Actualidade Exterior / nº 189-15/2006 de 31 de xullo Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior
O Líbano en guerra
 
 
Análise

     
   

Tras tres semanas de enfrontamentos entre a aviación e o exército israelí contra da milicia islamita e xiíta do Hizbulah, cun saldo momentáneo de 400 vítimas mortais no sur do Líbano e a capital Beirut, os ineficaces mecanismos diplomáticos entre a ONU, a UE e EEUU traducidos na recente conferencia de Roma auguran un escenario de maior escalada da violencia. O delicado panorama étnico e relixioso do Líbano, xunto á preocupante crise humanitaria, enmarcan as claves dunha puxa polo balance do poder en Oriente Medio, que involucra a estados como Israel, Siria e Irán e movementos políticos como Hizbulah, Hamas e os partidos islamitas.

A conferencia de Roma do pasado 26 de xullo amosou dous sinais inequívocos sobre o fracaso preliminar da diplomacia occidental á hora de evitar a actual escalada de violencia en Oriente Medio, a peor na rexión dende a invasión militar israelí do Líbano en 1982.

O primeiro síntoma é a incapacidade dos principais actores occidentais e, especialmente, EEUU, para acometer un plan de cese das hostilidades entre Israel e o grupo islamita libanés Hizbolah. Este fracaso evidencia tamén a existencia de intereses directos destes actores nos apoios aos protagonistas deste conflito.

Washington mostra un apoio ilimitado á estratexia israelí de acabar co Hizbulah e acosar ao partido islamita Hamas en Palestina, tal e como declarara o presidente George W. Bush no cumio do G8 en San Petersburgo. De boca da súa secretaria de Estado, Condoleeza Rice, as condenas de Washington cara o Hizbulah atoparon un inesperado consenso dentro dos principais líderes da Unión Europea, entidade que, a diferenza de EEUU e Israel, non sitúa a Hizbulah como un grupo terrorista.

En segundo lugar, amais da ineficiente diplomacia para a paz, o actual conflito no Líbano revela tamén o fracaso do cualificado plan de democratización para o Gran Oriente Medio concibido por Bush no 2004. Aparentemente abandonada esta estratexia, tanto en Washington como en Tel Aviv calculan a actual situación dende a perspectiva dunha solución militar para, posteriormente, impoñer unha negociación unilateral.


Os actores directos e os seus intereses

O actual panorama de guerra no Líbano presenta unha confrontación directa entre unha entidade estatal, Israel, e un movemento político, o Hizbulah, co territorio libanés como principal escenario. Velaí a necesidade de analizar as posicións e os intereses destes actores:

Israel

O goberno do primeiro ministro Ehud Olmert e o Alto Mando militar israelí conciben as operacións militares no Líbano baixo dúas perspectivas: a primeira, dende un punto de vista castrense. Procúrase eliminar a ameaza que constitúe o grupo Hizbulah para a existencia do Estado israelí e fortalecer o prestixio da Tsahal ou Exército israelí, humillado tras da súa retirada do sur do Líbano en maio de 2000 e do territorio palestino de Gaza en agosto de 2005.

Non se debe esquecer que as actuais agresións israelís a Gaza e o Líbano foron a consecuencia do secuestro de soldados israelís por parte de milicias vinculadas a Hizbulah e a Hamas.

O segundo obxectivo desta operación militar consiste en avanzar no plan de “delimitación territorial definitiva” das fronteiras do Estado israelí cos seus veciños árabes, principal plan do programa político de Olmert e que espera consolidar antes da creación dun eventual Estado palestino, inicialmente pautado para o 2010. Os vértices deste plan consisten nas garantías de seguridade por medio do reforzamento das fronteiras actuais e a eliminación da ameaza de movementos islamitas anti-israelís.

Hizbulah

O movemento islamita xiíta creado en 1982, pouco despois da invasión militar israelí ao sur do Líbano, converteuse nunha plataforma política e militar de grande importancia á hora de calibrar un verdadeiro peso do movemento socio-político de cambio no Líbano.

No escenario político libanés dende a súa participación nos comicios lexislativos de 1992, o Hizbulah posúe unha considerable presenza parlamentaria tralas eleccións de 2005. O seu prestixio como movemento de resistencia á presenza israelí no Líbano, corroborado trala retirada israelí no 2000, reflectiu dunha considerable simpatía no mundo árabe pero dun marcado rexeite na sociedade israelí.

Desde a década dos oitenta, o Hizbulah ten en Siria e Irán ás súas principais alianzas externas, así como o ascenso do movemento islamita Hamas en Palestina e dos grupos vinculados á organización exipcia Irmáns Musulmáns tanto en Xordania como en Siria. Do mesmo xeito, o Hizbulah posúe unha intensa rede internacional localizada en Oriente Medio, Asia Central, Sueste asiático, África occidental e América Latina.

Como único grupo con capacidade de resistir á actual ofensiva israelí, o Hizbulah pode estar consolidándose dentro da sociedade libanesa, fragmentada polo delicado mosaico étnico e relixioso e a debilidade institucional.

