Actualidade Exterior / nº 194-20/2006 de 9 de outubro Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior
A sucesión de Kofi Annan
 
 
Análise

     
   

Coa máis que probable designación do surcoreano Ban Ki-Moon como sucesor de Kofi Annan na Secretaría Xeral das Nacións Unidas, a principal organización política global entra nunha fase decisiva no relativo ao inevitable proceso de reforma interna e na reafirmación de Asia como receptora do poder mundial no século XXI, mudando a tradicional posición eurocentrista e atlántica. Como nas anteriores votacións, nesta ocasión a puxa xeopolítica entre as principais potencias determinará o nomeamento do futuro secretario xeral da ONU.

Actual ministro de Asuntos Exteriores de Corea do Sur, Ban Ki-Moon impúxose en tres votacións secretas e tentativas dentro dos quince membros do Consello de Seguridade, os cinco permanentes e os dez non permanentes.

O xoves 28 de setembro, Ban Ki-Moon recibiu 13 votos a favor, un voto en contra e unha abstención. Na anterior votación realizada o 24 de xullo rexeistrara 12 votos ao seu favor. Posteriormente, o luns 2 de outubro, o surcoreano superou unha nova votación preliminar dentro dos cinco membros permanentes, diferenciada dos dez membros non permanentes.


O sistema de votación

A votación final está prevista para mediados de outubro, xa que Kofi Annan conservará o seu posto ata o 31 de decembro de 2006. O próximo secretario xeral será elixido polos 192 membros das Nacións Unidas, pero baixo recomendacións do Consello de Seguridade, principal órgano de toma de decisións, a traveso de diversas “listas informais” entregadas aos demais membros nos meses anteriores á votación. O dereito a veto de cada membro do Consello de Seguridade pode limitar a votación dun determinado candidato.

O posto de secretario xeral da ONU está concibido para un período de cinco anos, con posibilidade de reelección por un período máis. O único secretario xeral que só puido ocupar o seu posto por un período foi o exipcio Boutros Ghali (1992-1997), antecesor de Annan, defenestrado polo veto do goberno estadounidense de Bill Clinton na súa contra.


Os candidatos

No selecto grupo de aspirantes a sucesores de Kofi Annan atópanse seis homes e unha muller, destacando a contundente superioridade de candidatos asiáticos:

1) Ban Ki-Moon (Corea do Sur): 62 anos, actual ministro surcoreano de Asuntos Exteriores. Graduado en Harvard, é diplomático de carreira, con 36 anos de experiencia nas embaixadas en Washington, Viena, Nova Delhi e a ONU. Favorito estadounidense, foi o principal negociador do seu país nas conversacións de paz con Corea do Norte, que implican tamén a EEUU, Rusia, China e Xapón. Defensor da reforma interna da ONU e da axuda ao desenvolvemento, destaca polo seu carácter conciliador.

2) Jayantha Dhanapala (Sri Lanka): 67 anos, foi vicesecretario da ONU para asuntos de desarme, así como ocupou outros altos cargos en distintos organismos de Nacións Unidas. Foi o último en ser votado, non espertando grandes expectativas a pesares de ter un excelente nivel de aceptación xeral. A idade tampouco xoga ao seu favor, polo que renunciou a seguir na candidatura a finais de setembro.

3) Ghani Ahmadzai (Afganistán): 57 anos, foi o primeiro ministro de Finanzas no Afganistán post-talibán. Ten experiencia en aspectos de desenvolvemento na ONU e o Banco Mundial, grazas ao seu traballo na India, China e Rusia. Avoga pola erradicación da pobreza, a creación de niveis de riqueza e a defensa dos dereitos civís.

4) Vaira Vike-Freiberga (Letonia): 68 anos, presidenta de Letonia desde 1999, e a única muller na lista, a persoa con maior idade e a única representante occidental. Poucos consideran que teña posibilidade de substituír a Annan. Con experiencia profesional dentro de Nacións Unidas, apoiou a invasión militar anglo-estadounidense a Iraq no 2003.

5) Shashi Tharoor (India): 50 anos, actual subsecretario de Comunicación da ONU, desenvolveu toda a súa carreira dentro deste organismo, cunha ampla experiencia diplomática no Alto Comisionado da ONU para Refuxiados na ex Iugoslavia. Nado en Londres pero educado na India e EEUU, non conta co apoio de votantes clave como Paquistán e China, así como tampouco co aval de Washington, que o cualifica cunha visión similar á de Kofi Annan.

6) Surakiart Sathirathai (Tailandia): 48 anos, ex ministro do goberno tailandés de Thaksin Shinawatra, recentemente deposto pola xunta militar, conta co total apoio dos dez países membros da Asociación de Nacións do Sureste Asiático, ASEAN.

7) Prince Zeid al-Hussein (Xordania): 42 anos, primo do actual rei Abdullah II e embaixador do seu país ante a ONU, posúe un grande prestixio diplomático internacional, reafirmado coa súa experiencia como membro das forzas de paz na ex Iugoslavia e o seu importante papel na creación do Tribunal Penal Internacional da Haia. Conta co apoio de EEUU e Gran Bretaña, aínda que a súa insistencia en alcanzar este posto para o primeiro candidato musulmán pode outorgarlle determinados tropezos con outros países.


A hora de Asia

Dentro do tradicional sistema de rotación rexional para ocupar o posto de secretario xeral, a masiva presenza de candidatos asiáticos revela unha especie de consenso tácito entre as principais potencias á hora de definir cara onde se conforma o futuro bloque de poder mundial para o século XXI. O derradeiro secretario xeral de orixe asiática foi o birmano U Thant entre 1961 e 1971.

Obviamente, este factor determina unha dura e silenciosa puxa política entre as principais potencias, nesta ocasión especialmente circunscrita aos manexos de EEUU e China, por influír na designación do sucesor de Annan. Isto nótase no favoritismo cada vez máis consolidado do surcoreano Ban Ki-Moon, candidato apoiado por Washington pero que aínda non posúe unha definición específica por parte de Beijing.

Con Ban Kin-Moon, o énfase pode localizarse cara unha maior atención á crise con Corea do Norte, factor que determina o equilibro militar e político no sureste asiático e a problemática da proliferación nuclear a nivel internacional, tomando en conta a actual crise sobre o programa nuclear iraniano. Velaí a posible disputa que pode estar a xerar a súa candidatura entre Washington e Beijing e, incluso, para Xapón, tralos recentes roces diplomáticos con Seúl. Tampouco debe esquecerse a disputa por Taiwán, que tamén involucra a China e EEUU.

Non obstante, a polémica persigue a Ban Kin-Moon, a quen o diario londiniense The Times apunta a unha “agresiva política” por parte de Seúl para outorgar apoios financeiros ao desenvolvemento a países africanos e sumas millonarias en “favores” a determinados diplomáticos africanos e latinoamericanos, para votar pola súa candidatura.

As candidaturas do indio Tharoor, do afgano Ahmadzai, do tailandés Sathirathai e do ceilandés Dhanapala, apuntan tamén a enfocar a atención a problemas de seguridade militar como a disputa por Cachemira entre Paquistán e India, a reconstrución de Afganistán, o aumento da insurxencia e o terrorismo “yihadista salafista” en Asia Central e o sureste asiático e o problema da axuda ao desenvolvemento no Terceiro Mundo.


O legado de Kofi Annan

Na súa derradeira sesión plenaria como secretario xeral da ONU, Kofi Annan deixa un legado contraditorio e non exento de polémica, principalmente de cara as súas turbulentas relacións con Washington.

Desde que asumiu o cargo en xaneiro de 1997, Annan intentou revitalizar a posición da ONU no mundo da “posguerra fría” como principal árbitro de resolución de conflitos e fortalecedor da axuda ao desenvolvemento en África e o Terceiro Mundo.

O 11-S de 2001 afectou tanto a súa posición como a credibilidade da ONU como organismo efectivo de goberno global. A guerra de Iraq en febreiro de 2003, realizada unilateralmente por EEUU, Gran Bretaña e os seus aliados sen a autorización do Consello de Seguridade da ONU, asestou un duro golpe tanto a imaxe de Annan como do organismo, acusado de inmobilismo e ineficiencia.

Neste sentido, o goberno neoconservador estadounidense concentrouse nunha táctica de desprestixio contra Annan, firme opositor da guerra e do unilateralismo de Washington. As pezas clave desta táctica foron o escándalo na xestión do programa “Petróleo por Alimentos” en Iraq (que incluíron as denuncias de corrupción contra un fillo de Annan) e as acusacións de violación sexual contra menores de idade, por parte de funcionarios das forzas de paz da ONU no Congo.

Non obstante, Kofi Annan confirmou determinadas accións puntuais que apuntalaron positivamente a súa xestión. A rápida acción da ONU en Timor Leste no 2000, a reconstrución e pacificación nos Balcáns e a promulgación dos Obxectivos do Milenio no 2001, para acabar coa pobreza e a desigualdade e fortalecer os dereitos humanos, co ano 2015 como meta, forman parte do legado dun Kofi Annan, non sempre comprendido e valorado.


Os retos do sucesor

O próximo secretario xeral terá na súa responsabilidade problemas actuais de gran transcendencia para a futura viabilidade deste organismo.

Neste sentido, o proxecto de reforma absoluta interna dentro da ONU (especialmente no reparto equitativo do poder no Consello de Seguridade, que pode provocar fortes polémicas entre as potencias e aspirantes), e a consecución dos Obxectivos do Milenio para o 2015 (principalmente en África), serán os temas de natureza estrutural máis importantes para o sucesor de Kofi Annan.

No asunto das problemáticas conxunturais, con posibilidade de converterse en crises agudas a curto e mediano prazo, están o manexo da controversia nuclear con Irán e Corea do Norte, os mecanismos de seguridade cara o terrorismo global e a explosiva situación de Oriente Medio, especialmente no relativo á posguerra iraquí, a pacificación no Líbano (co despliegue de tropas da ONU e a OTAN) e a situación en Palestina.

A crise humanitaria en Darfur será unha prioridade na axenda inicial do próximo secretario xeral, xunto ao manexo doutras crises de refuxiados e desprazados de conflitos e o aumento do orzamento militar a nivel mundial. O fortalecemento da recen creada Comisión de Dereitos Humanos e o Tribunal Penal Internacional da Haia tamén debe estar dentro destas prioridades a mediano prazo.

     
     
Revista de prensa

     
1   Take me to your leader”, en The Economist (Gran Bretaña), 28 de setembro de 2006.

Whoever gets the top job, the question of what he should do needs answering (...) America wants a manager and a reformer rather than a prominent diplomat. Poor countries, on the other hand, want a strong advocate for aid, trade and (in some cases) intervention in war zones.
     
2   ONU: elección en la recta final”, en Deutsche Welle (Alemaña), 29 de setembro de 2006.

Estados Unidos presiona porque la decisión se anticipe para que el candidato que resulte electo tenga un período de transición adecuado (...) China no se ha definido por un candidato. El apoyo de Bush a (candidato surcoreano) Ban (Ki Moon) es una recompensa a su tradicional aliado Corea del Sur, que ha priorizado sobre la India.
     
3   What makes a good UN general secretary?”, por Rob Watson, en BBC (Gran Bretaña), 2 de outubro de 2006.

“Managing the United States is the single indispensable of being an effective secretary general” (...) “It doesn't mean agreeing with the United States, but it does mean managing the United States”.
     
4   South Korean set to succeed Annan at UN”, por Mark Turner, en Financial Times (Gran Bretaña), 2 de outubro de 2006.

Mr Ban's campaign, which began eight months ago, is likely to be studied closely by future aspirants for the post. His speeches focused on the need for UN reform, but studiously avoided any controversy –winning him few admirers in the media, or event amongst diplomats.
     
5   Un Coréen à l'ONU”, por Philippe Randrianarimanana, en Courrier International (Francia), 2 de outubro de 2006.

“La candidature de Ban n'est pas uniquement la campagne personnelle d'un homme ambitieux” (...) “malgré les doutes pesant sur l'utilité des Nations unies, cette organisation a toujours fasciné les Sud-Coréens” (...) L'election de Ban marquerait pour les Sud-Coréens l'affirmation symbolique de la pertinence de cette organisation globale”.
     
6   Millions of dollars and a piano may put Korean in UN's top job”, por Richard Beeston, Richard Lloyd Parry e James Bone, en The Times (Gran Bretaña), 29 de setembro de 2006.

(...) South Koreans have been waging an aggressive campaign on behalf of Ban Ki Moon, the Minister of Foreign Affairs and Trade, and the front-runner to replace Kofi Annan as UN chief at the end of the year. The inducements range from tens of millions of pounds of extra funding for African countries to lucrative trade agreements in Europe –and even the gift of a grand piano to Peru.
     
7   The man who would be Kofi”, por Bryan Walsh, en Time (EEUU), 29 de setembro de 2006.

But the deciding vote will likely be cast by China, one of the Council's five veto-wielding permanent members. If the South Korean is viewed by Beijing as a tool close to Washington, he may find China cool to his candidacy.
     
8   Canciller surcoreano a pasos del puesto de Annan”, por Thalif Deen, en InterPress Service (Italia), 4 de outubro de 2006.

“Para restaurar la credibilidad y la legitimidad de la organización, el nuevo secretario general deberá estar preparado para pararse firme ante Estados Unidos e impedir que la ONU sea un instrumento de su política exterior”.
     
9   Reform or Counterrevolution at the UN?”, por Ian Williams, en Foreign Policy in Focus (EEUU), 7 de agosto de 2006.

Kofi Annan's negotiating genius has been to balance institutional and functional changes in the United Nations system against aid and trade concessions for the developing world.
 
Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/10/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta