|
A designación, vía parlamentaria, do líder
prorruso Viktor Ianoukovich como primeiro ministro de Ucraína, culmina momentaneamente unha crise política
iniciada no 2005 no seo da coalición gobernamental do presidente Viktor Iuschenko e evidenciada tralas eleccións
lexislativas de marzo de 2006. Dentro dun escenario complexo onde se manifestan os intereses dos actores políticos
e os oligarcas económicos e se evidencian as fracturas xeopolíticas sobre a orientación do
país, o novo escenario amosa un final de etapa para a errática “revolución laranxa” que levou
a Iuschenko ao poder en decembro de 2004.
Logo de diversos vaivéns políticos e varias horas
de negociacións, a finais de xullo se definiu un pacto directo entre Iuschenko e Ianoukovich, concretado
nunha especie de “acordo de unidade nacional”, que permitiu poñer fin, ao menos dun xeito momentáneo,
a catro meses de turbulencias políticas que evidenciaron as notorias fracturas na plataforma gobernamental
“Nós Ucraína”, baluarte da cualificada “Revolución Laranxa” de finais de 2004.
A Rada ou parlamento ucraíno elixiu a Ianoukovich como
primeiro ministro o pasado venres 4 de agosto, cunha maioría de 271 votos parlamentarios e coa total aceptación
do presidente Iuschenko. Deste modo se conforma un goberno bicéfalo entre os dous principais rivais da contenda
electoral de 2004 e se confirma o ascenso de Ianoukovich como factor real de poder en Ucraína.
Este escenario deixa a Iulia Timoshenko, ex primeira ministra
e principal aliada de Iuschenko ata a súa ruptura hai poucos meses, como a principal prexudicada na nova
composición política do goberno. Timoshenko, prooccidental e firme opositora ao prorruso Ianoukovich,
cualificou o pacto e a posterior votación de “traizón”, xa que a súa bancada esperaba contar
cos votos dos socialistas para evitar que Ianoukovich se convertese no novo primeiro ministro.
Ao final, Ianoukovich contou co apoio dos socialistas, os comunistas
e algúns deputados do propio partido de Timoshenko, que se uniron á opción prorrusa do “Partido
das Rexións” para nomear a Ianoukovich como xefe de goberno.
Unha prolongada crise política
Desde mediados de 2005, o panorama político ucraíno
estaba presentando preocupantes sinais de fracturas e divisións, principalmente no seo do goberno de Iuschenko,
cuxa revolta popular en decembro de 2004 contra o ex presidente Leonid Kuchma e o seu candidato Ianoukovich, acusados
de cometer un presunto fraude electoral, propiciou un audaz cambio político no país.
Unha vez instalado no poder, Iuschenko contou co total apoio
da súa principal colaboradora, Timoshenko, a quen nomeou como primeira ministra, trazando as directrices
dun programa prooccidental que esperaba incluír rapidamente a Ucraína na OTAN e a Unión Europea
e afastar a tradicional influencia rusa no país.
Pero as acusacións de corrupción sobre o entorno
de Timoshenko, a caída na popularidade do goberno, produto das diferenzas entre os seus integrantes e o
fracaso en canalizar determinadas demandas sociais, así como a presión de diversos “oligarcas” da
economía inducidos por intereses políticos, tal é o caso do poderoso empresario Petro Poroshenko
(rival de Timoshenko e aliado do presidente Iuschenko), acabaron por dinamitar a coalición gobernamental
en setembro de 2005.
As eleccións lexislativas de marzo de 2006 evidenciaron
a crise política ucraína. O partido de Ianoukovich, a “Unión das Rexións”, obtivo unha
impresionante vitoria electoral tras gañar 186 dos 450 escanos da Rada, co cal se convertía no principal
líder político. A ruptura na coalición laranxa no partido “Nós Ucraína”, posibilitou
que Iuschenko e Timoshenko acudisen con plataformas e candidatos distintos, esta última cunha fórmula
política personalista de nome “Bloque Iulia Timoshenko”.
As presións e negociacións políticas para
formar unha nova coalición de goberno dificultaron unha votación definitiva. Era evidente que o acosado
Iuschenko observaba unha frontal disputa entre Ianoukovich e Timoshenko, co que mesmo intentouse recompoñer
a coalición laranxa, con Timoshenko repetindo como xefe de goberno.
Tras varios meses de indefinición, o pacto de coalición
entre Iuschenko e Ianoukovich permitiu trazar algunhas liñas políticas de grande importancia para
o futuro inmediato de Ucraína: aceptando a Ianoukovich como primeiro ministro, decidiuse someter a referendo
a inclusión de Ucraína na OTAN, definir o ucraíno como idioma oficial e o “libre uso” da lingua
rusa, e comprometerse a defender un Estado unitario, diante do perigo de ruptura territorial.
A fractura xeopolítica
Precisamente, o tema territorial non deixa de ser un agudo problema
para o goberno ucraíno, xa que tamén evidencia diferenzas xeopolíticas entre o Oeste e o Leste
do país, marcadas no mapa a traveso do río Dnieper.
Iuschenko e Ianoukovich representan a división político-territorial
de Ucraína. A parte occidental, tradicional bastión de Iuschenko, revela o carácter prooccidental,
favorable á integración de Ucraína nos organismos occidentais, especialmente a OTAN e a Unión
Europea. Pola súa banda, a parte oriental, bastión de Ianoukovich, representa a opción étnica
rusa, tendente a manter unha especial relación con Moscova.
Non obstante, existen outras fracturas territoriais. A rexión
de Crimea, de maioría rusoparlante e estratexicamente clave para Ucraína e Rusia pola presenza da
frota naval do Mar Negro e o porto de Sebastopol, intenta modelar un camiño independente. Existen presións
autonomistas nesta rexión, ao que se debe engadir a presenza étnica da comunidade tártara,
diferenciada de ucraínos e rusos.
A comezos de xuño, unha masiva protesta popular en Crimea
provocou serios enfrontamentos coas autoridades militares pola realización de exercicios militares conxuntos
entre EEUU e Ucraína. Isto foi concibido como un claro revés político para Iuschenko, para
quen a relación con Washington e Bruxelas supón un elemento vital na súa política.
A fragmentación territorial entre o Occidente, o Leste
e a rexión de Crimea afonda a sensación de crise de identidade nacional e foi un dos puntos mais
discutidos por Iuschenko e Ianoukovich no pacto directo concretado a comezos de agosto. Precisamente, a conformación
dunha coalición bicéfala entre estas dúas opcións xeopolíticas ben puidera traducirse
como unha decisión necesaria para garantir non só a gobernabilidade senón unha sensación
de unidade nacional.
Outro factor nesta puxa xeopolítica que involucra a EEUU,
a Unión Europea e Rusia, o constitúe a crise do gas natural entre Kiev e Moscova a comezos de 2006.
O corte enerxético ruso foi interpretado como unha manobra política do presidente Vladímir
Putin para nivelar a orientación prooccidental de Iuschenko.
A presenza agora de Ianoukovich como primeiro ministro pode
encamiñar por unha mellor vía a relación entre os gobernos ucraíno e ruso e, en consecuencia,
a relación enerxética a curto prazo, especialmente de cara ao próximo inverno. Precisamente,
co seu aliado Ianoukovich como primeiro ministro, o presidente ruso Putin se consolida como o outro beneficiado
político da actual situación en Ucraína. En Moscova ven con seria preocupación unha
deriva prooccidental de Kiev, especialmente cara a OTAN.
A tal punto se consolida este “eixe prorruso” na política
ucraína que, na súa primeira comparecencia como xefe de goberno, Ianoukovich anunciou que a súa
primeira visita internacional será a Moscova e non Washington, como se esperaba.
Terá futuro esta coalición?
A irónica situación que supón un goberno
composto polos dous rivais políticos electorais de Ucraína, presuntamente líderes irreconciliables,
presenta un panorama imprevisible de cara ao final da lexislatura de Iuschenko, prevista para comezos de 2009.
A marcada orientación prooccidental de Iuschenko sufrirá
unha ralentización a curto prazo con Ianoukovich como xefe de goberno, cuxa política tentará
tender pontes con Moscova e nivelar as dúas opcións xeopolíticas que dividen a Ucraína.
A curto prazo, o referendo sobre a integración na OTAN (aínda sen definir a data) se vislumbra como
o principal termómetro político nacional, especialmente entre o acurralado Iuschenko e o ascendente
Ianoukovich.
Paralelo á crise política, existe outro escenario
no aspecto económico. Os datos de maio de 2006 amosaban un espectacular crecemento de 8,6%, aínda
que a economía ucraína depende moito das relacións comerciais con Europa e Rusia.
Ucraína é tamén un enclave estratéxico
para o paso de gasodutos e oleodutos dende o mar Caspio ata Europa occidental, polo que a presión das multinacionais
enerxéticas e dos oligarcas locais por obter ou ben manter os seus espazos de influencia, se notarán
na duración da coalición gobernamental Iuschenko-Ianoukovich.
|