Actualidade Exterior / nº 197-23/2006 de 20 de novembro Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior
Oriente Medio: novo capítulo
 
 
Análise

     
   

As persistentes crises en Iraq, Palestina e Líbano, o papel rexional de Irán, o fracaso da ideoloxía neoconservadora de Bush (evidenciada na vitoria dos demócratas nas eleccións lexislativas estadounidenses) e a dimisión do ex secretario de Defensa Donald Rumsfeld, colocan novamente a Oriente Medio no centro da atención mundial. Neste sentido, a proposta de Tony Blair de incluír a Irán e Siria na resolución da crise iraquí e a visita do primeiro ministro israelí Ehud Olmert a Washington prometen cambios de estratexia ou ben reacomodos de poder rexional.


Iraq, Irán e Siria

A dura derrota electoral de George W. Bush e o partido Republicano nas eleccións lexislativas estadounidenses tivo como principal causante a caótica posguerra iraquí e o fracaso da estratexia deseñada polos “neoconservadores” dende a Casa Branca. Este escenario provocou que fora Donald Rumsfeld, un dos principais estrategas “neoconservadores”, a primeira vítima política desta derrota electoral.

Resulta evidente que Iraq consume a maior parte da atención na política exterior de Bush e, posiblemente, constituirá un dos principais baluartes da estratexia política demócrata cara os próximos dous anos. O informe do cada vez máis influínte Iraq Study Group, co-presidido polo ex secretario de Estado James Baker, avoga por un audaz cambio de estratexia ante o fracaso da administración Bush, a debilidade do goberno iraquí de Nouri al Maliki e a perda de influencia rexional de Washington.

Un exemplo da crecente influencia de Baker na actual administración estadounidense se atopa no nomeamento dun dos seus homes de confianza, Robert Gates, ex director da CIA, como substituto de Rumsfeld. Na xuntanza entre Bush e Baker realizada o pasado 13 de setembro, estivo presente a posibilidade dun retiro gradual das tropas estadounidenses de Iraq, demanda que o partido Demócrata preme con forza para que se realice nos próximos seis meses.

Como factor engadido, o propio Tony Blair propuxo a Bush a inclusión de Irán e Siria como actores clave para a resolución da crise en Iraq dentro dunha “estratexia global” tendente a imprimir un enfoque máis pragmático e multilateral. Pero os obxectivos de Bush semellan seguir sendo o mantemento (con lixeiros retoques) da súa visión unilateral: durante a visita a Washington do primeiro ministro israelí Ehud Olmert, Bush rexeitou esta posibilidade, incluso augurando un “illamento económico” cara Teherán, no caso de seguir co seu programa nuclear.

Precisamente, o caso iraniano ocupou gran parte da atención na xuntanza entre Bush e Olmert. Antes de viaxar a Washington, o primeiro ministro israelí realizou o seu cálculo xeopolítico: a debilidade interna e externa de Bush pode imposibilitar unha “acción militar preventiva” contra Irán mentres Israel ven de perder na súa guerra contra o Hizbulah no Líbano un caudal importante de prestixio militar.

O temor dun Irán nuclear comeza a ser unha gran preocupación para Israel, tomando en conta os imperativos xeopolíticos de Teherán. Velaí as ameazas de Olmert de atacar as instalacións iranianas, plan que probablemente xa estea concibido nos despachos das Forzas Armadas israelís.

Simultaneamente, Irán segue a facer presión cara Occidente polo seu programa nuclear, ampliando as súas demandas coa proba de mísiles de curto e longo alcance. Pola súa banda, o réxime sirio espera que a proposta de Blair poida abrir canais cara o exterior e aplacar o illamento establecido por EEUU e Israel.

Recentemente, Damasco incluso realizou un chamamento a Israel para crear as condicións de diálogo de paz, a fin de resolver os problemas en Palestina e Líbano. Pero en Israel dubidan das intencións sirias e Bush xa declarou non estar interesando en contar con Siria nunha eventual “estratexia global”.


Palestina e Israel

Co proceso de paz estancado desde a vitoria electoral de Hamas en xaneiro pasado, a crise sociopolítica e económica en Gaza e Cisxordania conforma un espectro preocupante tanto para os palestinos como para os israelís.

A recente matanza militar israelí na localidade palestina de Beit Hanum en Gaza aumenta a 300 o número de palestinos mortos por ataques israelís desde xuño pasado, sendo 60 deles rapaces. Esta matanza israelí foi vetada o sábado 10 de setembro no Consello de Seguridade da ONU, grazas ao apoio estadounidense a Israel, previa visita de Olmert a Washington, e provocou que a cúpula militar de Hamas anunciara a ruptura do alto ao fogo con Israel.