O Líbano

Tras quince anos de guerra civil entre 1975 e 1990, a pacificación dos anos noventa permitiu ao Líbano recuperar unha relativa estabilidade socio-política e un saudable crecemento económico.

Mais, a principios de 2005, o asasinato do ex primeiro ministro Rafik Hariri, a quen a opinión internacional vía ONU responsabilizou a Damasco, provocou a retirada militar siria tras 29 anos de presenza no país e un retorno da inestabilidade. Paradoxalmente, esta presenza militar siria garantiu un mínimo de estabilidade interna aínda que tamén provocou impopularidade, principalmente entre as comunidades cristiás e musulmán sunnita.

A actual ofensiva israelí para acabar co Hizbulah coloca de novo ao Líbano no centro da confrontación en Oriente Medio, afondada pola sensación de debilidade institucional e estatal que afectará á súa inacabada transición democrática.


Os actores indirectos

No entanto, existen outros actores indirectos que compre analizar para desentrañar algunhas claves do actual conflito:

Siria

Acosado por EEUU e os seus aliados logo da caída do réxime de Sadam Husein en Iraq no 2003, o réxime de Bashar al Asad atópase nunha delicada conxuntura, agravada tras da retirada militar siria do Líbano en abril de 2005, logo dunha resolución de Nacións Unidas. Mesmo en Washington e Tel Aviv non ocultan as súas preferencias pola caída do actual réxime sirio.

Damasco foi un soporte externo para o Hizbulah e Hamas desde a década dos oitenta, tendo unha influencia considerable nos asuntos libaneses e no panorama rexional de cara ou ben a conter a Israel ou ben a iniciar negociacións de paz. A consolidación dun eixe sirio-iraniano no Líbano, actualmente acentuado logo dos cambios en Oriente Medio, permite a Bashar al Asad ter unha xanela ao exterior.

Se Israel consolida posicións no Líbano, Siria atoparíase acosada polo seu principal rival político e inimigo histórico. Na actual crise, a súa participación é escasa, precisamente porque EEUU e Israel pechan os seus canais de participación. Pero obviar a Siria como elemento clave de estabilidade no Líbano sería un erro considerable tanto para Washington como para Tel Aviv.

Irán

Ironicamente, o actor indirecto que máis podería estar beneficiándose da actual conxuntura libanesa sería o réxime dos aiatolás iranianos, un país cun peso xeopolítico en Oriente Medio e Asia Central que semella ir en aumento.

Irán exerce unha considerable influencia no Líbano e Siria, así como un apoio directo a Hamas en Palestina. A crise libanesa permitiu intensificar as relacións con Siria pero isto non calla, agás na agresividade retórica, nunha concreción de movementos militares contra de Israel. Neste sentido, Teherán podería estar utilizando ao Hizbulah como elemento de presión indirecta cara Israel.

A crise libanesa tamén revela cómo Irán logra paralizar parcialmente, e por un tempo aínda indefinido, as presións occidentais cara o seu programa nuclear. Os cálculos que se fan en Teherán consisten nun pronto alto ao fogo no Líbano que permita reforzar posicións políticas para o Hizbulah. Pero os seus pasos avanzan con prudencia, debido a que unha escalada aínda maior da violencia podería propiciar unha intervención directa occidental en Oriente Medio.

Os palestinos

Co desenvolvemento actual da guerra no Líbano, o probable e principal perdedor sexa a situación en Palestina, oculta tras dos bombardeos israelís en Beirut e outras cidades libanesas.

O paradoxal deste caso é que a actual crise en Oriente Medio comezou co regreso dos soldados israelís a Gaza para liberar a un soldado secuestrado por milicias adscritas a Hamas. O goberno islamita de Ismail Haniya atópase encerrado nun dilema sobre cómo negociar saídas exteriores á actual crise interna, que evidencia un enfrontamento entre Hamas e Al Fatah e a unha grave situación humanitaria. Polo momento, o inestable proceso de paz palestino-israelí está virtualmente enterrado.

O mundo árabe

Un caso particular o constitúen os países árabes, cuxa parálise operativa en canto aos mecanismos de resolución do conflito evidencian unha situación de incapacidade política cara o eixe EEUU-Israel e a actuación dos organismos multilaterais.

Países aliados occidentais como Exipto, Xordania e Arabia Saudita fixéronse eco da postura occidental, condenando a Hizbulah e a Hamas como “culpables da crise” aínda que tamén criticando como “desproporcionada” a agresión israelí. Mesmo o goberno iraquí de transición de Nouri al Maliki acentuou ás súas críticas ao Estado israelí. Pero non existe unha liña de actuación política ou militar nestes países, mesmo da Liga Árabe, para deter a ofensiva israelí no Líbano.


Un eixe xiíta?

Un último factor que compre observar sobre o que está a acontecer na crise libanesa e de Oriente Medio o constitúe a posible formación, aínda sen consolidar, dun posible eixe xiíta na rexión, comandado por Irán. Tanto neste país como en Iraq, Siria e Líbano, os xiítas constitúen a maioría da poboación.

A comunidade xiíta no Líbano é a que está a sufrir as peores consecuencias dos bombardeos israelís. O Hizbulah é o movemento principal desta comunidade xiíta libanesa que pode tamén provocar afectos nas maioritarias comunidades xiítas e alevís en Siria, Xordania e Iraq.

Así como para EEUU e Israel, a posible conformación dun eixe xiíta con Irán á cabeza provoca temores en países árabes con maioría sunnita e aliados de Occidente, como serían os casos de Xordania, Exipto e Arabia Saudita. Unha fragmentación xeopolítica entre polos de poder xiíta e sunnita, coa presenza militar anglo-estadounidense en Iraq e a potencialidade militar israelí, forman tamén un cóctel explosivo para Oriente Medio.

     
     
Índice

     
1   Empower moderates, because the radicals are gaining”, por Ziad Asali, en The Daily Star (Líbano), 27 de xullo de 2006.

However, to be truly effective, such a relief effort should be coordinated with an aggressive policy of stregthening and empowering moderate, pro-Western governments such as those of Palestinian President Mahmoud Abbas and Lebanese Prime Minister Fouad Siniora (...) Such leaders have been marginalized in part due to insufficient meaningful support from the West in general and the US in particular.
     
2   Why Israel can´t win the war”, por Ashraf Ismail, en ArabNews (Arabia Saudita), 27 de xullo de 2006.

(...) Israel cannot eliminate Hezbollah, since Hezbollah is a grassroots organization that represents a plurality of Lebanese society. Neither can Hamas be eliminated for the same reason. By targeting Hezbollah however, Israel is strengthening Hezbollah´s hand against its domestic rivals such, as the Maronites Christians, because any open Christian opposition makes them look like traitors and Israeli collaborators.
     
3   Big questions, great frustration”, por Shmuel Rosner, en Haaretz (Israel), 26 de xullo de 2006.

It will be necessary to learn to live with this phenomenon, apparently –to make do with limited achievements- or risk a big war, a really big war, the kind of war that it is hard to know what will come out of it.
     
4   New Mideast!”, por R. Zein, en Syria Times (Siria), 24 de xullo de 2006.

The sinister objectives behind what Rice says a “new Mideast” are to hide the failure of US hegemonic project in Iraq, to bring Israel out of its military and political dilemma in Lebanon, to make Lebanon an alternative to the expansionists US-Zionist “broader ME project”, to liquidate resistance movements in Iraq, Palestine and Lebanon and to make Israel the master of the region.
     
5   A guerra sem fim”, por Lisa Beyer, en Visão (Portugal), 20 de xullo de 2006.

O Hezbollah é a carta aleatória. Pode vir a ordenar ataques terroristas contra Israel e alvos ocidentais em todo o mundo. Se for obrigado a parar os combates, o grupo pode voltar-se contra os seus detractores no Líbano, libertando as forças da guerra civil que assolóu este país altamente sectário durante 15 anos, até 1990, e criando un novo pólo de instabilidade numa altura em que os EUA enfrentam crises em zonas como o Irão e o Iraque.
     
6   Washington apuesta por el caos para dominar Oriente Medio”, entrevista a Sami Nair, en Rebelión (España), 26 de xullo de 2006.

Israel borra a Hamas y en Líbano se cargan a Hezbolá. Tel Aviv dice que el Estado no controla a Hezbolá y que con la milicia no se puede negociar. Y ante la ausencia de interlocutor, se impone la fuerza militar. Se trata de desestructurar cuánto haya, para gobernar por medio del caos. Un punto de vista ciego.
     
7   The role of Iran and Syria in the Israel-Lebanon Crisis”, en The Power and Interest News Report, PINR (EEUU), 20 de xullo de 2006.

Regional factors play a fundamental role in the Israel-Lebanon crisis. Lebanon and the Palestinians are pawns in a regional balance of power game. Iran and Syria are the external powers most involved in the crisis (...) Nevertheless, neither Syria nor Iran want a military conflict with Israel.
     
8   El polvorín”, en Revista Cambio (Colombia), 24 de xullo de 2006.

La respuesta israelí en el Líbano ha sido desproporcionada. Primero, porque ha causado la muerte de civiles inocentes (...) y también porque va a perjudicar a la frágil democracia libanesa (...) Lo peor de todo es que el choque de Hezbollah con Tel Aviv ha vuelto a dejar al margen el conflicto más serio de todos: el que enfrenta a los palestinos y a los israelíes.
     
9   The potential for escalation in the Hizballah-Israel conflict”, por Jeffrey White, en The Washington Institute for Near East Policy (EEUU), 26 de xullo de 2006.

To a large extent, the struggle between Israel and Hizballah is a contest of wills. Neither side is free from the force of public opinion. Because there are dynamics pushing for both escalation and working against it, any assessment of the likely course of events should be cautious.
 
Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/07/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta