|
O contundente triunfo de Rafael Correa na segunda volta electoral
ecuatoriana confirma o decidido avance das opcións de esquerda e o cambio político en América
Latina, con amplas consecuencias para a política hemisférica de Washington. Non obstante, Ecuador
debátese entre as ofertas de reforma política de Correa (vía Asemblea Constituínte),
a elevada pobreza e as presións externas cara a súa posición co respecto ao TLC, o Plan Colombia
e a súa amizada co presidente venezolano Hugo Chávez.
Os datos rexistrados polo Tribunal Supremo Electoral ecuatoriano
o luns 27, non deixaban lugar a dúbidas: cun escrutinio do 58,48%, Correa e o seu partido Movemento Alianza
País alcanzaban o 64,81% dos votos, fronte ao 35,19% do seu rival conservador Álvaro Noboa, do Partido
Renovador Institucional Acción Nacional, PRIAN, quen perde por terceira vez a posibilidade de ser presidente.
Nos primeiros compases de resultados, foron notorias as reticencias
de Noboa a aceptar a súa derrota, incluso aducindo a posibilidade dun fraude electoral, acusacións
que foron recorrentes durante unha campaña electoral repleta de acusacións, alusións relixiosas
e mecanismos populistas. Diversas enquisas publicaban un empate técnico días antes da segunda convocatoria
electoral, polo que moitos observaron con sorpresa o avasálante triunfo de Correa.
Este contundente triunfo de Correa constitúe non só
un cambio político á esquerda en Ecuador senón dos partidos e liderados tradicionais neste
país andino. Nun país onde o factor da emigración, principalmente cara EEUU e España,
e a frustración conforman unha alarmante realidade sociopolítica, Correa formula o reto de reconstituír
as bases estruturais do Estado ecuatoriano, a fin de evitar a masiva saída de cidadáns e facer o
país mais atractivo aos investimentos.
Cara a “refundación” de Ecuador
O novo presidente Rafael Correa, de 43 anos, caracterízase
por un marcado carisma, enérxica actividade e inexperiencia política. Con estudos nas universidades
de Lovaina e en EEUU, Correa foi no 2004 ministro de Economía do actual goberno de transición de
Alfredo Palacio.
A súa principal oferta electoral foi a necesidade de
“refundar Ecuador”, a traveso da proposta de promulgar unha Asemblea Constituínte que, no caso recente latinoamericano,
xa tivo os seus antecedentes con Hugo Chávez en Venezuela (1999) e Evo Morales en Bolivia (2006). Polo tanto,
a tenor do resultado electoral, esta proposta semella ir encamiñada na percepción social dunha urxente
necesidade de cambio estrutural dentro do Estado e a sociedade ecuatoriana.
Non obstante, Correa atopará non menos problemas legais
e políticos para acometer a súa proposta constituínte. O seu rexeite a presentar candidatos
a deputados (por considerar que formarían parte da estrutura legal e constitucional que espera substituír),
deixa a súa presidencia cun Congreso completamente opositor, sen ningún representante do seu partido.
Este escenario deixa a Correa ante tres opcións: a primeira,
a negociación co Congreso, para achegar a un acordo que permita convocar un plebiscito para a Asemblea Constituínte.
A segunda, a convocatoria directa á consulta popular, invocando o artigo 283 da Constitución que
permite a celebración de referendos. A terceira opción sería aínda máis radical,
tomando en conta que non lograra a aprobación lexislativa: convocar á consulta popular para a Asemblea
Constituínte e a disolución do Congreso que acaba de elixirse.
A dinámica política ben podería obrigar
a Correa a aplicar a negociación co Congreso a partires do próximo 15 de xaneiro, cando asuma a presidencia.
Correa terá no partido PRIAN de Noboa ao seu principal rival lexislativo, tendo en conta que este partido
posúe 28 dos 100 deputados no Congreso e o posible apoio do Partido Social Cristián, PSC, do ex presidente
León Febres Cordero, que conta con 13 deputados.
O máis probable é que Correa, sen deputados pero
cunha maioritaria lexitimidade popular e electoral, busque o apoio lexislativo dos 24 deputados do Partido Sociedade
Patriótica, PSP, do ex presidente Lucio Gutiérrez (favorable aos pactos dentro do Congreso), e doutros
partidos minoritarios indíxenas e de esquerda, máis proclives a aplicar solucións directas.
Os retos económicos
Nun país de 13 millóns de habitantes onde un 60%
vive na pobreza, outro dos retos de Correa será a súa política orzamental, cun equilibrado
manexo do gasto social público (principalmente en educación e saúde) nunha economía
que crecerá un 4% no 2006 e con estimacións dun 3,2% para o 2007. Sendo ministro de Economía,
Correa destinou 272 millóns de dólares á saúde e educación.
As negociacións cos organismos financeiros internacionais
serán tamén un apartado importante, tendo en conta a súa promesa de denunciar e non pagar
a débeda pública nacional que considere “ilexítima”. Na súa etapa ministerial, Correa
tivo constantes roces co FMI ante o pago dos prazos da débeda ecuatoriana, aínda que durante a súa
xestión pagáranse 390 millóns de dólares en concepto de débeda externa.