As constantes dificultades entre Hamas e Al Fatah para formar goberno nos derradeiros meses implicaron a posibilidade dunha guerra civil entre os palestinos, coas súas graves repercusións rexionais.

Tamén en Israel ocorre unha crise política e militar, derivada da súa derrota no sur do Líbano: a alianza política por conveniencia de Olmert coa ultradereita israelí, personificada en Avigdor Lieberman, augura momentos de maior fricción con mundo árabe e os palestinos. Mentres, no exército israelí aumentan as críticas pola “neglixencia militar e a pouca preparación” na guerra contra o Hizbulah, co cal apunta á dimisión do ministro de Defensa Amir Peretz, e o xeneral Dan Halutz, xefe do Estado Maior e responsable da ofensiva militar no Líbano.

Ao mesmo tempo que Olmert visitaba a Bush e os palestinos conmemoraban o segundo aniversario da morte de Yasir Arafat, o primeiro ministro de Hamas, Ismail Haniya, e o presidente palestino, Mahmud Abbas, de Al Fatah, acordaron o nomeamento de Mohamed Subair como novo xefe de goberno nun gabinete de tecnócratas, enfocado na necesidade urxente de pechar o bloqueo económico e financeiro occidental e israelí cara a Autoridade Palestina, que ven agravando os índices de pobreza da poboación.

Consecuentemente, o recente plan de Blair colocaba a resolución da crise en Palestina como “prioridade” para acentuar a “estratexia global” en Oriente Medio. Pero a xuntanza Bush-Olmert reforzou os lazos tradicionais entre Washington e Tel Aviv, con poucas posibilidades para o novo goberno palestino.

O acoso occidental e israelí cara Hamas aumenta na medida en que o movemento islamita palestino non recoñeza ao Estado israelí e non abandone a violencia. Pero, en realidade, a situación palestina agrávase ante a debilidade políticas dos actores implicados: Bush, Olmert, Abbas e Haniya, e o fortalecemento dos actores mais radicais.


Líbano

Afastada da atención pública nas derradeiras semanas, a situación política libanesa pode presentar complicacións a curto prazo para Occidente e para os países árabes.

Reforzado politicamente trala vitoria militar contra Israel no verán pasado, que permitiu o aumento do seu prestixio no mundo árabe como “movemento de resistencia”, as estratexias políticas do partido islamita Hizbulah provocaron tal nivel de disputa co presidente Emil Lahoud e o primeiro ministro Fuad Siniora, principalmente por asuntos confesionais e de cotas de poder, que o goberno de unidade nacional libanés está practicamente en fase morta.

O sábado 10 de setembro, os membros xiítas do Hizbulah e os seus aliados Amal e o Movemento Patriótico Libre, MPL (partido cristián liderado polo ex xeneral Michel Aoun), abandonaron o goberno libanés, xunto a seis ministros pro-sirios aliados do presidente Lahoud. Estas renuncias non foron aceptadas polo presidente.

A crise política libanesa explota nunha conxuntura complicada: as forzas da ONU e a OTAN xa están colocadas no sur do Líbano; un informe confidencial do exército israelí especula cunha guerra a curto prazo no Líbano contra Hizbulah e Siria; en Tel Aviv observan con receo as manobras sirias e do Hizbulah pola aplicación da resolución 1.701 da ONU, que puxo fin á guerra; aumentas as acusacións de que Israel utilizou armas secretas na guerra contra o Líbano, que causou 1.300 mortos nun mes; finalmente, Damasco intenta recuperar a súa influencia política no Líbano, provocando o rexeite das forzas políticas antisirias maioritarias no Parlamento e lideradas polo fillo do asasinado ex primeiro ministro, Rafik Hariri.

A delicada crise augura un posible retorno dos asasinatos políticos: segundo fontes de seguridade, o primeiro ministro Fuad Siniora está no centro de mira de diversos grupos, algúns deles pro-sirios, que consideran ao seu goberno como carente de lexitimidade. Este retorno dos asasinatos políticos posiblemente sexa provocado co obxectivo de afondar a inestabilidade do seu goberno.

Simultaneamente, a aprobación do tribunal que investiga o asasinato de Hariri, acontecido en febreiro de 2005, está retomando as tensións entre os actores políticos, principalmente pro-sirios, e ameaza con provocar manifestacións nas rúas. O presidente sirio Bashar al Adad e o libanés Lahoud están no centro da mira pola súas presuntas implicacións neste asasinato político.


A Alianza de Civilizacións

Mentres toda esta conxuntura acontece no Oriente Medio, o presidente de goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, visitaba ao primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, nun novo intento por impulsar o proxecto conxunto de Alianza de Civilizacións, impulsada por ambos no 2004.

