que alcancen los 20.000 millones de dólares durante el actual año financiero (...) y 30.000 millones de dólares en 2009 (...) Si estas proyecciones se materializan, China superará a Estados Unidos como mayor socio comercial de India.
     
5   Behind China and India´s ankward courtship”, por Simon Robinson, en Time (EEUU), 22 de novembro de 2006.

Moreover, India is obsessed with China. Mainland goods from refrigerators to clothes to cameras to children´s toys flood Indian markets (...) Indian newspapers are talking up the idea of an emerging “Chindia” (...) that acts as a counterbalance to traditional powers Europe and the U.S.
     
6   ¿Chindia?”, por Xulio Ríos, en La Vanguardia (España), 17 de novembro de 2006.

Los intereses económicos facilitan el encuentro entre los dos gobiernos. Pero el impulso del diálogo de India con EEUU sobre la estabilización de Asia sugiere una preocupación compartida: cómo tratar la emergencia de China. India no las tiene todas consigo.
     
7   China balances relations with India, Pakistan”, por Breffni O´Rourke, en International Security Network (Suíza), 23 de novembro de 2006.

Certainly, China is suspicious of the warning ties between India and the United States, which are seen as an attempt by Washington to contain China´s political influence as its massive economy gives it ever more weight.
     
8   China, India and the obstacles to partnership”, en Stratfor (EEUU), 22 de novembro de 2006.

Comparisons between India and China frequently have been drawn to illustrate the similarities in the two countries´ massive populations and economic growth rates, as well as the troubles both face in bridging a severe rural-urban divide. China has already begun to ratched down its growth in favor of stabilizing regional disparities, and at first glance, Singh´s comments could appear to foreshadow a similar strategy in India. But India lacks the political will and ability to seriously pursue such strategy.
     
9   Gigantes asiáticos”, editorial en El País (España), 26 de novembro de 2006.

China e India son los dos gigantes asiáticos que aglutinan más de un tercio de la población mundial y que están destinadas a convertirse en potencias planetarias en el presente siglo, con gran preocupación para su vecino regional, Japón.
 
Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/01/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta