|
Nunha segunda volta electoral que lle permitiu obter a máis
alta votación na historia de Brasil, Lula da Silva asumirá en xaneiro de 2007 o seu segundo mandato
cun panorama político máis cómodo, aínda que consciente dos novos desafíos que
deberá acometer: a reforma política, o combate á pobreza, o crecemento económico e
a recuperación da credibilidade ética do seu partido, o Partido dos Traballadores, PT.
Ao Contrario do acontecido na primeira volta electoral, a segunda
convocatoria do domingo 29 de outubro confirmou a fortaleza política de Lula. Obtivo dous millóns
de votos máis dos conseguidos na primeira volta, un total de 58 millóns de votos, un 60,83% que o
converte no presidente brasileiro máis votado da historia.
Tras perder anteriormente en tres eleccións (1989, 1994
e 1998) e gañar no 2002, a actual reelección confirma a Lula como o líder político
máis representativo no período da recuperación democrática brasileira principiada en
1985.
Paralelamente, Lula derrotou ao seu adversario do Partido Social
Demócrata de Brasil, PSDB, Geraldo Alckmin, en 20 dos 27 estados nacionais. Nos estados máis pobres
do nordeste de Brasil, a súa vitoria acadou díxitos do 80%. Do mesmo xeito, o seu discurso conciliador
cara aos sectores medios e altos permitiu a Lula gañar nos disputados estados do sudoeste.
Os retos
A elección do domingo 29 confirmou tamén que os
agudos escándalos de corrupción e suborno dentro do PT non afectaron excesivamente á imaxe
presidencial, máis fortalecida pola efectividade dos seus programas sociais e o saudable nivel da economía
brasileira.
Pero este segundo período afronta retos ineludibles para
un Lula que xa procura sucesor alén do 2010. Estes desafíos pódense dividir en: reforma política;
combate á pobreza; crecemento económico; e a recuperación da credibilidade e o proceso de
sucesión dentro do PT.
a) A reforma política:
O amplo mosaico de partidos, ideoloxías e movementos
políticos brasileiros presentes no Congreso foi un dos obstáculos máis importantes no primeiro
período de Lula, afectando a viabilidade gobernamental e a aprobación de leis e proxectos lexislativos.
Para evitar esta dependencia das constantes alianzas (que posibilitaron
tamén a activación dos mecanismos de suborno e compra de deputados) e a “atomización” política
do Congreso, a reforma política que espera impulsar Lula no seu segundo goberno espera reducir o número
de partidos con representación parlamentaria, coa finalidade de deixar fora a aqueles que, sendo minúsculos,
son quen de influír nos seus gobernantes e afectar os proxectos lexislativos presentados polas principais
coalicións no Congreso.
Esta reforma tamén se dirixe a evitar a figuras dos tránsfugas
políticos, algo moi frecuente nos derradeiros anos de política brasileira, fenómeno que é
interpretado por diversos analistas como situacións de oportunismo político.
Lula posúe unha cómoda posición para levar
adiante esta reforma, xa que conta co apoio de 17 dos 27 gobernadores estatais e a maioría na Cámara
Baixa do Congreso, a maioría deles pertencentes ao PT ou a partidos da súa coalición, como
o Partido Movemento Democrático de Brasil, PMDB. A pesares deste apoio, Lula só ten 15 dos 33 ministerios
a cargo do seu partido e 83 dos 513 deputados na cámara baixa, polo que se verá na necesidade de
formar diversas alianzas e pactos.
b) Combate á pobreza:
A efectividade do seu programa de asistencia social “Bolsa Familia”,
permitiu no primeiro mandato de Lula a mellora nas condicións socioeconómicas de once millóns
de familias brasileiras, diminuíndo parcialmente as enormes desigualdades existentes no país.
Pero a cuestión social e a pobreza serán as tarefas
mais difíciles de afrontar neste segundo período, trala preponderancia anterior da ortodoxia económica
e financeira. Unha boa parte das divisións e expulsións de líderes políticos do PT
ocorridas no 2003, como Heloísa Helena e Cristovam Buarque, estiveron precedidos polas críticas cara
a “política neoliberal” de Lula e a pouca concentración no combate da pobreza ou a reforma agraria.
Do mesmo xeito, unha grande cantidade de movementos sociais
afíns a Lula, como o Movemento dos Sen Terra, MST, amosaron recentemente as súas críticas
pola política económica gobernamental, aínda que isto non significase unha frontal oposición
aos programas de Lula. No seu segundo período, a influencia e a mobilización destes movementos serán
determinantes para condicionar a xestión de Lula.
c) Crecemento económico:
Brasil é a principal economía latinoamericana,
enmarcada dentro das economía emerxentes a nivel global. Pero o seu desempeño económico nos
derradeiros dous anos foi dun crecemento do 2,5%, un dos máis baixos do continente latinoamericano.
A pesar do cumprimento dunha estrita política económica
de axuste fiscal, o segundo período de Lula deberá centrase na súa promesa de crecemento do
5%. O elevado gasto público social e as altas taxas de interese son considerados polos seus críticos
como os principais obstáculos para alcadar este desempeño, aínda que o seu goberno obtivo
importantes cotas no mantemento a raia da inflación.
Non obstante, moitos analistas financeiros brasileiros e estranxeiros
consideran que a economía brasileira está nun momento oportuno para acometer unha fase de expansión
no seu crecemento económico. Outro factor se dirixe a enfocar na rexión sudamericana, especialmente
en torno ao MERCOSUR, como unha prioridade para cimentar o liderado de Brasil no continente.
d) Credibilidade e sucesión no PT:
Segundo a organización “Transparencia Internacional”,
Brasil é considerado un país “moi corrupto”, superando a varios dos seus veciños suramericanos.
Coaccionado polo escándalo de corrupción e suborno que estivo a piques de desembocar nun proceso
de impeachment ou xuízo político no 2005, será necesario para Lula realizar unha efectiva
política de saneamento das prácticas de corrupción no seu partido.
Neste apartado, unha parte do electorado brasileiro celebrou
a sinceridade de Lula en recoñecer a corrupción dentro do seu partido, que deberá agora concentrarse
en medidas efectivas e visibles. A recuperación na credibilidade do PT e Lula ocupará moitos esforzos
gobernamentais cara o segundo período.
O outro factor será o proceso de sucesión de Lula
para as eleccións do 2010, nas que constitucionalmente o actual presidente non poderá presentarse.
Existen diversas opcións que comezarán a cimentarse tralas municipais de 2008 e, especialmente, ao
longo do 2009: Marta Suplicy, ex prefecta de São Paulo; Tarso Genro, ministro de Relacións Institucionais
e un dos seus principais colaboradores; e Ciro Gomes, ex ministro e deputado polo Partido Socialista de Brasil,
PSB.
O programa 2007-2011 de Lula estará enfocado tamén
en asegurar unha continuidade para o PT e a súa coalición ata o 2015. Neste sentido, a esquerda brasileira
espera concretar máis dunha década de goberno, na que as promesas sociais de reforma agraria e o
combate á pobreza serán necesarias para reducir os elevados niveis de desigualdade socioeconómica
existentes, sen que isto obstaculice a potencialidade económica e a ascendente estela xeopolítica
do Brasil.
|