Tan esencial como a súa política económica
será tamén a súa política petroleira. Correa anuncia a renegociación dos contratos
petroleiros coas multinacionais, a fin de garantir o peso do Estado na recadación dos ingresos petroleiros
e a súa distribución social. Incluso, Correa estipula o reingreso de Ecuador á nova estrutura
dentro da OPEP, trala súa saída en 1993. Ecuador produce un total de 270.000 barrís diarios
de cru. Non obstante, non está estipulada unha nacionalización dos hidrocarburos, probablemente disuadidos
pola repercusión internacional que tivo esta medida na Bolivia de Evo Morales.
Na mente de Correa e o seu goberno estará tamén
o litixio xudicial internacional do Estado ecuatoriano coa multinacional Occidental Petroleum, que inclúe
a problemática ecolóxica e das comunidades indíxenas, sen esquecer a súa promesa dun
equitativo reparto de terras.
A polémica amizade de Chávez
Tanto como o contundente triunfo de Correa, este semella constituír
tamén unha clara vitoria para a proposta continental defendida polo presidente venezolano Hugo Chávez,
quen espera unir agora a Ecuador no seu eixe xeopolítico xunto a Cuba, Bolivia e Nicaragua.
Para Correa, Chávez representa un “amigo” e na súa
campaña electoral, non ocultou a súa admiración pola revolución bolivariana de Chávez.
Incluso estivo dúas de veces en Venezuela, aloxado na casa familiar do presidente venezolano, mentres foron
públicas as simpatías de Correa pola unión suramericana e un novo modelo económico,
tal e como preconiza Chávez. Esta amizade está a crear preocupacións nos sectores financeiros
ecuatorianos e internacionais.
En materia política e económica, a proposta de
Correa de promulgar a Asemblea Constituínte e non subscribirse ao Tratado de Libre Comercio con Washington
e o ALCA, non necesariamente son síntomas dirixidos á aceptación ecuatoriana da proposta de
Caracas do ALBA ou Alternativa Bolivariana para as Américas, tal e como fixeron Cuba e o boliviano Evo Morales.
O rexeite de Correa ao TLC con EEUU é un dos seus principais
puntos no programa económico e político e corresponde tamén cos desexos da maioría
da poboación ecuatoriana. Pero a realidade política pode influír nas súas futuras decisións
gobernamentais. No 2007, Colombia, veciño ecuatoriano, entrará formalmente na modalidade do TLC con
Washington mentres o outro veciño, Perú, continuará as súas negociacións para
ingresar no TLC. Afastado deste marco comercial, a economía ecuatoriana podería presentar complicacións
co respecto aos seus dous socios comerciais.
Sen esquecer a súa simpatía con Chávez,
Correa enfocará tamén a súa presidencia cun sentido prudente que afaste simbolicamente a súa
imaxe do mandatario venezolano, probablemente tomando máis en consideración os modelos de Lula en
Brasil e Néstor Kircher na Arxentina.
Pero, realidades políticas aparte, o triunfo de Correa
é tamén interpretado como un triunfo para Chávez, engadido aos xa obtidos con Morales en Bolivia
e Daniel Ortega en Nicaragua e fronte aos fracasos de Ollanta Humala en Perú e de Andrés Manuel López
Obrador en México, crise política mediante.
A nova xeopolítica andina
Para finalizar, o triunfo de Correa en Ecuador debuxa un novo
mapa xeopolítico na rexión andina, tomando en conta os recentes procesos electorais en Bolivia, Perú
e Colombia e a probable reelección de Hugo Chávez o próximo 3 de decembro en Venezuela.
Ademais do TLC con EEUU, dous serán os retos rexionais
de Correa: a posible ampliación do Plan Colombia e a súa decisión co respecto á Comunidade
Andina de Nacións. Correa denuncia a utilización da base militar de Manta, na fronteira con Colombia,
por parte de Washington na súa estratexia antidrogas que espera ampliar á rexión andina dentro
dun plan denominado “Plan Andino”.
A respecto do conflicto colombiano, o reelixido goberno conservador
de Álvaro Uribe Vélez en Bogotá, único aliado firme rexional de Washington, amosou
a súa preocupación pola cualificación de Correa cara a guerrilla esquerdista das FARC. Anteriormente,
Correa resistíase a considerar ás FARC como unha guerrilla, palabras matizadas nas derradeiras semanas,
durante a campaña electoral, prometendo a súa neutralidade no conflito colombiano, o seu rexeite
ao ingreso de guerrilleiros en Ecuador e a certeza de cualificar ás FARC como terrorista “sempre e cando
a ONU tamén realice esta cualificación”.
No caso da Comunidade Andina de Nacións, sucesora do
Pacto Andino no 2004, a posición de Correa é unha incógnita. Os actuais gobernos de Colombia
e Perú temen unha saída ecuatoriana do marco rexional, seguindo o exemplo de Chávez coa oficialización
do retiro de Venezuela en abril pasado, fundamentado no seu rexeite á aceptación dos entón
gobernos en Bogotá, Lima e Quito de aprobar o TLC estadounidense. Deste xeito, o eixe xeopolítico
andino debátese entre os aliados de Washington (Perú e Colombia) e os seus detractores (Venezuela,
Bolivia e agora Ecuador).
En todo caso, a vitoria electoral de Correa constitúe
un necesario cambio no panorama político ecuatoriano que debería traducirse nunha saudable transición
política, tralas constantes crises que en dez anos levaron a Ecuador a ter nove presidentes distintos.
|