|
A prolongada rebelión popular no estado mexicano de Oaxaca
corre o risco de terminar por medio dunha contundente represión militar gobernamental que esconde un marcado
pulso de poder político, non só neste empobrecido estado senón a nivel nacional. O exemplo
de Oaxaca confirma a inestabilidade institucional e social en México, evidenciada tralos comicios de xullo
pasado e en vésperas da asunción presidencial de Felipe Calderón.
Este espectro conflitivo non só se limita a Oaxaca senón
a unha situación explosiva que pode estoupar nos limítrofes estados de Tabasco e Guerrero, considerados
os máis empobrecidos dentro da estrutura federal dos Estados Unidos Mexicanos. Todo isto sen esquecer que
a situación en Chiapas, coa rebelión zapatista e a súa aparente indefinición electoral,
aumenta a latente sensación de convulsión social e política a nivel nacional.
Precisamente, o domingo 15 de outubro celebráronse eleccións
rexionais en Tabasco, que deron a vitoria ao candidato do Partido Revolucionario Institucional, PRI, Andrés
Granier, sobre a candidatura do esquerdista Partido da Revolución Democrática, PRD apoiado polo seu
líder Andrés Manuel López Obrador. E na veciña Chiapas, as eleccións de gobernador
de agosto pasado amosaron unha situación similar ás presidenciais de xullo, coa decisión final
en mans do Tribunal Electoral.
Cinco meses de rebelión
As claves do conflito neste estado mexicano remóntanse
ao pasado 22 de maio, cando unha folga xeral dos mestres pedindo melloras salariais propiciou un peche masivo de
escolas que, ata o día de hoxe, ocupa a case 11.000 das 14.000 escolas públicas do estado.
Este tipo de protestas son comúns neste estado desde
hai 26 anos, pero finalmente solucionadas en materia económica. Nesta ocasión, a diferenza estribou
na decisión do gobernador Ulises Ruíz Ortiz, do PRI, de non permitir as protestas e mobilizacións.
Isto provocou a radicalización da folga, cuxo efecto
estendeu unha situación de rebelión popular que involucrou a movementos sociais, campesiños,
obreiros e indíxenas, e á toma do centro da capital, dentro dun audaz pulso político contra
o gobernador Ruíz, a quen acusan de “fraude electoral, represión e corrupción”.
O gobernador Ruíz, no cargo desde o 2004, é visto
como un clásico representante da tradicional cultura política autoritaria, caciquil e clientelar
do PRI, perpetuada nos seus 77 anos que leva este partido gobernando en Oaxaca.
A revolta social logrou conformarse na Asemblea Popular dos
Pobos de Oaxaca, APPO, unha plataforma composta por un total de 400 distintos movementos sociais e populares. A
APPO ocupou a maior parte dos edificios administrativos estatais e as radios locais, instado á revolta popular
contra o gobernador. Os principais medios locais, vinculados ao gobernador priísta, acusaron a esta asemblea
de estar conformada por “revoltosos, criminais e resentidos políticos”.
En xuño pasado, as forzas policiais, algúns deles
vestidos de civís, intentaron desaloxar aos “rebeldes”, provocando constantes enfrontamentos, cun saldo
preliminar de cinco mortos e decenas de feridos. Acúsase que, tralos ataques contra as estacións
e edificios ocupados polos “rebeldes” e, incluso, os ataques contra poboación civil, na que a gobernación
apresurouse en sinalar como culpables aos “guerrilleiros da APPO”, poden estar personaxes vinculados a empresarios,
mafias locais e caciques políticos do PRI, pagados polo gobernador Ruíz.
O goberno federal de Vicente Fox apenas puido reaccionar, atribulado
pola crise política a consecuencia da polémica elección presidencial do 2 de xullo entre o
seu candidato Felipe Calderón, do Partido de Acción Nacional, PAN, e Manuel López Obrador,
do PRD. Tras numerosos recontos, o Instituto Federal Electoral atribuíu en setembro o triunfo a Calderón
por unha mínima marxe menor do 1%. López Obrador chamou á rebelión contra o “fraude
electoral” mentres anunciaba a conformación dun “goberno paralelo”.