En Istambul, Zapatero, Erdogan, o secretario xeral da ONU, Kofi Annan, o ex director da UNESCO, Federico Mayor Zaragoza (actualmente membro directivo do Grupo de Contacto da Alianza de Civilizacións) e o ex presidente iraniano Mohammed Khatami, entre outros, buscaban reforzar a tese do diálogo de culturas, identificando os problemas entre Occidente e o Islam como de carácter político e non relixioso, influído polas diversas crises de Iraq, Palestina e Afganistán.

Este confuso proxecto de Alianza de Civilizacións dirixe cara a Oriente Medio o seu principal escenario prioritario, pero albisca poucos elementos de solución aos problemas, aínda que Zapatero propuxo unha conferencia de paz internacional para Oriente Medio, a decidirse no próximo cumio europeo.

Pero existen outros imperativos detrás desta xuntanza en Istambul. Esta ocorre nun momento clave para Turquía: o seu proceso de negociación coa Unión Europea está estancado, produto da irresolución do conflito en Chipre, o tratamento das minorías (kurdos, alevís), o non recoñecemento turco do xenocidio armenio e a división social en Europa diante a posibilidade do ingreso turco. A pesares desta conxuntura, Zapatero amosou o seu apoio á candidatura turca.

Do mesmo xeito, Erdogan impulsou con Zapatero esta xuntanza da Alianza de Civilizacións previa á visita do Papa Bieito XVI a Turquía, prevista para finais de novembro. A conxuntura entre o Vaticano e o Islam é tamén delicada, tralo polémico discurso papal en Ratisbona e a súa caracterización do Islam como relixión violenta. Polo momento, Erdogan encirra tamén a polémica co seu anuncio de asistir a un cumio da OTAN o mesmo día en que o Papa chega a Turquía.

     
     
Revista de prensa

     
1   What the Baker commission is ignoring”, por Fareed Zakaria, en Newsweek (EEUU), edición do 20 de novembro de 2006.

That's not enough. Even if Iran and Syria actually agreed to help stabilize Iraq, there's not certainty that their efforts would bring dramatic changes to the country. The violence in Iraq has taken on a life of its own, and the entire structure of political authority has become fragmented and decentralized.
     
2   Strategy void deepens Mid-East crisis”, por Jeremy Bowen, en BBC (Gran Bretaña), 10 de novembro de 2006.

(...) Without a political strategy, Israel is relying on military power alone (...) Palestinians are under heavy pressure –from the barrels of Israeli guns, as well as from financial sanctions against the Hamas government.
     
3   Caught between Israel and Iran”, en Stratfor (EEUU), 13 de novembro de 2006.

The Israelis have reason to be concerned about a change in the U.S. posture towards Iraq (...) The Bush administration clearly has been weakened both domestically and internationally –and both the Israelis and the Iranians know this (...) the Jewish state is worried that Tehran will be able to exploit Washington's dependency –as relates to Iraq- as its own advantage.
     
4   How much worse can it get?”, en The Economist (Gran Bretaña), 9 de novembro de 2006.

Three years of civil strife, anarchy and sectarian bloodshed have so transformed Iraq politics that the demise of a symbol of the former may be irrelevant. But Mr Hussein has been such a powerful presence for so long that carrying his sentence through to its grim conclusion will, like so much else in Iraq's recent history, be a dangerous leap into the dark.
     
5   Olmert en Washington”, editorial en El País (España), 14 de novembro de 2006.

El otro gran asunto que le ha llevado a la capital americana ha sido el dossier iraní. Israel no quiere renunciar a administrar un castigo ejemplar a Teherán si Irán persiste en su aparente tentativa de obtener un arma nuclear. Y si Bush ya no puede ser el ángel exterminador por su debilidad política, que nadie dude de que Israel está dispuesto a tomar el relevo.
     
6   La Palestine éclipsée”, editorial en Le Monde (Francia), 13 de novembro de 2006.

Quinze ans plus tard, le cas palestinien ne semble cependant plus aussi prioritaire que par le passé, loin derrière l'Irak ou le nucléaire iranien. La gestion de ce conflit de basse intensité par Israël est acceptée comme un moindre mal, en dépit de ses drames.
     
7   Hezbollah calls for street action”, en Al Jazeera (Qatar), 12 de novembro de 2006.

Hezbollah's seeks more cabinet seats for itself and its Christian ally, the Free Patriotic Movement (FPM). In particular, the Hezbollah-Amal-FPM alliance wants a third of all cabinet seats, which give it a veto on cabinet decisions.
     
8   La Alianza de Civilizaciones alerta de que es la política y no la religión lo que divide al Islam de Occidente”, en La Vanguardia (España), 14 de novembro de 2006.

El informe incide en que el conflicto árabe-israelí en los territorios palestinos se ha convertido en el símbolo del creciente abismo; este conflicto, junto a lo que sucede en Iraq y Afganistán, contribuye a magnificar este sentimiento de desconfianza.
 
Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/11/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta