| |
|
Celebradas no marco dunha polarizada conxuntura social e política
a nivel nacional, os resultados preliminares das eleccións para Gobernador do estado de Chiapas afondaron
a sensación de indefinición electoral que está a vivir México. Neste clima enrarecido
de desconfianza cara o organismo electoral, en Chiapas obsérvanse os alcances das disputas políticas
entre os principais partidos mexicanos, o oficialista PAN, o PRI e a Alianza polo Ben de Todos/PRD de Andrés
Manuel López Obrador. A todo isto, este proceso electoral tamén oculta a realidade da conflitividade
interna en Chiapas entre as elites gobernantes e a poboación indíxena.
Alén da situación interna en Chiapas, o panorama
sociopolítico mexicano amosa preocupantes sinais de tensión e manifestacións de violencia.
Existe unha prolongada indefinición electoral tralos comicios presidenciais do pasado 2 de xullo, a pesares
de que o Instituto Federal Electoral recén decidiu nomear como gañador ao candidato gobernamental
Felipe Calderón, en detrimento do opositor de esquerda Andrés Manuel López Obrador, quen ven
realizando reiteradas mobilizacións populares acusando ao poder electoral de cometer fraude e irregularidades
contra a elección popular.
Do mesmo xeito, a recente publicación dun vídeo
realizado no 2004, que involucraba a diversos políticos do partido de goberno e empresarios nunha presunta
campaña de desprestixio e desestabilización cara López Obrador, contribuíu a quentar
aínda máis o escenario político.
Os candidatos e o marco electoral
En Chiapas, a situación non se aparta en demasía
do espectro político nacional, a tal punto que semella unha continuación exacta do sucedido nas eleccións
presidenciais nacionais de xullo pasado.
A falta de contar uns 63.000 votos (un 5,19% das actas electorais),
que non foron computados no Programa de Resultados Preliminares por consideralas “inconsistentes”, e ante a estreita
marxe de votos que impide nomear un gañador, este proceso electoral para gobernación de Chiapas,
realizado o pasado 20 de agosto, corre o risco de ser introducido ante o Tribunal Supremo Electoral do Poder Xudicial
Federal, como último ente decisorio electoral.
Un día despois dos comicios, López Obrador ofreceu
o reconto de voto por voto, para garantir a transparencia electoral. Entanto, o PRI anunciou que impugnará
as eleccións por considerar que existiron irregularidades.
No arranque inicial da campaña, oito partidos con rexistro
electoral en Chiapas estaban facultados para participar neste proceso comicial. Os principais candidatos rexistrados
foron:
-José Antonio Aguilar Bodegas. Alianza por Chiapas (Partido
Revolucionario Institucional, PRI; Partido Verde Ecoloxista de México, PVEM).
-Juan Sabines Guerrero. Coalición Polo Ben de Todos (Partido
de la Revolución Democrática, PRD; o Partido do Traballo, PT; Converxencia).
-Gilberto Gómez Maza. Partido Alternativa Socialdemócrata
Campesiña.
-Francisco Rojas Toledo. Partido de Acción Nacional,
PAN.
-Emilio Zebadúa. Partido Nova Alianza.
O pasado 10 de agosto, o candidato do PAN, Francisco Rojas Toledo,
e o seu homólogo do Partido Nova Alianza, Emilio Zebadúa, decidiron apoiar ao candidato do PRI José
Antonio Aguilar Bodegas, unha vez acusaran ao gobernador actual, Pablo Salazar Mendiguchía, de apoiar ao
candidato esquerdista Juan Sabines Guerrero, do partido de López Obrador. Dende entón, semella cada
vez máis claro que podería estar configurándose a nivel nacional unha alianza política
entre o PAN e o PRI para garantir un pacto de gobernabilidade e conter a progresión de López Obrador.
Pola súa banda, Sabines Guerrero formou parte do PRI
ata a súa marcha do partido en abril pasado, para liderar a fórmula política rexional do partido
de López Obrador.
Alianzas e corrupción política
Na elección presidencial do 2 de xullo, a esquerda de
López Obrador obtivo unha contundente maioría de votos en Chiapas, pero esta tendencia minorou nas
eleccións rexionais, xa que a vantaxe de Sabines Guerrero foi de pouco máis de 2.405 votos, un 0,22%
de diferenza. En total, o candidato do Partido polo Ben de Todos obtivo 517.037 votos do millón rexistrado.
Nas elección presidenciais mexicanas, López Obrador obtivera 551.749 votos en Chiapas, uns 124.000
por riba do seu principal competidor Roberto Madrazo, do PRI.
Desde xuño pasado, organizacións civís
que monitorean a situación en Chiapas, coma é o caso de Acción Cívica Chiapas, o Centro
de Dereitos Humanos Fray Bartolomé de Las Casas, Peace Watch, Propaz, e o Servizo Internacional para a Paz,
SIPAZ, denunciaron en Chiapas a persistencia de “antigas prácticas políticas e electorais” como “a
compra, coacción e indución ao voto; o uso electoral de programas sociais e manipulación do
electorado”. Mesmo, o derradeiro informe de Peace Watch, de xuño de 2006, afirmaba a persistencia dun “déficit
democrático” nos estados mexicanos de Chiapas, Oaxaca e Guerrero.
Estes organismos tamén criticaron unha campaña
oficial ao favor do candidato do PAN, proxectando esta tradicional táctica do poder central co apoio dos
cualificados “poderes fácticos”: a clase empresarial e os medios de comunicación electrónica.
Paralelamente, observouse unha marcada e consecuente estigmatización do candidato esquerdista.
Crise en Oaxaca
A este tenso panorama en Chiapas e a nivel nacional engádese
unha serie de violentas protestas, precedidas dunha folga xeral de profesores, no estado de Oaxaca, ao sur do país,
debido ás peticións de aumentos salariais por parte dos docentes. Unha concentración de 70.000
persoas o luns 21 deu paso ao secuestro de 12 estacións radiais e dúas vítimas mortais, produto
de choques coas forzas policiais estatais, con posterior represión policial.
Como termómetro do descontento social, en Oaxaca se vive
unha situación de ingobernabilidade que empeora o panorama sociopolítico nacional. Diante dos recentes
sucesos violentos, a Procuradoría local apresurouse en cualificar á Asemblea Popular do Pobo de Oaxaca,
APPO, principal organismo de protesta, como un “grupo subversivo” con posibilidade de converterse nunha “guerrilla
urbana”.
O factor zapatista
Unha das claves máis enigmáticas deste proceso
electoral en Chiapas foi a notoria ausencia, tanto retórica como política, do Exército Zapatista
de Liberación Nacional, EZLN, e do seu líder, o subcomandante Marcos. Esta ausencia aumenta a sensación
de incerteza política en Chiapas, tomando en conta o fracaso das negociacións de paz e o anuncio
do ELZN o ano pasado de renovar a loita armada.
A comezos de maio pasado, o subcomandante Marcos (agora cualificado
así mesmo como o “subdelegado Zero”), advertiu da presenza dunha situación de “odio social” non só
en Chiapas senón en todo o Estado mexicano. En comparecencias anteriores, Marcos criticou duramente á
clase política oficial, mesmo dun xeito sorprendente ao candidato esquerdista López Obrador.
A advertencia de “odio social” realizada por Marcos non supón
unha simple declaración. Un recente estudo socioeconómico revela que México é un dos
cinco países do mundo con maior desigualdade. Segundo datos do Banco Mundial, desde o ingreso mexicano ao
Tratado de Libre Comercio con EEUU e Canadá en 1994, os niveis de pobreza se incrementaron en estados como
Chiapas, Oaxaca, Tabasco, Guerrero e Veracruz, superando en varios deles o 50% da pobreza. Segundo o Instituto
Nacional de Estatísticas, Xeografía e Información, INEGI, dunha poboación de 104 millóns
de habitantes, a pobreza en México ocupa o 52%, un 30% deles en pobreza extrema.
A comezos de 2006, Marcos realizou unha activa campaña
política, con mobilizacións sociais e unha marcha á capital, México D.F. Parecía
evidente a súa ambición de intentar cobrar protagonismo na campaña electoral mexicana de cara
as eleccións de xullo, pero o seu silencio co respecto ao proceso electoral en Chiapas deixa unha tensa
sensación no aire dentro do conflitivo clima político existente.
|