O presidente Fox tentou mediar no conflito de Oaxaca, co envío
do Secretario da Gobernación, Carlos Abascal, para tentar alcadar, infrutuosamente, unha solución
entre o gobernador Ruíz e a APPO. Cercado o gobernador Ruíz por unha rebelión que practicamente
logrou impedir a súa gobernabilidade, o goberno central deu un prazo aos “rebeldes” ata o luns 16 de outubro,
para finalizar a súa mobilización, baixo a ameaza de sufrir unha dura represión policial e
militar.
O maquiavélico pulso do poder
Probablemente alentado pola poxa política local, o que
revela a crise en Oaxaca é unha maquiavélica negociación de poder entre os principais partidos,
o PRI e o PAN, contra a sublevación da APPO, a quen moitos tamén ven alentada polo PRD de López
Obrador.
O próximo 1 de decembro, o presidente Fox deberá
entregar o poder presidencial a Felipe Calderón, pero antes semella urxente conseguir unha rápida
resolución da crise oaxaqueña, mesmo se isto obriga á utilización de métodos
punitivos e represivos. A estreita marxe inferior ao 1% da vitoria electoral de Calderón obrigará
ao seu partido a un amplo pacto político nacional co PRI para obter maioría no Congreso mexicano
e poder así conter a forte oposición por parte do PRD.
Para o PRI, manter Oaxaca baixo o seu dominio é unha
importante carta política de cambio á hora de negociar co próximo goberno de Calderón.
Este, pola súa banda, espera unha rápida solución en Oaxaca para non asumir a presidencia
con esta crise entre as súas mans. O gobernador Ruíz é un aliado político fiel do líder
do PRI, Roberto Madrazo, quen xa avisou á dirixencia do PAN (incluídos Fox e Calderón) de
que non permitirá a dimisión ou saída de Ruíz da gobernación de Oaxaca.
O dilema para o presidente Fox está en obter unha negociación
política que obrigue á saída do gobernador Ruíz como factor de solución ( coa
consecuencia de provocar unha ruptura co PRI que dificulte a futura gobernabilidade de Calderón) ou ben
aplicar unha impopular “solución militar” que implique outorgarlle unha negativa imaxe de represor no final
do seu mandato.
Cercado politicamente, Fox non ten marxe de tempo para actuar,
polo que as últimas revelacións non oficiais informan dun posible “ataque quirúrxico”, probablemente
a cargo de efectivos da Mariña e non do Exército, para desactivar a rebelión da APPO, arrestando
aos seus líderes pero sen encadear ou bater aos seus simpatizantes.
Mentres, o pulso do PRD consiste en defender as demandas da
APPO, pedindo a renuncia ou substitución do gobernador Ruíz como elemento clave para solucionar a
crise en Oaxaca. Pero López Obrador tampouco ten todas as cartas ao seu favor: a súa rebelión
nacional perdeu forza no pasado mes e a derrota política do seu candidato no tradicional bastión
de Tabasco, condicionan os seus próximos pasos políticos.
Na capital mexicana existe o temor de que o efecto da rebelión
en Oaxaca, cualificada de “guerra urbana de baixa intensidade”, poida rematar violentamente, provocando unha conmoción
social e unha expansión do descontento cara os estados de Tabasco, Guerrero e Chiapas. Outro factor de preocupación
para o goberno consiste na revelación dunha enquisa na que os mozos mexicanos consideran que a vitoria de
Calderón foi produto dun “fraude electoral” contra López Obrador.
Ás portas da asunción de Calderón como
futuro presidente, estes conflitos aumentan a inquietude sociopolítica e pon en dúbida o éxito
da transición política post-PRI, iniciada coa vitoria de Fox nas eleccións do 2000.
|