|
Condicionado polo enigma sobre o estado de saúde do presidente
cubano Fidel Castro, o XIV Cumio do Movemento dos Países Non Aliñados, MNOAL, celebrado na Habana
permitiu calibrar tres elementos claves da actual conxuntura internacional: medir o impacto global das críticas
e o rexeite ao unilateralismo estadounidense; poñer a proba de fogo á actual dirixencia cubana, encabezada
polo Primeiro Vicepresidente Raúl Castro; e revitalizar no escenario internacional a un movemento practicamente
paralizado tralo final da “guerra fría”.
Estes tres elementos dominaron os debates dunha verdadeira conferencia
global que agrupa ao 55% da poboación mundial. Na Habana reuníronse 55 xefes de Estado e de goberno,
así como os representantes de 118 países, conformando un auténtico foro global do Terceiro
Mundo. Na Habana puido apreciarse un foro determinado pola diversidade política, cultural e relixiosa.
Neste sentido, a Declaración Final do Cumio deixou entrever
a necesidade de revitalizar os intereses e demandas do Sur co respecto aos países mais desenvolvidos, especialmente
EEUU e Europa Occidental.
Un “non” a Washington
Queda claro que a declaración final do Cumio manifestaba
unha rotunda crítica ao unilateralismo do actual goberno estadounidense, avogando por afianzar os mecanismos
dun mundo multipolar.
Este factor foi esencial, a pesares da persistencia no seno
do Movemento de diversos países con intereses políticos distintos. Neste sentido, apreciárase
antes do Cumio a persistencia de dous bloques non necesariamente antagónicos, pero determinados polo seu
nivel de relación co goberno estadounidense.
Nun primeiro lugar, xunto ao anfitrión goberno cubano
actualmente baixo a dirección do Primeiro Vicepresidente Raúl Castro, na Habana reuníronse
líderes considerados “incómodos” para as políticas de Washington, tales como o venezolano
Hugo Chávez, o iraniano Mahmud Ahmadíneyad, o boliviano Evo Morales, o bielorruso Anatoly Lukasenko
e o presidente de Zimbabwe Robert Mugabe, así como o representante do goberno de Siria, cuxo presidente
estivo ausente por problemas internos.
Este eixe cualificado polos medios occidentais como de “esquerda
radical”, e que tivo como representantes máis visibles e activos a Chávez e a Ahmadíneyad,
obtivo notorias ganancias neste Cumio, a tenor do apoio da Declaración Final á multipolaridade, ao
programa nuclear iraniano, á defensa dos procesos de cambio en Bolivia e Venezuela, ao rexeite do acoso
estadounidense á revolución cubana e os ataques contra as políticas estadounidense e israelí
en Oriente Medio, especialmente en Palestina, Líbano, Siria e Iraq.
Este bloque tivo unha marcada participación oratoria
no Cumio, particularmente no énfase protagónico persoal de algúns dos seus líderes,
especialmente por parte do venezuelano Hugo Chávez. O reforzamento deste eixe se evidenciou coa posterior
xuntanza en Caracas entre Chávez e Ahmadíneyad, para asinar 27 acordos de cooperación e o
total apoio venezolano ao programa nuclear iraniano.
Por outra banda, no Cumio da Habana estiveron presentes representantes
de países cuxa política exterior, aínda que con variados intereses, están moi condicionados
pola súa relación directa con Washington. Son os casos da India, China, Paquistán, Afganistán,
Exipto, África do Sur, México, Colombia, Brasil, Arxentina, Chile, Indonesia, Iraq, Arabia Saudita,
Marrocos, Turquía e Alxeria, por tomar algún exemplos.
Algúns destes países constitúen estreitos
aliados militares, comerciais e políticos estadounidenses, polo que a súa influencia tamén
permitiu matizar algunhas das críticas contra Washington reflectidas na Declaración Final. Resulta
tamén significativo que este bloque conforma a maior parte das chamadas “economías globais emerxentes”
que constituíron o “Grupo dos 22” e que exercera unha grande influencia na discusión do comercio
global no Cumio da Organización Mundial do Comercio, OMC, celebrado en 2004.
O reto cubano
Como anfitrión e presidente da MNOAL ata o próximo
cumio a celebrarse en Exipto no 2009, a actual dirixencia cubana atopábase nunha conxuntura decisiva para
calibrar a súa presenza internacional, tomando en conta a convalecencia de saúde do máximo
líder da revolución cubana, o presidente Fidel Castro.
Todas as miradas estaban enfocadas na actuación do Primeiro
Vicepresidente Raúl Castro, a quen o seu irmán Fidel delegou as principais funcións do goberno
estatal en xullo pasado. No apartado da imaxe simbólica, Raúl mantivo unha sobria actitude, tratando
de conservar a seriedade propia dun acontecemento de gran transcendencia dentro da preservación da revolución
cubana no mundo da posguerra fría.
Tomando en conta a súa sólida experiencia á
hora de celebrar foros internacionais desta magnitude, a dirixencia cubana coidou de todos os mínimos detalles,
coñecendo a incerteza da opinión pública mundial sobre o estado de saúde de Fidel Castro
e se finalmente podería contarse coa súa presenza no Cumio. Sendo imposible este derradeiro factor,
o XIV Cumio da MNOAL permitiu visualizar a Raúl Castro como o definitivo sucesor de Fidel na estrutura de
poder cubana.
Un factor esencial o constitúe a constante presenza do
ministro cubano de Relacións Exteriores, Felipe Pérez Roque. Nas xornadas de traballo anteriores
á inauguración formal do Cumio, Pérez Roque exerceu como auténtico organizador e “mestre
de cerimonias”, fortalecendo internacionalmente a súa activa posición interna que lle permite intuír
un futuro político importante dentro de Cuba.
A MNOAL e a voz do Sur
O terceiro elemento de importancia deste XIV Cumio da MNOAL
estaba dirixido en determinar cal será o papel deste foro global no mundo que está a desenvolverse
no século XXI.
Concibida na Conferencia de Bandung en 1955 e formalmente constituída
na Conferencia de Belgrado de 1961, o Movemento dos Non Aliñados intentou asentar o papel dos países
en vías de desenvolvemento non implicados nas políticas bipolares de Washington e Moscova. Neste
foro permitiuse a manifestación dun marcado personalismo en torno a líderes como o iugoslavo Josip
Broz Tito, o indonesio Sukarno, o indio Nehru, o exipcio Nasser e o propio Fidel Castro, último supervivente
da “xeneración de Bandung” e ausente neste último Cumio.
Pero, trala desintegración do bloque socialista soviético
entre 1989 e 1991, o papel na MNOAL nun mundo uni-multipolar dominado pola hexemonía estadounidense creou
diversos dilemas sobre a viabilidade deste foro. Na Habana intentouse revitalizar a súa presenza internacional,
coa finalidade de impulsar unha nova etapa.
Neste sentido, a MNOAL presente hoxe novos líderes pero
un mesmo mensaxe. A Declaración Final de A Habana amosou un marcado énfase na solidariedade internacional,
o combate á pobreza e a desigualdade e a necesidade de formar unha soa voz política para os países
do Sur, a fin de impulsar un mundo multipolar dentro dunha globalización marcada pola hexemonía unilateral
estadounidense e, en menor medida, europea.
No apartado do liderado, a constante participación retórica
do presidente venezolano Hugo Chávez permitiu outear unha posible renovación dun eixe radicalmente
oposto á hexemonía de Washington. Coa benevolencia do país anfitrión e os seus aliados,
Chávez intentou plasmar no Cumio o interese venezolano de posuír un asento no Consello de Seguridade
da ONU e potenciar internacionalmente á “revolución bolivariana”.
No apartado dos logros, o XIV Cumio do Movemento dos Non Aliñados
tivo un marcado consenso sobre necesidade de impulsar o proceso de reforma interna da ONU, elemento considerado
como necesario para apoiar unha reestruturación mais democrática, participativa e realista co mundo
multipolar da posguerra fría.
Outro logro de importancia concentrouse na capacidade deste
foro para permitir o achegamento de países con problemas políticos bilaterais e reclamacións
territoriais. Neste sentido, a xuntanza na Habana dos representantes de Marrocos e Alxeria en torno á problemática
do Sáhara Occidental permitiu unha discusión global desta problemática, normalmente esquecida
nos foros internacionais.
Outro elemento significativo do Cumio foi o encontro persoal
entre o presidente paquistaní Pervez Musharraf e o primeiro ministro indio Manmohan Singh, dous países
con capacidade nuclear, divididos polas súas reclamacións do territorio de Cachemira e aliados militares
clave para Washington. O asunto de Cachemira constitúe un problema clave da seguridade internacional.
Con estes acontecementos, o XIV Cumio da MNOAL da Habana tentou
moldear este foro no mundo do século XXI. Resta coñecer se as diferenzas internas serán só
cosméticas ou se ben afectarán á esencia deste foro.
|